Afundación abriu en Vigo o seu novo Espazo+60, polo que converterá a súa sede viguesa nun centro "multidisciplinar e interxeneracional", con actividades para persoas a partir de 55 anos. Ademais, este ano vai desenvolver a plataforma dixital interna Afundación TV, na que porá a disposición dos socios vídeos das diferentes actividades que organiza.
Así o comunicaron este xoves nunha rolda de prensa o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o director xerente da entidade, Pedro Otero, que lembraron que a de Vigo é a terceira sede de Afundación que habilita este programa Espazo+60, tras as de Ferrol e Pontevedra.
Segundo dixo Escotet, o tres eixos de Afundación son a cultura, o envellecemento activo e a educación; eixos que con este proxecto preténdese fortalecer e interrelacionar con "actividades ponte". Así, con Espazo+60 busca involucrar ás persoas maiores con xente nova en actividades do seu interese, ademais de pór en valor a súa experiencia.
En concreto, a través deste programa, os usuarios poderán participar en actividades de lecer creativo, de formación das súas habilidades e destrezas --dentro tamén do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa--, e compartir o seu talento e experiencia vital e profesional, entre outras actividades.
Escotet remarcou a aposta de Afundación polo envellecemento activo, de forma que os centros teñan actividade plena. "Hai que darlle dignidade a quen merece ser digno, e os maiores merecen toda a dignidade", remarcou, antes de engadir que a súa intención é dar "valor á experiencia" e difundir "unha imaxe social dos maiores positiva e afastada de estereotipos".
Tal e como adiantou Otero, o obxectivo é implantar nos centros de Afundación que se poida estes espazos multidisciplinares. No entanto, naquelas instalacións onde "non se poida" crear o Espazo+60 "por non ter as características necesarias", Escotet explicou que a idea é implantar "outras actividades" dirixidas a estes socios.
Duplicar usuarios
Otero remarcou que desde que abriron estas instalacións recibiron 350 altas, "unha media de tres ao día", e baixaron a idade de incorporación dos 74 aos 68 anos. Actualmente, en Vigo hai 950 socios, entre os 55 e os 100 anos, trasladou o director xerente, que indicou que esperan duplicar esta cifra nos próximos dous anos, ata alcanzar os 2.000 usuarios.
O novo Espazo+60 de Vigo dispón de catro aulas, auditorio para conferencias, aula de cociña, zona social e dúas salas no Teatro Afundación, nas que se ofertarán actividades dentro de programas de hábitos saudables, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, novas tecnoloxías e lecer activo.
Afundación TV
Este xoves Escotet anunciou tamén que este ano se vai a desenvolver un programa interno que cumpre o seu tres eixos: Afundación TV. Trátase dun instrumento dixital interno --dirixido aos socios-- polo que se gravarán vídeos das distintas actividades --actividades culturais, exposicións, conferencias, etc.-- para difundilos en directo ou en diferido a través da plataforma.
Segundo destacou, o obxectivo é achegar aos usuarios unha ferramenta pola que acceder ás distintas actividades, así como para permitir que todas as sedes de Afundación poidan participar das actividades que se realizan nos demais centros.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) anunciou hoxe a apertura da convocatoria do Programa de innovación social dixital CeMIT-Innova, que se pechará o 31 de marzo. Os detalles da convocatoria déronse a coñecer durante o obradoiro práctico sobre Metodoloxías participativas aplicadas ao deseño de proxectos, enmarcado no Programa.
A participación nesta xornada, á que asistiron máis de 60 axentes das aulas CeMIT, é un requisito imprescindible para presentar candidatura como proxecto innovador no Programa CeMIT-Innova 2017.
Prazos convocatoria do programa CeMIT-Innova 2017
O período de inscrición na terceira edición do CeMIT-Innova remata o 31 de marzo e o 10 de abril daranse a coñecer os 10 proxectos innovadores seleccionados, que pasarán a executarse ao longo do ano 2017.
A inscrición poderá realizarse a través da web de CeMIT, na que están publicados os criterios que se terán en conta á hora de seleccionar as aulas CeMIT-Innova 2017 e o Formulario de participación no proxecto.
