main content

main content
06/07/201709:07
Presentación do novo plan de formación celebrada este 5 de xuño na Cidade da Cultura.
Santiago de Compostela

O profesorado galego terá máis formación dixital

Dun tempo a esta parte as entidades ligadas ao dixital e ao educativo (institucións públicas, asociacións profesionais e mesmo empresas) están a intensificar o labor formativo TIC entre as novas xeracións. Este traballo quérese (e débese) prolongar e optimizar cunha estratexia docente análoga e complementaria entre o profesorado. En base a isto, a Consellería de Cultura e Educación vén de elaborar un Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18 especialmente centrado na educación TIC. A intención é “dar resposta aos novos retos e oportunidades que se propoñen no sistema educativo galego”. Isto compleméntase coa futura Estratexia galega de educación dixital 2020. 

Que implica todo isto? Pois, entre outras cousas, que se introducen as iniciativas formativas no ámbito STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), vinculadas ás materias de libre configuración autonómica como Programación, Robótica ou Identidade dixital, esta última de nova implantación o curso que vén. 

Ademais destas liñas de acción específicas, o Plan fará fincapé na formación en igualdade, convivencia e inclusión coa “intención de que todo o profesorado teña a oportunidade dunha formación básica e actualización nestas materias”. Ademais, traballarase no desenvolvemento das Escolas de nais e pais(entendidas como “unha ferramenta esencial para favorecer a participación das familias na educación”).

Segundo a Consellería, o Plan anual funcionará como “unha folla de ruta para todos os docentes galegos que queiran ampliar a súa formación continua, partindo da base de que todo o que se faga por mellorar a formación dos nosos profesores repercute directamente no alumnado e, en consecuencia, na sociedade en xeral”.

06/07/201708:07
Anel lector creado polo MIT Media Laboratory.
Santiago de Compostela

As innovacións máis prometedoras para persoas con discapacidade

  • Que apps, dispositivos e novos avances poden axudar a reducir a dependencia e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade?

 

En España viven 2,5 millóns de persoas con discapacidade, un colectivo que enfronta a diario numerosas barreiras sociais e técnicas que lles impiden levar unha vida normal. Trabas que, grazas á tecnoloxía e a innovación, poden ser superadas ou, canto menos, minimizadas en gran parte.

E é que, non debemos esquecer que as persoas con discapacidade tamén son grandes consumidoras das Tecnoloxías da Información, como o resto da sociedade. Non en balde, segundo un estudo de Cocemfe xunto á Fundación Vodafone, oito de cada dez españois con discapacidade conta cun teléfono móbil, mentres que o 75% deles dispón dun computador con acceso a Internet. De entre todos eles, o 17% xa utiliza algún avance tecnolóxico (en forma de dispositivo, wearable ou app) como apoio no seu día a día.

Pero, cales son esas innovacións que poden axudar ás persoas con discapacidade a equiparar a súa calidade de vida á do resto de cidadáns? Facemos un breve repaso por algunhas das tecnoloxías máis destacadas nesta liña, específicas para persoas con discapacidade visual, auditiva ou mobilidade reducida.

Discapacidade visual

As persoas con discapacidade visual son un dos colectivos que máis beneficios poden obter no seu día a día grazas aos avances tecnolóxicos aos que estamos a asistir. Por exemplo, grazas a aplicacións móbiles como KNFB Readeras persoas con problemas de visión ou que carecen dela poden saber o que pon en calquera documento impreso con tan só sacarlle unha fotografía. O sistema é capaz de recoñecer os textos que nel se incluan, léndoos en voz alta.  A mesma función desempeñaa Tap Tap See, aínda que neste caso o obxectivo das imaxes sexa recoñecer a contorna en que nos atopamos, identificando todos os obxectos dunha habitación ou a cor da roupa que nos imos a poñer.

Máis sofisticado é o anel lector creado polo MIT Media Laboratory, un dispositivo que vai conectado a un PC e que, colocado nun dos nosos dedos, permite ás persoas con discapacidade visual ‘ler' en voz alta o texto dun libro calquera mentres se vai percorrendo cada liña co dedo. O anel vai equipado ademais cun sistema de vibración que alerta ao usuario cando se vaia a desviar da ruta marcada.

Seguindo cos ‘gadgets' máis rompedores atopámonos con eSight, unhas lentes intelixentes que prometen axudar a persoas con visibilidade reducida a paliar os puntos cegos que poidan ter. Fano grazas a varias cámaras capaces de ampliar a visión periférica do suxeito e que poden controlarse e personalizarse por medio da voz.

E, por suposto, non podemos esquecer un clásico xa moi estendido entre a comunidade de persoas con discapacidade: Google TalkbackA app de Google, incorporada en moitos smartphones Android e totalmente gratuíta, permítenos traducir a voz todo o que se mostra na pantalla do móbil, desde os comandos de cada app a noticias, artigos ou os comentarios en redes sociais.

Discapacidade auditiva

Para as persoas con discapacidade auditiva, a tecnoloxía tamén nos ten resgardados importantes avances en favor dunha integración máis sinxela co resto da sociedade. Por exemplo, AVA é unha app que permite transcribir en tempo real unha conversación grupal para que as persoas con problemas auditivos poidan saber todo o que se está comentando sen necesidade de ler os beizos, empregar linguaxe de signos ou contratar un intérprete humano. O sistema converte o micrófono do smartphone nunha entrada de audio distribuída coa que podemos ver, en forma de burbullas, o que cada interlocutor está a dicir en tempo real.

Do mesmo xeito que vimos no caso das persoas con problemas visuais, tamén existe unha app que posibilita que os suxeitos con discapacidade auditiva poidan recibir notificacións sobre os sons que se están producindo, como unha alarma de incendios ou unha canción que comeza a soar. Misión que cumpre con nota a app MyEarDroid, entre outras moitas.

E para aquelas persoas que non perderon por completo a súa capacidade auditiva, no mercado existen numerosas opcións para adecuar o volume e intensidade desexada por cada usuario. Por exemplo, Usound ofrece unha ampla variedade de opcións de configuración para terminais Android e iOS, que expanden as funcionalidades que xa permite modificar o propio sistema operativo. De feito, esta app pode converterse mesmo nun ‘audífono' improvisado, incrementando o volume das conversacións que manteñamos para poder percibilas mellor cuns cascos convencionais.

Mobilidade reducida

No ámbito da mobilidade reducida é, quizais, onde estamos a ver avances máis e máis futuristas pero aínda inalcanzables para o usuario medio. Desde experimentos cos que oito pacientes parapléxicos conseguiron volver mover as súas extremidades grazas aos adestramentos con exoesqueletos robóticos e coa realidade virtual, ata innovadores exoesqueletos lixeiros para reducir o esforzo ao camiñar e previr os problemas de mobilidade, como os que están a desenvolver na Universidade de Harvard.

No campo das apps, tamén atopamos algunha proposta interesante para suxeitos con problemas de mobilidade, como Limbikaunha ferramenta que facilita o uso do smartphone a persoas que non poden manexalo con comodidade, mediante un sistema de activación por toques que substitúe á usabilidade habitual do terminal.

06/07/201708:07
Manuel Meijide con Tadeo Jones.
A Coruña

Mundos Digitales 2017

A Coruña acollerá un ano máis, a décimo sexta edición de Mundos Digitales, o congreso internacional de animación, efectos visuais, realidade virtual, videoxogos e arquitectura dixital que se converteu nun referente do sector internacional da creación de contidos dixitais.

En canto a presenza internacional e como conferencia plenaria, Walt Disney Animation, da man do seu director tecnolóxico Rajesh Sharma, abrirá un potente programa de relatorios que combinará as grandes superproduccións de Hollywood e as producións estatais de referencia durante o tres días que farán de Coruña na capital europea da creación dixital. Os responsables dos efectos visuais de producións como Guardianes de la Galaxia II, Rogue One: Una historia de Star Wars ou Juego de Tronos, contarán de primeira man as últimas tecnoloxías utilizadas nestas producións.

Cómpre salientar, así mesmo, que a nova produción de Lightbox Entertainment, Tadeo Jones 2, ademais de presentala en primicia da man dos seus directores, será a imaxe do festival para a edición deste ano.

Outra das actividades máis destacadas no congreso será a Feira de Emprego. Na nosa opinión, está claro que en Mundos Digitales créase o ambiente perfecto para pór en contacto a estudantes e profesionais do sector da animación e os efectos especiais con empresas que buscan talento. Por iso, esta nova edición da feira reunirá a máis de 20 compañías dispostas a identificar talento e incorporalo ás súas producións, converténdoa na segunda de referencia do sector a nivel europeo. Coas novas tecnoloxías e as interfaces que dispomos na actualidade, o mundo visual da arquitectura, a enxeñaría ou o deseño convértense en atractivos eidos cheos de posibilidades para os desenvolvementos baseados en realidade virtual. Por iso, a partir deste ano, outra das novidades que terá o congreso é a sección Out of the Box: industry + design, unha xornada onde compartir os límites da visualización a través de novas aplicacións para tecnoloxías que, aínda que xa nos resultan familiares (imaxe fotogramétrica, dispositivos wearables, imaxe xerada con drones, sistemas lidar) adoitan ser empregadas en áreas como o patrimonio, a seguridade ou as montaxes audiovisuais... Queremos mostrar que estas tecnoloxías tamén son de aplicación noutras áreas que inicialmente parecen moito máis afastadas como por exemplo o salvamento marítimo, o comercio electrónico ou a xestión intelixente de edificios.

Prácticas de vangarda, novos modelos de negocio e innovación tecnolóxica daranse cita nesta nova actividade do Congreso Internacional Mundos Digitales. Desde a organización cremos firmemente que en Galicia existe unha cultura dixital crecente e unha forte potencialidade de desenvolvemento de novos medios con moitas potencialidades na Industria 4.0. Os profesionais e empresas galegas, así como as nacionais destes sectores, teñen unha gran cultura innovadora, converténdoos nunha industria forte, que ten como referencia ao evento á hora de desenvolver proxectos e orientar as súas producións da man das tendencias máis actuais para, deste xeito, poder ser máis innovadoras e encarar con solvencia o camiño cara á competitividade e a internacionalización. Unha chea de actividades como os Obradoiros Avanzados, o Festival Internacional de Curtas de Animación, o Innovation HUB, os School Leads, ou mesmo os obradoiros infantís, completan esta oferta de actividades coas que A Coruña converterase, un ano máis, na capital europea dos contidos dixitais para este verán.

06/07/201708:07
Alberto Lema - Concello da Coruña.
A Coruña

A Coruña apoiará o emprendemento social, igualitario, sustentable e TIC

O Concello da Coruña deu a coñecer este mércores o seu programa para incentivar e apoiar a posta en marcha de novas iniciativas de mercado. Trátase do programa Emprendemento Coruña, un marco de actividades común para todo o que se faga dende a cidade “a prol do estímulo e máis a promoción da actividade empresarial”. A iniciativa foi dada a coñecer polo concelleiro Alberto Lema, quen avanzou unha serie de detalles de interese sobre a mesma. Por exemplo, que se crearán espazos para o traballo en conxunto de firmas vencelladas a un mesmo sector, que haberá asesoramento e formación e axudas, e que se fará fincapé na importancia de crear firmas innovadoras, sustentables e de cariz social. Máis adiante, contémplanse esforzos complementarios para o pulo de empresas de mulleres, TIC ou de artesanías. 

Para fortalecer todo isto celebraranse os días vindeiros, no viveiro Accede Papagaio, as Xornadas Impacta (esta fin de semana, o 7 e 8 de xullo, xirando arredor do emprendemendo con impacto social e economía colaborativa), as Xornadas Creactiva (o 15 e o 16 de setembro, tendo como alicerce a economía creativa, a industria cultural e os contidos dixitais) e as Xornadas Greenweekend (do 20 ao 22 de outubro, sendo o seu fío temático a economía verde). Estes bloques de traballo, que se organizan desde a concellería de Emprego e Economía Social que dirixe Alberto Lema, terán seguimento en anos vindeiros e veranse enriquecidos con outras perspectivas e enfoques, en palabras de Lema “cruciais para a nova economía, como é a das mulleres emprendedoras, a chamada economía azul (vinculada ao mar), a economía da información e as novas tecnoloxías da información (TIC), o Turismo Verde ou as artesanías. 

Ao abeiro do programa Emprendemento Coruña, Lema deu conta tamén das axudas existentes para potenciar aqueles proxectos da economía social ou cooperativas que “coa súa actividade promovan a competitividade da economía local a través da innovación e o uso das tecnoloxías”, que teñan “en conta na súa xestión criterios de igualdade e de conciliación e que contribúan ao desenvolvemento dun modelo económico respectuoso co medio ambiente”. Inclúense nelas axudas a entidades asociativas empresariais sen ánimo de lucro para proxectos de promoción económica relacionadas coa innovación, a internacionalización e a economía social, cun máximo de 15.000 euros por proxecto, e as axudas a persoas emprendedoras para a creación de cooperativas e empresas (ata 5.000 euros por proxecto). O concelleiro lembrou que o Executivo local ten abertos dous viveiros de empresas, o de Agrela, cunha ocupación aproximada do 90%, e Accede Papagaio, que anda a rentes do 50%, “cifras bastante satisfactorias á vista da súa escala”, comentou. 

Xornadas Impacta 
Esta mesma fin de semana celebraranse no centro Accede Papagaio as Xornadas Impacta, sobre emprendemento con impacto social e economía colaborativa, e que está organizada por Impacta Hub, rede global de profesionais e empresas enfocada a proxectos con impacto positivo a nivel social e ambiental. O programa ábrese o venres, ás 16.30 horas, co foro sobre emprendemento con impacto e economía colaborativa, mentres que o sábado, desde as 10.00 horas e durante todo o día, terá lugar o obradoiro Impactamos Coruña: como transformar retos sociais en oportunidades.

05/07/201711:07
Logo Fundación ONCE - Inserta.
Santiago de Compostela

A Fundación ONCE e Inserta Emprego celebran en Santiago unha xornada sobre a xestión estratéxica do talento diverso

A Fundación ONCE e Inserta Emprego celebrarán mañá en Santiago de Compostela unha xornada do Foro Inserta Responsable co título 'Retos na xestión estratéxica do talentos diverso: novos proxectos de traballo en rede', no salón do Reitorado do Colexio de San Xerome da Universidade de Santiago.

A inauguración da xornada correrá a cargo da secretaria xeral da Universidade de Santiago, Consuelo Ferreiro; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antón Arias; o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e a directora xeral de Inserta Emprego, Virginia Carcedo.

A xornada será clausurada polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, polo alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e polo vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán.

O Foro Inserta Responsable está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e é unha plataforma de traballo en rede e innovación social que posibilita compartir prácticas, ferramentas e experiencias que favorezan o eficaz desenvolvemento das políticas de inserción laboral de talento con discapacidade e RSE e Diversidade. Forman parte do Foro Inserta Responsable máis de 90 empresas e entidades líderes nos seus sectores.

05/07/201710:07
Logo Discubre.
Mallorca

Unha app de produtos de discapacidade de segunda man

Unha startup mallorquina dirixida a persoas con discapacidade e persoas maiores. Iso é Discubre, unha compañía que se compón de dúas partes: plataforma e app. E aquí hai que facer distinción porque cada unha funciona dunha forma distinta. A plataforma é un marketplace de produtos e servizos, é unha mestura de Amazon e Habitissimo pero cunha temática: a discapacidade.

Deste xeito, a plataforma facilita produtos novos e servizos. Pero a aplicación móbil funciona como un mercado de segunda man, unha especie de Wallapop ou Vibbo pero de produtos de discapacidade. Por tanto, na app os usuarios poden comprar, vender, intercambiar ou doar produtos de segunda man.

Aínda que a plataforma de Discubre xa ten moita experiencia ás súas costas, a app é unha idea nova. O seu lanzamento está previsto para este verán e centrarase sobre todo no ámbito nacional.

E aínda que a app como tal aínda ten moito percorrido por diante, Discubre xa mira ao futuro: a súa idea é aproveitar a interacción do usuario para outros usos relacionados coa discapacidade, como as cadeiras de rodas intelixentes, tal e como nos conta o CEO da startup, Xavier Mesalles.

05/07/201709:07
Imaxe dun tren nunha estación.
Santiago de Compostela

App&Town axuda a persoas con discapacidade cognitiva a moverse de forma autónoma pola cidade

  • A aplicación App&Town, desenvolvida pola compañía Mass Factory, busca axudar a persoas con discapacidade cognitiva a moverse de forma autónoma en transporte público

 

Este programa serve como compañía para os usuarios e vainos guiando paso por paso para chegar ao seu destino.

A aplicación permite que os asistentes e familiares poidan coñecer en tempo real a localización do usuario e sempre está dispoñible un botón de axuda no caso de que a persoa con discapacidade cognitiva o necesite.

Así mesmo, App&Town personaliza as rutas ás capacidades do usuario e mantén unha monitoraxe constante do sistema, da batería, do funcionamento do GPS ou se o usuario se see da súa ruta.

Ademais, a aplicación é accesible para persoas con outras discapacidades, xa que se pode usar con texto e imaxes, só con instrucións sonoras ou só con imaxes.

A aplicación é gratuíta e está dispoñible tanto en Android como en iTunes. Por agora está configurada coas redes de transporte público de Barcelona, coa EMT de Madrid e coa Société de Transport da cidade canadense de Laval.

05/07/201709:07
Un neno utilizando un smartphone.
Madrid

A Fundación Orange impulsará un proxecto para que persoas con TEA aprendan programación

  • A Fundación Orange deu a coñecer os proxectos que impulsará no seu programa de apoio a iniciativas tecnolóxicas para as persoas con TEA que nesta edición dirixiranse a facilitar a aprendizaxe de linguaxes de programación e o tratamento de fobias

Por unha banda, a fundación impulsará Blue Thinking, unha proposta da Universidade Rey Juan Carlos e a Asociación Alenta para desenvolver unha aplicación accesible cognitivamente que permita á persoa con TEA aprender programación á vez que exercita e fortalece as súas funcións executivas.

A aplicación estará destinada a nenos e adolescentes entre 6 e 16 anos que teñan TEA ou non, de maneira que pode formar parte dun recurso inclusivo en escolas e institutos.

O segundo proxecto denomínase Lancelot e foi presentado pola U-TAD e pola Asociación Pauta, e propón unha solución para a intervención e tratamento de fobias en persoas con autismo combinando a realidade virtual e sensores de biofeedback.

05/07/201709:07
Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A XXII Noite Galega das Telecomunicacións xirará arredor da ciberseguridade

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) teñen estes días unha serie de novidades entre mans. Por unha banda, a asociación está a festexar este ano o seu 25 aniversario e o colexio o seu medio século de vida, con todo o que de especial significado ten esta celebración (décadas e máis décadas de intenso traballo a prol do desenvolvemento das comunicacións avanzadas na nosa terra). Pola outra, está a preparar os detalles da que será unha das grandes xuntanzas da tempada, xa non só do ámbito TIC, senón de todo o conxunto de “ámbitos” da nosa terra: a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.

Segundo nos recorda o novo director da AETG, Julio Sánchez Agrelo, a nova edición da gala xirará arredor da ciberseguridade. Ademais, como de costume, virá acompañada da entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións, cos que se recoñecen os proxectos e as persoas que traballan neles, pola súa contribución á sociedade a traveso das TIC.

A Noite Galega deste ano celebrarase o día 29 de setembro contando coa ciberseguridade como fío temático principal. Segundo nos contou recentemente o director da AETG, “escolleuse esta temática para analizar os diferentes factores que inflúen no afianzamento da utilización do espazo dixital de forma segura”. Estarán presentes neste foro todos os axentes implicados en ciberseguridade, tanto do ámbito privado como do público, para tomar consciencia da importancia do ciberespazo e a seguridade do mesmo no desenvolvemento económico e social.

Polo que respecta aos Premios Galicia das Telecomunicacións, divídense en tres categorías: 

  • A primeira é Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector 2017, convocado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e patrocinado pola Fundación Gerardo García Campos e dotado con 6.000 euros. Trátase dunha iniciativa que premia aqueles proxectos empresariais emerxentes no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) que representen unha innovación, coa finalidade de darlles un impulso económico, empresarial e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina. 
  • A segunda modalidade, convocada pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, é o Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2017. Coa concesión desta distinción patrocinada pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e dotada con 1.500 euros, preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC. 
  • Polo que respecta á terceira categoría, convocada tamén pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, trátase do Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2017, achegado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia. Este galardón de carácter honorífico, pretende recoñecer os mellores proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación que contribúan e aporten beneficios á sociedade. 

Segundo lembra o COETG-AETG, toda a información sobre as convocatorias dos premios está dispoñible na web corporativa www.aetg.gal.

04/07/201711:07
Persoas maiores.
Vigo

Conjupes e o Imserso abren o debate sobre as estratexias de envellecemento

  • Esta xornada, á que acudiron máis de 150 persoas, enmárcase dentro das accións desenvolvidas por esta entidade dentro do seu Plan de Formación en Servizos Sociais do Imserso

A cidade galega de Vigo volveu situarse, unha vez máis, como anfitrioa no eixo do debate sobre a atención e necesidades das persoas maiores. Este foi o lugar escollido pola Confederación Nacional de Xubilados e Pensionistas de España (Conjupes) para organizar, xunto ao Imserso, a Xornada “Estratexias de Envellecemento Activo”.

Como expoñía o xefe de Área de Formación e Comunicación do Imserso, Jorge Domínguez, na presentación deste encontro, “trátase da primeira de próximas colaboracións futuras que haberá, seguro, entre Conjupes e o Imserso”. Esta xornada, á que acudiron máis de 150 persoas, enmárcase dentro das accións desenvolvidas por esta entidade dentro do seu Plan de Formación en Servizos Sociais.

Pola súa banda, o vicepresidente da confederación, José Andrade, foi o encargado de introducir un dos temas centrais da xornada: a Estratexia Nacional de Envellecemento Activo, un documento do que dixo, “nace coa misión de velar polos dereitos das persoas maiores, garantindo o acceso do colectivo a todos os bens e servizos e a súa participación activa na sociedade”.

A clave deste tema expúxoa Vicente Sanz, presidenre de Conjupes, que sinalou como un dos obxectivos deste encontro o de transmitir “á sociedade que o fenómeno do envellecemento debe ser entendido, non como un problema, senón como unha oportunidade”. 

Nesta mesa inaugural estivo presente, tamén, José Piñeiro, presidente de Cogama (Confederación Galega de Organizacións de Maiores), que reclamou un “chamamento ás autoridades para que pensen nas persoas maiores e busquen aquelas solucións que sirvan para afrontar o envellecemento que estamos a vivir”.

Todos eles, ademais, coincidiron en desculpar a ausencia da directora xeral do Imserso, Carmen Balfagón, que, no último momento, non puido asistir a este encontro.

Amparo González, directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pechou esta mesa inaugural recuperando unha das frases que pronunciara José Andrade uns minutos antes, cando dixo que “os maiores somos de primeira”. Así, González asegurou estar de acordo con esta afirmación e, engadiu, o compromiso que con este colectivo ten o Goberno galego. “A Xunta mantén un firme compromiso co benestar das persoas maiores e a que sigades envellecendo dunha forma libre de discapacidade e dependencia, pois o obxectivo non é só dar anos á vida, senón vida aos anos”, declarou Amparo González. Así mesmo, a directora xeral insistiu en que, tal e como se demostra na Estratexia Galega de Enevellecemento Activo, “as persoas son o centro das nosas políticas”. Doutra banda, tamén fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia por achegar “os servizos e os programas a todas as persoas, e en especial a aquelas que viven no rural, como faremos, por exemplo, coa posta en marcha duns servizos itinerantes destinados a persoas con Alzheimer”. 

A importancia de apostar pola innovación
“As novas tecnoloxías da información ao servizo das persoas maiores” foi o tema central da primeira mesa da xornada na que interviñeron Rubén Olmeda, director da empresa Let's Marketing, e a psicóloga da Univerdad de Santiago, Sara Marsillas.

O director de Let's Marketing centrou a súa exposición na “atención ao cidadán a través das redes sociais en servizos sociais para persoas maiores”. Así, analizou a función das redes sociais na actualidade, destacando que “son unhas ferramentas que se as ides a usar, axilizan moito e evitan desprazamentos pero, en caso de non querer utilizalas, non pasa nada. Ninguén debe sentirse excluído –engadiu Rubén Olmeda– por non empregar as redes sociais”. 

Comezou a súa alocución cunha análise da transformación que se viviu nos últimos anos do concepto de xubilado. “Hai que refugar ao xubilado como carga, como avó, porque isto cambiou”, dixo. “Un 18,4% da poboación é maior, por iso é polo que as administracións deban adaptarse a eles”, sinalou. Así mesmo, enumerou as vantaxes que os senior poden percibir grazas ao uso das redes sociais, como o entretemento, a inmediatez da comunicación, o acceso a todos os servizos, etcétera. Especial mención fixo, por exemplo, ao ámbito da saúde, pois a xestión online permite, actualmente, infinidade de trámites médicos a través do computador (como, por exemplo, pedir unha cita de Atención Primaria).

En palabras do director de Let's Marketing, “as persoas maiores están a superar a fenda dixital e demandan máis posibilidades. Por tanto, as administracións deben achegar o seu uso porque as redes, ao final, facilitarán unha mellora na calidade de vida dos maiores”.

Tomou a palabra, posteriormente, Sara Marsillas, que realizou unha detallada análise do uso que os senior fan das redes sociais dixitais. Coincidía con Olmeda ao dicir que “a fenda dixital estase pechando” e enumeraba as necesidades que satisfán as redes da seguinte maneira: comunciación, socialización, entretemento, ampliación de coñecementos e intercambio de información.

A psicóloga interactuou cos asistentes preguntándolles sobre o coñecemento que tiñan das principais redes como Facebook, WhatsApp, Twitter, etcétera; e tamén lles mostrou, con exemplos prácticos, que as redes están ao seu alcance e que son moitos os maiores que fan uso delas.

A estratexia de envellecemento
Dolores San Martín, presidenta da Federación de Asociacións de Maiores do Principado de Asturias (Fampa) pronunciou a seguinte conferencia na que se centrou en expoñer a misión do Grupo de Traballo da Estratexia de Envellecemento ao que ela mesma pertence. “Esta comisión formámola dez persoas que xa elaboramos dous borradores da estratexia”, afirmou. En canto ao obxectivo deste documento, dixo, “pretende recoller as liñas de actuación que orienten as políticas para as persoas maiores cara á promoción do envellecemento activo e a solidariedade interxeracional. Consideramos, en todo caso, que o primeiro para alcanzar este obxectivo é ter unhas pensións dignas”. 

Entre as propostas desta estratexia, tal e como expuxo Dolores San Martín, destacan: o dereito dos maiores a unha vida digna e independente; promover o envellecemento activo; impulsar a solidariedade entre xeracións; dereito a que os senior participen na vida social, económica e cívica; e mantemento dos maiores activos como consumidores, cidadáns, traballadores, etcétera. Doutra banda, respecto diso das garantías, a presidenta de Fampa fixo fincapé na igualdade de oportunidades en todos os ámbitos; a non discriminación por motivos de idade; e a participación na formulación e aplicación das políticas que lles afecten, entre outras.

San Martín tamén reivindicou unha maior presenza dos senior nos medios de comunicación, así como outras liñas importantes que se inclúen na estratexia: potenciar o voluntariado de maiores para maiores, prevención dos malos tratos e seguridade xurídica en todos os ámbitos.

A visión autonómica púxoa Carmen Orgeira, subdirectora xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Xunta de Galicia, que detallou aos presentes os aspectos da “nova estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación”.

Envellecemento e actitudes positivas
A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) tamén tivo o seu espazo nesta xornada coa conferencia do presidente da entidade, Miguel Ángel Vázquez, “Estratexias saudables no envellecemento”, e a do secretario da mesma, José María Faílde “Cambios na memoria durante o envellecemento”. 

Faílde presentou unha detallada explicación de que é a memoria e como esta cambia na vellez, insistindo na preocupación de moitas persoas de poder perdela nesta etapa vital. Faílde aclarou que o envellecemento “non é realmente o que dana a memoria”, polo que se se teñen problemas con ela, “hai que acudir a un especialista, e non atribuír aos anos cumpridos a causa do problema” sinalando que, a mellor maneira de manter e coidar a memoria é “exercitala e aprender cousas novas, mesmo novos idiomas, música e lectura”. De feito, continuou, a aprendizaxe “prolonga a actividade cognitiva” e a memoria que, pode coidarse paralelamente con distintas pautas como: mellorar o estado xeral de saúde con exercicio físico e evitando tóxicos; reducir os niveis de tensións; ter unha boa alimentación e durmir, polo menos, oito horas diarias; adecuar a aprendizaxe ao estilo e método cognoscitivo dominante: visual ou auditivo; implicar todos os sentidos posibles durante a codificación; relacionar a información nova con coñecementos xa establecidos; manterse motivado e cunha actitude positiva.  

Ambos os profesionais insistiron nos estilos de vida saudables tradicionais para un bo envellecemento, pero enumeraron diversos avances recentes do coñecemento científico en envellecemento e os distintos enfoques, actitudes positivas e educación ao longo da vida que inflúen, de forma beneficiosa nun envellecemento positivo, digno e saudable. Vázquez sinalou que “non deberiamos preocuparnos de vivir moitos anos, senón de vivir satisfactoriamente”.

“O envellecemento activo ten que ver coa participación continua ao longo da vida, coa seguridade e a boa saúde”, declarou o presidente da SGXX. 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS