- 14 empresas participantes no programa 'Yo me prep@ro' recibiron un diploma que recoñece o seu apoio á inclusión laboral das persoas con síndrome de Down
- Grazas a este programa, en 2017 16 mozos da localidade recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías
- Cando conclúa esta edición do programa conseguíronse máis de 300 insercións laborais en empresas ordinarias de todo o país
Catorce empresas que participaron no programa 'Yo me prep@ro', recolleron esta mañá o diploma 'Estamos prep@rados' por dar oportunidades laborais a persoas con síndrome de Down e, desta forma, recoñécese o seu apoio na inserción laboral do colectivo. O acto, organizado por DOWN VIGO e a Fundación Vodafone España, tivo lugar esta mañá na Casa Galega da Cultura.
Estas empresas ofreceron aos alumnos a oportunidade de realizar prácticas formativas nas súas instalacións, ou mesmo entrar a formar parte dos seus cadros de persoal. E é que a pesar de contar coa formación adecuada, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down do noso país puido demostrar a súa valía laboral; por iso, para o colectivo é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial local.
Durante o acto, tamén se fixo entrega dun diploma aos 16 mozos con síndrome de Down que participaron e superaron o programa. Con este certificado, ámbalas entidades acreditan que os mozos adquiriron as destrezas en TIC que lles permitirán formar parte do mercado laboral ordinario: manexar programas ofimáticos, usar diversas aplicacións móbiles ou navegar por Internet e mandar correos, entre outras habilidades.
Tanto os mozos como os empresarios compartiron as súas experiencias, destacando as vantaxes que ofrece para as empresas contar con persoas con discapacidade intelectual entre os seus traballadores xa que, ademais de realizar as súas tarefas con meticulosidade e moita organización, melloran o clima laboral e transmiten alegría e optimismo aos seus compañeiros. Así, animaron a outras empresas a que aposten por políticas inclusivas que ofrezan oportunidades laborais a traballadores con esta discapacidade intelectual.
No acto interviñeron:
- A Presidenta de Down Vigo: Dna. María del Carmen López Barrero.
- Concelleira de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride Estévez.
- Xefe de Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal, D. José Ignacio Martínez Alonso.
- O Deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior: D. Carlos López font.
- Responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, D. Severino Castromán.
- Responsable de RRHH de Consorcio Zona Franca de Vigo, Dna. Gloria Pérez.
O programa 'Yo me prep@ro'.
O obxectivo do programa 'Yo me prep@ro', que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudalos a salvar a fenda dixital que lles pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.
Nesta edición recibiron formación en novas tecnoloxías 16 usuarios de DOWN VIGO que adquiriron as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado. Estes alumnos de Vigo sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 960 mozos que recibirán esta formación en toda España.
Na súa formación contan co apoio de catro novos vídeo-tutoriais que a través dunha linguaxe sinxela e accesible, reforzarán os coñecementos ofrecidos no proxecto, e permitirán a calquera usuario comprender como se obtén e para que serve o DNI electrónico, descargar apps para Smartphone ou manexar con soltura aplicacións como WhatsApp.
Tras o éxito de anteriores edicións o proxecto afronta este cuarto ano a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas: sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, 'Yo me prep@ro' conseguiría durante os seus catro anos de execución un total de 319 insercións laborais en empresas ordinarias de todo o país.