O proxecto Youtubeir@s, destinado a encher as redes de contidos audiovisuais na nosa lingua (facendo especial fincapé en YouTube), vén de recibir un importante pulo nun dos concellos galegos onde, precisamente, máis se ten traballado para galeguizar a grella dixital dispoñible: o concello de Carballo. Sen ir máis lonxe, Carballo celebra cada ano un festival de webseries, o Interplay, que é pioneiro e referencial por varios motivos, non só por reivindicar o que fan os nosos creadores, senón tamén por ter apostado por un formato (o das series en liña) que hai anos era visto case como unha simple ocorrencia e hoxe é un terreo fértil para industria, creadores e seareiros. Segundo informou o Concello, esta semana comezaron os obradoiros de videocreación arredor de Youtubeir@s, ou sexa, o adestramento previo á participación no certame.
Este martes, sen ir máis lonxe, celebráronse no IES Monte Neme e no Pazo da Cultura dúas das tres accións formativas previstas. Os participantes son creadoras e creadores interesadas/os en facer e difundir vídeos na Rede de opinións e titoriais en galego. As actividades veñen da man do Concello, máis polo miúdo do seu Servizo de Normalización Lingüística. O terceiro dos obradoiros terá lugar no IES Isidro Parga Pondal, tamén reservado para o seu alumnado, e comezará o mércores 5 de abril ás 13:00 horas.
Cada un destes breves obradoiros prácticos ten unha duración de tres horas, repartidas en dúas sesións: unha primeira dunha hora, máis teórica, na que se traballarán consellos básicos para sacarlles o maior partido ás cámaras dos dispositivos móbiles e na que se aprenderá a guionizar para transmitir mellor os coñecementos. Na segunda sesión formativa, máis práctica e de dúas horas, aprenderase a editar e difundir os vídeos.
Youtubeir@s, como lembraremos, é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. O proxecto ten tres piares fundamentais: a procura de youtubeiras e youtubeiros, a formación para quen queira selo, e un concurso para incentivar que se fagan vídeos de titoriais e opinións en galego na Rede, con 4.000 euros en premios, e co prazo de inscrición aberto até o 28 de abril.
Os vídeos que se presentarán ao certame, deberán ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons (licencia aberta, feita para produtos que se queren compartir e co requisito de acreditar a autoría), seren producidos en galego e estaren habilitados na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos (para videotitoriais que amosen como facer cousas) e Vídeo-opinarmos (para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema.
Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s, en palabras das ditas entidades, “ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo, a segunda con meirande nivel de uso despois de Facebook, e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos”.