main content

main content
03/10/201707:10
Cartel do programa.

Concello, USC e CESGA mostran nos coles o gran labor das nosas investigadoras

Imos ter, estes días, nova edición do programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago e o Concello de Santiago a través do Departamento de Igualdade, no que participaban os colexios composteláns. Nesta nova entrega, que novamente busca visualizar no ámbito docente o traballo de enxeñeiras e científicas locais (co fin de espertar vocacións STEM entre as estudantes e contribuír a derrubar a falsa crenza de que a ciencia e a tecnoloxía non son aptas para elas), participan o CEIP López Ferreiro, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o CEIP Pío XII, o CEIP Raíña Fabiola, o CEIP de Roxos e o CEIP de Vite. O programa, que inclúe obradoiros para o alumnado de quinto de Primaria, volverá contar coa presenza activa de investigadoras da Universidade de Santiago (por exemplo do CiTIUS) e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)

Entre as relatoras atópanse Natalia Costas e Mª José R. Malmierca, do CESGA, que concorren co obradoiro Falando cos superordenadores. Nesta sesión, “de forma lúdica e práctica”, levaranse a cabo varias experiencias de uso da programación básica e a súa interacción con microcontroladores e diversos compoñentes externos. Tamén traballará no programa a profesora María Jesús Taboada Iglesias da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC, que falará do significado da intelixencia. E tamén intervirá, entre outras, a profesora Eva Cernadas, do Departamento de Electrónica e Computación da USC e investigadora do CiTIUS (este 4 de outubro no Pío XII para mostrar as aplicacións da informática visual na bioloxía). 

Como sinalamos por estas mesmas datas o ano pasado, a iniciativa Unha enxeñeira ou científica en cada cole ten como principal obxectivo dar a coñecer ás enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), tradicionalmente asociadas ao mundo masculino. Na anterior edición desenvolvéronse unha vintena de obradoiros onde se mostrou a relación da ciencia e das tecnoloxías coa nosa vida cotiá co fin de achegar ao alumnado a estas disciplinas dun xeito lúdico. 

As temáticas foron moi variadas: programación, supercomputadores, física divertida, xogos coa luz, informática visual aplicada á bioloxía, astronomía, pegada ecolóxica, realidade virtual e aumentada ou intelixencia artificial, entre outras e as encargadas de impartilos foron científicas e enxeñeiras da Universidade de Santiago e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

28/09/201708:09
Mulleres usando ordenadores.

O Congreso insta ao Goberno a facilitar a presenza de mulleres na sociedade dixital e en proxectos TIC

  • A Comisión de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital aprobou por unanimidade pedir ao Goberno que poña en marcha plans para reducir a fenda dixital de xénero e facilitar a presenza de mulleres na sociedade dixital e en proxectos de novas tecnoloxías

Así, todos os deputados da Comisión votaron a favor dunha proposición non de Lei, tras ser acordadas algunhas modificacións no texto, que pide ao Executivo que garanta que mulleres e homes se incorporen en condicións de igualdade de oportunidades á sociedade da información.

En concreto, reclaman un plan de igualdade específico para reducir a fenda dixital en materia de xénero, que facilite e promova unha maior presenza na sociedade dixital das mulleres como creadoras de contidos na rede e promotoras de proxectos TIC.

Ademais, ínstanlle a abordar o deseño de mecanismos de promoción e medición da participación das mulleres e nenas no acceso e uso das TIC, así como na capacitación, emponderamento e educación en competencias dixitais.

A iniciativa, presentada polo Grupo Socialista no Congreso, considera que a revolución 4.0 "chegou para quedar" e que os fenómenos da dixitalización e a robotización están a alterar os procesos de produción, de distribución e de consumo de bens e servizos en todos os sectores.

Así, advirte de que nos novos mercados que xorden, os "grandes actores tradicionais" ven a súa posición ameazada e aparecen novos modelos de negocio e financiamento.

"A igualdade entre mulleres e homes é un obxectivo básico para os estados democráticos actuais e está na base de calquera democracia que aspire á súa lexitimidade. Baixo estas directrices, as mulleres e os homes deben estar presentes nesta revolución dixital e débeno facer en igualdade de oportunidades", reclama a proposición non de lei aprobada.

Así mesmo, recoñece que a desigualdade da muller en España é "un feito recoñecido e amplamente contrastado" e advirte de que a fenda dixital de xénero aumentou en 2016 nos principais indicadores da enquisa de equipamento e uso de TIC do Instituto Nacional de Estatística, en contra da "tendencia histórica observada en anos anteriores".

En concreto, apunta que a diferenza entre a porcentaxe de mulleres e de homes que usaran Internet nos últimos 3 meses era de 3,9 puntos en 2016, mentres que en 2015 esta diferenza era de 3,2 puntos. Igualmente, a fenda agrándase se se ten en conta a intensidade e a frecuencia dos usos máis complexos ou profesionais das novas tecnoloxías.

En definitiva, observa que a fenda dixital por cuestión de xénero está en torno ao cinco por cento, o dobre doutros países da contorna. Por exemplo, en Estados Unidos, Francia ou os países nórdicos, a paridade de uso na internet "é un feito desde hai anos".

Doutra banda, tamén se aprobou por unanimidade outra proposición non de Lei que insta ao Goberno a crear un grupo interministerial para coordinar esforzos en materia de vivenda, medio ambiente e axenda dixital co obxectivo de impulsar as cidades intelixentes.

Así, a iniciativa presentada polo grupo parlamentario socialista, pide ao Goberno que defina un método e procedementos para elaborar unha Axenda Dixital Española nos municipios, en coordinación coa Rede de Cidades Intelixentes.

Ademais, a proposta expón a promoción da internacionalización das empresas españolas que desenvolven proxectos no ámbito das 'smart cities' así como a potenciar a imaxe de España e das súas cidades como líderes no desenvolvemento de iniciativas que promoven o benestar dos cidadáns.

Do mesmo xeito, a iniciativa propón ao Goberno que implante medidas para atraer capital para desenvolver proxectos de smart cities en cidades españolas e potenciar e posibilitar así mesmo o efecto arrastre das pequenas e medianas empresas como provedoras españolas en proxectos adxudicados a unha gran empresa española-ICEX INTEGRA.

Considéranse cidades intelixentes aquelas que contan cun sistema de innovación e de traballo en rede para dotarse dun modelo de mellora da eficiencia económica e política permitindo o desenvolvemento social, cultural e urbano.

19/09/201709:09
Logo E-DEID@DES.

A Xunta destaca a importancia de dotar ás mulleres de ferramentas para facilitarlles a busca de emprego online

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou hoxe na inauguración do taller “Empoderamento para mulleres. Taller de coaching con cabalos -Do outro lado dos medos”
  • Está dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, desempregadas menores de 30 ou maiores de 45 anos, inactivas ou desempregadas de longa duracion

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella destacou a importancia da integración laboral e social da muller de forma integral, polo que incidiu na relevancia de darlles facilidades para optar a recursos tecnolóxicos na busca de emprego online.

Susana López Abella participou hoxe na inauguración do taller “Empoderamento para mulleres. Taller de coaching con cabalos -Do outro lado dos medos”, levado a cabo pola Asociación E-Deidades coa que colabora a Secretaría Xeral da Igualdade co programa de Busca 3.0 II 2017, a través da orde de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade con preto de 10.000 euros.

E-deidades ten como obxectivo facilitar o manexo das ferramentas e aplicacións existentes para a busca de emprego, orientar profesionalmente as mulleres na búsqueda de emprego no mundo dixital e contribuir á integración da muller e a reinserción laboral integral. O programa está dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade: desempregadas menores de 30 ou maiores de 45 anos, inactivas ou desempregadas de longa duracion, con residencia en concellos rurais de baixa densidade e inmigrantes.

Mediante o uso da tecnoloxía, as mulleres poderán coñecer o funcionamento do mercado laboral, as relacións laborais e principalmente a búsqueda de emprego. É fundamental hoxe en día para abrirse ó mercado, xa que está básicamente no universo virtual. Por iso é importante dotar a estas mulleres con especial vulnerabilidade, destas ferramentas, coa información clave para acceder ó mercado de traballo online, rematou López Abella.

 

28/07/201709:07
Participantes na xornada Mulleres de SEU.

A Xunta destaca a capacidade de emprendemento que teñen as mulleres no medio rural

  • A secretaria xeral da Igualade, Susana López Abella participou hoxe na xornada 'Mulleres de SEU' que ten como obxectivo, promover e impulsar a participación en postos de decisión das mulleres
  • López Abella subliñou que as asociacións rurais e as accións que levan a cabo son clave para dinamizar a participación das mulleres na toma de decisións do eido rural, así como un pulo a dinamización económica, social e cultural do mesmo

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou a capacidade de emprendemento que teñen as mulleres no medio rural, sendo un dos piares esenciais no desenvolvemento sostible do medio rural e dea contribución á súa valorización.

López Abella participou esta mañá na xornada Mulleres de SEU, que tivo lugar na sede de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN). Nas xornadas participan tamén o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños; a vicepresidenta de Feiraco, Carmen Rodríguez; e a presidenta da Asociación de Mulleres de Cooperativas Alimentarias, Jerónima Bonafé, entre outras. A finalidade da xornada é promover e impulsar a participación nos postos de decisión das mulleres socias das cooperativas Os Irmandiños, Melisanto e Feiraco.

A titular de Igualdade explicou que dende a Secretaría Xeral da Igualdade estáse a priorizar nalgunhas áreas de actuación co obxecto de acadar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes do rural galego. Estas áreas son a visibilidade da muller rural, a promoción do emprendemento, a conciliación da vida familiar e laboral, e o fomento do uso das TIC.

Neste eido, subliñou que as asociacións rurais e as accións que levan a cabo son clave para dinamizar a participación das mulleres na toma de decisións do eido rural, así como un pulo a dinamización económica, social e cultural do mesmo. Polo que incidir no fortalecemento e a consolidación do movemento asociativo de mulleres é unha importante canle de promoción da igualdade de oportunidades.

Ademais, fixo especial fincapé na importancia de potenciar a implantación de medidas de conciliación e corresponsabilidade por parte dos concellos rurais, promovendo e apoiando proxectos destinados á creación de servizos que faciliten a conciliación da vida laboral, persoal e familiar nos concellos rurais.

19/07/201708:07
Cartel de Conectadas 2017.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha os obradoiros de Conectadas 2017

A Deputación de Pontevedra vén de pór en funcionamento os cursos formativos do programa Conectadas 2017, promovido polo seu Servizo de Igualdade co obxectivo de mellorar a formación básica das mulleres e loitar contra aquelas cousas que lastran a súa empregabilidade, a súa plena inserción, seu desenvolvemento persoal e o seu manexo integral das ferramentas tecnolóxico-dixitais. Os concellos da Lama e Vigo serán os primeiros en acoller accións formativas ao abeiro da nova edición de Conectadas. En concreto, as persoas que asistan a estes primeiros cursos recibirán formación relacionada coa cultura musical tradicional e o deporte e a saúde.

O programa arranca na Lama cun obradoiro de Pilates que terá lugar desde este martes 19 de xullo no local da Casa do Pobo da Xesta, da man da Asociación de Veciños de San Bartolomé da Xesta. O segundo dos obradoiros que se inician esta semana terá lugar o venres na Asociación Cultural Traspés de Vigo e versará sobre Percusión e Canto Tradicional.

Segundo lembra a Deputación, Conectadas 2017 ten por finalidade "mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías". A través deste programa preténdese tamén "potenciar a participación e a promoción das mulleres e tamén así favorecer a súa posición na sociedade". O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento e maila igualdade de oportunidades. Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: Muller emprende(emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas (xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoai".

A Deputación de Pontevedra, que inviste nesta edición do programa 324.000 euros, agarda que esta nova convocatoria "supere a alta participación do ano pasado", cando foron máis de 5.000 as persoas que se sumaron a estas accións formativas.

06/06/201708:06
Programación arrastrando bloques en Wonder Woman.

Wonder Woman anima ás nenas a aprender a programar

A iniciativa Code.org aproveita en numerosas ocasións as franquías cinematográficas para facer máis atractivas as súas actividades aos nenos, a quen busca introducilos no mundo da programación informática mediante xogos nos que ter que solucionar quebracabezas mediante a colocación de pezas que realmente son elementos lóxicos que axudan a entender os rudimentos da programación dun xeito divertido, e así, ao igual que no seu día fixeron uso dos personaxes de Star Wars para introducir á programación, agora fan o mesmo con Wonder Woman.

Este proxecto promovido por Google conseguiu chegar a un acordo coa Warner para poder coller a figura de Wonder Woman, que estes días está a estrear filme en pantalla grande (que xa pode verse en EE.UU., Reino Unido e Portugal), para protagonizar unha serie de retos de programación que premiarán cun anaco de vídeo da película cando se superan. A estrea cinematográfica de Wonder Woman está a considerarse como un caso de reivindicación da figura feminina dende moitos ángulos, pois estamos ante unha das poucas superheroínas que conseguiu chegar aos cines cunha produción de seu, presenta a unha muller como un personaxe forte que non ten que recorrer a unha figura masculina na busca de protección e incluso conseguiu superar a pasada fin de semana converténdose na estrea cinematográfica dirixida por unha muller coa maior recadación da historia. Todos estes elementos danlle un valor especial, e aí que este proxecto interactivo para a aprendizaxe de programación informática considere que o uso de Wonder Woman é ideal para atraer ás nenas a dar os seus primeiros pasos coa programación.

30/05/201708:05
Logo Conectadas 2017.

Conectadas reforza a súa vertente TIC

Finalmente a Deputación de Pontevedra presentou a listaxe de actividades do seu programa Conectadas 2017, que este ano, como salientamos os días pasados, van desenvolver as firmas Forox e Marexada por valor de 324.000 euros. Segundo fixo saber a presidenta da entidade, Carmela Silva, a edición deste ano de Conectadas (programa dirixido a impulsar a formación das mulleres do eido provincial, facendo fincapé nas potencialidades das novas tecnoloxías), inclúe un total de 343 accións formativas de 35 horas de duración cada unha, para o mesmo número de entidades espalladas por 60 concellos da provincia. O obxectivo é beneficiar este ano a 5.145 persoas, superando en preto de dous centenares a cifra de 2016. Conectadas reforzou este ano seus dous bloques TIC, dun total de oito bloques: Muller Emprende e Actualízate.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar os obxectivos principais do programa, que ten por finalidade “a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital mediante o emprego da información e das novas tecnoloxías”. En total, o programa ofrece oitos bloques de accións formativas: Muller Emprende, con cursos para crear empresas, administrar redes sociais, comercio electrónico, asesoría laboral e adestramento; Muller e Cultura, con formación sobre fotografía, pintura, percusión e canto tradicional, teatro e encontro con lectoras; Actualízate, con cursos sobre alfabetización dixital e socializándose coas redes; Coas túas Mans, con formación sobre cestería, traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais e costura creativa; Porque ti o Fas, con cursos sobre arte floral, poda, xardinería e horta ecolóxica; Súmate ao Cambio, con formación sobre cociña e alimentación, conservación de alimentos, cociña, tapas e petiscos, pastelería e repostería creativa, iniciación á costura, coidados, mantemento do fogar e xestión doméstica, coida o teu vehículo, bricolaxe e reparacións, reciclaxe e igualdade; Ponte en Forma, con cursos sobre pilates, taichí, ioga, ximnasia, zumba e sendeirismo; e Coidados Persoais, con formación sobre menopausa de xeito saudable, coidar coidándonos, relaxación, intelixencia emocional, risoterapia, musicoterapia e obradoiro de mindfulness.

Este ano as accións formativas máis solicitadas pertencen ás áreas de Actualízate, Coas túas Mans, Porque ti o Fas, Súmate ao Cambio, Ponte en Forma e Coidados Persoais. Un dos obradoiros máis demandados foi o de Alfabetización dixital II: Internet e correo electrónico.

24/05/201708:05
Adxudicación do programa Conectadas 2017.

Conectadas 2017 inclúe un programa de 300 accións formativas

A Deputación de Ponvevedra vén de adxudicar o contrato para o desenvolvemento do programa Conectadas 2017, que, como lembraremos, vai dirixido a impulsar a formación das mulleres do eido provincial, fortalecendo os seus recursos para tirar o máximo partido das novas ferramentas como canles de acceso ao desenvolvemento persoal, comunicativo e laboral. A empresa gañadora do procedemento aberto de contratación foi a UTE integrada por Forox Innovación, S.L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S. L. Entre os obxectivos específicos de Conectadas figura o de loitar directamente contra a fenda dixital de xénero: un problema que impide que as mulleres accedan plenamente ás vantaxes da Sociedade da Información. Conectadas 2017 inclúe un orzamento de 324.000 euros e un programa de 300 accións formativas.

Carmela Silva lembrou na presentación de Conectadas 2017 que se trata dun programa para “mellorar a formación básica das mulleres e favorecer as súas relacións interpersoais, o intercambio de experiencias” ademais de “contribuír á mellora da súa empregabilidade e mantemento no mercado de traballo” e “reducir a súa fenda dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías”. O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres. Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha única acción formativa que suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: Muller emprende (emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas (xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe etc.), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoais.

20/04/201709:04
Mulleres usando ordenadores.

Medra o interese das mulleres pola ciencia e a tecnoloxía

  • A fenda de xénero relacionada co interese pola ciencia reduciuse á metade en só dous anos
  • Este é un dos resultados da última Enquisa de Percepción Social da Ciencia, realizada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e presentada onte en Madrid
  • Así, o interese das mulleres pola ciencia subiu do 9,9% en 2014 ao 13,7% en 2016 e baixou o dos homes, do 20,4% ao 18,5%

 

Onte déronse a coñecer, na sede o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, os resultados da oitava Enquisa de Percepción Social da Ciencia, realizada desde 2002 pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Entre os datos máis destacados, atópase o interese das mulleres pola ciencia, que subiu do 9,9% en 2014 ao 13,7% en 2016, un incremento do 38,4%. Esta cifra, unida ao leve descenso do interese dos homes, do 20,4% ao 18,5%, fai que a fenda de xénero se reducise á metade en só dous anos (do 10,5 ao 4,8%).

A enquisa, presentada pola secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, e o director xeral de FECYT, José Ignacio Fernández Vera, revela tamén que a porcentaxe de españois que segue a ciencia e a tecnoloxía pasou do 6,9% en 2004 ao 16,3% en 2016, o que supón un incremento acumulado do 136%. 

O interese pola ciencia e a tecnoloxía segue sendo maior nos mozos, pois un 23,1% declárase atraído por estes temas. Con todo, o maior aumento da atención pola ciencia prodúcese esta vez no tramo de idade de 45 a 65 anos. 

O interese das mulleres pola ciencia subiu do 9,9% en 2014 ao 13,7% en 2016 e baixou o dos homes, do 20,4% ao 18,5%

No que se refire á atracción declarada pola ciencia e a tecnoloxía cando se pregunta expresamente sobre este tema, mantense nun 3,12 nunha escala do 1 ao 5. Un 40,22% da poboación está ‘moi ou bastante interesada' na ciencia (4 ou 5 na escala) fronte a un 29,6% ‘pouco ou moi pouco interesada' (1 ou 2 na escala). Desta porcentaxe de españois ‘con pouco interese', o 33,1% atribúeo a que ‘non entende a ciencia'. 

 

Imaxe da ciencia 

Respecto da imaxe que os cidadáns teñen sobre a ciencia, un 54,4% afirma que esta ten máis beneficios que prexuízos fronte a un 5,8% que afirma que o contrario. Para os cidadáns, as aplicacións ou tecnoloxías que máis beneficios proporcionan son: internet (65%),  telefonía móbil (62,6%), investigación con células nai (61,8%) e drons (41,1%).

Crece significativamente a porcentaxe de persoas que non teñen unha opinión formada sobre as tecnoloxías que espertan máis rexeitamento, como a enerxía nuclear, a clonación ou o fracking.  Ademais, baixa de forma significativa, a percepción cidadá de que a enerxía nuclear e cultivo de plantas modificadas xeneticamente son máis prexudiciais que beneficiosos (8 e 10 puntos porcentuais respectivamente), aínda que seguen espertando maior rexeito que apoio cidadán.

Os científicos volven ser nesta enquisa a segunda profesión máis valorada cun 4,4 sobre 5 (subindo respecto ao 4,24 de 2012), só por detrás dos médicos (4,55). A continuación sitúanse profesores (4,28) e enxeñeiros (4,14). 

 

Educación e alfabetización científica 

Os cidadáns perciben un déficit en formación científica aínda que descende do 47,1% ao 44,2% a porcentaxe dos que consideran que a súa educación científica é baixa ou moi baixa, que segue sendo superior aos que a cualifican de normal (42,6%). Destaca que os mozos de 15 a 24 anos perciben unha mellor educación científica que a media, pois só un 29,9% cualifícaa de baixa ou moi baixa, 14 puntos menos que a media. 

Este ano cambiouse a forma de preguntar por coñecementos científicos concretos e os enquisados tiveron que elixir a afirmación correcta entre dúas opcións en lugar de dicir se era verdadeiro ou falso un enunciado. Os resultados da enquisa de 2016 mostran que os entrevistados lograron unha nota media maior, que se sitúa en 7,66 sobre 10, fronte ao 6,39 de 2014 e o 5,09 de 2006. 

Non se producen diferenzas de xénero nesta pregunta, pero si de idade, pois os maiores de 65 anos teñen un coñecemento menor que a media (6,68). 

Nesta edición incluíuse por primeira vez unha pregunta sobre a confianza dos cidadáns en prácticas paranormais ou pseudocientíficas. Os resultados revelan que os españois desconfían dos horóscopos (un 83,9%), dos fenómenos paranormais (76,7%), dos curandeiros (76,3%) e dos números e cousas que dean sorte (71,3%). 

Con todo, están divididos en dúas prácticas pseudocientíficas: o 59,8% confía moito, bastante ou algo na acupuntura e o 52,7% confía moito, bastante ou algo nos produtos homeopáticos. As persoas con maior nivel de estudos confían máis que a media nestas prácticas cuxa eficacia non ten evidencia científica. 

Internet é a primeira fonte de información científica para un 37,7% dos cidadáns

 

Ciencia e tecnoloxía e medios de comunicación 

Respecto de enquisas anteriores, mantense o déficit de información científica percibido, pois existe unha diferenza entre o nivel de información (2,79 sobre 5) e o grao de interese (3,12 sobre 5) dun 0,33. 

Internet é a primeira fonte de información científica para un 37,7% dos cidadáns. Pero é a televisión a fonte máis consultada cando se citan tres medios para estar informado de ciencia (71,2%) e internet sitúase en segundo lugar co 57,8%. Os mozos utilizan maioritariamente a rede para informarse de ciencia: un 82,1% de penetración en mozas de 15 a 24 anos e un 77,5% nos de 25 a 34 anos. 

As redes sociais convértense nesta enquisa, por primeira vez, na fonte de información científica máis consultada na internet (unha 43,6% fronte ao 30,8% de 2014). Tamén aumentan significativamente as canles de vídeos como Youtube ou similares como fonte para o 36% dos internautas (29,7% en 2014). Con todo, os medios xeneralistas (34%) e a Wikipedia (32,9%) estáncanse como fonte na internet. 

Ao preguntar polas redes sociais utilizadas como canle de información científica, destacan o aumento de Facebook, unha 40,9% fronte ao 28,3% de 2014, o mantemento de Twitter, unha 16,3% fronte ao 14,7% de 2014, así como o crecemento de Instagram, unha 13,4% fronte ao 6,6% de 2014, chegando ao 22,4% entre os mozos de entre 15 e 24 anos. 

 

Políticas de apoio á ciencia e tecnoloxía 

Respecto de enquisas anteriores, mantense o déficit de información científica percibido

As prioridades de gasto público dos españois concéntranse en sanidade (85%) e educación (73%) seguidas de pensións (53,7%) e desemprego (47,2%). Tras a vivenda (25,7%) sitúase a ciencia e tecnoloxía cun 19,2% de cidadáns que a elixen entre as súas catro prioridades de gasto público. Esta porcentaxe é superior entre os homes de 15 a 24 anos (28,9%),  entre os homes de 25 a 34 anos (26,3%) e entre as persoas con estudos universitarios (30,7%). 

En 2016, dous de cada tres cidadáns españois (67,8%) estarían dispostos a doar á ciencia, fronte a un 64,7% en 2014 e ao 57,1% de 2012. Os máis dispostos a doar son as persoas con educación universitaria (39,5%).

Na enquisa de 2016 mantense o apoio a unha participación máis importante da cidadanía nas decisións de ciencia e tecnoloxía que lles afectan nun 51,6% da poboación.

Para a VIII enquisa de percepción social da ciencia realizáronse 6.357 entrevistas persoais distribuídas por comunidade autónoma e tamaño de hábitat, cun mínimo de 350 entrevistas por cada unha das 17 Comunidades. A poboación estudada son persoas residentes en España durante cinco anos ou máis de 15 anos de idade en diante. O traballo de recollida da información tivo lugar do 20 de outubro ao 10 de decembro de 2016.

29/03/201708:03
Logo Fundación Cermi Mulleres.

A Fundación CERMI Mulleres presenta no Senado ‘Por min', unha aplicación para loitar contra a violencia machista dirixida a mulleres con discapacidade

  • A aplicación desenvolveuna a FCM co apoio da Fundación Vodafone España

 

A vicepresidenta executiva da Fundación CERMI Mulleres (FCM), Ana Peláez, compareceu este luns na Comisión de Igualdade do Senado para presentar ‘Por min', aplicación móbil contra a violencia machista accesible, xa que conta con información en lectura fácil e lingua de signos, cuxo obxectivo é loitar contra este mal entre as mulleres con discapacidade.

Esta ferramenta dixital foi impulsada pola FCM e a Fundación Vodafone España. Ambas as entidades contaron coa colaboración da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, o Corpo Nacional de Policía, Cruz Vermella e diferentes entidades membros do Cermi. Ademais, a aplicación foi desenvolvida por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade.

“Foron escasos, pero contundentes, os estudos que probaron recentemente a maior vulnerabilidade das mulleres e nenas con discapacidade ante a violencia e o abuso”, manifestou Ana Peláez, que alertou das graves situacións de desigualdade ás que teñen que facer fronte aínda as mulleres con discapacidade, entre outras cuestións, pola falta de autonomía económica.

A vicepresidenta executiva da FCM explicou que as mulleres sen discapacidade son obxecto maioritariamente de violencia causada pola súa parella ou expareja, pero as que teñen discapacidade están, ademais, expostas á violencia de persoas da súa contorna, xa sexa sanitario, de servizos ou de coidados, “o que incide de maneira alarmante sobre as mulleres que viven institucionalizadas”.

Así mesmo, Ana Peláez, que agradeceu a posibilidade de presentar a aplicación na Comisión de Igualdade da Cámara Alta, advertiu de que aínda hai mulleres que ven limitados os seus dereitos por razón de discapacidade a casar, a ter fillos/as ou a obter a súa custodia en caso de divorcio.

 

Prioridade

Ante este escenario, destacou que a loita contra a violencia converteuse desde o primeiro momento nunha prioridade para a Fundación CERMI Mulleres. E é, precisamente, neste marco no que a FCM impulsou a aplicación ‘Por min', a máis diso outras moitas accións como a elaboración de informes ou a execución dun programa de intermediación para mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero, financiado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

En todo caso, Ana Peláez avisou de que a aplicación ‘por min' é só un instrumento máis, xa que por exemplo, para que chegue a moitas mulleres é preciso despregar un plan para loitar contra a fenda dixital, posto que en torno ao 66% das mulleres con discapacidade son persoas maiores.

Pola súa banda, a coordinadora da FCM, Isabel Caballero, interveu para incidir en que as mulleres con discapacidade están máis expostas á violencia machista en todas as súas vertentes. Ademais, explicou o funcionamento da aplicación, sinalando que contén testemuños de persoas que saíron da violencia ou dá acceso directo aos teléfonos 112 e 016, entre outras opcións. Igualmente, indicou que a aplicación está preparada para que o agresor non a descubra no teléfono da súa vítima e poida ser ocultada.

Doutra banda, a directora de Recursos Humanos de Vodafone España, Remedios Orrantia, animou ás senadoras presentes na Comisión de Igualdade a descargarse a aplicación e a ser “embaixadoras” desta ferramenta, difundindo a súa utilidade a través de canles como as redes sociais.

Por último, a presidenta da Comisión de Igualdade, Susana Camarero, mostrou o seu compromiso e o do Senado coas demandas das mulleres e nenas con discapacidade en materia de loita contra a violencia, mentres que a senadora do PP Severa González aplaudiu que a aplicación móbil recolla testemuños de mulleres con discapacidade que lograron superar esta secuela.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS