main content

main content
11/04/201710:04
Logo Cursos Fundación ONCE.
Santiago de Compostela

A canle formativa da Fundación ONCE ofrece un novo curso online sobre accesibilidade TIC en compras públicas

  • En colaboración co Real Padroado sobre Discapacidade

A canle formativa de cursos online da Fundación ONCE, posto en marcha en colaboración co Real Padroado sobre Discapacidade, ofrece a partir do próximo luns, 17 de abril, un novo Curso MOOC (Massive Online Open Courses) sobre accesibilidade TIC en compras públicas.

O curso, gratuíto e de catro semanas de duración, pretende dar a coñecer entre os alumnos a lexislación existente en materia de accesibilidade e animalos a que axuden a aplicar o deseño para todos no desenvolvemento de novos sistemas TIC ou na mellora doutros existentes. Ademais, proponse ensinarlles a avaliar se un produto ou servizo TIC cumpre os requisitos de accesibilidade.

Para iso conta con sete módulos formativos que inclúen vídeos, textos, test de autoevaluación, foros, páxinas de axuda e de progreso, enquisas de calidade e atención tutorial e docente.

Titulada ‘Accesibilidade TIC en compras públicas', esta formación é de carácter introductorio e vai destinada a empregados públicos que participan nos procesos de compras públicas de produtos ou servizos TIC, enxeñeiros, departamentos comerciais e de compras, xestores ou técnicos de organizacións que licitan nestes concursos, movemento asociativo contra a discriminación por diversidade funcional, etcétera.

Aínda que o curso non conta cunha data límite de inscrición, a Fundación ONCE recomenda aos interesados en participar nel formalizar a matrícula, como moi tarde, durante as dúas primeiras semanas da formación para poder seguir os contidos con certa tranquilidade. En calquera caso, o curso permanecerá aberto ata outono de 2017.

As inscricións deben facerse na seguinte ligazón: Inscrición ao curso.

Accesible a través de UNED Aberta (http://iedra.uned.es/), a canle incorpora recursos educativos abertos, gratuítos, de calidade e accesibles para todos. O estudante obtén, ademais, o recoñecemento ou acreditación polos méritos conseguidos.

A canle formativa de cursos online de Fundación ONCE estreouse o pasado mes de novembro e o seu obxectivo é abordar en primeira persoa o concepto de accesibilidade universal e a necesidade de incluír criterios de deseño para todos nos distintos proxectos.

A súa posta en marcha enmárcase no convenio que manteñen Fundación ONCE e o Real Padroado sobre Discapacidade e conta co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

11/04/201707:04
Logo CeMIT-Innova.
Santiago de Compostela

A Amtega selecciona as 10 aulas que participan na terceira edición do programa de innovación social dixital CeMIT-Innova

  • Os proxectos seleccionados foron presentados polas aulas CeMIT dos concellos de Bande, Boborás, Brión, Catoira, Carballedo, Cuntis, Oroso, Ourense, Narón e Santa Comba
  • Ao longo do ano impulsarán iniciativas, baseadas nas TIC, en ámbitos como a promoción económica, o turismo, a inclusión, a igualdade, o envellecemento activo e a alfabetización dixital

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de seleccionar os 10 proxectos que participarán na terceira edición do Programa CeMIT-Innova e que se suman aos 18 xa desenvolvidos en anos anteriores. As iniciativas seleccionadas foron presentadas polas aulas CeMIT dos concellos de Bande, Boborás, Brión, Catoira, Carballedo, Cuntis, Oroso, Ourense, Narón e Santa Comba, co que hai representación das catro provincias.

As temáticas dos proxectos seleccionados abarcan diferentes ámbitos como a promoción económica e turística, o desenvolvemento empresarial da zona, a formación especializada, a inclusión, a igualdade de xénero no campo dixital, o ciberacoso, o envellecemento activo e alfabetización dixital de diferentes colectivos.

A partir de agora o Programa CeMIT-Innova entra na fase de desenvolvemento destas 10 iniciativas, que serán apoiadas e coordinadas desde Amtega e que poderán optar ao Premio Son Dixital no primeiro concurso de Innovación Social Dixital. Este concurso, que se fallará no último trimestre do ano, valorará a mellor iniciativa dixital, con especial recoñecemento ao labor do voluntariado que participa nestes proxectos innovadores.

Proxectos seleccionados

Aula

Proxecto de Innovación Social Dixital

Aula CeMIT Bande

Creación dun Blog na páxina web do Concello de Bande para dar a coñecer as actividades que se levan a cabo no Concello coas persoas maiores.

 

Aula CeMIT Boborás

Iniciativa para potenciar o turismo rural no Concello de Boborás e difundir  potencial do municipio: a aldea Conxunto Histórico-Artístico, con igrexas románicas, pontes medievais, rutas de sendeirismo, augas termais...

 

Aula CeMIT Brión

Proxecto Andarela para incluír as novas tecnoloxías como unha ferramenta na  formación dos primeiros anos de vida dos nenos e nenas.

 

Aula CeMIT Carballedo

As TIC como ferramenta útil para o sector agrario. Analizar a situación do agro en Carballedo para coñecer as necesidades dos agricultores e propoñer  posibles melloras a través das TIC.

 

 

Aula CeMIT Catoira

Igualdade de xénero no campo dixital, ciberacoso, violencia de xénero e micromachismos. Iniciativa para concienciar á poboación sobre temas relacionados coa igualdade de xénero no campo dixital a través de situacións cotiás.

 

Aula CeMIT Cuntis

Actividades inclusivas en torno as TIC interxeneracionais con nenos e persoas maiores.

 

Aula CeMIT Narón

Iniciativa para poñer en valor dos produtos do campo, do traballo dos agricultores e das actividades artesanais, tendo como referencia o territorio de O Val e utilizando os recursos da Aula CeMIT.

 

Aula CeMIT de Oroso

Plataforma “Fórmate e comparte”, un proxecto de carácter social, educativo e cultural para ofrecer formación en diferentes materias TIC e a través de metodoloxías diferenciadas.  

Aula CeMIT de Ourense

Yes I camp, campamentos tecnolóxicos para persoas  maiores, nos que poidan aprender ao tempo que se divirten e se relacionan.

 

Aula CeMIT de Santa Comba

Creación dunha páxina Web para promocionar o Concello de Santa Comba para dar a coñecer os lugares emblemáticos involucrando aos veciños neste proxecto.

 

CeMIT-Innova

O Programa CeMIT-Innova busca impulsar, a través da Rede CeMIT, iniciativas de Innovación Social Dixital, que empregan a tecnoloxía para resolver retos locais ligados á educación á saúde, ao emprego, e en definitiva ao benestar dá cidadanía. Son solucións e proxectos sociais, que teñen as TIC de base e que son deseñados polos seus protagonistas: cidadáns e axentes locais que detectan as necesidades máis inmediatas dá súa contorna e formulan posibles solucións.

O fomento da Innovación Social Dixital é unha das tres liñas estratéxicas do Plan de Inclusión Dixital de Galicia xunto coa alfabetización e a capacitación dixitais.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

1 mes 1 profesión dixital
Santiago de Compostela, edificio CESGA

GPU Hackathon

O obxectivo é axudar aos desenvolvedores a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación usando o hardware, o software e o equipo de mentores proporcionados polo CESGA e Appentra. Ao final do evento, os participantes dispoñerán dunha nova versión acelerada en GPU ou dunha folla de ruta para alcanzar o devandito obxectivo.

10/04/201708:04
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

CESGA e Appentra convidan aos desenvolvedores a traballar cos seus recursos

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a firma Appentra van organizar un encontro con desenvolvedores para favorecer ao máximo o seu traballo cos recursos e experiencia profesional das dúas entidades. Trátase do evento-quedada GPU Hackathon, que se vai desenvolver entre o 29 de maio e o 1 de junio nas instalacións do CESGA en Santiago. Será unha xuntanza de balde, aínda que con aforamento limitado. O obxectivo, informa o CESTGA, “é axudar aos desenvolvedores a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación usando o hardware, o software e o equipo de mentores proporcionados polo CESGA e Appentra”. Ao final do evento, os participantes disporán dunha nova versión acelerada en GPU ou dun roteiro (folla de ruta) para o devandito obxectivo.

As sesións, en palabras do CESGA e Appentra, van dirixidas a calquera que teña unha aplicación de simulación numérica escrita en C/C++ ou Fortran e que desexe acelerar a súa execución. A intención dos organizadores é contar cun equipo de até dúas persoas para cada aplicación. “O noso obxectivo”, explican a maiores, “é que os desenvolvedores tiren o máximo proveito do hackathon traballando no seu código o 95% do tempo, e compartindo experiencia cos mentores expertos en optimización, paralelización e execución de programas de simulación”.

A remate das sesións, buscarase establecer unha relación de colaboración cos equipos para “crear casos de éxito que poidan ser publicados durante os meses seguintes ao hackathon”. Estes exemplos prácticos obterán “ampla difusión nos medios e nas canles especializadas”.

07/04/201712:04
Logo Kolumba.
Barcelona

Crean un prototipo de correo electrónico para persoas con discapacidade

Un proxecto europeo coa colaboración da Universitat Pompeu Fabra (UPF) desenvolveu 'Kolumba', un prototipo de correo electrónico para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (IDD), informou o centro este xoves nun comunicado.

O prototipo incorpora un simplificador de texto, xunto a outras tecnoloxías de asistencia, como pictogramas que expresan un texto escrito e mensaxería de voz, construído desde o enfoque do Centro de Deseño dirixido ao Usuario.

Esta ferramenta é capaz de traducir un texto a unha secuencia de pictogramas, de maneira que o prototipo desenvolvido fai posible que as persoas con discapacidade reciban e transmitan información de forma máis eficaz, comprensiva e fácil para eles.

O traballo foi presentado na conferencia 'Web for All' (W4A), celebrada en Australia, do cal son autores Horacio Saggion e Daniel Ferrés, coordinador e membro respectivamente do Large Scale Text Understanding Systems Lab do grupo de Tratamento Automático da Linguaxe Natural (TALN).

Tamén participaron no traballo --que gañou o premio á Mellor Comunicación do congreso-- investigadores do Centro de Lingüística Computacional de Leuven (Bélxica) e membros da Fundación Prodis de Madrid.

O estudo contou coa participación de 62 persoas discapacitadas, potenciais futuras usuarias de 'Kolumba', e o proxecto seguirá o seu proceso en fase de transferencia tecnolóxica coa intención de estender a súa aplicación ao máximo de usuarios.

Neste sentido, o proxecto quere adecuar esta tecnoloxía a outros sectores sociais que poidan beneficiarse de ferramentas de simplificación mediante as TIC, principalmente anciáns e persoas con dislexia, e estiman que en Estados Unidos poderíanse beneficiar entre 2 e 5 millóns de persoas.

07/04/201710:04
Home usando as lentes eSight.
Santiago de Compostela

As lentes que poden axudar a ver a persoas con visión moi baixa

  • O 80% do total dos casos de discapacidade visual pódense evitar ou tratar. Para eles foron deseñadas estas lentes de realidade virtual

 

En 2015, Kathy Beitz, unha muller con problemas severos de vista desde que era nena, puido ver por primeira vez ao seu fillo. De feito, naquel mesmo momento Kathy viu por primeira vez na súa vida un bebé.

Para que aquilo fose posible Kathy colocouse unhas lentes eSight. Trátase dun dispositivo parecido ás lentes que se usan para a realidade virtual, pero están deseñadas para mellorar e ata devolver a vista das persoas con visión moi baixa ou case nula. En España, que segue a clasificación de afeccións visuais da OMS, unha persoa considérase “legalmente cega” cando a súa agudeza visual é de 20/200 ou 0,1 ou menos despois de aplicar toda a corrección que sexa posible e no mellor dos ollos. E considérase cego ou invidente cando a visión é menor de 20/400 ou 0,05 ou cando o campo visual é inferior a 20° graos. O normal é ter unha agudeza visual de 20/20 e un campo visual de 180°. 

