main content

main content
03/02/201709:02
Proxecto Up to University, Up2U.
Vigo

A Uvigo e Teltek participan na creación dun ecosistema europeo de docencia virtual

A Universidade de Vigo informou esta semana do desenvolvemento dun proxecto europeo no que participa e que tería a finalidade de pór en marcha o que sería, nas súas palabras, “o primeiro depósito europeo de materiais educativos audiovisuais”. O proxecto Up to University, Up2U (Bridging the gap between schools and universitys trough informal education) comezou a súa andaina en 2015 e está financiado no marco do programa H2020 da Unión Europea con cinco millóns de euros. Os seus socios son 18 entidades dunha ducia de países, sendo a UVigo a única representante de España xunto coa firma local Teltek. Ao longo dos vindeiros tres anos o consorcio participante traballará na creación “dun ecosistema de docencia virtual audiovisual”. Será un recurso de apoio no ensino que todos coñecemos, o tradicional. Agárdase que teña unha incidencia moi positiva facilitando aos alumnos o chimpo de secundaria ás universidades.

Detrás deste proxecto, impulsándoo e impulsando tamén a concorrencia viguesa, atópase o ex-reitor Domingo Docampo, comisionado para o Campus Dixital do Mar, quen informa a posta en marcha do devandito “ecosistema de docencia virtual” iría encamiñado aos escolares de idades comprendidas entre os 11 e os 19 anos. Polo que respecta á empresa viguesa Teltek, está especializada en achegar solucións e tecnoloxías abertas de vídeo, videoconferencias, streaming e formación a distancia. A súa colaboración coa Universidade materializouse coa prestación do Campus Multimedia da institución docente galega.

Volvendo ao proxecto Up2U, apóiase na base xerada polo portal eduOER (Open Educational Resource of GEANT), un acubillo con diferentes pezas audiovisuais catalogadas a disposición dos usuarios e usuarias. O impulso de Up2U dará como resultado a conversión do devandito portal “nunha contorna de aprendizaxe”, onde consultar vídeos, pero tamén contidos máis elaborados como coleccións temáticas ou unidades didácticas completas, pensadas especificamente para o alumnado de secundaria. “Fixemos un portal adaptado para que aos docentes, e tamén aos propios rapaces, lles sexan doados de localizar e visualizar, tanto dende os ordenadores como dende tabletas e móbiles, o material que precise entre máis de 40.000 obxectos educativos en diferentes idiomas, agora daremos un paso máis na estruturación de todo ese material”, explica Vicente Goyanes, responsable de Teltek.

A idea, sinalan Docampo e Goyanos, é “conseguir suavizar o chimpo dos estudantes do instituto á universidade, pois tanto en España como no resto de países de Europa hai cada vez máis problemas para que os alumnos e alumnas que acceden á universidade se poñan ao nivel necesario para poder aproveitar ao máximo o plan docente dun grao”. E engaden: “Pretendemos que ese salto, que xa se constatou que existe, sexa máis doado coa creación dun ecosistema de docencia virtual audiovisual no que traballen xuntos profesores da universidade e de educación secundaria na creación de contidos moi visuais, empregando plataformas de docencia en liña”, explica Goyanes.


Socios centrados nos datos e no software aberto
Dos 18 socios que participan no consorcio, cinco son redes nacionais, que representan ao conxunto dos seus respectivos países (Italia, Portugal, Grecia, Israel, Hungría...); oito son universidades, entre elas a Open University, institución de referencia a nivel mundial no uso das novas tecnoloxías na educación e docencia virtual; está o CERN, Organización Europea para a Investigación Nuclear; e dúas empresas, unha firma alemá de sofware libre, OwnCloud, e Teltek.

02/02/201710:02
Voluntarios de Voluntechies ao final dun obradoiro no Hospital da Paz, en Madrid.
Santiago de Compostela

En busca do mellor proxecto social

  • Unha iniciativa de realidade virtual para hospitais é unha das candidatas ao premio G5 Innova

 

Facer unha viaxe submarina no hospital, enviar un documento oficial desde un pobo perdido de Soria, ou turismo para xente que vai en cadeira de rodas. Dez empresas e ONG son candidatas ao premio G5 Innova, que concede a empresa de xestión de servizos sociais Grupo 5, e cuxo gañador se coñecerá en marzo.

Voluntechies organiza obradoiros de realidade virtual para nenos hospitalizados. Francisco Rojo, fundador da ONG, sinala que os obradoiros “permiten aos máis pequenos esquecerse por un momento de onde están para descubrir as profundidades do océano marítimo, subir a unha montaña rusa ou coñecer as sete marabillas do mundo”, mediante a aplicación de realidade virtual Google Expeditions. Ademais, ensínanlles a montar as súas propias lentes de realidade virtual para que poidan personalizalas “e seguir gozando de moitas máis aventuras durante o resto da súa estancia no hospital”.

Para Rojo, os premios G5 Innova supoñen un gran impulso, posto que permiten dar maior visibilidade ao proxecto. "Obter o premio supoñería unha grande oportunidade, non só polo premio en efectivo [7.000 euros] que nos permitiría escalar o proxecto a nivel nacional, senón pola posibilidade de avanzar na nosa estratexia e lograr achegarnos a un maior número de nenos hospitalizados”, comenta.

En calquera caso, este ano, grazas ao apoio dos seus colaboradores, Fundación Telefónica e Google, o concurso vai chegar a máis colectivos, como discapacitados, persoas da terceira idade ou en risco de exclusión social. Para 2020 teñen o ambicioso obxectivo de chegar a 100.000 persoas.

Das persoas discapacitadas ou con diversidade funcional ocúpase xa outro candidato, Discubre: un marketplace no que poden atopar produtos de ortopedia ou solucións profesionais ou para a vivenda. Así mesmo, Omnirooms é un portal de turismo accesible, dentro de España, dirixido a persoas que van en cadeiras de rodas.

Tamén de turismo, aínda que para todos os públicos, é a aplicación Free Touring, que pon en contacto a turistas con guías profesionais e afeccionados para organizar excursións gratuítas en Madrid.

De Cataluña procede Activitum, aínda en fase de proba, que reúne de forma accesible actividades para escolares fora das aulas, con alto valor pedagóxico, como teatro, museos ou conferencias. De Castela, concretamente de Soria, vén A Exclusiva, un portal que facilita a compra de produtos ou servizos a domicilio aos habitantes de pobos pequenos da provincia. O obxectivo é reducir o despoboamento, ao simplificar o acceso a recursos como alimentos, medicamentos ou a presentación de documentos oficiais.

Dous prefinalistas son aplicacións do ámbito médico. Unha é Donate, que promociona e xestiona a doazón de sangue (citas, chamamentos) cun código QR que unifica os carnés de doante e que pretende solucionar o feito de que non se poida compartir datos de doantes entre os diferentes centros de hemodonación de España. E Insulclock é un dispositivo para diabéticos que se comunica con smartphones e outros aparellos, informando de maneira exacta cando e canta medicación se administrou a persoa.

Ondula é un proxecto de formación e investigación que aborda as novas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) desde un enfoque centrado na persoa e nos grupos. E a Asociación Alma está a desenvolver un dispositivo de solicitude de auxilio para as mulleres que sofren violencia de xénero pero que aínda non denunciaron ou que conviven co seu agresor.

 

En marzo, o gañador

Hoxe mércores culmina a segunda fase do concurso, cun evento no que os 10 prefinalistas se reunen con 10 profesionais de Grupo 5 para que lles asesoren en emprendemento.

A terceira fase culminará o 1 de marzo, coa elección dos tres finalistas por parte dun xurado mixto de Grupo 5 e profesionais independentes.

E, por último, na primeira quincena de marzo darase a coñecer ao gañador, que ademais de 7.000 euros en efectivo, poderá gozar de asesoría ao redor da estratexia, o plan financeiro e a comunicación, a fin de achegarlle a posibles investidores. 

O gañador da edición anterior foi Lazzus, unha aplicación desenvolvida pola startup asturiana Neosentec que guía aos cegos na rúa.

02/02/201709:02
Interface cerebro-ordenador.
Santiago de Compostela

Un interface permite comunicarse a persoas con síndrome de enclaustramento total

  • Aos pacientes que sofren de parálise completa, pero con preservación da conciencia, a cognición e os movementos dos ollos e o parpadeo son clasifícados co síndrome de enclaustramento. Se perden tamén os movementos dos ollos, o trastorno pasa a denominarse como síndrome de enclaustramento total.

 

Unha interface cerebro-ordenador que descifra os pensamentos das persoas que son incapaces de comunicarse podería revolucionar as vidas daqueles que viven coa síndrome de enclaustramento, segundo un novo documento publicado este martes en 'PLOS Biology'. En contra das expectativas, os participantes no estudo dixeron sentirse "felices", a pesar da súa enfermidade.

Aos pacientes que sofren de parálise completa, pero con preservación da conciencia, a cognición e os movementos dos ollos e o parpadeo son clasifícados co síndrome de enclaustramento. Se perden tamén os movementos dos ollos, o trastorno pasa a denominarse como síndrome de enclaustramento total.

Neste traballo, realizado por un equipo multinacional, dirixido polo profesor Niels Birbaumer, do 'Wyss Center for Bio and Neuroengineering', en Xenebra, Suíza, os pacientes con síndrome de enclaustramento completo puideron responder "si" ou "non" ás preguntas faladas, pensando as respostas. Unha interface cerebro-ordenador non invasiva detectou as súas respostas medindo os cambios nos niveis de osíxeno en sangue no cerebro.

Os resultados anulan as teorías anteriores que postulaban que as persoas con síndrome de enclaustramiento completo carecen de pensamento dirixido ás metas necesarias para usar unha interface cerebro-ordenador e, por tanto, son incapaces de comunicarse.

Realizáronse extensas investigacións en catro pacientes con esclerose lateral amiotrófica, tamén coñecida como enfermidade de Lou Gehrig, unha patoloxía progresiva das neuronas motoras que conduce á destrución completa da parte do sistema nervioso responsable do movemento.

Os investigadores fixéronlles preguntas persoais con respostas coñecidas e preguntas abertas que necesitaban respostas de "si" ou "non", como: "¿O nome do seu esposo é Joachim?" e "¿Es feliz?". Desta forma, atoparon que as preguntas suscitaban respostas correctas no 70 por cento dos ensaios.

 

Felicidade, un estado común nos pacientes analizados

O profesor Birbaumer explica: "Os sorprendentes resultados anularon a miña propia teoría de que as persoas con síndrome de enclaustramento completo non son capaces de comunicarse. Atopámonos que os catro pacientes que analizamos puideron responder as preguntas persoais que lles fixemos, utilizando só os seus pensamentos. Se podemos replicar este estudo en máis pacientes, creo que poderiamos restaurar a comunicación útil nos estados de enclaustramento total para as persoas con enfermidades das neuronas motoras".

A pregunta "¿Es feliz?" levou a unha resposta consistente de "si" por parte das catro persoas, repetida ao longo de semanas de cuestionarios. "Ao principio, sorprendéronnos as respostas positivas cando preguntamos aos catro pacientes totalmente enclaustrados acerca da súa calidade de vida. Os catro aceptaran a ventilación artificial para manterse con vida, cando a respiración se volveu imposible; o que supón, dalgunha forma, que elixiran vivir", subliña o profesor Birbaumer.

"O que observamos foi que a condición de que recibisen un coidado satisfactorio no fogar, sentían que a súa calidade de vida era aceptable. Por iso, se puidésemos facer esta técnica amplamente dispoñible clinicamente, podería ter un enorme impacto na vida cotiá das persoas con síndrome de enclaustramento total", expón este investigador. Nun caso, unha familia solicitou que os científicos lle preguntasen a un dos participantes se estaría de acordo en que a súa filla casase co seu noivo 'Mario'. A resposta foi "non" en nove de cada dez veces que se lle expuxo.

O profesor John Donoghue, director do Wyss Center, sinala: "Restaurar a comunicación para os pacientes con síndrome de enclaustramiento total é un primeiro paso crucial no reto de recuperar o movemento. O Wyss Center planea basearse nos resultados deste traballo para desenvolver tecnoloxía clinicamente útil que estará dispoñible para as persoas con parálise resultante da ELA, accidente cerebrovascular ou lesión da medula espinal. A tecnoloxía usada no estudo tamén ten aplicacións máis amplas que cremos que poderían desenvolverse máis para tratar e controlar ás persoas cunha ampla gama de trastornos neurolóxicos".

A interface cerebro-ordenador do estudo utilizou espectroscopia do infravermello próximo combinada con electroencefalografía (EEG) para medir a osixenación do sangue e a actividade eléctrica no cerebro. Mentres que outras interfaces cerebro-ordenador permitiron previamente que algúns pacientes paralizados se comunicaran, a espectroscopia do infravermello próximo é, ata agora, o único enfoque exitoso para restablecer a comunicación con pacientes que sofren de síndrome de enclaustramento total.

02/02/201709:02
Gita.
Santiago de Compostela

¿Un carriño da compra autónomo?

  • Ir á compra con muletas, ata agora, parecía misión case imposible. É só un dos exemplos de accións complicadas coas que Piaggio, o grupo italiano da lendaria marca de motos Vespa, quere acabar.

Piaggio desenvolveu un carriño da compra co que non haberá que cargar, un carriño que deixa libres as mans para outros usos: usar o teléfono, as muletas, o paraugas. Non haberá que empuxalo nin tirar del, xa que nos persegue coa compra no seu interior.

Ir á compra con muletas, ata agora, parecía misión case imposible. É só un dos exemplos de accións complicadas coas que Piaggio, o grupo italiano da lendaria marca de motos Vespa, quere acabar.

Gita, como o denominaron, é un pequeno transporte autónomo de mercadorías que nos aforrará o labor de tirar ou empuxar o carriño. É un robot que mide uns 66 centímetros e utiliza dúas grandes rodas para desprazarse. Na parte superior conta cunha comporta pola que se pode introducir a compra que fagamos. O robot de Piaggio pode cargar ata con 18 quilos e desprazarase grazas a sensores e cámaras incorporados, cunha velocidade máxima de 35 quilómetros por hora.

A marca organizará un evento en Boston o próximo 2 de febreiro onde presentará o robot autónomo con máis detalle. “Pense no diferente que se movería se as súas mans estivesen libres”, explica a marca na páxina do robot.

“Gita é un vehículo de carga intelixente e áxil deseñado coa mesma atención á seguridade, o freado, o equilibrio e a dinámica que vostede esperaría nunha motocicleta de alto rendemento”, engade. Polo momento, para coñecer máis sobre Gita, Piaggio lanzou algúns vídeos e imaxes nos que se pode ver en acción.

1 mes 1 profesión dixital
Campus Madrid de Google

II Hackathon Madrid Change

Os programadores interesados no desenvolvemento colaborativo de software teñen unha cita os próximos días 11 e 12 de febreiro na segunda edición do Hackathon Madrid Change que terá lugar no Campus Madrid de Google.

O evento, enfocado á creación de proxectos tecnolóxicos e innovadores para a súa aplicación na cidade, organizará o traballo en varios equipos de mozos que terán dous días para pensar, prototipar e presentar propostas para Madrid, e farano aplicando metodoloxías creativas como o denominado "Design Sprint".

Cada grupo contará cun deseñador, dous programadores, un emprendedor, un especialista en márketing e un humanista. Cada un dos proxectos valorarase en sesións de debate segundo os criterios de innovación, rendibilidade social para a cidade de Madrid e viabilidade.

02/02/201708:02
Mulleres TIC.
Santiago de Compostela

Estudantes do IES de Brión chegan á final do prestixioso concurso Wisibilízalas

Os nosos centros educativos seguen sumando éxitos en materia de innovación, enxeños e tecnoloxías. Se primeiro se falaba do recoñecemento obtido polo CEIP Laredo (da man da Fundación El Bulli e a Fundación Telefónica), agora é a quenda de salientar os importantes logros obtidos polo IES de Brión, cuxa equipa Brión 2 resultou finalista no concurso Wisibilízalas da Universitat Pompeu-Fabra, xunto con outros tres equipos de colexios e institutos de todo o ámbito estatal. O certame, como o seu propio nome indica, foi convocado co obxectivo de “dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”. O Concello de Brión xa felicitou aos alumnos do IES que conseguiron chegar á final do concurso, cuxa resolución coñecerase o domingo 11 de febreiro na Universitat Pompeu Fabra.

O concurso, máis polo miúdo, consistía na creación dunha páxina web que describise a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito das novas tecnoloxías da información. O equipo brionés, composto por alumnado de TIC de primeiro curso de Bacharelato e de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de cuarto da ESO, achegou dúas propostas: Mulleres tecnolóxicas e Mulleres TIC.

A representante do Concello encargada de felicitar aos estudantes foi a concelleira de Ensino, Yolanda Bouzas, quen tamén parabenizou ao profesorado do IES de Brión, “e non só por este este meritorio premio a nivel nacional, senón pola traxectoria que levan nos últimos meses acadando múltiples galardóns que demostran o gran nivel educativo que ten o noso instituto”. Ao fío disto, lembrou que hai uns días outros alumnos de segundo de Bacharelato foi premiado no concurso Na procura do talento dixital, organizado por Dico Summit 2017.

Mulleres tecnolóxicas é un proxecto colaborativo que busca coñecer e divulgar a mulleres contemporáneas españolas que son un referente nas TIC: Arantza Illarramendi Echave, Amparo Alonso Betanzos, Asunción Gómez Pérez, Lucía Chávarri Padilla, Marta Ibáñez Nobell e Nuria Oliver.

Pola súa banda, Mulleres TIC recolle as figuras de Belén Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri.

Segundo nos lembra o Concello de Brión, ámbalas páxinas son o produto dun proxecto interdisciplinar con alumnado de diferentes niveis que “pretende visualizar ás mulleres nas TIC”, enmarcado no programa Rapazas emprendedoras nas TIC do Plan Proxecta.

Canda o IES de Brión, tamén foron seleccionados como finalistas os equipos Alceda people, do IES Vega de Torzanzo (Alceda - Cantabria); Wisibigors, do IES Gorgs (Cerdanyola del Vallés – Barcelona); e MaristasAlicante2, do Sagrado Corazón HH. Maristas (Alacante). O vindeiro 11 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia, terá lugar a entrega de premios na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.

02/02/201708:02
Pantallazo da aplicación.
Santiago de Compostela

Os centros educativos achegarán unha ferramenta móbil para facilitar a admisión de escolares

Cultura e Educación avanzou onte detalles da ferramenta móbil específica para os nosos centros educativos sostidos con fondos públicos e orientada a permitir e facilitar o procedemento de admisión de alumnado. A través dela, as nais e pais que o desexen poderán cumprimentar e presentar as solicitudes para escolarizar aos seus fillos e fillas. Con esta aplicación, o departamento da Xunta quere garantir “o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial”. A nova orde pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de onte.

O obxectivo desta nova ferramenta é “facilitar o procedemento de admisión tanto ás familias como aos centros de ensino”, e abranguendo xa o proceso ordinario que se inicia o 1 de marzo para o vindeiro curso.

Nun plano máis concreto, Admisionalumnado, que é o nome da ferramenta, vai posibilitar que as familias cubran a solicitude e marquen os criterios do baremo que queiran que lles valoren. Por outra banda, poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor asinante.

A aplicación atinxiría a familias con nenas e nenos en Educación Infantil, Primaria, Ensinanza Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.

No que respecta ás vantaxes para os centros de ensino, estes poderán xestionar e tramitar as solicitudes directamente a través da aplicación, “o que suporá simplificar a xestión administrativa que teñen que desenvolver no proceso”, sinala Educación.

02/02/201707:02
Móbil con apps de mensaxería.
Santiago de Compostela

As aplicacións de mensaxería adquiren unha importancia vital nas crises humanitarias

  • As aplicacións de mensaxería adquiriron unha importancia vital en situacións de crise humanitaria e na capacidade das organizacións de axuda de traballar de maneira máis rápida e eficiente, segundo un estudo presentado hoxe polo Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR).

A utilización destas novas maneiras de comunicar está tan estendida -2.500 millóns de usuarios a nivel mundial actualmente e 3.600 millóns proxectados en 2018- que deben formar parte da estratexia das operacións humanitarias, segundo a primeira investigación que se realiza a este respecto.

As aplicacións de mensaxería son numerosas, aínda que a maioría delas tende a dominar nun grupo de países.

WhatsApp e o servizo de mensaxería de Facebook son os máis universais, con usuarios en todas as rexións do mundo e en distintas categorías de público.

A seguridade é un factor fundamental á hora de elixir unha aplicación de mensaxería e por esta razón moitas delas son utilizadas nun número limitado de países onde os cidadáns temen a vixilancia dos aparellos de seguridade.

A aplicación Telegram, lanzada en 2013, foi a primeira que ofreceu encriptado de extremo a extremo, o que significa que o contido da mensaxe só pode ser visto polo remitente e o receptor da mensaxe, e non pode ser desencriptado nin sequera pola compañía.

Isto explica que sexa unha aplicación amplamente utilizada en países que reprimen a disidencia e en 2016 superou os cen millóns de usuarios activos.

Viber emulou logo os parámetros de seguridade que ofrecía Telegram, segundo menciona o informe do CICR.

Con todo, son Whatsapp e a mensaxería de Facebook as máis utilizadas, con 1.000 millóns de usuarios cada unha, seguidas de Wechat (800 millóns), Skype (300 millóns), Viber (250), Snapchat (250 millóns) e Line (218 millóns).

Despois dun desastre natural, as aplicacións de mensaxería serven esencialmente para contactar familiares e amigos, ter información precisa sobre a situación e transmitir as necesidades máis urxentes.

Con respecto aos recursos necesarios para ter un teléfono con conexión a internet, o estudo indica que grupos como os refuxiados sirios consideran que o pago para acceder a internet é prioritario.

Así mesmo, estiman que o custo de utilizar as aplicacións de mensaxería é menor con respecto ás tradicionais mensaxes de texto.

O CICR, que colaborou para esta investigación coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados e a Oficina de Axuda Humanitaria da ONU, entre outras entidades, sinalou que algunhas organizacións provén acceso gratuítos a redes Wi-Fi en campamentos cun gran número de refuxiados.

Noutros casos, ofrécense paquetes de datos a prezos reducidos, indica o informe.

Entre os usos que os refuxiados en xeral dan ás aplicacións de mensaxería están a procura de información sobre o país ao que se dirixen, a verificación de rumores sobre o que sucede nas rutas que pensan seguir e o acceso a servizos de rescate durante a súa travesía.

Algúns sérvense delas para contactar aos traficantes, así como para comunicar ás súas familias sobre a súa situación.

01/02/201709:02
Informe 'Technology Vision 2017' de Accenture.
Santiago de Compostela

Tecnoloxía deseñada ‘por e para persoas'

  • Baixo o epígrafe 'Tecnoloxía para as persoas', o estudo é unha chamada de atención aos directivos para que deseñen e poñan en marcha tecnoloxías que amplíen e melloren as capacidades humanas. Un novo concepto, 'das persoas, para as persoas', que se anticipa ás necesidades e ofrece experiencias híper-personalizadas.

 

As persoas teñen o poder de deseñar, acceder e usar a tecnoloxía para xerar cambios, mellorar vidas e transformar a sociedade e os negocios e, neste sentido, o informe 'Technology Vision 2017' de Accenture define as tendencias tecnolóxicas máis relevantes que se aplicarán durante o próximos tres anos.

Baixo o epígrafe 'Tecnoloxía para as persoas', o estudo é unha chamada de atención aos directivos para que deseñen e poñan en marcha tecnoloxías que amplíen e melloren as capacidades humanas. Un novo concepto, 'das persoas, para as persoas', que se anticipa ás necesidades e ofrece experiencias híper-personalizadas.

"O ritmo do cambio tecnolóxico é vertixinoso desde que xurdiu Internet hai 30 anos", comenta o Managing Director de Accenture Technology, Adán Plaza. "A medida que a tecnoloxía transforma o noso modo de vivir e traballar vai expondo importantes retos sociais e novas oportunidades", engade.

Plaza, así mesmo, defende que "son as persoas as que teñen o poder de xerar os cambios e, por tanto, somos os directivos os que debemos asegurar que as novas tecnoloxías impacten positivamente na sociedade".

O estudo detalla como o ser humano pode deseñar unha tecnoloxía capaz de aprender a pensar como unha persoa e adaptarse constantemente aos seus gustos e necesidades, grazas aos avances en intelixencia artificial, o Internet das Cousas, Big Data e Analytics.

'Technology Vision 2017', que inclúe a opinión de máis de 5.400 directivos de TI e de negocio de 31 países (España incluída), revela que o 86 por cento deles cren que é o efecto multiplicador das tecnoloxías o que está a xerar a maior innovación.

 

As cinco tendencias emerxentes

O informe de Accenture 'Technology Vision 2017' identifica as cinco tendencias emerxentes, a día de hoxe esenciais para o éxito de calquera negocio na economía dixital. En primeiro lugar está a intelixencia artificial (IA), que "está a piques de converterse no portavoz dixital da empresa". Máis aló de ser unha ferramenta interna, a IA está a adoptar roles máis sofisticados no campo das interaccións tecnolóxicas.

Desde Accenture entenden que actuará como o rostro da marca dixital da empresa e pasará a ser unha competencia clave que requirirá investimento e un enfoque estratéxico. O 79% dos enquisados están de acordo en que a IA revolucionará a forma de obter información derivada da interacción cos consumidores.

Outra das tendencias é a dos ecosistemas como Macrocosmos. As empresas que ofrecen un único punto de acceso a múltiples servizos romperon as regras de como operar e competir. As empresas non só necesitan unha estratexia de plataformas, necesitan --como explican desde Accenture-- un ecosistema amplo e sólido para operar nesta nova era da intelixencia. Para o 27 por cento os ecosistemas dixitais están a transformar o modo no que as súas empresas achegan valor engadido.

Un deseño máis humano. O deseño das tecnoloxías é realizado por e para as persoas. A tecnoloxía adáptase aos comportamentos e aprende das persoas para mellorar as súas vidas e facelas máis fáciles. O 80 por cento cre que as organizacións necesitan entender non só onde se atopa a xente hoxe, senón onde quere estar, co fin de adaptar a tecnoloxía e conseguir os resultados desexados.

En cuarto lugar sitúanse os mercados de talento. O futuro do traballo xa está aquí e as organizacións están reinventando o seu persoal. As novas plataformas e as solucións online para a xestión da forza de traballo, están a substituír os antigos modelos por mercados abertos de talento. O 85% ten planeado aumentar o número de traballadores freelance (e 'crowdsourcing') nas súas empresas durante o próximo ano.

Por último, Accenture alude a "o inexplorado". "Inventa novos sectores, fixa novos estándares", sinala o informe. As empresas hoxe en día están a crear novos produtos e servizos e configurando novos sectores dixitais. Aquelas que tomen a iniciativa atoparán un lugar no centro do seu novo ecosistema, mentres que as que non o fagan quedarán atrasadas. De feito, o 74 por cento afirma que a súa empresa está a entrar en novas industrias dixitais sen que aínda estean definidas nin reguladas.

Para Accenture, CVS Health é un claro exemplo dunha compañía que estableceu un enfoque centrado nas persoas, neste caso, para mellorar a asistencia médica. A súa aplicación móbil ofrece aos pacientes recordatorios personalizados para tomar a medicación, fotos das súas receitas para facilitar as reposicións, e os seus cartóns médicos escaneadas para almacenar a información actualizada.

Nunha industria asociada a interaccións impersoais e a longos tempos de espera, empresas como CVS Health facilitan aos pacientes a xestión da súa asistencia médica persoal e, ao mesmo tempo, establece relacións máis próximas entre o médico e o paciente.

01/02/201709:02
Logo Activage Project.
Santiago de Compostela

Proxecto ACTIVAGE: 49 socios, 10.000 usuarios, 7 países e 3 anos e medio para pilotar Internet das Cousas

  • TECSOS xunto coa Cruz Vermella, a Fundación Vodafone, Televés e o Servizo Galego de Saúde colaboran nun piloto na área de Galicia con 700 usuarios validando a integración e interoperabilidade dun servizo de teleasistencia avanzada.

A Fundación Tecnoloxías Sociais, TECSOS, participou no Kick off meeting do proxecto europeo ACTIVAGE no que participará durante os próximos 3 anos e medio, esta iniciativa involucra a máis de 50 socios de diferentes países europeos tanto do ámbito industrial, como da investigación, así como organizacións sociais e entidades e administracións públicas.

O labor de TECSOS xunto coa Cruz Vermella, a Fundación Vodafone, Televés e o Servizo Galego de Saúde será a posta en marcha dun piloto na área de Galicia no que participarán 700 usuarios contribuíndo á validación, integración e interoperabilidade dun servizo de teleasistencia avanzada.

A Comisión Europea presentou en Madrid a posta en marcha do Proxecto ACTIVAGE, proxecto que pretende facer fronte ao reto do envellecemento da poboación a través de solucións que implican o uso da Internet das Cousas, un concepto baseado na interconexión dixital que, neste caso, permitirá achegar autonomia ás persoas de idade avanzada e ter unha vida social activa, así como reducir o impacto negativo dos trastornos crónicos e a dexeneración.

O Proxecto ACTIVAGE conta co apoio de 49 organizacións, 10 delas industriais, 14 institutos ou universidades de investigación líderes, 11 grandes corporacións e 15 pequenas e medianas empresas altamente innovadoras, coordinada por Medtronic Ibérica baixo o auspicio da Comisión Europea. Segundo o coordinador desta iniciativa, German Gutiérrez, a Comisión conta cun gran equipo de expertos dedicados aos programas de innovación no marco do programa H2020. "As liñas de I + D + i que son de interese desde unha perspectiva común europea global que involucra activamente a un gran número de actores externos foron claramente definidas. A este respecto, para a Comisión e para ACTIVAGE, a colaboración entre estas partes interesadas é fundamental para alcanzar os obxectivos previstos ".

Como explica Gutiérrez, trátase dun proxecto a gran escala que levará a cabo no próximos tres anos e medio: "Participarán activamente preto de 10.000 persoas maiores en sete países da Unión Europea, realizando unha serie de servizos baseados na internet de Cousas (IoT), co fin de promover a prestación de servizos para lograr un envellecemento activo e saudable ". O proxecto lévase a cabo en Madrid, Galicia, Valencia, Emilia-Romagna (Italia), Grecia: Attica, Grecia central e Macedonia, Grenoble (Francia), Woquaz (Alemaña), Cidades de Espoo, Tampere e Turku.

Na opinión do Coordinador Asociado e Xerente de Negocios deste proxecto, Sergio Guillén, ACTIVAGE ten un enorme potencial en diferentes ámbitos: "Trátase dun proxecto de innovación dirixido a crear e achegar probas baseadas en indicadores de calidade sobre o impacto positivo que a IOT ten para mellorar a calidade de vida, a saúde, o benestar e a independencia das persoas de idade avanzada, ademas de achegar sustentabilidade aos sistemas de saúde e servizos sociais nos países da Unión Europea". Guillén sinala que esta iniciativa tamén ten unha incidencia directa na competitividade da industria e na creación de emprego, especialmente nas pequenas e medianas empresas tecnolóxicas europeas, xa que creará un espazo propicio para o desenvolvemento de novos produtos e servizos nun mercado composto por 90 millóns de persoas.

"Este proxecto consta das tres fases piloto que farán posible a recollida de evidencias técnicas e científicas que confirmen as hipóteses e mostren os axustes nos que se deben realizar os enfoques iniciais, convertelos nun punto de referencia para os demais países da Unión", asegura o Coordinador Asociado e Director Comercial, que destaca o carácter europeo desta iniciativa: "ACTIVAGE é un aspecto importante na realización da estratexia de dixitalización da industria europea e o desenvolvemento sustentable de tecnoloxías IoT fiables, seguras e interoperables que garantan a privacidade e os dereitos dos cidadáns.

Os países occidentais e Europa en particular experimentaron un incremento de idade nas súas poboacións debido á esperanza de vida máis longa e a baixa taxa de natalidade no continente europeo, un fenómeno que se espera que se acelere nos últimos anos. Esta tendencia é motivo de preocupación, en particular no caso de España, onde hai máis do dobre de persoas maiores de 50 anos (17,9 millóns de persoas) que menores de 18 anos (8,7 millóns), polo que é necesario atopar solucións que permitan potenciar o empoderamento das persoas de idade avanzada e aumentar a súa independencia. "As enfermidades mortais no pasado convertéronse, afortunadamente, en trastornos meramente crónicos, o que leva á xente para involucrarse no coidado da saúde sen que esta atención leve a cabo exclusivamente en hospitais. "A industria debe ser consciente destes cambios incorporando progresivamente máis solucións orientadas ao fogar nas súas propostas clínicas".

Máis información: www.activageproject.eu

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS