main content

main content
08/03/201814:03
Sección sobre mulleres tecnolóxicas na web de Agasol.

AGASOL quere dar visibilidade ás mulleres tecnolóxicas

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) estrea hoxe un apartado na súa páxina web titulado Mulleres Tecnolóxicas no que queren salientar o rol das mulleres nos ámbitos do software libre e o código aberto cun quen é quen en Galicia e no resto do mundo.

AGASOL quere dar visibilidade ao traballo das mulleres no sector TIC, conscientes de que aínda queda moito camiño por andar para entender o software libre e a tecnoloxía en xeral como eidos que non distinguen de sexo, estando abertos a achegas de calquera persoa. O novo apartado está a promocionarse en redes sociais, e actualmente recolle as figuras da xornalista Montserrat Boix de Mulleres en Rede, da enxeñeira en Informática Antía Puentes, da licenciada en Informática Mar Castro e doutras tres mulleres que desenvolven o seu traballo ao redor do CESGA: María José Rodríguez, Natalia Costas e Carmen Cotelo.

05/03/201807:03
Cartel do evento.

Santiago acolle unha relevante xornada sobre mulleres que collen as rendas do sector TIC

O vindeiro 16 de marzo celebrarase en Santiago de Compostela unha completa e interesante xornada sobre as importantes posibilidades de enriquecemento que se abren nas empresas TIC de todo coa incorporación da muller a todo tipo de postos de relevancia. A sesión, que se vai desenvolver co epígrafe A era tecnolóxica: un desafío para as empresas e os seus líderes, vén da man de AUDICON e a Asociación para el Progreso da Dirección (APD), e conta (no que a nosa terra se refire) coa colaboración activa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Executivas de Galicia, Mindset, e Valora Consultores. A xornada terá lugar no Auditorio ABANCA, no número 23 da rúa do Preguntoiro, en horario de 9:00 e as 14:30 horas. 

A xornada busca pór de relevo dous feitos que, en palabras dos organizadores, son a todas luces incontestables: “Estamos convencidos de dúas cousas; a primeira, que ningunha actividade económica poderá sobrevivir se non integra a tecnoloxía ao seu modelo de negocio e ao seu quefacer cotián; e a segunda, que é imprescindible que as mulleres estean presentes nesta revolución tecnolóxica que estamos a vivir e que é noso deber outorgarlles visibilidade”. Para incidir neste obxectivo de “dar visibilidade” participarán na sesión empresas e profesionais referentes en Santiago de Compostela para falar de tecnoloxía, talento e “do imprescindible papel da muller no proceso de crecemento das organización”. Participará como relatora a directora financeira en Ebay Internacional, Laurent St. Clair, e outros representantes de organizacións como a Fundación Telefónica (Rosa María Sainz e Milagros Sainz), Bahía Software (Ana Armada), MindSet (Mónica Quintana), Gamering (Txema Arnedo), Accenture (María José Sanz), Gradiant (Luis Pérez Freire), Clun (Adali Morales), Executivas de Galicia (Carla Reyes Uschinsky), Inteligenz (Cristina Aranda), Eventim.com (Basola Vallés), e docentes da Universidade de Santiago de Compostela (Ángeles Romero ou Elena Vázquez Cendón).

05/03/201807:03
Participantes de no acto de

Santiago acolleu o lanzamento de Dixitalizadas, un programa para formar en TIC a 5.000 mulleres do rural

Dixitalizadas, unha iniciativa de ámbito estatal destinada a fornecer de coñecemento tecnolóxico ás mulleres da contorna rural, foi presentada e lanzada o venres oficialmente en Compostela. A encargada de dala a coñecer foi a raíña Letizia, que estivo acompañada (entre outros persoeiros) polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou o potencial de acción que ten o dito programa na nosa terra, e máis (explicou) tendo en conta o peso demográfico, social e económico das mulleres que viven no rural galego, pois preto da metade das explotacións agrícolas son titularidade delas. A cita do venres, celebrada no Hostal dos Reis Católicos, quixo ser unha chamada de atención (á sociedade civil, ás empresas e ás institucións) para acadar máis compromiso contra a fenda dixital de xénero.

