main content

main content
1 mes 1 profesión dixital
Atenas

European Social Innovation Competition 2017

A competición de Innovación Social europea é un premio para solucionar un reto ofrecido pola Comisión europea a través de todos os países europeos, agora no seu quinto ano. Organizado desde 2012 en memoria de Diogo Vasconcelos, a competición chama a todos os europeos a unirse con solucións aos problemas que afectan á nosa sociedade. O tema da competición do último ano era a integración exitosa de refuxiados e nómades en Europa. Este ano a competición buscará innovacións sociais que permitan a todo o mundo por igual gozar as oportunidades que ofrecen a transformación dixital e o cambio tecnolóxico.

09/02/201708:02
Cartel Trastea 2017.
Madrid

Hoxe día 9 e mañá 10 de febreiro celébrase TrasTEA 2017 Feira Tecnoloxía e Autismo

  • A Federación Autismo Madrid e a Universidade Autónoma de Madrid organizan esta Feira na que se darán a coñecer avances tecnolóxicos enfocados á mellora da calidade das persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA).

 

A Federación Autismo Madrid, en activo desde 1998, e a Universidade Autónoma de Madrid (UAM), observaron nos últimos anos un crecente aumento do interese cara ás Tecnoloxias da Información e Comunicacion, enfocadas á mellora da calidade de vida das persoas diagnosticadas dentro dos Trastornos do Espectro do Autismo (TEA).

Estas ferramentas son útiles ao longo de toda a vida da persoa con TEA facilitando moito o seu desenvolvemento persoal. Ademais, o seu uso tamén está enfocado a profesionais e familias, implicando desta maneira a todos os actores involucrados na intervención e vida destas persoas.

Doutra banda, detéctase un alto grao de descoñecemento por parte de familias e profesionais interesados nas TIC, debido ao gran número de aplicacións existentes no mercado, o descoñecemento no seu uso inicial e execución das mesmas.

Por iso considerouse de gran interese e utilidade ofrecer desde Autismo Madrid e a UAM un espazo aberto, próximo e prioritariamente práctico onde resolver todas estas cuestións.

A este espazo bautizóuselle como TrasTEA e celebrarase hoxe día 9 e mañá 10 de febreiro na Sala Polivalente do Edificio Praza Maior da UAM (Campus de Cantoblanco).

A inauguración estará presidida por Jorge Jiménez de Cisneros, Director Xeral de Atención a Persoas con Discapacidade da Comunidad de Madrid, José M. Sanz, Reitor da Universidade Autónoma de Madrid, Margarita Alfaro Amieiro, Vicerreitora de Cooperación e Extensión Universitaria e o presidente da Federación Autismo Madrid, Manuel Nevado Ojeda.

Apertura de portas e recollida de acreditacións: Hoxe 9 de febreiro ás 15:30 horas e Inauguración tamén hoxe, 9 de febreiro ás 16:00 horas.

Vídeo promocional de TrasTEA 2017 en YouTube.

Máis información e programa completo de actividades e charlas na Web Oficial dos Congresos UAM.

 
09/02/201708:02
Pantallazo aprendizaxe.
Santiago de Compostela

Formación gratis para atopar o emprego do futuro

  • Consellos para saír reforzados da transformación dixital sen horarios, desde a túa casa e con moi pouco orzamento

¿Escoitáchelo algunha vez?: “¿Para que imos estudar? ¡Se vivimos unha revolución! ¡Se o que aprendamos hoxe non servirá mañá para nada! ¡Se todo o mundo sabe que o sistema educativo ten que cambiar! De verdade, ¿para que imos estudar?”.

Saber que o 47% dos postos de traballo que hoxe coñecemos van desaparecer pode levar a dúas actitudes extremas. En primeiro lugar, a máis fácil: ¿para que esforzarse? Fronte a esta, por suposto, están os que non se resignan sexan como sexan os tempos que lles tocara vivir. Saben que chegan anos difíciles, de destrución de emprego, pero tamén de xeración, e hai tempo que aprenderon iso de que “a río revolto, ganancia de pescadores”.

As próximas liñas son para eles, para todos aqueles que aposten por saír reforzados do tsunami dixital, aínda que moitos se vexan obrigados a facelo con baixo orzamento e, nalgúns casos, mesmo “tendente a cero”.

Continuar lendo na fonte da noticia...

09/02/201708:02
Tríptico de Me@dministro.
Santiago de Compostela

Comezan os cursos sobre a Administración Electrónica e tecnoloxía de apoio, impartidos por persoas con discapacidade de ASPAYM

“A Federación Nacional ASPAYM (Asociación de persoas con lesión medular e outras discapacidades físicas) e a Fundación Vodafone España, desenvolven o proxecto “Me@dministro” no que se realizarán cursos de capacitación entre iguais con persoas con discapacidade, facilitando o acceso e a comprensión sobre a identidade dixital, os servizos telemáticos, en especial os da Administración Pública, e o manexo das tecnoloxías de apoio.

Os cursos  “Me@dministro" levaranse a cabo entre os meses de xaneiro e marzo, a través da participación das entidades de ASPAYM en: Asturias, Castela e León, Córdoba, Cuenca, Madrid, Málaga e Murcia.

Estes cursos serán impartidos por oito persoas con discapacidade que adquiriron os coñecementos necesarios para poder trasladalos a outros grupos de poboación. A capacitación destes delegados foi posible grazas á contratación dunha persoa con discapacidade, como docente e experto en novas tecnoloxías.

De igual forma, con este proxecto preténdese facer partícipe á propia Administración Pública e estender a formación a outras organizacións interesadas.

A formación apóiase nas guías didácticas “Eu uso os servizos telemáticos: os servizos electrónicos para a autonomía persoal”, dispoñibles para a súa descarga gratuíta en http://meadministro.aspaym.org, e na que a Fundación Vodafone España participou activamente facilitando os contidos dos seus desenvolvementos tecnolóxicos: produtos de apoio, aplicacións, etc.

Así mesmo, este proxecto suporá a creación da guía “Boas prácticas na xestión dos servizos telemáticos para todos: fácil, accesible e guiado” dirixida á Administración Pública, organizacións e empresas, na que se incorporarán referencias e recomendacións sobre a accesibilidade nos servizos telemáticos, que permitirá que todas as persoas poidan realizar as xestións telemáticas que necesite, sen importar as súas capacidades, contribuíndo ao seu propio empoderamento.

O proxecto Me@dministro é un proxecto de formación dirixido á promoción da autonomía persoal a través da inserción laboral mediante o apoio e a formación en novas tecnoloxías, para dinamizar o uso dos servizos telemáticos e a tecnoloxía de apoio nas persoas con discapacidade, persoas maiores, así como a outros grupos de interese que poidan beneficiarse dos mesmos.

Tríptico Me@dministro

Calendario Me@dministro

09/02/201708:02
Logo de Text2Sign.
Santiago de Compostela

Fundación Vodafone España e Fundación CNSE desenvolven un portal web para apoio á tradución de mensaxes de texto a lingua de signos

  • ‘Text2Sign' enmárcase no convenio de colaboración subscrito por ambas as organizacións para promover proxectos conxuntos en apoio ás persoas xordas

 

‘Text2Sign' é un proxecto dirixido a apoiar a tradución de mensaxes de texto á lingua de signos española a través dunha plataforma web. Os usuarios poden enviar as mensaxes de texto e devólveselles en formato de vídeo.

Actualmente, ‘Text2Sign' atópase nunha fase piloto e será testada por persoas xordas da rede asociativa CNSE.

O seu obxectivo é atender a unha parte do colectivo de persoas xordas con dificultades de comprensión lectora, de maneira que, ante a recepción dun escrito da Administración Pública, servizos bancarios, etc, contribúase á súa autonomía persoal.

Así, unha vez máis, o apoio de Fundación Vodafone España permitiu o impulso do acceso á comunicación para persoas xordas, que se materializou na posta en marcha de Text2Sign'.. ‘

Vídeo de presentación.

Acceso ao servizo.

09/02/201707:02
Cartel do día internacional da muller e nena na ciencia.
A Coruña

Os museos científicos coruñeses lembrarán este sábado que a ciencia e a informática tamén é cousa de mulleres

Fai falta visualizar os esforzos das nosa mulleres nos ámbitos da ciencia e as novas tecnoloxías, non só polas que xa abriron camiños nestes eidos, aínda que tamén, senón tamén polas que están por vir. Baixo esta premisa celébrase este 11 de febreiro, no ámbito internacional, o Día da Muller e a Nena na Ciencia, impulsado polas Nacións Unidas. Para festexalo e para lembrarlle ao mundo que elas tamén fixeron, fan e farán coñecemento innovador (malia ter tido, e ter, moitas máis cousas na súa contra) os museos científicos coruñeses acollen este sábado múltiples actividades. As citas son pola mañá no Centro Universitario de Riazor e, pola tarde, na Domus. Haberá charlas divulgativas de balde até completar aforo.

A sesión da Domus comezará ás 16.30 horas, con Nenas e aspiracións científicas no cinema e a tele, un relatorio de Joana Magalhães, doutora en Bioquímica e Bioloxía molecular e investigadora no Grupo de Investigación en Reumatoloxía CICA-INIBIC e CIBER-BBN. Ás 17.00 horas Javier Pedreira Wicho, responsable informático dos Museos Científicos Coruñeses e co-fundador de Microsiervos.com, ofrecerá a charla A informática tamén é cousa de mulleres.

Seguirá, ás 17.00 horas, A ciencia da arte, en feminino, a cargo de Deborah García Bello, química, divulgadora científica e autora de Dimetilsulfuro.es. Esta mesma divulgadora será a encargada de presentar a mesa redonda que se desenvolverá entre as 18.00 e as 19.00 horas, baixo o epígrafe Mulleres na ciencia, que contará coa participación de Joana Magalhães, doutora en Química, Mª Teresa Rodríguez Blas, catedrática e investigadora no Grupo de investigación Metais en Medio Ambiente e Medicina, UDC; a escritora Estíbaliz Espinosa Río, quen achega un especial enfoque na simbiose entre Ciencia e Humanidades e Ana Jesús López Díaz, do Grupo de investigación Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser, da UDC.

Antes, na sesión da mañá, no Centro Universitario de Riazor, investigadoras da UDC falarán desde as 11.00 horas sobre a vida e os logros científicos de mulleres que foron pioneiras en diferentes eidos da ciencia, como a matemática María Wonenburguer, a enfermeira Florence Nightingale, a química e cristalógrafa Rosalind Franklin, a arquitecta Lina Bo Bardi, a bioquímica Esther M. Zimmer, ou a matemática Augusta Ada King-Noel.

08/02/201713:02
Día Internacional da Internet Segura.
Santiago de Compostela

Educación e o CPEIG convocan o primeiro certame literario infantil sobre protección de datos

Onte, 7 de febreiro, celebrouse unha data que nos colle de preto, o Día Internacional da Internet Segura (Safer Internet Day), e o noso Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) non quere deixar pasar a ocasión para lembrarnos a importancia de lograr as condicións máis axeitadas para que as novas xeración lles tiren o mellor proveito posible ás novas tecnoloxías da información. E faino lanzando a primeira convocatoria, xunto coa Consellería de Cultura e Educación, do Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos. O certame vai dirixido a rapazas e rapaces de 1º a 4º de ESO, ambos cursos inclusive, estudantes en centros escolares sostidos con fondos públicos de Galicia. O prazo para participar remata ás 15.00 horas do 28 de febreiro.
O obxectivo final do concurso é “contribuír a que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade”. Tanto a Xunta coma o CPEIG consideran que “cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.

Dentro dos requisitos da convocatoria, amais de estar cursando os estudos devanditos, o xénero literario será o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blog ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. Como liñas condutoras destes traballos pódense considerar as seguintes, sen ficaren limitadas:

  • Que é para ti a protección de datos?
  • Como afecta a protección de datos no teu día a día?
  • Protexe os teus datos, protexe a túa privacidade.
  • Que acontecería se houbese protección de datos no conto da Carapuchiña Vermella?
  • Protexer os datos nas redes sociais, é importante?
  • Como protexes os teus datos?

Segundo informa o CPEIG, o referente será o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
 

Galardóns
Ao abeiro deste certame, entregaranse dous premios: un para a categoría 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4ºde ESO: tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Asemade, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.

08/02/201713:02
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentou esta mañá en San Lázaro as novidades da páxina acompañado da directora xeral Cecilia Vázquez Suárez.
Santiago de Compostela

A Dirección Xeral de Xuventude pon en servizo un portal web renovado, máis áxil e accesible

  • A nova plataforma web responde a un deseño adaptado a calquera dispositivo de acceso: dispositivos móbiles, tabletas ou ordenadores
  • Outras novidades fundamentais son a reorganización da información segundo as preferencias dos usuarios/as, o reforzamentos dos criterios de busca, a incorporación ao portal web de twitter e a creación dun perfil en Instagram
  • O obxectivo é que este portal web siga a ser unha fonte referente de información sobre os distintos programas, recursos e servizos a disposición dos mozos e mozas de Galicia
  • Dende 2009 o portal de Xuventude ten un incremento anual de case o 9% no número de usuarios/as e dun 4,5% de aumento nas visitas, cun total de 2,7 millóns de rexistros e 6,3 millóns de visitas a 15,2 millóns de páxinas. Soamente durante o mes de xaneiro, a web recibiu un total de 35.252 visitas por parte de máis de 23.000 usuarios.
  • Asemade, Xuventude ten actualmente en facebook un total de 14.621 seguidores e outros 8.816 en twitter.

 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, deu a coñecer hoxe o novo deseño do portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. O acto, ao que asistiu tamén a responsable deste departamento autonómico Cecilia Vázquez Suárez, tivo lugar nas dependencias administrativas de San Lázaro.

Rey Varela explicou que a finalidade da renovación deste portal “é que esta ferramenta dixital siga a ser unha fonte referente de información sobre os distintos programas, recursos e servizos a disposición dos mozos e mozas de Galicia en particular e de calquera usuario en xeral”. Ao respecto, engadiu que a nova páxina web “é un instrumento áxil, adaptado ás tendencias de deseño actual e que pretendemos sexa un paso máis na mellora da interactividade da mocidade e na operatividade do portal”.

Ademais, o titular da carteira de Política Social manifestou que co redeseño da web da Dirección Xeral “pretendemos chegar máis e mellor aos rapaces e rapazas a través dun medio de traballo e comunicación como é internet, e que hoxe é común, cotián e prevalece nos hábitos da xente nova”. Neste sentido, apuntou que o estudo titulado ‘A mocidade e as TIC” `presentado o pasado mes de novembro pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) reflicte que o uso de internet entre os mozos e mozas con idades entre os 16 e os 34 é practicamente universal, situándose no 96%.

No que atinxe ás melloras no portal de Xuventude, unha das principais é a proposta responde a un deseño responsable, é dicir, que se adecúa a calquera dispositivo de acceso e atende aos cambios nas tendencias de navegación. De feito, no deseño se tivo en conta que un 27% dos usuarios conéctanse á plataforma dende un dispositivo móbil; un 5% dende unha tableta e un 68% dende un ordenador.

Outras novidades son que se reorganiza a información segundo as preferencias dos usuarios e os contidos máis vistos e se reforzan os criterios de busca, o que facilita a procura de información dun xeito máis áxil e doado. Así, as sección máis visitadas son, por esta orde: novas e anuncios, acción de verán, Carné xove, bolsas e axudas, e emprego. Así mesmo, o portal mantén como elemento central a información sobre os distintos programas e recursos da propia Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e ademais visualízase a actividade que levan a cabo os distintos axentes que traballan no eido da xuventude en Galicia: Espazos Xoves, Oficinas Municipais de Información Xuvenil, Correspondentes Xuvenís, etc.

En canto a potenciación dos criterios de busca, destacáronse tres: por franxa de idade, por localización xeográfica e por programas. Para isto tívose en conta que o acceso ao portal web por parte dos usuarios lévase a cabo nun 25% a través de buscadores –principalmente Google-; un 31% por redes sociais e un 38% mediante o acceso directo á web de Xuventude. Ademais as franxas horarias de mañá e de tarde durante as que se realizan máis visitas son: de 12:00 a 13:00 e de 20:00 a 23:00 horas. E, por outra banda,como cabe supoñer, o 78% do tráfico da web procede de Galicia.

E unha cuarta novidade fundamental do novo portal de Xuventude é a incorporación de twitter e a creación dun perfil en instagram, dúas redes sociais moi utilizadas pola mocidade.

 

Influencia das plataformas de Xuventude na rede

O responsable da área social do Goberno galego ofreceu datos sobre a cada vez maior influencia da páxina web e das plataformas sociais da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Así, dende o ano 2009 o portal ten un incremento anual de case o 9% no número de usuarios, e dun 4,5% anual de aumento de visitas.

De feito, durante o período que comprende do ano 2009 ao 2017, visitaron a páxina un total de 2.772.374 usuarios, que chegaron a realizar máis de 6,3 millóns de visitas a 15,2 millóns de páxinas. Soamente durante o pasado mes de xaneiro, a web recibiu un total de 35.252 visitas, realizadas por un total de 23.177 usuarios, un 61% deles novos con respecto ao período anterior. Ademais, estes mais de 23.000 usuarios chegaron a 95.216 páxinas dentro de www.xuventude.net, unha media de 2,7 páxinas por persoa que dedicaron sobre dous minutos e medio á súa navegacion.

Así mesmo, as publicacións da páxina oficial da Dirección Xeral de Xuventude en facebook (www.facebook.com/xuvetude.net) acadaron durante o mes de xaneiro un alcance de preto de 8.800 persoas cada día. A 31 de xaneiro, o facebook de Xuventude tiña 14.621 seguidores, 217 máis que ao comezo do mes.

E. por último, dende o perfil de Xuventude en twitter (@xuventude) publicáronse 345 novas mensaxes en xaneiro, ata chegar ós 31.172 tweets enviados, conseguindo captar 59 novos seguidores e acadando a cifra de 8.816 seguidores que ven e comparten as publicacións de Xuventude en twitter cada día.
 

 

08/02/201713:02
Presentación do Centro de Seguridade en Internet para Menores.
Madrid

En marcha o Centro de Seguridade en Internet para Menores

Onte, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Internet Segura (Safer Internet Day), presentouse en Madrid unha ambiciosa iniciativa para protexer ás novas xeracións na Rede. Trátase do Centro de Seguridade en Internet para Menores, Internet Segura for Kids. Trátase, explicou o ministro Álvaro Nadal, dunha plataforma en liña xestionada polo INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade) que salienta por fornecer asesoramento e asistencia aos menores e as familias co fin de evitar os problemas (acoso, ameazas, abusos de calquera índole) derivados dun mal uso das novas tecnoloxías. Asemade, subministraranse recursos aos educadores e aos profesionais do eido do menor. Para facer o máis efectiva posíbel a plataforma habilitarase un servizo de denuncia e un sistema de traballo en estreita colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Segundo fixo fincapé o ministro de Industria, farase especial fincapé en loitar contra o abuso sexual infantil. O servizo de denuncia e a liña de asistencia telefónica que o complementa estarán operativos no primeiro semestre deste ano. O Centro de Seguridade en Internet para menores en España vén da man da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información, Red.es e o INCIBE. O obxectivo desta iniciativa conxunta: “Promover o uso seguro e responsábel en Internet e as novas tecnoloxías entre os menores e a súa contorna”. Trátase, como explicou o ministro Nadal, dun recurso público que “axudará a ampliar os dereitos dos cidadáns, especialmente dos cidadáns máis desprotexidos que son os menores de idade”. Nadal lembrou, para facernos unha idea dos riscos aos que nos enfrontamos, que en España o 95,2% dos menores de idade son internautas habituais e o 70% dispón de teléfono móbil propio.

08/02/201712:02
Firma do convenio entre COCEMFE e a Fundación Vodafone España.
Santiago de Compostela

COCEMFE e a Fundación Vodafone asinan un convenio marco de colaboración

  • Ambas as entidades realizarán actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción socio-laboral.

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) e Fundación Vodafone España asinaron esta mañá un convenio marco para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción socio-laboral, que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade física e orgánica. O acordo foi asinado polo presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga, e o director xeral de Fundación Vodafone España, Santiago Moreno.

Ambas as entidades prestarán especial atención ao ámbito da vida independente, vinculado á innovación tecnolóxica a favor da accesibilidade e autonomía da persoa con discapacidade física e orgánica.

COCEMFE e Fundación Vodafone España poderán realizar diferentes accións como o desenvolvemento de proxectos de innovación, aplicacións móbiles e experiencias piloto; accións formativas en novas tecnoloxías dirixidas á mellora da capacitación para a inserción laboral ou a organización de sesións de información-difusión.

“Con este convenio damos continuidade á estreita colaboración que Fundación Vodafone España mantén con COCEMFE para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade física e orgánica a través do acceso ás tecnoloxías da comunicación e a formación, dous alicerces básicos hoxe en día para mellorar a empregabilidade, e que para o noso colectivo son fundamentais para conseguir unha inclusión total en todos os ámbitos da vida”, destacou Anxo Queiruga, presidente de COCEMFE, durante a firma do acordo.

Na mesma liña, Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone España, resaltou “a importancia de ir da man dun aliado como COCEMFE para asegurar que a tecnoloxía se pon directamente ao servizo das necesidades dos usuarios finais, de forma que todo o seu potencial se enfoque plenamente a mellorar o seu día a día. Estamos moi orgullosos de todos os proxectos que viñemos desenvolvendo xuntos e esperamos con esta renovación poder seguir sumando na formación e a innovación en novas tecnoloxías”.

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) é unha Organización non Gobernamental sen ánimo de lucro que se constituíu en 1980. O seu obxectivo é aglutinar, fortalecer, formar e coordinar os esforzos e actividades das entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade física e orgánica, para defender os seus dereitos e mellorar a súa calidade de vida. A Entidade congrega a máis de 1.600 organizacións divididas en Confederacións Autonómicas, Entidades Estatais e Federacións Provinciais que á súa vez, agrupan ás diferentes asociacións locais.

A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente dos colectivos vulnerables. Desenvolve proxectos de innovación tecnolóxica que facilitan a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove programas de formación e accesibilidade con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación en TIC, á excelencia docente e á integración dos alumnos con discapacidade. Outros obxectivos son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS