A memoria de traballo e a memoria episódica son dúas das funcións cognitivas que se van deteriorando co envellecemento. A primeira afecta o almacenamento e á manipulación mental da información, mentres que a segunda vincúlase ao recordo de experiencias persoais. Unha investigación levada a cabo en persoas maiores permitiu observar unha mellora en ambas as funcións despois de ser adestrados con videoxogos deseñados para estimular as devanditas áreas. Os resultados, publicados en Frontiers in Human Neuroscience, suxiren que, aínda en idades avanzadas, o cerebro humano garda certo grao de plasticidade.
Os investigadores pretendían pescudar se existía unha transferencia desde a intervención cara ás funcións cognitivas estudadas, é dicir querían ver se o adestramento con videoxogos repercutía ou non nun maior rendemento da memoria episódica e da memoria de traballo visoespacial, que afecta á percepción e codificación da información recibida de maneira visual e espacial. Para os expertos resultaba de igual de importancia coñecer se ditas melloras se mantiñan durante un período de tempo significativo.
No estudo participaron 40 persoas maiores dun Centro de Maiores situado na provincia de Madrid. A metade deles recibiu 15 sesións de adestramento con distintos videoxogos da plataforma Lumosity dirixidos a exercitar a memoria. A avaliación das capacidades cognitivas de todos os participantes realizouse en tres ocasións: antes e despois dos adestramentos con videoxogos e, por último, ao cabo de tres meses. Entre as tarefas deseñadas para medir o funcionamento de ambos os tipos de memoria incluíanse diversas probas como o test de cubos de Corsi, un test de retención de díxitos e tarefas con quebracabezas, unha ferramenta moi útil para avaliar a capacidade visoespacial en maiores.
Ademais de mellorar a súa habilidade nos respectivos videoxogos, os participantes que recibiron o adestramento previo obtiveron mellor puntuación que o resto na maioría das tarefas destinadas a avaliar as funcións cognitivas. Ademais, o recoñecemento realizado aos tres meses demostrou que o maior rendemento alcanzado por este grupo aínda persistía.
“O adestramento de persoas maiores con videoxogos apropiados pode ser unha maneira efectiva de mellorar a súa memoria de traballo visoespacial" sinala Soledad Ballesteros, directora do Grupo de Estudos de Envellecemento e Enfermidades Neurodexenerativas da UNED e co-autora da publicación, quen destaca que "o cerebro das persoas maiores aínda conserva plasticidade, pero precisa sesións periódicas de reforzo para manter estes beneficios". O seu equipo está a investigar sobre o declive cognitivo asociado á idade e busca maneiras de manter aos maiores activos e con maior saúde mental durante máis tempo.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra o vindeiro 7 de marzo, en horario de 9:30 a 13:00 horas, no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a presentación da terceira edición do Programa CeMIT-Innova.
Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da rede de aulas CeMIT para superar desafíos sociais da contorna local. O programa, que fomenta a innovación social dixital, está dirixido aos concellos, axentes TIC das aulas CeMIT, persoal técnico de entidades de acción social, empresas e a calquera persoa ou organización interesada nos temas de innovación social dixital. A asistencia é de balde e poderá formalizarse a través da web de CeMIT.
O obxectivo da xornada é detallar os obxectivos da terceira edición do programa na que, unha vez máis, abrirase a porta á participación dos 92 municipios que contan con 98 aulas CeMIT, e aos seus aliados dixitais locais, ferramentas fundamentais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.
Programa da Xornada
O encontro, que será inaugurado pola directora da Amtega, Mar Pereira e o presidente da Fegamp, Alfredo García, comezará coa proxección dun vídeo que resumirá as experiencias desenvolvidas durante os anos anteriores contadas polos seus protagonistas, con proxectos en ámbitos tan distintos como:a inclusión; o fomento da igualdade de oportunidades para todas as persoas; a dinamización de novos espazos e vocacións tecnolóxicas entre os máis novos; a riqueza económica e cultural das zonas rurais e a mellora da empregabilidade das persoas.
A continuación, celebrarase unha mesa de experiencias, compartida entre os Concellos de Ourense, A Bola e Pontedeume, os cales exporán todo o proceso de desenvolvemento dos seus proxectos de innovación social dixital locais durante o pasado ano. Con estes exemplos achegarase aos asistentes ao concepto de Innovación Social Dixital e convidarase á participación a través de novos proxectos piloto a desenvolver ao longo do 2017.
O Programa da xornada completarase coa participación como relator de Juan Freire, experto en Innovación cidadá e cultura dixital, co-fundador de varias empresas e actualmente, colaborador activo en varios proxectos empresariais, relacionados coa aprendizaxe o emprendemento, a tecnoloxía e o pensamento crítico e creativo. Ao longo da súa traxectoria profesional foi director de innovación do grupo Barrabés e socio fundador de Barrabés Next.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar, a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A tecnoloxía é unha porta de entrada á igualdade de todas as persoas en tanto que favorece o acceso a formación, comunicación, lecer ou información a calquera persoa sexan cales sexan as súas capacidades, necesidades ou apoios. Existen dispositivos adaptados, como móbiles ou tabletas, software deseñado para necesidades distintas ou aplicacións específicas para calquera discapacidade, ademais de diversas ferramentas online accesibles para todas as persoas ou mesmo webs específicas para a procura de emprego para persoas con discapacidade. De feito, a conexión a Internet pode chegar a ser a mellor tecnoloxía para garantir as oportunidades e recursos que necesiten as persoas con discapacidade.
En canto ao uso para nenas e nenos con discapacidade cada vez son máis as empresas que traballan por ofrecer produtos específicos para que os máis pequenos aprendan mellor e se comuníquen. En Discapnet pódense atopar guías, consellos e outros recursos para a accesibilidade na comunicación.
No ámbito da discapacidade intelectual pódense atopar diversas axudas en formato de apps móbiles centradas tanto nas competencias e habilidades a desenvolver, como na idade e o tipo de discapacidade. Para nenas e nenos que teñan dificultades de expresión oral ou de comprensión é moi interesante o uso de pictogramas como os utilizados en Pictoaplicaciones, un conxunto de apps que tamén inclúe unha axenda para os máis pequenos. Picaa é unha aplicación que permite a docentes, pero tamén a mamás e papás, crear e personalizar actividades didácticas. Para a comunicación e expresión de sentimentos, circunstancias, peticións… daqueles peques con discapacidade a app DIO permite a creación de frases unidas a pictogramas para que poidan identificalas e utilizalas cando as necesiten. Kimi pode axudar a comprender os hábitos e costumes sociais. Kimi é un extraterrestre vido de Marte que está a aprender a comportarse na Terra e os xogadores deben guialo. Existen miles de aplicacións para nenas e nenos con discapacidade intelectual polo que é habitual atopar diversos recompilatorios explicativos que guíen ás usuarias e usuarios, como este de Chaval.es, polo que é importante seguir algúns consellos para atopar a app que mellor se adapte ás necesidades que vos explicaremos no próximo artigo.
Autora: Diana González, experta en Identidade Dixital e colaboradora de Dialogando
Aínda que o seu concepto pode parecer sinxelo, a creación de produtos innovadores supón todo un reto, e un destes proxectos que leva anos xestándose con grande atención por parte do colectivo de persoas con deficiencias visuais severas ve por fin os seus froitos e para o mes que vén chegará ás tendas británicas Dot, un smartwatch cunha pantalla Braille, de xeito que non está baseado só en información sonora como outros produtos para superar os problemas de visión.
O Dot é un reloxo de pulso bastante tradicional, con esfera redonda e catro elementos con seis bolas cada un que permiten que o usuario poida ler de xeito táctil, contando tamén cun par de botóns laterais para poder realizar respostas simples e outras accións.
Esta creación chega dunha startup surcoreana que botou a andar en 2014, e tardaron tanto en facer o produto realidade ante as dificultades para conseguir que o reloxo sexa o suficientemente resistente para un produto de uso cotián, especialmente nas súas partes móbiles, xa que resultou moi complexo protexer eses elementos mantendo a súa funcionalidade táctil.
A compañía contou cuns 140.000 mecenas que apoiaron o seu proxecto, e polo momento confían en entregar 100.000 unidades durante 2017, e as 40.000 unidades restantes durante o ano que vén, de xeito que a súa comercialización en tendas será inicialmente anecdótica, pois limitarase a un milleiro de unidades que poderanse adquirir en Londres a un prezo de 320 dólares.
Durante 2018 tamén pretenden sacar ao mercado o Dot Pad, unha especie de lector electrónico tipo Kindle que están a desenvolver coa axuda de Google, que incluso amosará formas e imaxes a través de botóns táctiles, buscando resultar útil para usos educativos que vaian dende o ensino de matemáticas até de arte. O goberno de Quenia tamén chegou a un acordo para facerse con 8.000 unidades do Dot Mini, un lector Braille con finalidade educativa que custaría uns 200 dólares. En definitiva, que a compañía está a especializarse na creacións de solucións interactivas baseadas na escritura Braille, o que pode resultar de grande utilidade para millóns de persoas con eivas visuais.
Esta foi unha mañá moi especial na Casa Galega da Cultura en Vigo. Alí, DOWN VIGO e a Fundación Vodafone España presentaron ‘EnREDa2', unha iniciativa cuxo obxectivo é poñer en contacto a empresarios da zona e mozos con síndrome de Down co obxectivo de que dialoguen e intercambien opinións sobre os beneficios que ten a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual, tanto para este colectivo como para o ámbito empresarial.
Esta acción de networking, que xurdiu a partir do programa de formación prelaboral ‘Yo me prep@ro' impulsado por ambas as entidades, permite que os empresarios poidan coñecer de preto a persoas con esta discapacidade intelectual candidatas a incorporarse como traballadores nas súas empresas. A interacción entre empregadores e posibles empregados serviu para que o sector empresarial derrube prexuízos e falsos estereotipos que historicamente se relacionaron coa síndrome de Down.
E é que, a pesar de contar coa formación adecuada e ser traballadores constantes, metódicos e organizados, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down puido demostrar a súa valía; por iso é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial. Así, grazas a 'EnREDa2', ‘e mediante a conversación e a formulación de diversos xogos, os empresarios puideron coñecer de primeira man as calidades que estes mozos atesouran, ademais de apreciar os seus valores e as capacidades para o traballo que posúen.
Para presentar esta iniciativa estiveron presentes o Concelleiro de Emprego, Santos Héctor Rodríguez Díaz; a Xefa Territorial de Vigo de Política Social, Marta Iglesias Bueno; Pablo Sevilla Valcárcel e Juan González Ramírez, Responsable de Administración electrónica e Xefe dos Servizos Centrais da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo, respectivamente; Noela Avendaño, traballadora da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo; Beatriz López Palacios, Xefa de Caixas de Carrefour Gran Vía de Vigo; Lucía Vila, traballadora de Carrefour Gran Vía de Vigo; o Executivo de Administracións Públicas en Galicia de Vodafone España, Jesús Sueiro; e a presidenta de DOWN VIGO, Carmen López.
O Concelleiro de Emprego, Santos Héctor, fixo un repaso a diversos programas municipais cos que o Concello fomenta a contratación do colectivo, e puxo en valor o seu “gran aproveitamento”.
Pola súa banda, a Xefa Territorial de Política Social, Marta Iglesias, explicou algúns dos programas de emprego da Xunta, e comentou que “dá gusto traballar con xente que ten tanta ilusión como vós”.
O Executivo de Administracións Públicas en Galicia de Vodafone España, Jesús Sueiro, repasou os tres anos que Fundación Vodafone España leva apoiando este proxecto de formación en novas tecnoloxías, e comentou que ademais do colectivo de persoas con discapacidade intelectual, tamén axuda a superar a fenda dixital ás persoas maiores.
O programa "Yo me prep@ro"
O obxectivo do proxecto ‘Yo me prep@ro' é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlles a salvar a fenda dixital que os condiciona enormemente á hora de atopar un posto de traballo, o que supón unha seria traba ás súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.
Este ano, na nosa cidade están a recibir esta formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 16 usuarios de Down Vigo, que adquiren as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado.
Estes alumnos de Vigo sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 240 mozos que recibirán esta formación en toda España. En total serán 10.500 horas formativas apoiadas en sete novos vídeo-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos coñezan a fondo o uso da internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn, entre outras habilidades.
Tras o éxito de anteriores edicións, o proxecto afronta este ano a súa terceira edición a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas. Desde a súa posta en marcha en 2014, e a pesar das complicadas condicións do mercado de traballo, este programa conseguiu 150 contratos para alumnos con síndrome de Down.
Como complemento a esta edición, os 480 mozos que participaron nas dúas edicións anteriores do proxecto recibirán un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vai ter un máis que completo semestre en materia de formación. Serán, segundo vén de facer saber a entidade, un total de 43 cursos e xornadas para a primeira metade de 2017, destinadas todas estas actividades a fomentar a actualización das habilidades profesionais dos traballadores das empresas da súa área cameral. Unha vez máis, as TIC serán un eixe fundamental das accións da Cámera. Haberá obradoiros de informática e novas tecnoloxías, de contabilidade financeira e manexo de redes sociais para a xestión da marca persoal, de fiscalidade, de recursos humanos e adestramento, de comercio e distribución. Podemos ver a listaxe completa de obradoiros e xornadas nunha ligazón específica da páxina da entidade.
En materia tecnolóxico-dixital, teremos no arranque do semestre un curso de Excel financeiro, outro de contabilidade financeira informatizada e outro de redes sociais para a xestión de marca. Máis confirmaranse máis detalle sobre as restantes actividades TIC. Sobre estes e outros cursos a Cámara lembra que as empresas interesadas poderán solicitar formación in situ, deseñada pola Cámara segundo as súas necesidades. Ademais, a entidade continúa coa política de descontos para os asociados, cun 20% de desconto, e tamén un 10% para matrículas anticipadas ata dez días antes do inicio da actividade formativa.
A Cámara de Comercio lembrou tamén que o pasado ano programou e levou a cabo un total de 84 actividades formativas (36 cursos e 48 xornadas), que contaron coa asistencia de 1.879 alumnos. A temática centrouse, tamén, en formación sobre informática e novas tecnoloxías, economía e finanzas, recursos humanos e comercio e distribución.
Ademais, en 2016 a Cámara desenvolveu o Plan de apoio á competitividade do comercio minorista, financiado por fondos FEDER da Unión Europeo e promovido polo Ministerio de Economía e a Cámara de España para executar liñas de actuación orientadas á innovación e competitividade no pequeño comercio. A entidade realizou dezaséis diagnósticos de innovación comercial e organizou catro obradoiros sobre o impulso da tenda online e a posición en redes sociais en Melide, Santa Comba e Ribeira, e un taller de mercadotecnia en Santiago.
Xa vai quedando pouco para o comezo, a partir do 6 de marzo na FIC da Coruña, do congreso María Pita DefCon, unha cita sobre novas tecnoloxías moi envorcada nas temáticas da seguridade e da fenda de xénero e na que se prevé a participación de máis de medio milleiro de persoas. Segundo informa a organización, logo da apertura dos rexistros para participarmos como colaboradores, voluntarios e relatores, agora habilitouse a canle para inscribir aos asistentes en xeral. Lembrar que o xermolo de María Pita DefCon está na necesidade de seguir debatendo e intercambiando coñecemento avanzado, dende a nosa terra, sobre xeitos de garantir as mellores condicións para os datos e as comunicacións no dixital.
Entre os relatores confirmados atópanse Pedro Sánchez Cordero (Deloitte CyberSOC), Pablo González e Yaiza Rubio (ambos de ElevenPaths), Miriam Martínez (investigadora e docente da UAH), Luis Jurado (Perseus & RC Abogados), Alfonso Muñoz (Criptored), Miguel Hernández (i4s), Lilian Adkinson e Pablo Dago (ambos do Centro Tecnolóxico Gradiant), Lorenzo Martínez (Securízame), Víctor Salgado (Pintos & Salgado Abogados), David Marugán (Acuntia), José Mato (Mobgen Accenture Digital), Kenneth Peiruza (PUE), Pablo Mariño (FIC), Alberto Maroto (FIC), Enrique Andrade (FIC), David Méndez (FIC), Diego Hermida (FIC), Francisco Nóvoa (Grupo Academia Postal), Uxío Fuentefría (Vippter), Pilar Vila (Forensic & Security), Jacobo Rodríguez (Mobgen) e Fernando Villar (formador TIC). Detrás deste evento, na organización, atópase un grupo de seareiros do hacking ético: David Albela, Uxío Fuentefría Oróns, Juan José González Cid, Raúl Oróns, Alejo Pacín Jul, Jesús Pérez Rubio, Raúl Fernando Rodríguez Rubio, Daniel Somoza, Fernando Suárez Lorenzo, José Manuel Vázquez Naya e María Pilar Vila Avendaño. Ademais o equipo impulsor deste importante evento compleméntase coa Facultade de Informática da Universidade da Coruña, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Rnasa Imedir, así como de múltiples entidades (públicas e privadas) do mundo TIC.
A cita desenvolverase entre o 6 e o 12 de marzo de 2017. O obxectivo, en palabras dos seus responsables, é dar forma ao “evento máis importante a nivel galego sobre seguridade informática e reivindicación da muller no plano tecnolóxico”. O programa artellarase nun cumprido feixe de charlas, mesas redondas, obradoiros e concursos ao longo de toda unha semana.
O estetoscopio inventouse para afrontar o reto moral da Europa puritana nunha época na que os médicos tiñan que presionar o oído sobre o peito dos pacientes, fosen homes ou mulleres, para diagnosticarlles enfermidades do corazón ou do pulmón. Xusto 200 anos despois, os médicos de Europa e Estados Unidos poderán retirar os aparellos que, xunto coa bata branca, son parte da súa identidade visual. O departamento de Cardiolozía do Hospital Ramón e Cajal presenta este xoves en Madrid un "estetoscopio intelixente", é dicir, un dispositivo de ecografía que cabe nun peto e que se conecta a unha app no móbil ou a tableta e ensina toda a información cardíaca do paciente.
O aparello, que chega a Europa despois de ser aprobado pola Administración de Alimentos e Medicamentos de Estados Unidos (FDA, polas súas siglas en inglés), xera imaxes de gran definición e en cor de como o sangue corre polas arterias e de como as válvulas cardíacas se abren e pechan. Unha arritmia de tan só unha fracción de segundo non pasa desapercibida para o dispositivo. "É como ter o teu corazón na palma das mans", sintetiza José Luis Zamorano, xefe de servizo de Cardioloxía do Ramón e Cajal, mentres fai unha demostración co ecógrafo no seu despacho.
A cuadrilla de ‘On Fologüers', a serie animada da Fundación ONCE, estrea este mércores o oitavo e último capítulo desta primeira tempada no que os protagonistas se despiden co reto de Dani por sacar adiante o bar familiar.
O personaxe de Dani representa a unha persoa con discapacidade intelectual. Trátase dun mozo independente que traballa no bar ‘Ileven', lugar de encontro dos personaxes da serie. Capaz de desenvolverse na súa vida diaria con autonomía, vive cos seus pais por decisión propia, e é que, segundo di, “como na casa non se vive en ningún lado”. Agora os seus pais xubílanse e el asumirá o reto de sacar adiante o negocio familiar.
Este VIII capítulo, titulado ‘Emprendelogüers', demostrará que con preparación e entrega calquera persoa pode converterse nun emprendedor de éxito. Para iso Dani contou co apoio de Insere, a entidade para a formación e o emprego das persoas con discapacidade da Fundación ONCE. Tamén coa axuda do Fondo Social Europeo, que cofinanciou este capítulo, e co entusiasmo de todos os seus compañeiros.
Marcos Santiago é o encargado de dar voz a Dani. El é un novo actor de dobraxe con Asperger que soña con dedicarse profesionalmente á interpretación.
Desde a súa estrea no mes de xuño de 2016 a serie distribuíuse a través de Internet e redes sociais co obxectivo da Fundación ONCE de promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela.
Os personaxes da serie son mozos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas foron protagonizando tramas a través das que fomos coñecendo as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día.
“Reflectimos en cada un dos capítulos o concepto do deseño para todos. Transmitimos cun sorriso valores como a solidariedade, o compromiso, o compañeirismo, que levados ao noso día a día permítennos lograr a inclusión das persoas con discapacidade”, explica José Luis Martínez Donoso, director xeral de Fundación ONCE.
Ao longo desta primeira tempada fomos vendo como cada personaxe consegue os seus obxectivos, facendo unha denuncia construtiva e con humor de situacións concretas que se atopan as persoas con discapacidade.
O éxito desta iniciativa levou aos seus impulsores para pensar en novas historias nas que seguir apostando por construír un mundo mellor para todos a través do humor. Está previsto comezar unha segunda entrega que seguirán emitíndose nas canles de redes sociais de Fundación ONCE:
Twitter (https://twitter.com/Fundacion_ONCE)
Facebook (https://www.facebook.com/fundaciononce/)
YouTube (https://www.youtube.com/user/fundaciononce)
Tamén pode accederse a ela a través da web da Fundación ONCE (https://www.fundaciononce.es/)
As entidades que conforman a comunidade Conectados pola Accesibilidade -Plena Inclusión, Down España, a Orde Hospitalaria de San Juan de Dios, FEDACE, Confederación ASPACE e Fundación Vodafone España- reuníronse na sede de Vodafone Praza o 21 e o 22 de febreiro no seu II Encontro baixo o lema “Transformación Dixital Accesible”.
Neste encontro, ao que asistiron máis de 120 persoas, serviu para poñer en común os logros alcanzados e, sobre todo, para definir os novos retos para 2017, que se centrarán nos procesos de transformación dixital nas contornas de vida das persoas con discapacidade que favorezan a súa plena inclusión e a participación na nosa sociedade. Para iso, deseñáronse proxectos colaborativos nos que tamén se contará con axentes externos e outras entidades que aseguren a súa realización en contornas reais.
Un total de 18 proxectos póñense en marcha contando coa participación de máis de 100 entidades de toda España e que en 2017 involucrarán a máis 2.500 persoas con discapacidade e profesionais que traballan con elas. Os proxectos abordarán distintas temáticas relacionadas con: vida laboral, vida familiar, lecer e comunitario, saúde persoal, economía persoal, tarefas domésticas, autocoidado, tecnoloxía, xestión de problemas, responsabilidades, educativo así como a “carta de dereitos”.
O encontro foi inaugurado por Borja Fanjul, Director Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade e Director do Real Padroado sobre Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. O Director destacou a importancia que actualmente teñen as tecnoloxías na mellora da calidade de vida das persoas, tamén para as persoas con discapacidade. Agradeceu o esforzo de todas as entidades involucradas en facelo posible.
Durante o encontro tamén participaron outras organizacións e entidades convidadas que contribuíron activamente nas distintas sesións realizadas: CEAPAT, CEADAC, Fundación CNSE, Fundación TECSOS, Fundación CENTAC, Federación Española de Párkinson, Esclerose Múltiple España, Danza Down e Vodafone.
“Conectados pola accesibilidade” é unha comunidade que serve de punto de encontro para conseguir, a través do uso das solucións e ferramentas das Tecnoloxías da Información e a Comunicación promovidas pola Fundación Vodafone España, ser un referente para os procesos de Transformación Dixital nas contornas de vida das persoas con discapacidade que favorezan a súa plena inclusión e participación na nosa Sociedade. A comunidade acolle a 88 entidades de toda España vinculadas a Plena Inclusión España, Down España, OHSHD, FEDACE e Confederación ASPACE. Son máis de 1.500 persoas con discapacidade e profesionais os que actualmente comparten retos e experiencias que empoderan ás persoas con discapacidade e contribúen ao seu desenvolvemento persoal.
A comunidade está tamén presente noutros 6 países europeos (Portugal, Francia, Alemaña, Austria, Polonia e Irlanda) a través do proxecto DESKTOP que conta con apoio da Comisión Europea a través do Programa Erasmus+. Este proxecto está a levarse a cabo pola Orde Hospitalaria de San Juan de Dios en colaboración coa Fundación Vodafone España.
Toda a actividade da comunidade pode seguirse en twitter co hashtag: #conecta2Xaccesibilidad.