Isto significa que hai numerosos casos de cegueira nos que aínda existe certa actividade na retina e nos que aínda se perciben luces e sombras aínda que a agudeza visual se sitúe por debaixo do límite da cegueira. Segundo a OMS, en todo o mundo hai uns 285 millóns de persoas legalmente cegas, 39 millóns son cegas e 246 millóns teñen a visión baixa ou moi baixa. E un dato para ter en conta: o 80% do total mundial dos casos de discapacidade visual pódense evitar ou pódense tratar. 

Precisamente estes son os casos aos que van dirixidas as eSight 3, a terceira xeración dunhas lentes que, como a Kathy, permiten a persoas legalmente cegas ver, moverse e gañar independencia. "Porque todo o mundo merece ver", di o lema da compañía.

Como funcionan

As lentes eSight cumpren esencialmente a mesma función que unha lupa ou que os pequenos catalexos que desde hai anos serviron de axuda a persoas coas mesmos afeccións oculares. De feito, a primeira vantaxe das lentes eSight é que resultan menos intrusivas e aparatosas que as lentes telelupa e telescópicas convencionais. “En óptica as lentes telelupa permiten que persoas cunha visión inferior á normal poidan ver de preto, mentres que as lentes telescópicas melloran a visión afastada, explica Valentín Sama, óptico e fotógrafo profesional. “En ambos os casos trátase de ampliar as imaxes o suficiente como para proxectar no ollo unha imaxe que resulte lexible.”

Neste caso con todo, en lugar de lentes ópticas faise uso dunha cámara de alta resolución e gran luminosidade que captura a contorna e todo aquilo cara ao que o usuario dirixe a vista. A imaxe captada proxéctase directamente aos ollos desde dúas pantallas OLED situadas no interior das lentes. Antes esa imaxe procesouse cun algoritmo informático que axusta e modifica cada unha das imaxes por separado segundo o grao de afección de cada un deles.

“A vantaxe de utilizar unha cámara dixital respecto dos sistemas puramente ópticos como as lentes telelupa e telescópicas", di Sama, "é que ao usar unha soa cámara para proxectar imaxes personalizadas de forma individual para cada ollo pode supoñer unha gran vantaxe para conseguir unha visión máis armoniosa. Co sistema puramente ópticos é pouco probable conseguir unha boa visión binocular.”.

Ademais das variacións específicas e individuais aplicadas polo algoritmo o usuario pode axustar en todo momento o enfoque, o contraste e mesmo pode ampliar ata 24 veces a imaxe. Por exemplo para ler, ver a hora no reloxo de pulseira ou ao ver a televisión. Estas funcións contrólanse desde un pequeno mando que o paciente leva no peto e que pode usar cando o necesite sen necesidade de quitarse as lentes. Polo demais para utilizar as lentes non fai falta usar mans. A autonomía da batería das eSight 3 é de entre tres e catro horas. Un pouco escasa por agora, aínda que se poderá ampliar con baterías externas para evitar o exceso de peso das lentes.

As lentes, ademais,permiten tomar fotografías e proxectar contidos como vídeo en streaming ou videoxogos que se reciben nas lentes a través da conexión Bluetooth ou wifi ou do conector HDMI que incorpora. O fabricante das lentes eSight non desvela directamente cal é o aínda o prezo, pero asegura que esta terceira xeración “é máis alcanzable”. Segundo Mashable a nova versión de eSight custará uns 10.000 euros e aínda que a posibilidade de utilizar estas lentes depende de cada caso algúns resultados obtidos ata agora con estas lentes son “moi esperanzadores.”

Fonte da noticia

06/04/201712:04
Aplicación de banca móbil para retirar efectivo nos caixeiros automáticos.
Santiago de Compostela

Participa no estudo piloto dunha aplicación móbil para retirar efectivo de caixeiros de BBVA

  • ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, empresa social da ONCE e a súa Fundación, está a levar a cabo un estudo para a avaliación dunha aplicación de banca móbil que permitirá retirar efectivo nos caixeiros automáticos de BBVA

Esta aplicación permitirá realizar esta operación de maneira accesible e sen ter que interactuar coa pantalla do caixeiro, só desde a aplicación.

Como parte do estudo quérese facer unha proba piloto con 25 usuarios (persoas con discapacidade e/ou maiores de 65 anos) antes de poñer a aplicación a disposición de todos os clientes de BBVA .

Durante un período aproximado de 3 meses, os participantes no piloto poderán retirar efectivo dos caixeiros de BBVA usando a aplicación desenvolvida no proxecto cos cartóns de crédito/débito que veñan utilizando actualmente (BBVA non ten que facilitar novos cartóns). Durante eses tres meses será necesario retirar diñeiro dos caixeiros polo menos tres veces utilizando a aplicación.

Durante o piloto, os participantes rexistrarán calquera incidencia que se produza ao utilizar a aplicación. Só ao finalizar o período de proba pedirase aos participantes que enchan un cuestionario online de avaliación no que envorquen as incidencias producidas durante eses meses e a súa avaliación da aplicación.

A modo de agradecemento pola participación, ao finalizar a avaliación darase unha gratificación dun cartón de El Corte Inglés de 30 euros.

Se es unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos, e cliente de BBVA, e che interesa participar no estudo, enche o seguinte formulario para indicar os teus datos de contacto. Se o teu perfil encaixa co requirido para o estudo, contactarán contigo para confirmar a túa participación.

06/04/201712:04
Asistentes ao programa.
Santiago de Compostela

Unhas 3.000 persoas maiores aprenden a dar utilidade aos seus móbiles intelixentes

  1.  
  • Leváronse a cabo 178 obradoiros do programa de formación 'Coñece e goza as posibilidades do teu Smartphone' de Confemac e a Fundación Vodafone
Durante o período de abril do 2016 a marzo de 2017, a Confederación de Maiores Activos (Confemac), co apoio da Fundación Vodafone España, levou a cabo 178 obradoiros do programa de formación “Coñece e goza as posibilidades do teu Smartphone”, no que participaron un total de 2.911 persoas maiores de distintas provincias das comunidades de Andalucía, Galicia, Estremadura e Castela-A Mancha.
 
O obxectivo principal deste programa consiste en adestrar a persoas maiores no uso dos Smartphone e Internet co fin de evitar o risco de exclusión social que supón a “fenda dixital”, atendendo ao seu dereito para estar informados para a inclusión plena na familia e na súa contorna.
 
As avaliacións finais acerca da explicación dos temas, o clima de convivencia nas sesións, os materiais facilitados para levar a cabo o obradoiro, así como a utilidade do aprendido, foron moi positivas, polo que se prevé continuar co programa para atender ás peticións das persoas participantes, que solicitaron máis tempo para seguir aprendendo.
 
Neste sentido, a maioría de participantes perderon o medo ás novas tecnoloxías, polo que manifestaron o seu desexo de continuar coñecendo e practicando todas as posibilidades que lles brindan os teléfonos intelixentes.
 
Das persoas maiores asistentes, un 95% aproximadamente contan cun teléfono móbil, e acudiron aos obradoiros para “saber máis sen depender de ninguén”, “comunicarse coas súas familias” sen estar á marxe e, sobre todo, estar conectados coa súa contorna e a sociedade en xeral utilizando as redes sociais.
 
A motivación “para saber máis” é o que leva á maioría de participantes a coñecer as posibilidades do seu móbil intelixente, e “a idade e a memoria” é o que lles pode frear á hora de formarse nas novas tecnoloxías.
 
Avaliación positiva
A valoración final do programa foi altamente positiva; o 100% das persoas participantes aprenderon algunha das actividades explicadas no obradoiro, e aínda que se contou con persoas maiores que parten dun nivel máis avanzado, argumentaron que sempre existen contidos que non dominaban. 
 
Así mesmo, grazas aos vídeos e á linguaxe clara, sinxela e adaptada ás necesidades de cada grupo por parte das monitoras, os participantes no obradoiro non tiveron dificultade en seguir as explicacións dos contidos.
06/04/201708:04
Presentación de obradoiros de Lugowork.
Lugo

A Deputación de Lugo formará á mocidade no paro en TIC e en emprego de drons

A Deputación de Lugo presentou hoxe cinco novos obradoiros ao abeiro do seu programa Lugowork, unha iniciativa que, como se indica no seu nome, vai dirixida a fomentar o emprego xuvenil dentro do ámbito provincial. Os obradoiros foron dados a coñecer polo deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, quen sinalou que van dirixidos a lucenses menores de trinta anos, no paro, co fin de capacitalos en materia dixital, de emprendemento, de novas tecnoloxías de voo (drons) e primeiros auxilios (dous cursos). Lugowork, engadiu Santos, é o primeiro plan de emprego xuvenil e participativo da provincia. Foi posto en marcha pola entidade provincial tras captar preto de 2 millóns de euros da UE a través da Escola de Organización Industrial (EOI).

Santos Ramos avanzou que “trala fase de formación, as/os participantes terán a posibilidade de ser contratadas/os en empresas da provincia durante 6 meses”. Para isto, abrirase unha convocatoria pública dirixida ao sector empresarial lucense, achegándolles axudas de 5.000 euros para impulsar a contratación. Segundo engadiu, o Goberno da Deputación ofrece a través do Lugowork un total de 5 novas accións formativas dirixidas a 75 mozas e mozos lucenses no paro, que terán un total de 1.330 horas de formación.

Trátase dos seguintes obradoiros: Auxiliar de xestión informática e Internet para PEME (será impartido por AGESTIC, en Lugo cidade, e trátase da reedición dun curso que espertou gran interese entre alumnos e contratados por fornecer formación en TIC para poder aplicar no tecido de empresas provincial ferramentas informáticas coas que crear valor engadido), Aplicacións e manexo de sistemas aéreos non tripulados – Drons(será impartido en Lugo por profesionais do Aeroclub das Rozas, buscándose con esta actividade formar aos alumnos “nun dos nichos de mercado de meirande espallamento da actualidade, e que amosa ademais unhas amplas posibilidades de medre”), Socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas (dúas accións formativas impartidas pola Cruz Vermella enfocadas a espazos interiores e tamén a exteriores) e Emprendemento (obradoiro dirixido a aquelas mozas e mozos que teñan unha idea de negocio e queiran montar unha empresa, poñendo ao seu dispor un titor asignado con experiencia ampla en modelos de negocio ou estratexias de vendas).

Os interesados en participar nestas 5 accións formativas para 75 mozas e mozos lucenses no paro deberán ser menores de 30 anos e estar inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil poden facer a súa solicitude antes do 30 de abril, incluído. As inscricións poden facerse enwww.deputacionlugo.gal ou en www.eoi.es.

06/04/201708:04
Presentación do IV Festival Carballo Interplay.
Carballo

A cuarta edición do Festival Interplay encherá Carballo de youtubers e webseries

Este martes presentouse no consistorio de Carballo a nova edición dun festival que se sitúa a medio camiño entre o dixital e o audiovisual (pero collendo ambos mundos por enteiro) e que constitúe xa un referente consolidado en todas as conversas de creadores e seareiros de contidos en liña arredor, precisamente, dos contidos en liña. Falamos do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que chega a súa cuarta convocatoria entre os días 4 e 6 de maio coa vontade firmemente renovada de encher a vila galega de youtubers, webseries, estreas, vídeo conferencias e conversas arredor dos novos carreiros que está a seguir o pulo creativo audiovisual. Segundo se fixo saber na presentación, todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto até completar aforo. “A nosa intención”, sinalaron, “é converter de novo Carballo na capital da cultura dixital global”.

No acto participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira; a coordinadora de actividades do Interplay, María Yáñez; e a directora do certame, Sonia Méndez. O CIP, engadiron, amosará este ano “unha selección do máis creativo que hai a nivel internacional no mundo dos contidos dixitais”. Todas/os coincidiron en salientar, ademais, que a vila bergantiñá atesoura potencial para o devandito e para aínda máis, sobre todo tendo en conta a traxectoria do propio certame de webseries, pioneiro a nivel estatal na súa temática, referente no dito ámbito e sempre tentando pór o seu punto de mira un pouco máis por diante do que permite o tempo presente e o futuro inmediato. De feito, na presentación fíxose saber que este ano refórzase a arela de “avanzar un paso máis e explorar os formatos máis diversos e os contidos dixitais máis innovadores cun completo programa de actividades que encherá a vila de proxeccións, de debates, de vídeo conferencias e de conversas sobre o presente e o futuro dos contidos para Internet”.

A coordinadora de actividades do evento, María Yáñez, debullou o programa do IV Carballo Interplay, con propostas “para públicos de idades e gustos diversos e onde as mulleres creadoras terán un importante protagonismo”, informou, engadindo que participarán no CIP Soy una pringada, unha anti-youtuber vasca con máis de 80.000 subscritores, e Carolina Iglesias, guionista e comediante coruñesa que ten máis de 30.000 seareiros na súa canle, Percebes y grelos. Trátase, sinalou Yáñez, de “dúas voces diferentes que reivindican o seu particular humor e creatividade, nun panorama superpoboado de contidos sobre moda, beleza e videoxogos”.

Asemade, a coordinadora de contidos sinalou que “tamén haberá un oco para o feminismo, a familia e a cultura popular en Youtube”, da man da guionista e xornalista Isa Calderón, creadora das Reviews fuertecitas, coas que “despelexa películas desde unha óptica feminista e humorística”, e de Los Prieto Flores, “unha extensa tribo familiar que ofrecerá no Interplay un show ao vivo recreando o salón da súa casa”.

O sábado pola mañá falarán dos avances en contidos audiovisuais Mafalda González-Alegre (de Flooxer, o escaparate do talento dixital de Atresmedia), Borja Prieto e Natalia Flores (da axencia creativa Está pasando) e Teresa Segura e David Sainz (da produtora Different Entertainment). Despois, o CIP afondarán nos “camiños que unen a televisión convencional coas narrativas dixitais” da man dos community manager de Land Rober (Javi Mos, que coordina unha comunidade de máis de 100.000 usuarios) e Luar (Pilar Rodríguez, encargada de conversar cuns 30.000 usuarios), e máis de Miguel López, El Hematocrítico, colaborador habitual de medios como Atresmedia, El Diario, Mongolia ou Cinemanía.

De Internet como plataforma para dar o chimpo á TV falarán Rubén Ontiveros, pioneiro do mundo webserie, na súa clase maxistral sobre o Humor na Rede, na que fará un percorrido polos diferentes formatos da comedia e analizará as posibilidades que dá Youtube de experimentar co humor. Ontiveros foi o creador de Que Vida Más Triste, a primeira webserie do ámbito estatal, e traballou como guionista de programas como Vaya Semanita, Homo Zapping ou La Hora de José Mota.

Pola súa banda, a compañía de teatro Chévere, recentemente galardoada co Premio Nacional de Teatro, celebrará o seu 30º aniversario no Carballo Interplay, repasando a súa historia a través do seu código fonte audiovisual, en palabras dos organizadores do certame “un formato híbrido entre conferencia e proxección polo que xa pasaron Xosé Antonio Touriñán, Belén Regueira e os guionistas máis coñecidos e recoñecibles da televisión galega, os Zopilote”. Ademais, os “padriños” do Carballo Interplay, David Sainz e Teresa Segura, presentarán a longametraxe Fogueo, en palabras dos organizadores do festival “unha película pequena que quere demostrar que o importante cando se queren facer cousas é, precisamente, facelas”. A outra estrea mundial do CIP 2017 é Peter Brandon, coa que os Porco Bravú gañaron o premio ao mellor proxecto de webserie en galego na pasada edición do festival.

 

O prazo para presentar achegas
Sonia Méndez recordou que o prazo para presentar proxectos de webserie en galego está aberto até o 17 de abril. O premio é de 1.500 euros e a produción gañadora decidirase nun pitching no propio certame. Tanto o alcalde como o concelleiro recordaron que o festival é “un referente de novas maneiras de crear e de difundir contidos” e que o seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia reforza “o liderado creativo de Carballo” .

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS