main content

main content
19/10/201808:10
Participantes no encontro.

A Tecnópole avanza cara a igualdade tecnolóxica perante un cento de escolares

A Tecnópole estase a sumar, con todos os seus recursos, á causa común internacional contra as falsas crenzas que desaniman ás mozas e mulleres de formaren parte das fileiras da comunidade tecnóloga e científica do mundo. A idea do parque ourensán é convidar ás mozas a formarse nestes ámbitos, que ofrecen unha manchea de posibilidades e nos que as mulleres están chamadas a desenvolver un papel crucial, de innovación, progreso e dixitalización. Hoxe mesmo, amplificouse este traballado derrubador de prexuízos ante a presenza de medio cento de escolares, que pasaron pola Tecnópole para participar nas súas xornadas de impulso das vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. 

Na cita participaron alumnas e alumnos do IES O Couto de Ourense, que puideron ver claramente como as diferenzas de xénero non son de ningunha maneira un condicionante para elixiren unha carreira. A xeira incluíu unha competición na que tiveron ocasión de demostrar os seus coñecementos sobre científicas e tecnólogas referenciais, máis en detalle as que integran a mostra Mulleres que cambiaron o mundo

No encontro tamén participou a enxeñeira técnica de montes Azahara Soilán, facéndolle saber ao alumnado os porqués de ter elixido os seus estudos e a súa experiencia durante os mesmos, unha experiencia na que “rapazas e rapaces facíamos equipo, non había diferenzas”. 

No obradoiro sobre o cerebro, o divulgador David Ballesteros lembroulles que non hai relación entre xénero e maior ou menor intelixencia, precisando que “sexas home ou muller, o cerebro consume o 20% da túa enerxía”. Con estas actividades, a Tecnópole únese a outros 15 parques de toda España no marco da iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).

Todas os participantes nas xornadas recibiron a guía Que quero ser de maior?, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía. Mañá serán escolares do IES As Lagoas de Ourense os que asistirán a estes encontros.

18/10/201810:10
Cartel do evento.

Como loitar por unha sociedade dixital igualitaria, polo miúdo nunhas xornadas da UVigo

Os vindeiros días, nos campus de Vigo e Ourense vaise falar do papel das mulleres na Sociedade do Coñecemento, de que maneira se poden seguir derrubando estereotipos e discriminacións laborais nas redes e que medidas se poden poñer en práctica para garantir unha Internet en positivo, igualitaria, que sexa útil para as novas xeracións de usuarias e usuarios. Trátase de dúas xornadas organizadas por profesorado da Facultade de Dereito nas que se abordarán dúas cuestións de actualidade: o caso do traballo muller na era dixital e a sentencia de La Manada.

As xornadas xorden no marco do desenvolvemento de proxectos de investigación con financiamento estatal, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e contan coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

A primeira das actividades leva por título Muller e traballo na era dixital e celebrarase o día 18 de outubro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo e o día 19 de outubro na Facultade de Dereito de Ourense. Organizadas por Jaime Cabeza, Marta Fernández, Francisca Fernández Prol e Mª Belén Fernández, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, a actividade lévase a cabo no marco do proxecto Os dereitos fundamentais ante as transformacións laborais na era dixital. O seu obxectivo é fornecer ás alumnas e alumnos de adestramento complementario sobre cuestións candentes como o acceso da muller ás novas formas de emprego xeradas no marco da economía dixital, o emprendemento feminino ou as autónomas low cost e as falsas autónomas no marco das novas industrias dixitais. Tamén se tocarán temas como os porqués de que se siga mantendo o sistema patriarcal no marco da economía dixital. O programa inclúe tres conferencias ofrecidas por expertas da área de Dereito do Traballo e a Seguridade Social das universidades de Santiago de Compostela, Murcia e Carlos III de Madrid.

A segunda das xornadas, Feminismo e teoría do dereito, celebrarase os días 25 de outubro e 15 de novembro tanto na Facultade de Dereito do Campus de Ourense como na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo. A cita, que vai pola súa terceira edición, aborda este ano a polémica suscitada coa sentencia no caso de La Manada.

18/10/201810:10
A especialista en redes e xénero Andrea Ruthven.

Salientan na UVigo o relevante impacto do movemento feminista virtual

O feminismo ten na Rede unha oportunidade de ampliar obxectivos e acadar importantes logros, malia ser a Rede, paradoxalmente, o ámbito do noso tempo no que máis medran e se perpetúan os conceptos, falsas crenzas, estereotipos e prexuízos que combaten hoxe en día as mulleres. Arredor desta cuestión e da cuarta onda feminista que abrolla no ciberfeminismo (logo do Século das Luces, o sufraxismo ou as revolucións a prol da muller do século XX) xirou o relatorio celebrado hoxe na UVigo, na Facultade de Filoloxía e Tradución. A conferencia contou coa intervención da especialista en estudos de xénero da Universidade de Cantabria, Andrea Ruthven.

Baixo o epígrafe Cuarta onda feminista? Activismo e representacións de xénero na cultura contemporánea, a sesión serviu para avaliar a importancia que plataformas tecnolóxicas como #Me Too están a ter “na definición do feminismo actual”. Nela tamén participaron (na recta final da xornada) docentes das universidades de Vigo, Tras-os-Montes e Alto Douro e Barcelona: María Platas, Ana Cristina Gómes da Rocha e Katarzyna Paszkiewicz, respectivamente. A conferencia foi organizada polas docentes e investigadoras da Universidade de Vigo Belén Martín Lucas e María Platas, en colaboración coa Unidade de Igualdade.

Andrea Ruthven comezou a súa intervención lembrando a figura de Tarana Burke, impulsora hai doce anos do movemento Me Too, nun primeiro intre un apoio “para escoitar, entender e crer” ás mulleres vítimas de violencia sexual, que logo se trasladou e amplificou nas redes sociais. A especialista en estudos de xénero defendeu o valor das plataformas virtuais como a propia #Me Too, #I belive you ou #Just all we womenpara crear alternativas, ao tempo que “fan visibles as voces e a participación das mulleres de xeito que poidan xerar un efecto de onda”. Asemade, a investigadora puxo o foco nas facilidades que proporcionan as plataformas dixitais “para crear espazos para desenvolver a conciencia feminista individual e colectiva e para atopar e manter o apoio ás opinións feministas, así como no seu carácter inclusivo, “fronte á tradicional exclusión da muller e doutros colectivos da esfera pública”, aínda que tamén advertiu que “non se debe pintar o mundo virtual como un espazo utópico para a interacción”. 

No seu relatorio, a especialista en estudos de xénero reiterou o impacto do movemento feminista virtual, que mobiliza millóns de persoas que teñen historias que contar. “Ao dicir #Me Too”, sinalou,cada muller forma parte dun grupo máis amplo e elixe estar xunto a outras persoas que foron acosadas, agredidas ou violadas, e esta solidariedade é moi poderosa”, concluíu.

17/10/201811:10
Cartel da iniciativa.

A iniciativa Girl Stem do Plan de talento dixital ofrece o vindeiro 19 de outubro un encontro coa directora xeral da multinacional Red Hat

  • Julia Bernal é máxima responsable para España e Portugal desta empresa, líder global no sector do software libre e código aberto
  • A sesión terá lugar na Fundación Barrié da Coruña a partir das 12 da mañá
  • Girl STEM quere contribuír a reducir a fenda de xénero nos estudos do eido tecnolóxico
  • O Plan DigiTalent 2020 ofrece ata finais de ano máis de 80 actividades para reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre os máis novos

 

A directora xeral de Red Hat para España e Portugal, Julia Bernal, considerada unha das máis importantes directivas españolas, participará o vindeiro 19 de outubro no programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', una das iniciativas do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

Girl STEM, que se desenvolve en colaboración con Agasol, ofrece o vindeiro venres na Coruña unha nova sesión, que terá lugar na Fundación Barrié, entre as 12:00 e as 13:30 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Julia Bernal contará a súa propia experiencia e falará sobre fenda de xénero, ademais de desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas. Posteriormente, abrirase un espazo para preguntas e o debate con rapazas e rapaces procedentes de diversos centros de ensino da Coruña.

Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%.

 

Julia Bernal

É a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017 (foi a primeira muller en ocupar este cargo na compañía en España). Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información (TI) e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle.

Debido ao seu cargo en Red Hat no mercado ibérico, é unha das directivas máis importantes de España (candidata a entrar no ranking Top 100 Mulleres Líderes 2018). A compañía norteamericana é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns (a única organización do seu sector que alcanza esa cifra).

 

Plan DigiTalent

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega ofrece ata finais de ano máis de 80 actividades para achegar as novas tendencias tecnolóxicas aos máis novos e reforzar o atractivo vocacional das profesións neste eido a través de talleres lúdico-formativos, sesións de mentorado, charlas ou accións informativas; nas que se implicará tamén ao seu círculo máis próximo (pais/nais, avós/avoas, titores, etc.)

DigiTalent busca reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral. Para avanzar neste obxectivo DigiTalent contempla 30 iniciativas en tres eixos de actuación: impulsar as vocacións STEM, promover a adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de E-líders para a transformación dixital.

15/10/201813:10
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou na Cidade da Cultura nas Xornadas Mulleres de Seu “O futuro de todas”.

A Xunta participa no Día Internacional da Muller Rural que ten como obxectivo visibilizar as achegas que levan a cabo as mulleres nas áreas rurais

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou na Cidade da Cultura nas Xornadas Mulleres de Seu “O futuro de todas”

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou hoxe nas Xornadas Mulleres de Seu “O futuro de todas”, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, que este ano cumpre o seu décimo aniversario, e segundo indicou o obxectivo principal de festexar este día é visibilizar a importancia das achega económicas, sociais e culturais que desenvolven as mulleres en áreas rurais de todo o mundo.

Susana López Abella lembrou que a Xunta colabora dende fai anos con Cooperativas Lácteas Unidas, e o pasado mes de xullo asinou un acordo para a visibilización e apoio a proxectos de promoción da Igualdade, xa que fomentar o empoderamento feminino, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural, é o obxectivo da iniciativa “Mulleres de Seu”.

López Abella indicou que dende o Goberno galego traballase para mellorar a situación das mulleres rurais, fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade real de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego, impulsar a súa capacidade para emprender e promover condicións que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade entre mulleres e homes.
Conseguir o recoñecemento social, económico e institucional que merecen as mulleres do rural é unha prioridade e tal e como indicou López Abella é importante priorizar algunhas áreas de actuación para conseguir a Igualdade entre as mulleres e os homes no rural galego, como son a visibilidade da muller rural, a promoción do emprendemento, a conciliación da vida familiar e laboral, e o fomento do uso da novas tecnoloxías.

Ademais, a titular de Igualdade precisou que é fundamental incentivar a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do sector agroalimentario e de desenvolvemento rural para avanzar nunha maior presenza institucional nos ámbitos de decisión do medio, polo que as organizacións agrarias, as cooperativas e os grupos de desenvolvemento rural deben contar cunha presenza feminina en órganos directivos acordes coa realidade das mulleres rurais.

09/10/201813:10
Cartel do evento.

Girl STEM: Derrubando estereotipos

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), queren reducir a fenda de xénero entre mulleres e homes nos estudos dos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para isto, poñen en marcha o programa 'Girl STEM: derrubando estereotipos', que se desenvolverá en sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro. Trátase dun programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, farán chegar a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.

Desde o 21 de setembro ao 19 de outubro haberá diversos encontros entre mozas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores. O obxectivo do programa consiste en orientar e empoderar ás mozas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

A Fundación Barrié na súa sede da Coruña acolle a sesión que pechará a serie de encontros nas diferentes cidades galegas.

Esta xornada correrá a cargo de Julia Bernal, a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información (TI) e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. 

Á sesión acudirán alumnos de varios IES da Coruña e a súa área metropolitana así como doutros puntos da provincia, pero tamén haberá entrada libre á sesión ata completar o aforo.

09/10/201808:10
Deborah García durante a súa charla.

Deborah García e Girl STEM animan ás rapazas de Lugo a ser innovadoras

Onte subiu un novo chanzo o programa Girl STEM, impulsado pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA para derrubar estereotipos, ideas preconcibidas e falsas crenzas en materia de ciencia, novas tecnoloxías e mocidade: unha morea de prexuízos que levan anos tentando convencernos de que a ciencia e as novas tecnoloxías son cousa de homes (cando resulta que as empresas innovadoras son máis innovadoras e competitivas cantas máis mulleres haxa nas súas fileiras). O programa, que se compón de relatorios con referentes femininos en ámbitos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), achegou onte unha cita coa influencer científica Deborah García, natural da Coruña. Foi unha xuntanza coa mocidade do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. 

Ante máis de 100 rapazas e rapaces do centro, a relatora falou da súa experiencia divulgando nas redes (onde ten máis de 30.000 seareiros) e fixo un percorrido detallado polas dificultades que teñen as mulleres para abrirse camiño nas contornas científico-tecnolóxicas: “Antes, cando ía a un acto de divulgación, moitas veces sentía que se forzaba a paridade e sempre me preguntaba se me chamaban por ser muller ou porque realmente lles gustaba o meu traballo”, reflexionou. Sobre a situación das mulleres científicas na actualidade, Deborah García considera que é necesario “equiparar as baixas de maternidade e paternidade para que ambos proxenitores repartan as cargas”. Ademais, dixo que “o ámbito da investigación científica é moi duro, porque esixe moitas horas e desprazarse continuamente de cidade en cidade, algo que moitas mulleres que deciden ser nais non se poden permitir”, explicou. Por outra banda, mostrou o seu convencemento na escasa recompensa económica que reporta a investigación a quen traballa nela e para ela: “Ten que cambiar o sistema público de contratación para as persoas investigadoras. En ciencia nunca temos estabilidade. De feito, só se pode conseguir unha cátedra despois de moitos anos e raramente antes dos 50, o cal trunca a vida persoal e familiar de moitas mulleres”. Coa súa participación no programa Girl STEM, Deborah García súmase a outras referentes que queren contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%.

De Inditex ao Guggenheim: quen é Deborah García
Segundo fai saber AGASOL, a traxectoria de Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é “tan impresionante como a súa capacidade de transmitir a ciencia a todo tipo de públicos”. Deborah, que é química e divulgadora científica, traballa tamén como colaboradora na Televisión Española e na Televisión de Galicia. Conta coa súa propia sección de ciencias todos os mércores na Radio Galega e, ademais, escribe para diferentes medios como El País, La Voz de Galicia, o cultural O observador da beleza de L''ORÉAL, o Caderno de Cultura Científica da UPV/ EHU ou Naukas, e dá conferencias en todo o mundo. Ademais, é formadora en hábitos saudables para o xigante téxtil galego Inditex.

Desde 2016 é a directora científica das xornadas Ciencia e Arte da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao. Está a facer o doutoramento na Universidade da Coruña sobre divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e da Asociación Española de Comunicación Científica.

É autora do aclamado blogue dimetilsulfuro.es, polo que recibiu o Premio Bitácoras 2014 ao mellor blogue de ciencia nacional. A súa canle de Youtube Deborahciencia conta con máis de 18.000 subscritores, que se suman aos máis de 13.000 en Twitter. É autora do libro Todo é cuestión de química (Ed. Paidós, 2016), galardoado co Premio Prismas ao mellor libro editado sobre divulgación científica en 2017. Pola súa actividade divulgadora recibiu un premio Jot Down Ciencia en 2017 e o Premio Tesla á divulgación en 2016. En febreiro deste ano saíu á venda o seu último libro Que se lle van as vitaminas! (Ed. Paidós, 2018), que xa vai pola súa cuarta edición.

09/10/201808:10
O reitor Antonio López con carmen Álvarez, unha das promotoras de HGBeyond/ Imaxe de Alberto Carrasco.

A USC enxalza as mulleres tecnólogas e emprendedoras nos premios Innovatia 8.3

Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e maila Universidade de Santiago entregaron onte en Madrid os premios da primeira edición do Concurso Innovatia 8.3, que se dirixe a visualizar e recoñecer as mellores iniciativas de alicerce tecnolóxico impulsadas por investigadoras e/ou emprendededoras. Pois ben, os galardóns foron dar a HGBeyond e Frame, as dúas iniciativas lideradas por mulleres e creadas co apoio das súas universidades, as de Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid. As distincións entregáronas a secretaria de Estado de Igualdade, Soledad Murillo de la Vega, e o reitor da USC, Antonio López Díaz.

A santiaguesa HGBeyond, gañadora na modalidade de iniciativa empresarial de base tecnolóxica, xurdiu en 2015 como unha spin-off da USC para “explotar e comercializar resultados relevantes do grupo de Investigación I+D Farma e desenvolver solucións biosanitarias, con aplicación directa na industria oftálmica”. Máis polo miúdo, desenvolve lentes de contacto con capacidade para tratar doenzas oculares, como procesos inflamatorios e de alerxia, ademais de glaucoma ou enfermidades relacionadas coa diabetes. Este premio está dotado con 10.000 euros e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector.

Pola súa banda, na categoría de startup e cun premio de 7.000 euros e asesoramento de tres meses, a galardoada foi Frame, nada no seno da Universidade Carlos III de Madrid. A súa tecnoloxía é un sistema de drons equipados con intelixencia artificial, prontos para despegarse tras calquera catástrofe, que se coordina de maneira autónoma durante o voo para rastrear unha zona afectada. O resultado, segundo informa a USC, é un mapa pos-desastre no que se indican as vías de evacuación, os cambios nas infraestruturas e os núcleos de poboación afectadas.

As dúas iniciativas foron elixidas de entre un grupo de finalistas no que ademais figuraban Applynano Solutions S.L. (Universidade de Alacante) e Tastelab S.L. (USC), na modalidade de base tecnolóxica, e Minervas Voice, S.L. (USC) e Mundoarti Global SL: Competicións de arte (Politécnica de Valencia), na de startups.

No acto de onte, celebrado na sede da Secretaría de Estado de Igualdade, o reitor compostelán lembrou que a USC foi “pioneira en España na súa aposta polo apoio ao emprendemento das mulleres”, sabendo que son maioría nas aulas e que son xeradoras dos mellores expedientes académicos formando un capital intelectual que a sociedade non debe desaproveitar”. A este respecto, subliñou que a USC lidera Innovatia 8.3, un movemento de ámbito estatal para integrar a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e de creación de empresas de alicerce tecnolóxico.

08/10/201810:10
Cartel da iniciativa.

A divulgadora galega Deborah García súmase ao Girl STEM

Segue adiante, a lume de carozo, o programa de actividades da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) destinado a derrubar os estereotipos e as falsas crenzas tecnolóxicas que impiden ás mozas o libre acceso ás carreiras TIC: o programa Girl STEM. A fórmula elixida para acadalo? Pois algo tan sinxelo e eficaz como deixar que mulleres referentes tecnólogas e científicas dean conta das posibilidades de enriquecemento da súa escolla ante a nosa mocidade, e contribúan a eliminar mitos. Desta volta tócalle á química e divulgadora científica Deborah García Bello (A Coruña 1984), unha das maiores referentes no seu ámbito en España e no mundo (con máis de 30.000 seareiras e seareiros nas redes sociais). 

En concreto, Deborah asistirá á sesión que terá lugar o luns, 8 de outubro, no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, entre as 16:10 h e 17:50 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Deborah García contará a súa propia experiencia e falará sobre fenda de xénero, ademais de desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas. Posteriormente, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces do instituto.

Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola axencia AMTEGA

 

De Inditex ao Guggenheim: quen é Deborah García

Segundo fai saber AGASOL, a traxectoria de Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é tan impresionante como a súa capacidade de transmitir a ciencia a todo tipo de públicos. Esta química e divulgadora científica é colaboradora de Televisión Española e Televisión de Galicia. Ten a súa propia sección de ciencias todos os mércores na Radio Galega. Escribe para diferentes medios como El País, La Voz de Galicia, o cultural O observador da beleza de L’’ORÉAL, o Caderno de Cultura Científica da UPV/ EHU ou Naukas, e dá conferencias en todo o mundo. Ademais, é formadora en hábitos saudables para o xigante téxtil galego Inditex.

Desde 2016 é a directora científica das xornadas Ciencia e Arte da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao. Está a facer o doutoramento na Universidade da Coruña sobre divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e da Asociación Española de Comunicación Científica.

É autora do aclamado blogue dimetilsulfuro.es, polo que recibiu o Premio Bitácoras 2014 ao mellor blogue de ciencia nacional. A súa canle de Youtube Deborahciencia conta con máis de 18.000 subscritores, que se suman aos máis de 13.000 en Twitter. É autora do libro Todo é cuestión de química (Ed. Paidós, 2016), galardoado co Premio Prismas ao mellor libro editado sobre divulgación científica en 2017. Pola súa actividade divulgadora recibiu un premio Jot Down Ciencia en 2017 e o Premio Tesla á divulgación en 2016. En febreiro deste ano saíu á venda o seu último libro Que se lle van as vitaminas! (Ed. Paidós, 2018), que xa vai pola súa cuarta edición.

05/10/201808:10
Cartel da iniciativa.

A Tecnópole lanza accións para evitar que as tecnoloxías fiquen sen talento feminino

Tecnópole quere tirar muros en materia de estereotipos e prexuízos de cara ás carreiras STEM. En base a isto, vén de preparar un máis que completo programa de divulgación, acción e difusión. En concreto, máis dun cento de escolares de Ourense participarán a mediados deste mes de outubro en dúas xornadas organizadas por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole co obxectivo de “impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas”. Tecnópole únese así a outros 13 parques de toda España no marco da iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).

As xornadas seranlle presentadas esta tarde ao alumnado das Aulas Tecnópole coincidindo co primeiro día de curso do programa de formación en habilidades científicas e innovadoras que o Parque Tecnolóxico organiza co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os días 18 e 19 de outubro serán senllos grupos do IES O Couto e do IES As Lagoas os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar nesta iniciativa deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos devanditos estudos STEM (siglas en inglés siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). 

Segundo informa a dirección do Parque, o programa de actividades deseñado por Tecnópole está “protagonizado pola oferta de referentes ás rapazas”. Deste xeito, inclúese unha visita a unha exposición que fai un percorrido por mulleres científicas e tecnólogas de todos os tempos, ao que cómpre engadir unha actividade para compartir en primeira persoa a experiencia de varias galegas con perfís destacados nestas áreas. Ademais, participarán en dous obradoiros nos que se lles proporán retos que deberán resolver en grupo mediante solucións innovadoras. As gañadoras competirán con equipos de toda España por un premio final. Todas as participantes nas xornadas recibirán a guía Que quero ser de maior?, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.

A intención da APTE e dos parques participantes nesta iniciativa é “darlles máis visibilidade e aumentar a capacidade de atracción dos estudos da rama científico-tecnolóxica entre o público feminino máis novo”. O obxectivo final é “contribuír a un Sistema de Innovación máis igualitario en España no que se poida desenvolver todo o talento á marxe do xénero”. En total, as actividades chegarán a máis de 2000 escolares de todo o país entre outubro e novembro.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS