Telefónica vén de presentar o seu informe anual sobre a Sociedade da Información en España e nel, como de costume, achéganse unha manchea de datos de interese sobre Galicia. Por exemplo, que superamos (por vez primeira) a medida estatal en dispoñibilidade de computadores, acceso a Internet e banda larga nos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes. Tamén destacamos no uso de dispositivos móbiles, xa que son o principal recurso de conexión para o 90% das galegas e galegos (un 8% por riba da medida estatal). Outro punto no que seguimos subindo é en Administración Electrónica, xa que somos os quintos da clasificación en emprego dos servizos dixitais habilitados polas entidades públicas. Na investigación lémbrase tamén que catro de cada tres fogares dispón de computador.
Estes e outros datos figuran na XVII edición do informe anual A Sociedade da Información en España, presentado a finais de febreiro pola operadora Telefónica. Malia ser de alcance nacional, trátase, na súa información artellada por Comunidades, dunha fonte importante de coñecemento acerca da nosa situación con respecto ás ferramentas dixitais, a calidade do servizo e os nosos hábitos en liña. Respecto disto último constátase unha importancia crecente das comunidades dixitais e sinálase, de feito, que máis dun 65% dos galegos empregamos a Internet para partillar información nas redes sociais.
Outra das cousas que medra nas nosas catro provincias é o comercio en liña, xa que máis da metade da mocidade de entre 16 e 24 anos merca maneira habitual a través da Rede. Isto, lonxe de diminuír nos anos vindeiros, agárdase que vaia a máis. Sobre todo tendo en conta que a devandita porcentaxe de compradores galegos habituais na Rede experimentou unha suba do 12%, estando por riba da media estatal en sete puntos porcentuais. No que atinxe ás empresas, o informe destaca que Galicia gabeou até o cuarto posto na listaxe de microempresas con páxina web e conexión a Internet (cun incremento do 20% en 2016). Asemade, preto da terceira parte das microempresas que dispoñen de Internet emprega as redes sociais para visualizar e promover os seus produtos e servizos. No que atinxe ás grandes firmas, 8 de cada 10 está na Rede a través de servizos de banda larga. O software libre tamén medra na nosa terra, cunha presenza do 86,8% no tecido produtivo. A sinatura dixital é empregada polo 71,9% das empresas. Na investigación tamén se sinala que Galicia ocupa o quinto posto en uso da Administración Electrónica por parte da cidadanía, un 3,3% máis cá media estatal. No eido empresarial, preto do 70% das microempresas galegas e do 90% das empresas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet interactuou de maneira telemática coa Administración (tanto na primeira porcentaxe coma na segunda situámonos, tamén, por riba da medida estatal).