O Concello de Pontevedra presentou os días pasados os resultados dun estudo sobre os hábitos tecnolóxicos dos menores de idade: cousas como que redes sociais empregan, canto tempo están en liña, até que punto cren que marca os seus rumbos de vida o feito de estaren conectadas/os, etc. A enquisa foi elaborada ao abeiro do Plan municipal de prevención de condutas aditivas (PMPCA) da Concellería de Benestar Social, aproveitando o traballo que desempeña este departamento cos centros educativos locais. A base da pescuda foi un nutrido grupo de preto de tres milleiros de estudantes (alumando de 1º a 4º da ESO, de entre 12 e 17 anos). Entre as principais conclusións que se fornecen figura a seguinte: o 75,7% dos rapaces tiveron o seu primeiro móbil entre os 10 e os 13 anos, e o 85% conta con conexión a Internet. Ademais, a gran maioría deles empregan servizos como Whatsapp ou Instagram, malia que o uso das redes sociais polos menores de 14 anos non estea permitido en España. O estudo terá continuidade en setembro con novos datos sobre hábitos por sexo, idade e nivel de formación.
Segundo lembrou a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, o desenvolvemento das novas tecnoloxías e o seu espallamento provocou “un cambio nos costumes, hábitos e actitudes, sobre todo na poboación máis moza xa que naceu practicamente con estes avances”. Neste treito de idade, engadiu, xerouse unha pegada “espectacular”, xa que se modificaron as formas de vivir a nenez e a adolescencia e se abriu marxe para “dedicacións de tempo e con comportamentos moi diferentes aos dos adultos”. Esta situación, sinalou, ten claras potencialidades (desenvolvemento persoal, capacitación, acceso doado ao coñecemento e á comunicación) pero tamén pode achegar unha serie de riscos derivados dun mal uso das tecnoloxías e da falta de supervisión axeitada. Na súa opinión, “o problema xorde cando a tecnoloxía se converte nun fin e non nun medio, e aquí temos o agravante de que a adolescencia constitúe un grupo de risco xa que tende a buscar sensacións novas”. De aí abrolla o problema da adición ás novas tecnoloxías. Segundo indicou Carme Fouces existen unha serie de sinais de alarma para nos axudan a achar un posible caso de conduta aditiva en relación coas TIC. Cousas como privación do sono (co fin de estarmos conectados á Rede durante máis tempo), desleixo con respecto a outras actividades importantes (como a familia, as relacións sociais, o estudo, a saúde, etc), imposibilidade de “desconectar” mentalmente das novas tecnoloxías mesmo cando non se está conectado ou introducir hábitos de illamento con respecto á contorna social máis inmediata.
Resultados da enquisa
75,7% tiveron o seu primeiro móbil entre os 10 e os 13 anos 30,4% tiveron o seu primeiro móbil con 12 anos 85% teñen conexión a internet 25,4% conéctanse a internet entre 1 e 2 horas diarias 14,2% están conectados a internet todo o día 67,5% navegan por internet sen que os seus proxenitores lles poñan limitacións 24,9% entraron en páxinas con contidos eróticos nos últimos 12 meses 7,3% apostaron en xogos on line nos últimos 12 meses 35,6% contactaron con descoñecidos por internet nos últimos 12 meses (o 22,7% menores de 14 anos) 16,7% quedaron con persoas que coñeceran exclusivamente a través de internet nos últimos 12 meses 23,2% bastantes/moitas veces descoidan tarefas escolares ou renden menos en exames por contectarse a internet 26,1% bastantes/moitas veces tiveron a sensación de que si no se conectaban a internet estaban perdendo algo realmente interesante 14,8% bastantes/moitas veces conectáronse a internet aínda que sabían que lles ías a causar problemas. 17,1% bastantes/moitas veces dixeron ou fixeron cousas en internet que non farían ou dirían en persoaComo diciamos ao comezo, o estudo tamén lembra que en España a Lei de Protección de datos non permite aos menores de 14 anos acceder ás redes sociais, e aínda así: 93,3% usan Whatsapp (o 89,2% menores de 14 anos) 77,2% usan Instagram (o 68,4% menores de 14 anos) 54,7% usan Snapchat (o 42,7% menores de 14 anos) 51,2% usan Messenger (o 44,4% menores d e14 anos) 49,2% usan Facebook ( o 34,9% menores de 14 anos) 45,1% usan Twitter (o 27% menores de 14 anos) 31,8% usan Tuenti (o 14,6% menores de 14 anos).