Na presentación, amais de representantes das Administracións galega e estatal e dos responsables das entidades que desenvolven o programa, que son a ONG do xigante tecnolóxico Google e máis as entidades sociais Fundación Cibervoluntarios e a Fundación Mulleres, participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, Francisco Ruiz Antón, director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España, María Soleto, directora e vicepresidenta da Fundación Mulleres, Yolanda Rueda, presidenta da Fundación Cibervoluntarios, e Dolors Montserrat, ministra de Sanidade.

No acto celebrado en Santiago, a raíña aproveitou a ocasión para lembrar que a alfabetización dixital vai alén das operacións propias da Administración Electrónica, xa que abrangue tamén as actividades de lecer, o acceso á cultura, a igualdade de oportunidades e o impulso do rural. Amais destes datos, na cita cos medios tamén se fixo saber que Dixitalizadas pretende chegar en ano e medio a cinco mil mulleres das contornas non urbanas, que disporán, grazas a este programa, de formación dixital e en emprendemento. A intención dos impulsores da iniciativa é abranguer participantes de dez comunidades, incluída a nosa. A todas as mulleres que concorran nas actividades ofreceráselles a posibilidade de participar no programa Google Actívate de competencias dixitais. 

Dixitalizadas presenta tres áreas de formación básica de 6 horas de duración cada unha:

  • Obradoiros para cubrir os coñecementos básicos do manexo e contorna da internet co fin de ofrecer independencia na súa usabilidade. Neles ensinarase desde crear un correo electrónico e a súa correcta utilización así como o manexo e a navegación na internet.
  • Obradoiros de ferramentas dixitais para o emprendemento: dirixidos a coñecer e mellorar o uso das diferentes ferramentas que ofrecen as redes e internet na xestión da súa propia empresa ou idea emprendedora.
  • Obradoiros de habilidades dixitais para a procura activa de emprego: elaboración de currículos e cartas de presentación, coñecemento dos principais portais de procura de emprego así como aprender a detectar aqueles que poidan ser fraudulentos.

O programa tamén contempla promover unha rede de voluntarias que poidan apoiar á súa comunidade, así como a creación dunha rede nacional de mulleres Dixitalizadas que se convertan en embaixadoras do programa nas súas comunidades locais para garantir a continuidade da alfabetización dixital na contorna rural.

27/02/201808:02
Digitalizadas.

A raíña Leticia lanzará en Santiago o programa Dixitalizadas

Dixitalizadas, unha iniciativa estatal para achegar o coñecemento tecnolóxico a 5.000 mulleres da contorna rural, vai coller pulo na nosa terra. Aproximarnos aos obxectivos desta iniciativa que quere favorecer a inclusión TIC das áreas non urbanas, hoxe en día en claro risco de verse perpetuadas na fenda dixital (a que separa as contornas sociais plenamente afianzadas no uso diario das ferramentas tecnolóxicas e as redes de coñecemento das que non o están), é o gran obxectivo da cita deste 2 de marzo, prevista para o Hotel dos Reis Católicos de Compostela e en horario de 12.00 a 13.00 horas. A convocatoria servirá para presentar o programa Dixitalizadas e para poñelo en marcha dende Galicia. 

O acto será presidido pola raíña Leticia, por representantes das Administracións galega e estatal e polos responsables das entidades que desenvolven o programa, que son o xigante tecnolóxico Google e máis as entidades sociais Fundación Cibervoluntarios e a Fundación Mulleres. Máis polo miúdo, participarán Francisco Ruiz Antón, director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España, María Soleto, directora e vicepresidenta da Fundación Mulleres, Yolanda Rueda, presidenta da Fundación Cibervoluntarios, Dolors Montserrat, ministra de Sanidade, e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

20/02/201808:02
Rapazas celebrando o Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia.

O Campus de Ourense animou ás nenas da provincia a convertérense en profesionais TIC e científicas

Esta semana, tendo como base o día 11 de febreiro, celebrouse a nivel internacional o Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha conmemoración sen fronteiras que, como indica o seu nome, diríxese a conmemorar o espírito científico das mulleres e as cativas e, tamén, a reparar unha inxustiza de séculos que, aínda hoxe, perpetúase a moitos niveis (a invisibilización das mulleres e as cativas creadoras). Os días pasados fixemos reconto das actividades preparadas pola USC e a UDC para conmemorar o acontecemento. A maiores, a Universidade de Vigo sumouse á celebración cunha manchea de accións divulgativas e reivindicativas que permitiron cousas como crear videoxogos ou facer achados científicos. Os actos discorreron coa seguinte proclama: “Hai unha lista moi larga de mulleres que dedicaron a súa vida á ciencia, todas mulleres incribles que axudaron e axudan ao desenvolvemento das ciencias, quizais algún día unha de nós tamén forme parte dese grupo”. 

A dita proclama, extraída do segundo Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia organizado ao abeiro das actividades da UVigo para conmemorar esta xornada, veu da man da nena Noa Rodríguez, que foi quen se impuxo (cunha redacción de seu) no devandito certame. A Universidade por enteiro adheriuse ás súas palabras, tal e como se fixo saber o pasado venres na I Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A xornada estivo organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, coa colaboración da Vicerreitoría do campus, co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

Co lema Exxperimenta en feminino, a actividade reuniu no Edificio Politécnico a arredor de 300 escolares da provincia de Ourense co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as futuras xeracións poñendo o foco en mostrar o labor das mulleres científicas e tecnólogas. Ao longo da mañá, os estudantes puideron participar nunha ducia de actividades “cun enfoque divulgativo, interactivo e ameno”. Estas accións, sinalan as organizadoras, permitiron á rapazada asistente poñerse na pel de científicas da vida (tiveron a oportunidade de albiscar microorganismos na auga) ou de desenvolvedores de ferramentas dixitais (puideron crear pequenos videoxogos). 

No desenvolvemento das actividades participou persoal docente e investigador dos tres centros implicados nesta iniciativa, principalmente mulleres. A nivel docente, na xornada participaron as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo. Segundo fixeron saber, cómpre tomar medidas ante o descenso que se está a producir de mulleres nas titulacións ligadas ás TIC e á ciencia e á enxeñaría. Citando como exemplo o caso da Escola Superior de Enxeñaría Informática da que ela é subdirectora, Alma Gómez advertiu como “se hai 20 anos as mulleres representaban arredor do 30% do alumnado de novo ingreso da nosa escola na actualidade é un 10/12%. Estase perdendo o talento da metade da poboación”. Neste contexto de preocupación, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, salientou como a posta en marcha de Exxperimenta en feminino “é unha iniciativa fantástica e moi necesaria, que ten ademais o valor de xurdir do propio profesorado de varios centros”.

14/02/201812:02
Símbolos identidade sexual.

Por que negan a fenda de xénero na ciencia aínda que a teñan nos seus fociños?

Os números mostran que as investigadoras publican menos, obteñen menos financiamento e progresan menos na súa carreira. Con todo, hai quen segue pensando que a fenda de xénero é unha construción ideolóxica. O primeiro paso para solucionar o problema é crer que existe, algo máis difícil do que parece entre parte da comunidade científica.

Nos últimos anos, numerosos estudos analizaron a existencia, alcance e causas da fenda de xénero na ciencia e na tecnoloxía. Hai menos investigadoras que publican menos, obteñen menos financiamento e progresan menos na súa carreira. Os datos apoian a existencia dun rumbo do que algúns aínda dubidan mesmo dentro da comunidade científica. ¿A que se debe tal negacionismo?

“Con este tema aos científicos cústanos moito actuar como científicos, non como persoas, e recoñecer que os nosos rumbos son reais”, comenta a Sinc a investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Teresa Valdés-Solís. “Como vai pasar isto se a ciencia é obxectiva e os concursos de méritos son todos iguais! É imposible que o meu xuízo sobre un currículo dependa do xénero!”, chancea esta doutora e enxeñeira química.

O escepticismo diferénciase do negacionismo en que, mentres que o primeiro pide evidencias, o segundo rexéitaas. Esta actitude xa foi estudada en relación co cambio climático, o fracking, a evolución biolóxica e a enerxía nuclear. En 2015, un estudo na revista The ANNALS of the American Academy of Political and Social Science analizaba ata que punto a política domina as opinións sobre ciencia. Os seus autores mostraban que o partido ao que votamos, a nosa ideoloxía política, os valores persoais e a relixión desempeñan un papel fundamental para decidir que feitos aceptamos e de cales dubidamos.

Seguir lendo na fonte da noticia...

13/02/201807:02
Cartel do evento.

O CEIP de Laredo, finalista en Wisibilízalas 2018

O CEIP de Laredo (Chapela, Redondela), un dos nosos principais referentes en afianzamento das tecnoloxías no día a día das/os escolares, comezou ano con forza no que a participación en certames tecnolóxicos se refire. Se recentemente falamos da súa presenza no proxecto educativo-aeroespacial Hana (no que concorre como centro piloto), hoxe puidemos saber que o seu proxecto Donas do Código foi un dos tres seleccionados, de entre 300 centros aspirantes a nivel estatal e latinoamericano, para parar á rolda final do Premio Wisibilízalas, convocado por Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, visualizando figuras referentes nestes eidos. O proxecto galego, finalista na categoría junior con outras dúas achegas, foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos. 

Os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos. Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.

12/02/201808:02
Cartel do evento.

As nosas universidades conmemoran con xuntanzas virtuais e charlas de divulgación o Día das Mulleres e Nenas na Ciencia

O 11 de febreiro conmemórase un festexo mundial de especial significado, o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha celebración relevante por dous grandes motivos: en parte porque implica defender o coñecemento igualitario e a equidade nas oportunidades, en parte porque leva implícito a arela de conseguir mellor ciencia, mellor tecnoloxía e, polo tanto, un mundo mellor para todas e todos (o coñecemento e a investigación precisan das mulleres para acadar as pólas máis altas da excelencia e a solidariedade). Entre as entidades galegas que están a pechar fileiras arredor deste evento están a Universidade de Santiago, que prepara (entre outras cousas) unha Editatona, e máis a Universidade da Coruña, que ten un amplo programa de relatorios de divulgación e e de reivindicación da muller desenvolvedora de ciencia e tecnoloxías. 

A primeira das accións programadas pola USC busca recuperar as científicas pioneiras que se formaron nas aulas e laboratorios das facultades de ciencias experimentais dos campus composteláns e recoñece o seu empeño “por seguir a súa vocación científica”. Deste xeito, no marco dun acordo co Concello compostelán, durante este mes e o seguinte os institutos de educación secundaria da cidade acollerán a exposición Mulleres no laboratorio: as primeiras científicas da USC elaborada pola investigadora da USC Xoana Pintos Barral. 

Tamén conmemorando o día marcado polas Nacións Unidas, o ciclo Reactiva a túa Química,que organiza regularmente a Facultade de Química, adica a esta temática a súa sesión do vindeiro mércores 14. Será a doutora en Historia das Ciencias e das Técnicas pola USC Xoana Pintos, autora do traballo As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960, a encargada de pronunciar a conferencia, que leva por título Non só Marie Curie. Será ás 13.00 horas na Aula Magna do centro. 

Ademais, a Oficina de Igualdade de Xénero e a Biblioteca Universitaria da USC teñen previsto para o 20 de febreiro a Editatona Investigadoras na USC: as pioneiras. Esta actividade, coa que colaboran Galipedia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal), consiste nunha reunión virtual para editar e mellorar colectivamente os contidos dunha Wikipedia sobre un tema ou unha serie de artigos relacionados con el, neste caso as mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas. A editatona celebrarase o 20 de febreiro de 2018 de 9 a 14 horas na Biblioteca Concepción Arenal.
 

Universidade da Coruña
Pola que respecta ás contribucións da Universidade da Coruña comezarán mañá, sábado, os actos de celebración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Así, a Oficina para a Igualdade de Xénero e a Unidade de Divulgación Científica e Cultural organizan dous ciclos de microcharlas, un en Ferrol e outro na Coruña, coa finalidade de visualizar a vida e as achegas de mulleres destacadas na ciencia e na tecnoloxía, incluídas as achegas a prol do progreso das ferramentas dixitais e da información. 

O 10 de febreiro, na Libraría Lea de Ferrol, de 12.00 a 13 horas, falarán Ana Tarrío Tobar e María José Souto Salorio (María Wonenburguer, matemática galega e universal ), Sara Fernández Basanta e Carla Freijomil Vázquez (co relatorio Florence Nightingale, a dama da lámpada) e María Carreiro Otero (coa conferencia Milagros Rey Hombre, unha arquitecta pioneira). O 12 de febreiro, a Domus da Coruña acollerá, a partir das 19.00 horas, a primeira edición das Xornadas de Neurocientíficas, organizada polo grupo de investigación Neurocom, e as facultades de Ciencias da Saúde e Fisioterapia da UDC. Participan Mónica Folgueira (Avances e retos da neuroanatomía no século XXI), Rosa Señarís (O teu cerebro, o teu metabolismo) e María del Mar Castellanos (Muller, cerebro, ciencia e o meu gran de area). Culminará a xornada cunha esa redonda, As mulleres na ciencia, moderada por Fernanda Tabarés e coa participación de Carme Adán.

O 16 de febreiro, no espazo Normal, de 19.00 a 21.00 horas, falarán Ana M. González Tizón (Nettie Stevens, seguindo o seu propio camiño), Érika García Cardesín (Mary Anning, as pegadas da vida), Laura Pita García (Bárbara Mcclintock e os xenes saltaricos), Carolina Núñez Puente (Charlotte Perkins Gilman, unha escritora feminista na época vitoriana) e Nieves Rodríguez Brisaboa (Informática, sociedade e mulleres).

07/02/201809:02
Muller usando un ordenador.

Como atraer o talento feminino cara ao negocio tecnolóxico

  • É indispensable un cambio na cultura empresarial

 

As longas xornadas de traballo e o ambiente discriminatorio da industria tecnolóxica escorrentan ás mulleres, a pesar de que a UE ten unha estimación de crecemento do emprego do 8% ata 2025 no sector. Un estudo de universidades catalás propón medidas para lograr unha maior igualdade de oportunidades. Segundo os especialistas, é necesario un cambio cultural nas empresas, con novas regras para a xestión do tempo e programas de asesoramento.

Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), as mulleres supoñen un 23,8% dos empregos en tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) en España. Unha investigación da Universidade Aberta de Cataluña e a Universidade de Barcelona analiza as razóns polas que as mulleres están infrarrepresentadas neste sector. Entre elas destaca un ambiente moi masculinizado, con longos horarios que non facilitan a conciliación.

Ana González Ramos, investigadora en socioloxía de Universidade Aberta de Cataluña e autora principal do estudo, explica a Sinc que hai grandes oportunidades neste sector económico: “A UE estima que haberá un crecemento do emprego do 8% ata 2025 na industria tecnolóxica e as previsións mundiais tamén apuntan no mesmo sentido, polo que resulta moi importante abordar un cambio de tendencia que incorpore a máis mulleres preparadas con destrezas suficientes para deseñar e producir innovacións tecnolóxicas”.

Na súa opinión, “estas habilidades non terán porqué vir de carreiras tecnolóxicas puras e duras, senón que poderían proceder de campos do coñecemento moi diversos, desde a bioloxía e a saúde ata as artes ou a filosofía, pero cunha base relacionada coas TIC”.

 

Tendencia á sobrecualificación

A autora destaca que o actual clima laboral desta industria “dificulta que as mulleres poidan compaxinar as súas aspiracións profesionais e persoais. As xornadas intensas, a dispoñibilidade total e a dedicación extralaboral son algúns dos factores considerados como máis negativos”.

As mulleres que finalmente se deciden por unha carreira tecnolóxica e logran traballo no sector “atópanse cun mundo complexo, organizado dunha maneira allea aos seus intereses, e sustentado en prácticas informais masculinas dentro e fóra da contorna de traballo. Todo iso produce situacións de illamento que, en ocasións, conducen a unha sobrecualificación das mulleres como única maneira buscar espazos de recoñecemento nos núcleos de poder establecidos”, agrega González Ramos.     

O estudo atopou que a idade supón tamén un motivo de discriminación engadida ao xénero. Os datos da EPA indican que as mulleres menores de 24 anos e maiores de 46 son as que teñen maior dificultades para atopar traballo en compañías TIC.

Por outra banda, as empresas do sector puxeron de manifesto a necesidade de que as universidades sexan máis flexibles á hora de formar aos estudantes de maneira óptima para adaptarse ao cambiante sector das tecnoloxías. Con todo –opina González Ramos– “moi poucas firmas teñen en conta os beneficios que achega a diversidade dos equipos de traballo”.

 

Promoción das vocacións tecnolóxicas femininas

Respecto das medidas para que a situación cambie, a experta menciona, entre outras, “a promoción das vocacións tecnolóxicas femininas mediante programas de asesoramento e dar visibilidade ás mulleres que ocupan postos de responsabilidade na industria”. Tamén cre necesario “cambiar a imaxe dos estudos de tecnoloxía, mostrando non só o seu aspecto gris, senón as súas utilidades en campos como a saúde, a seguridade, o deseño e a arte”.

Pero, sobre todo, “é necesario que as compañías cren condicións do emprego máis igualitarias, especialmente en canto á fenda salarial e as oportunidades de progreso, e unha mellor xestión do tempo para atraer o talento feminino”, conclúe. 

O artigo, publicado na Revista Española de Investigación Sociolóxica, foi elaborado dentro do proxecto GENTALENT, que busca promocionar o talento das mulleres no sector ocupacional das tecnoloxías e que conta con financiamento da Asociación Catalá de Universidades Públicas (ACUP) e a Obra Social ”la Caixa”.

06/02/201812:02
Imaxe: Dana Hall School.

Un pulso global para pechar a fenda de xénero en ciencia e tecnoloxía

  • A iniciativa #11F mobiliza máis de mil actividades só en España

O 11 de febreiro é o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, co que se busca visibilizar o traballo das mulleres neste ámbito e fomentar a cultura científica entre as novas. Organizacións profesionais, fabricantes de xoguetes e ata Barrio Sésamo traballan para que o vello estereotipo do físico descoidado ou o enxeñeiro excéntrico deixe paso a novos modelos femininos.

Se metésemos a todos os estudantes universitarios de España nunha mesma clase, máis da metade serían mulleres, segundo os datos da OCDE, pero as porcentaxes cambian se analizamos cada especialidade. En ciencias, matemáticas e informática as estudantes representan o 30%, mentres que en enxeñería son o 23%. Estas disciplinas, reunidas baixo o acrónimo STEM, mostran unha fenda de xénero que profesionais, profesores e investigadores loitan por romper.

Segundo a oitava Enquisa de Percepción Social da Ciencia que leva a cabo a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o interese das mulleres por estes temas medrou nos últimos anos, pero segue por baixo do dos homes. Un bo número de iniciativas, nacionais e internacionais, buscan cambiar o panorama. Hai boas razóns. Unha delas é que a ausencia de investigadoras repercute sobre a calidade da ciencia, como se describía nun estudo publicado recentemente en Nature Human Behaviour.

Seguir lendo na fonte da noticia...

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS