O programa Vodafone Connecting for Good Galicia concedeu hoxe 35.000 euros aos dous mellores proxectos tecnolóxicos da súa convocatoria 2016. Estes recoñecementos foron outorgados no acto de clausura da primeira edición do programa, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, e que contou coa presenza do director de Administracións Públicas de Vodafone, Diego Torrico, e do director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno.
Connecting for Good Galicia é un programa impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Fundación Vodafone España. O seu obxectivo é desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital en calquera dos ámbitos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores. Precisamente, Francisco Conde destacou que os proxectos presentados nesta primeira edición mostran que os avances tecnolóxicos tamén están ao servicio das persoas para dar resposta os grandes retos sociais: “Desde a Xunta queremos facilitar que esas ideas que teñen os nosos emprendedores se poñan ao servizo e necesidades das persoas e facer unha sociedade dixital que ten que ser inclusiva para que permita que as persoas dependentes e maiores teñan unha maior calidade de vida”, asegurou o conselleiro.
Premiados primeira edición
Os seis proxectos participantes da primeira edición, foron Insulclock, Robobo, KeeperTech, Phottic, PsicoVR e Xesmar. Destes seis proxectos, a Xunta de Galicia, a través de Axencia Galega de Innovación (GAIN), concedeu unha axuda de 25.000 euros á mellor iniciativa da convocatoria polo seu carácter innovador, traballo en equipo, aproximación ao mercado e aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha. O proxecto elixido foi Robobo.
Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio Conectados pola Accesibilidade valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock por ser o que mellor incorporou os Principios de Accesibilidade Universal.
Todos os proxectos participantes recibiron un diploma acreditativo e un patrocinio de 2.000 euros cada un tras completar o programa de formación e mentoring, ao que a Amtega contribúe con 30.000 euros en cada convocatoria, e que se impartiu no espazo Vodafone Connecting for Good, situado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
Para o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde López, esta iniciativa supón amosar como nas novas tecnoloxías están as ferramentas para promover unha educación máis dixital, que a sanidade poida dispor de mellores sistemas de tratamento, integrar as persoas maiores e colectivos profesionais no uso das TIC ou mellorar a calidade de vida das persoas dependentes e de quen coida delas. “Os obxectivos que persegue este programa son unha suma de emprendemento e innovación”, destacou Conde quen subliñou que Connecting for Good Galicia vén de completar un mapa cunha ducia de aceleradoras que están en marcha na comunidade como Vía Galicia, Agrobiotech ou Business Factory Auto, entre outras.
Vodafone Connecting for Good Galicia é a aposta de Vodafone, en colaboración coa súa Fundación, para o desenvolvemento de tecnoloxías accesibles para o benestar social, e tamén un impulso aos proxectos emprendedores en Galicia. “É importante seguir apoiando este tipo de iniciativas, sobre todo se teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida de persoas maiores e persoas con algún tipo de discapacidade”, explicou Diego Torrico, director de Administracións Públicas de Vodafone España.
Apertura da II Convocatoria
No acto celebrado esta mañá anunciouse a apertura da II Edición do Programa, ao que se poden presentar candidaturas desde hoxe ata o 2 xullo a través da web da Fundación Vodafone: http://www.fundacionvodafone.es/premios/premios-connecting-good-galicia
Os seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura.
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado por GAIN, e os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros de GAIN e a un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia. Ademais, Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade, cunha dotación de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorpore os principios de accesibilidade universal.
Logo da apertura oficial da actividade formativa do Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, inauguración da que falamos salientando a notable presenza de público, o novo centro neurálxico TIC do casco vello da cidade proseguiu estes días co seu roteiro de obradoiros fixado para esta tempada, o programa Tecnoloxíza-T!, organizado pola Concellería de Concello e Cidadanía. Máis polo miúdo, deuse acubillo ao comezo de dúas novas actividades, unha de iniciación á informática, que se impartirá até 9 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas, e outra de uso de smartphones, que seguirá até o vindeiro venres, 2 de xuño, de 18:30 a 20:30 horas. Para estes novos cursos cubríronse a totalidade das prazas dispoñibles, polo que participan 30 persoas.
Como lembraremos, a programación de actividades no novo espazo TIC do Concello inclúe 10 obradoiros con 150 prazas de balde para todas as idades. Amais dos devanditos cursos de iniciación á informática e emprego de smartphones, fornécense os seguintes: trámites electrónicos coa administración, Internet segura para tod@s, posicionamiento web e SEO, redes sociais, retoque fotográfico co teu smartphone, compra on line, venda on line e creación de aplicacións móbiles. Quen queira máis información sobre estas actividades, tena na páxina web do Concello, lugo.gal.
Segundo informou a Concellería, estas xeiras de formación están a ter “moi boa acollida”. De feito, as prazas da maioría dos obradoiros cubríronse en menos de dez días.
O traballo que estivo realizando nos últimos meses o Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) de Red.es móstrase e analízase no ‘Conversatorio sobre Dereitos Dixitais dos Cidadáns' que ten lugar este mesmo martes, 30 de maio, no auditorio 200 do Edificio Nouvel anexo ao Museo Reina Sofía.
O congreso tratará cuestións vinculadas ao ámbito dixital e os cidadáns, como son a liberdade de información e comunicación, a privacidade, a propiedade intelectual, o dereito ao esquecemento, a igualdade e a protección do menor, entre outras.
O Grupo de Traballo sobre Dereitos Dixitais dos Cidadáns, formado por expertos e integrado por José Luis Piñar, Tomás de la Quadra-Salcedo, Ricard Martínez, Diego Naranjo, Miguel Pérez Subías, Christoph Steck e Ofelia Tejerina, estivo traballando nesta materia desde a súa primeira reunión, celebrada en marzo e presidida por lle ministro de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, Álvaro Nadal.
O secretario de Estado para a Sociedade da Información, José María Lassalle, participará na apertura do congreso, que comezará coa sesión plenaria ‘Dereito e dereitos na sociedade dixital' impartida por Stefano Rodotà, impulsor da Declaración Italiana de Dereitos na internet. A continuación desenvolveranse cinco mesas redondas composta cada unha por moderador, relator e cinco relatores de traxectoria internacional. A secretaria de Estado de Xustiza, Carmen Sánchez-Cortés Martín será a encargada de pechar a xornada.
O acceso ao evento do día 30 require de invitación previa, pero a organización previu a emisión en directo desde a web de Red.es.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, participaron este sábado na actividade inaugural da programación formativa do Edificio de Novas Tecnoloxías. A sesión de apertura do programa foi, precisamente, unha clase maxistral sobre fotografía dixital, conducida polo artista local Álvaro L. Barreiro. Segundo informa o Concello, a actividade tivo un éxito total, participando nela unhas 60 persoas. Por mor de non ter podido dar acollida a todas as veciñas e veciños interesadas/os en concorrer na sesión, o Goberno local está a estudar a posibilidade de repetir a clase maxistral.
A programación de actividades no novo espazo TIC do Concello, Tecnoloxíza-T!, inclúe 10 obradoiros con 150 prazas de balde para todas as idades. Arrancan este mesmo luns, con dous cursos: un sobre iniciación á informática, continuará ata o 9 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas; e outro de utilización de smartphones, ata o 2 de xuño, de 18:30 a 20:30 horas.
Segundo engade o Concello, estas xeiras de divulgación están a ter moi boa acollida, pois en menos de dez días cubríronse as prazas da maioría dos obradoiros, polo que os interesados deben dirixirse canto antes ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas. A inscrición realizarase até as 20:00 horas do xoves anterior ao inicio de cada curso. A listaxe de persoas admitidas poderase consultar na páxina web do Concello, www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do 010.
Xunto aos obradoiros de iniciación á informática e utilización de smartphones, ofrécense os seguintes cursos: trámites electrónicos coa administración, iniciación á informática, utilización de smartphones, Internet segura para tod@s, posicionamiento web e SEO, redes sociais, retoque fotográfico co teu smartphone, compra en liña, venda en liña e creación de aplicacións móbiles. Toda a información sobre o programa está dispoñible en www.lugo.gal.
Finalmente a Deputación de Pontevedra presentou a listaxe de actividades do seu programa Conectadas 2017, que este ano, como salientamos os días pasados, van desenvolver as firmas Forox e Marexada por valor de 324.000 euros. Segundo fixo saber a presidenta da entidade, Carmela Silva, a edición deste ano de Conectadas (programa dirixido a impulsar a formación das mulleres do eido provincial, facendo fincapé nas potencialidades das novas tecnoloxías), inclúe un total de 343 accións formativas de 35 horas de duración cada unha, para o mesmo número de entidades espalladas por 60 concellos da provincia. O obxectivo é beneficiar este ano a 5.145 persoas, superando en preto de dous centenares a cifra de 2016. Conectadas reforzou este ano seus dous bloques TIC, dun total de oito bloques: Muller Emprende e Actualízate.
Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar os obxectivos principais do programa, que ten por finalidade “a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital mediante o emprego da información e das novas tecnoloxías”. En total, o programa ofrece oitos bloques de accións formativas: Muller Emprende, con cursos para crear empresas, administrar redes sociais, comercio electrónico, asesoría laboral e adestramento; Muller e Cultura, con formación sobre fotografía, pintura, percusión e canto tradicional, teatro e encontro con lectoras; Actualízate, con cursos sobre alfabetización dixital e socializándose coas redes; Coas túas Mans, con formación sobre cestería, traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais e costura creativa; Porque ti o Fas, con cursos sobre arte floral, poda, xardinería e horta ecolóxica; Súmate ao Cambio, con formación sobre cociña e alimentación, conservación de alimentos, cociña, tapas e petiscos, pastelería e repostería creativa, iniciación á costura, coidados, mantemento do fogar e xestión doméstica, coida o teu vehículo, bricolaxe e reparacións, reciclaxe e igualdade; Ponte en Forma, con cursos sobre pilates, taichí, ioga, ximnasia, zumba e sendeirismo; e Coidados Persoais, con formación sobre menopausa de xeito saudable, coidar coidándonos, relaxación, intelixencia emocional, risoterapia, musicoterapia e obradoiro de mindfulness.
Este ano as accións formativas máis solicitadas pertencen ás áreas de Actualízate, Coas túas Mans, Porque ti o Fas, Súmate ao Cambio, Ponte en Forma e Coidados Persoais. Un dos obradoiros máis demandados foi o de Alfabetización dixital II: Internet e correo electrónico.
A enerxética EDP, coa colaboración da ONCE e a Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC), presentou 'Comparte a túa enerxía', unha plataforma online que facilita a todas aquelas persoas cegas ou con discapacidade visual grave, afeccionadas ao 'running', atopar corredores que poidan ser os seus guías en carreiras e maratóns, segundo informaron as organizacións.
A plataforma foi apadriñada polo atleta Martín Fiz, que presentou a acción xunto ao runner internacional cego, Pablo Canteiro, nun vídeo onde ambos corren man a man.
"Comparte a túa enerxía é un gran punto de encontro que nos servirá ás persoas que, como eu, temos diminuídas parcial ou completamente as nosas capacidades visuais, a gozar do deporte 'facendo amigos' *Hai alguén aí preparado para compartir a súa enerxía?", comentou Canteiro durante a narración do vídeo, segundo informa Telemadrid.
Ao pulsar o vídeo na web, con Google Chrome ou Firefox, a tecnoloxía de recoñecemento permite identificar que o usuario ten os ollos pechados para que se poida reproducir, e mostra tamén as directrices e titoriais necesarios para que os diferentes perfís de corredores se compenetren.
Un vídeo opinativo sobre a problemática da praga da couza guatemalteca e un videotitorial de como facer un guiso anti-San Valentín. Estas son as pezas audiovisuais premiadas na primeira edición de Youtubeir@s Concurso de Vídeos na Rede. O Teatro Principal de Ourense acolleu este venres a gala de entrega de premios desta iniciativa dos servizos de normalización lingüística das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña e dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove. Con este acto culminou un proxecto que naceu coa vontade de conseguir que haxa máis vídeos en galego en Internet, concretamente na canle de YouTube, co fin último de fomentar a presenza e o uso deste idioma na rede.
Tal e como explicaron María Yáñez e Manuel Núñez Singala en nome do xurado que participou no certame, a elección dos premiados entre os máis de 200 vídeos presentados resultou complicada dada a diversidade e calidade das propostas recibidas. Finalmente, na categoría Vídeo-facermos o premio foi para a peza Guiso especial anti-San Valentín, realizada polas youtubeiras de Corasón de Churrasco. Na categoría Vídeo-opinarmos o premio foi para Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca, das xa populares youtubeiras de Teño unha Horta en San Sadurniño, que recolleron o premio “con orgullo de ter chegado ata aquí” e reclamando “máis mulleres rurais e máis galego na rede”. Cada un dos galardóns estaba dotado con 1000 euros.
Tamén se entregaron diversas mencións honoríficas, dotadas con 500 euros de premio. A mención especial polo enxeño e creatividade foi para David Otero Fumega polo seu vídeo SmartFol G6! Unha review moi especial e o premio que destacou a eficiencia comunicativa foi asignado ao videotitorial Tortilla de Pascua, da youtubeira Isabel Villanueva. A mención de honra á calidade técnica recibiuna Miguel Rodríguez pola súa vídeo-opinión 1000 rpm-A noite e o recoñecemento á calidade lingüística foi para o IES Urbano Lugrís de Malpica pola peza colectiva Seis pasos para falar malpicán.
A gala foi presentada pola actriz Iria Pinheiro e nela predominou a ironía e o humor arredor do “gremio dos youtubeir@s”. Iñaki Quenerapú fixo un monólogo sobre a importancia de elixir ben a miniatura estática nos vídeos de YouTube e a Vj Marta Verde realizou un espectáculo de mestura cos vídeos participantes en directo. O acto contou coa asistencia de máis dun cento de persoas, entre concursantes, público e representantes institucionais dos concellos e universidades promotoras do certame. Entre eles e en representación das universidades implicadas, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, quixo dar as grazas aos participantes no certame “por ter presente o galego nas vosas vidas e por telo levado á rede” e salientou o compromiso dos campus galegos co uso do galego. O vicerreitor rematou o seu discurso desexando “moita vida ao noso idioma”. Pola súa banda, os responsables de Normalización Lingüística dos concellos de Ourense e Pontevedra, María Belén Iglesias e Alberto Oubiña respectivamente, amosaron o seu desexo de que o certame de Youtubeir@s teña continuidade de futuro por canto supón “traballar a prol do galego a través de ferramentas actuais”, segundo salientou María Belén Iglesias, e porque "debemos prestixiar o galego en cantos máis mundos mellor”, tal e como subliñou Alberto Oubiña.
A aplicación mellora a autonomía e integración profesional dos usuarios xa que lles axuda a lembrar citas e tarefas, ademais de asistilos na súa mobilidade guiándoos ata o seu destino.
Ademais, esta aplicación dará unha maior tranquilidade aos familiares e persoas de apoio, xa que estarán informados en todo momento da localización do usuario.
A primeira configuración da aplicación débea facer a persoa de apoio, pero a partir de entón a súa utilización pola persoa con discapacidade é moi sinxela, ademais de incluír tutoriais para aprender a usala.
As funcionalidades principais da aplicación son un calendario, que lembra as citas importantes e organiza as actividades programadas; o servizo de guía do usuario denominado Onde Estou?; e Os meus Traballos, que é unha galería de vídeos personalizables nos que a persoa de apoio explica ao usuario como realizar as tarefas que ten que levar a cabo.
Así mesmo, a aplicación inclúe unha opción de Necesito Axuda, coa que o usuario se pode poñer rapidamente en contacto coas persoas que o poden axudar.
A aplicación está dispoñible de forma gratuíta para dispositivos Android a través da tenda de aplicacións Google Play.
Acurtar tempos de recuperación e reducir o custo tanto económico como persoal son os obxectivos de CPWalker, unha plataforma robótica desenvolvida de forma conxunta polo CSIC, o Instituto de Biomecánica de Valencia e o Hospital Neno Xesús co obxectivo de apoiar o proceso de rehabilitación na capacidade de movemento de nenos con parálise cerebral.
Desde entón, a implantación desta solución, que nace da colaboración coa Fundación ONCE e a CNSE, foise estendendo aos poucos. Actualmente este sistema está dispoñible nas xefaturas superiores de Policía de Asturias (Oviedo), Cantabria e Navarra, e as comisarías de distrito de Usera en Madrid e de Delicias en Valladolid. Agora uniuse a esta lista a Xefatura Superior de Policía da Rioxa.
O servizo SVisual é unha plataforma de vídeo que conecta ao usuario cun intérprete de Lingua de Signos para facilitar a comunicación con persoas xordas.
Ademais, grazas ao convenio asinado pola Dirección Xeral da Policía coa Fundación ONCE, e co asesoramento da Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (FIAPAS), un total de 121 comisarías en todas España teñen xa instalados dispositivos de bucle magnético, que facilitan a utilización de audífonos e outros produtos de apoio a persoas con discapacidade auditiva, especialmente en ambientes de moito ruído.