A novidade desta terceira edición CeMIT-Innova é que todos os proxectos formarán parte do I Concurso de Innovación Social Dixital e poderán optar ao Premio Son Dixital á mellor iniciativa dixital, cunha mención especial de recoñecemento ao labor do voluntariado que participa nestes proxectos innovadores. O gañador, elixido no último trimestre do ano, optará a un premio tecnolóxico doado por entidades galegas patrocinadoras, que quixeron sumarse a esta iniciativa.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar, a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A iniciativa Camp Tecnolóxico, un programa itinerante de campamentos-obradoiros tecnolóxicos para nenas e nenos de entre 4 e 17 anos, vai abranguer novamente a nosa terra (logo das experiencias previas en Vigo e Nigrán) nas súas xeiras de divulgación e traballo colaborativo arredor da robótica educativa, a programación, os videoxogos, os drons ou as impresoras 3D. Os campamentos levaranse a cabo durante a Semana Santa en Madrid, Barcelona, Pamplona-Iruña, Euskadi e, como dixemos, Galicia.
Os obradoiros galegos de Camp Tecnolóxico desenvolveranse en Vigo, e serán talleres dirixidos a nenas e nenos de entre 7 e 13 anos, que poderán elixir actividades como programar o seu primeiro robot con Lego Mindstorm ou aprender conceptos básicos da robótica con Lego WeDo (A aventura da robótica).
Os campamentos-obradoiros de Vigo celebraranse na sede AJE no número 21 da rúa Marques de Valadares. As datas son 10, 11 e 12 de abril, e tamén o 17 de abril (opcional). O horario, de 10.00 a 14.00 horas (no último día do campamento haberá unha hora de portas abertas, de 13 a 14.00 horas, para que as familias poidan ver o traballo dos participantes durante as xornadas previas).Para quen non o saiba, Camp Tecnolóxico é un proxecto educativo nado en 2011 en Bilbao co obxectivo de fornecer formación científica e tecnolóxica ás nenas e nenos e, tamén, coa finalidade de facer reflexionar a nais, pais e profesorado sobre a “implícita necesidade que teñen de complementar a educación dos seus fillos cos ámbitos da robótica, a programación, a intelixencia artificial, as matemáticas ou a enxeñaría. O seu foco é mellorar as habilidades de crianzas e adolescentes nestas áreas e con iso, “aumentar as súas probabilidades de éxito académico e profesional futuro”.
A Xunta de Galicia asinará coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) un convenio de colaboración para facilitarlles ás entidades locais a implantación da Administración electrónica. O acordo pon á disposición dos concellos unha carteira inicial de ferramentas como as notificacións electrónicas, a acreditación dixital, a Plataforma de Interoperabilidade, ou a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, que se irán ampliando de xeito progresivo.
Así o avanzou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, na apertura do II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración electrónica, que foi inaugurado polo secretario xeral de Administración Dixital do Ministerio de Facenda e Función Pública, Domingo Molina. Na apertura interviñeron tamén o vicepresidente da Fegamp, Manuel Mirás, e o vicepresidente do Consello Superior de Letrados das Comunidades Autónomas, Francesc Xavier Urios.
En marcha as principais pezas que esixen as leis 39/40
A máxima responsable da Amtega lembrou que Galicia está a desenvolver o Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, aprobado en 2015 cun investimento de 27,7 millóns de euros en 5 anos, que permitiu poñer en marcha boa parte das medidas que esixe o novo marco normativo en materia de Administración Electrónica (leis 39/2015 e 40/2015).
Desde o pasado ano a Administración autonómica conta co sistema notifica.gal, que permitiu o envío de 31.000 notificacións electrónicas. A Xunta dispón tamén, desde 2015, da Plataforma de Interoperabilidade Pasaxe! con máis de 40 certificados accesibles, e que en 2016 evitou a presentación de máis de 2,6 millóns de documentos (certificados de discapacidade, familia numerosa, parella de feito, títulos universitarios...). Durante o pasado ano os empregados da Administración autonómica asinaron de xeito dixital máis de 1 millón de documentos.
A sede electrónica da Xunta rexistrou en 2016 máis de 89.000 xestións online e vén de habilitar a obtención dos certificados de familia numerosa e discapacidade a través da sede. Ademais, simplificouse o seu acceso coa posta en marcha do Servizo Chave 365, que substitúe o uso de certificados dixitais por claves concertadas no móbil, e que xa empregan máis de 13.000 persoas.
A administración autonómica conta tamén cun dos piares da administración dixital, o Arquivo Electrónico, que permite xestionar o ciclo de vida completo de cada documento e posibilitará, tanto aos empregados públicos como ao propio interesado.
Outra das obrigas para 2018 é que se dixitalicen todos os documentos que entran á Administración. Galicia adiántase a este requisito e, tras dixitalizar o Rexistro Xeral da Xunta como os Rexistros das Delegacións provinciais, este ano dixitalizaranse os 173 rexistros do Sistema Único de Rexistro, que dependen da Administración autonómica.
Máis de 250 empregados públicos participan no Encontro
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e co Consello Superior de Letrados e avogados de Comunidades Autónomas, celebran hoxe e mañá, na Cidade da Cultura, o II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica: "Un compromiso conxunto cara aos cidadáns".
Máis de 250 empregados públicos asisten estes dous días ás mesas e relatorios nos que se abordan diferentes aspectos derivados do impacto no funcionamento das Administracións Públicas, así como as liñas de colaboración entre as distintas administracións, que permitirán unificar esforzos no desenvolvemento da Administración Electrónica.
Espazo de exposición
Ademais das mesas de debate as Xornadas contan cun espazo para difundir os servizos dixitais que teñen á súa disposición os cidadáns. Nos diferentes stands persoal da Amtega e das deputacións explican e poden dar de alta en diferentes servizos aos interesados en incorporarse ao uso da administración dixital.
A Universidade da Coruña vai reforzar os seus instrumentos para favorecer que abrollen dos seus campus máis e mellores iniciativas innovadoras. Así o deu a coñecer hoxe mesmo o reitor, Julio Abalde, no Paraninfo da Reitoría, perante decanas/os, directoras/es de centros, coordinadora/es de grupos de investigación e de centros tecnolóxicos e profesorado universitario. No acto presentáronse os novos campus especializados da Universidade. Segundo fixeron saber o reitor e máis o vicerreitor de Economía, Domingo Calvo, os campus da UDC estarán centrados en dúas grandes áreas: a innovación e o sostible. A primeira estará representada por Campus Innova e a segunda por Campus da Sustentabilidade.
O Campus Innova, sinalaron os reitores, estará centrado na innovación dixital, tecnolóxica (novas tecnoloxías da información) e humanística. Abrangue tres grandes áreas nas cales se desenvolven diferentes liñas de especialización. Na primeira área salienta o eido das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (Innova TIC), que é transversal ao resto de áreas de especialización “con posibilidade de numerosas aplicacións en diferentes contornas sectoriais tanto no ámbito lucrativo (onde destaca a xestión empresarial da innovación e do coñecemento) como non lucrativo”. Entre as moitas aplicacións das TIC Abalde e Calvo salientaron os ámbitos da biotecnoloxía, a saúde, a dependencia ou o tecido socio-sanitario. A segunda área de interese é a área da innovación e tecnoloxías da construción, enxeñería civil e aeronáutica, que estará representada por Innova Tech. O terceiro eido é a innovación no eido das humanidades e dixitais, a través de Innova Humanitas.
Pola súa banda, o Campus da Sustentabilidade centrarase en primeiro lugar nos ámbitos do urbanismo, a paisaxe e o territorio, en segundo lugar nos eidos da sostibilidade e a innovación social, en terceiro lugar na sustentabilidade económica e, en cuarto lugar, na vida saudable. Con estes dous novos campus de especialización prevese levar a cabo accións que integren ao conxunto das sedes da Universidade da Coruña: Elviña, Zapateira, Riazor, Oleiros e Oza. A partir deles, informaron Abalde e Calvo, “téntase fixar as liñas estratéxicas grazas ás que a Universidade poderá non só ofrecer unha formación máis especializada dos futuros egresados senón tamén mellorar a súa capacidade competitiva para captar fondos e realizar unha investigación e transferencia máis punteira e con maior valor engadido para a sociedade”.
Co fin de continuar afianzando o uso dos dispositivos móbiles para as persoas maiores, a Fundación Vodafone España lanzou unha nova colección de tutoriais sobre o uso dos smartphone, centrados nesta ocasión no WhatsApp, en tanto que é unha ferramenta de comunicación masiva e o seu uso está enormemente estendido entre os maiores.
Estes novos tutoriais, un total de oito vídeos formativos, están dispoñibles en YouTube e pódese acceder a eles con tan só introducir as frases “Curso WhatsApp para maiores Fundacion Vodafone ou Curso #WhatsAppMayoresConecta2”. Pronto tamén estarán dispoñibles en www.fundacionvodafoneconlosmayores.com.
Os seus contidos abarcan desde a súa instalación no smartphone, pasando pola súa configuración, envío de fotos, vídeos, audios, contactos e localizacións, cuestións de seguridade a ter en conta, así como a creación de grupos e listas de difusión.
Esta iniciativa enmárcase no compromiso da Fundación Vodafone España por dar a coñecer as TIC e as súas utilidades entre as persoas maiores posto que son un aspecto clave para promover a súa participación na sociedade actual, a vida independente e o envellecemento activo.
A Fundación Vodafone España e a Fundación ONCE asinaron un acordo para a creación dun fondo destinado ao impulso da accesibilidade audiovisual. Santiago Moreno, director xeral de Fundación Vodafone España, e José Luis Martínez Donoso, director xeral de Fundación ONCE, foron os encargados de rubricar este acordo específico previsto no convenio marco de colaboración subscrito por ambas as entidades en maio de 2014.
Desde entón as dúas fundacións traballan de maneira conxunta en materia de deseño para todos e de accesibilidade universal co obxectivo de mellorar a vida das persoas con discapacidade e de toda a sociedade no seu conxunto.
En concreto, o presente anexo formaliza a colaboración entre ambas as entidades para a creación do fondo para o ‘Impulso da accesibilidade audiovisual'. Segundo recolle o documento comprométense a configurar e poñer en marcha unha comunidade de voluntarios que produzan a subtitulación de contidos audiovisuais. Esta comunidade, que se formará a partir do colectivo de Voluntarios ‘da Fundación Vodafone' –que xa suma 100 persoas- encargarase de producir o subtitulado dos contidos e provocar a transformación dixital desta actividade.
Así mesmo, traballarán para facilitar a transcrición das clases en polo menos seis universidades españolas e para mellorar o acceso á aula de alumnos xordos ou doutros colectivos cuxa participación plena na actividade académica se vexa favorecida pola aplicación destas técnicas.
A Fundación Vodafone España realizará unha doazón de 145.000 euros ao devandito fondo e será a comisión de seguimento do convenio marco de colaboración a que determinará os proxectos elixibles para o seu financiamento.
Pola súa banda, a Fundación ONCE comprométese a participar activamente na xestión do fondo para o impulso da accesibilidade audiovisual, así como nos proxectos que se desenvolvan para ser financiados. Así mesmo, difundirá entre os seus patróns relacionados coa accesibilidade audiovisual este proxecto, convidándoos a valorar unha posible adhesión a esta iniciativa.
Tras a firma do acordo, Moreno explicou que “este convenio reforza a nosa aposta por mellorar a calidade de vida das persoas grazas aos avances que nos achegan as novas tecnoloxías”. Ademais recalcou que “é unha honra seguir colaborando e impulsando proxectos coa Fundación ONCE, referente no ámbito asociativo do noso país”.
Pola súa banda, Martínez Donoso afirmou que para a Fundación ONCE este camiño emprendido da man da Fundación Vodafone é “un paso moi importante”. “Queremos que se siga avanzando na accesibilidade, non só coa subtitulación senón tamén coa lingua de signos, a audiodescripción e a lectura fácil”. “É un gran paso e síntome especialmente feliz de poder seguir traballando para lograr unha sociedade moito máis inclusiva”, aseverou.
No acto tamén estiveron presentes Concha Díaz, presidenta da CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas); Carmen Jáudenes, directora de Fiapas (Confederación Española de Familias de Persoas Xordas), e Belén Ruiz, directora de CESyA (Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción).
Preguntar cal é a estación máis próxima é un xesto do día a día e un cego sempre necesitou axuda doutros para poder orientarse. "O feito de que teñamos que recorrer de maneira habitual a unha terceira persoa para que nos axude a facer segundo que cousas é algo incómodo e desagradable", explica Daniel Montalvo, persoa con discapacidade.
Agora a situación de Daniel pode cambiar. Un proxecto impulsado por ILUNION, o grupo de empresas sociais da ONCE e a súa FUNDACIÓN, quere situar balizas en diferentes puntos de interese para que as persoas con discapacidade visual poidan identificar o que teñen ao seu redor.
"Falo pitar e oriéntate para saber onde está o cuarto de baño, un ascensor, o mostrador ou a habitación dun hotel, son elementos que poden axudar moitísimo a mellorar a independencia e a autonomía persoal", sinala Jesús Hernández, director de accesibilidade da Fundación ONCE.
As balizas de guiado, chamadas BEEPCONS, están vinculadas por bluetooth ao teléfono móbil que lles avisa cun asubío cando se aproximan a elas. Son capaces mesmo de ler o menú dun restaurante Ou de dar información sobre monumentos e estacións de transporte.
Calquera establecemento pode dotarse deste sistema, só ten que comprar a baliza e programala coa información que queira darlle ao usuario. "Coa tecnoloxía o que conseguimos é facer grandes avances cun custo moi reducido", conta Roberto Torena, xerente de ILUNION . Un pequeno investimento que podería facilitar a vida de máis de 70.000 cegos en España.
O proxecto europeo SIMON para promover a integración das persoas con mobilidade reducida facilitando os seus desprazamentos e o aparcadoiro na cidade usando as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) celebrou a semana pasada unha xornada de conclusións no Concello de Madrid, cidade que, xunto a Lisboa, Parma e Reading, foi piloto deste proxecto.
Un dos retos aos que se enfrontaron é a redución da fraude en estacionamentos públicos por utilización indebida de cartóns para persoas con mobilidade reducida (TEPMR). Como resultado da experiencia piloto, Madrid modernizou os cartóns de aparcadoiro incorporando dispositivos electrónicos, concretamente etiquetas NFC e códigos QR, cos que os controladores do Servizo de Estacionamento Regulado (SER) e os axentes de mobilidade poden verificar a autenticidade dos cartóns, evitando así o seu uso fraudulento.
Por outra banda, no marco do proxecto creouse a App ‘Simon Mobile', dispoñible gratuitamente para dispositivos Android e iOS, que permite localizar prazas de reservas de estacionamento libres, así como rexistrar a utilización dun espazo de aparcadoiro reservado para TEPMR e o seu control por parte de axentes de mobilidade e controladores do SER. Esta aplicación tamén ofrece información sobre itinerarios accesibles utilizando o transporte público.
Desde o pasado mes de xuño ata agora cargáronse 6.000 cartóns con información sobre seguridade (códigos NFC e QR) e puxéronse en circulación máis de 4.000 cartóns SIMON. Ademais, 48 usuarios participaron voluntariamente no proxecto piloto activando o seu cartón, de modo que os seus datos pasan á app que rexistra que esa praza está ocupada, e 350 persoas descargaron ‘Simon Mobile'.
Entre as propostas municipais para as TEPMR están a solicitude de elevar a rango de decreto a regulación destes cartóns e establecer un réxime sancionador, con rango de lei, que dea amparo á sanción municipal por usos indebidos.