Onte presentáronse na Casa das Campás de Pontevedra os obradoiros dunha iniciativa da que falamos os días pasados, salientando o seu importante obxectivo de fortalecer o galego nas redes sociais e entre as novas xeracións e destacando, tamén, o feito de ser unha proposta impulsada por múltiples entidades (as nosas tres universidades e unha manchea de concellos). Trátase dos cursos de Youtubeir@s, o concurso de vídeos galegos e en galego, destinado a facer que a Rede sexa un pouco como a nosa casa e unha xanela para que os demais nos vexan. Segundo fixeron saber onte o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, dúas das entidades co-impulsoras, trátase de facer fincapé na xuventude, a futura depositaria do galego.
Na presentación da media ducia de obradoiros, que comezan esta semana, participaron Alberto Oubiña Piai, concelleiro de Normalización Lingüística en Pontevedra e Manuel Morquecho, director da área de Extensión Cultural do Campus de Pontevedra. Segundo recalcaron, o reto consiste en “encher a Rede de vídeos en galego”. E non dun xeito calquera, senón de maneira “dinámica e entretida”. Oubiña e Morquecho tamén lembraron que ao abeiro do dito concurso existen dúas categorías, Vídeo-facermos e Vídeo-opinarmos, dotados con premios de 1000 euros, así como catro mencións honoríficas de 500 euros. Toda esta información, recordaron, está na páxina web da iniciativa, youtubeiras.gal.
Polo que atinxe aos obradoiros, achegan vinte prazas e artéllanse en dúas sesións. Na primeira sesión formativa, dunha hora de duración, abordaranse os consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara dos dispositivos móbiles e consellos para transmitir as mensaxes no vídeo (guión). Na segunda sesión formativa, de dúas horas de duración, editarase o material e aprenderase a subilo a YouTube. “Entre ambas as dúas sesións”, dixeron, “hai unha semana durante a que o alumnado poderá traballar nos seus vídeos, con asistencia en liña para calquera dúbida que poda xurdir ata antes da segunda sesión formativa”. En Pontevedra haberá seis obradoiros formativos organizados pola área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. O primeiro, o 8 e o 15 de febreiro, será na Facultade de Ciencias da Comunicación. O segundo, o 8 e o 15 de marzo, será na Casa das Campás. O terceiro desenvólvese os días 13 e 20 de marzo, no Centro Social do Gorgullón (colabora a Asociación de Veciños Eduardo Pombal). O cuarto, o xoves 30 de marzo e o 6 de abril, é na Casa da Cultura de Lérez (colabora a Asociación San Bieito de Lérez). Os obradoiros quinto e sexto serán actividades dirixidas ao alumnado dos IES de Pontevedra: o 15 e 22 de febreiro para o IES Sánchez Cantón e os días 16 e 23 de febreiro para o IES Torrente Ballester. As accións formativas estarán impartidas pola produtora audiovisual Illa Bufarda. Con elas, díxose na presentación de onte, “búscase achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesíbel o uso das redes socias e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións”.
Como deben ser os vídeos
Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons (licencia aberta, feita para produtos que se queren compartir e co requisito de acreditar de autoría), producidos en galego e estar habilitados na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos (para videotitoriais que amosen como facer cousas) e Vídeo-opinarmos (para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema.
Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s”, fixeron saber os organizadores do certame a respecto dos seus obxectivos, “ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo, a segunda con meirande nivel de uso despois de Facebook, e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos”. Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.