A maioría destas descargas da aplicación foron realizadas desde India, Paquistán, Indonesia e Brasil, onde tivo unha grande aceptación.
EVA Facial Mouse permite o acceso ás funcións do dispositivo móbil mediante o seguimento da cabeza do usuario a través da cámara frontal dos dispositivos. A partir do movemento da cabeza, permite controlar un punteiro en pantalla (a modo de rato) que proporciona o acceso directo aos elementos da interface de usuario. Algúns dos colectivos que poden beneficiarse desta aplicación son as persoas con amputacións, parálise cerebral, lesión medular, distrofia muscular, esclerose múltiple, esclerose lateral amiotrófica (ELA) e outras discapacidades.
A aplicación EVA Facial Mouse foi galardoada na edición deste ano dos Global Mobile Awards 2017, como unha das cinco mellores solucións na categoría “Best Use of Mobile for Accessibility & Inclusion”.
Ademais recentemente EVA Facial Mouse gañou o Premio Design for All Foundation 2017, como "Mellor Práctica" pola súa contribución para mellorar a calidade de vida de todas as persoas. O Premio concedeuse onte no marco do primeiro Congreso Internacional de Turismo Activo para Todas as Persoas, en Sant Antoni de Calonge (Xirona).
A plataforma 'JoinIn' é unha ferramenta de innovación colaborativa que pretende utilizar o potencial da telefonía móbil para crear unha rede global de persoas e organizacións que colaboren activamente co obxectivo de "mellorar o mundo" comezando pola súa contorna máis próxima. Esta nova ferramenta está dispoñible desde este mércores 17 de maio en España para iOs e Android.
No evento de presentación da mesma, o cofundador e presidente de JoinIn, Marco Van der Ree, o cofundador e asesor estratéxico de JoinIn, Jose Almansa, e o CEO de JoinIn, Pieter Louw, explicaron como funciona esta aplicación e os obxectivos e retos aos que aspira.
Desta forma, a plataforma consta de dous elementos. Por unha banda, a aplicación móbil 'JoinIn App' desde a que calquera cidadán pode propoñer unha acción ou iniciativa social. Ademais, tamén conta cun 'muro' de iniciativas desenvolvidas por distintas ONG ou asociacións para que cada usuario poida elixir onde colaborar e poñerse en contacto coa entidade a través dun chat.
Doutra banda, a ferramenta de xestión www.joininapp.com, desde a que as organizacións sen ánimo de lucro poden dar de alta as súas iniciativas, de maneira que sexan visibles a todas aquelas persoas interesadas en colaborar. Toda a información subida á plataforma web por parte das entidades trasládase directamente ao 'muro' da aplicación móbil.
Así mesmo, a 'app' inclúe tamén unha funcionalidade que permite ao usuario crear o seu CV de Responsabilidade Social, onde quedan rexistradas todas as iniciativas que creou ou nas que colaborou. Desta maneira, as organizacións valoran aos voluntarios a través da aplicación e serve como referencia curricular ou como estratexia de marca persoal.
Segundo Almansa, a aplicación cobre varios retos: en primeiro lugar, permitir que as persoas poidan conectarse coas alternativas sociais que xa existen. En segundo lugar, a posibilidade de que os propios usuarios poidan crear as súas propias iniciativas posto que a 'app' funciona con xeolocalización, o que permite que se poidan agrupar con xente do seu barrio para desenvolver un proxecto social". Por último, destacou que esta ferramenta tamén serve para axudar ás pemes para crear un plan de voluntariado corporativo.
Pola súa banda, Van der Ree, sinalou que se trata de "un espazo aberto para todo o mundo que queira cambiar as cousas" e subliñou o feito de que se trata da "primeira app de cidadanía colaborativa do mundo". "Pretendemos fomentar a solidariedade conectada. Contamos cunha poderosa arma de construción positiva de comunidades", declarou.
Trátase así dun proxecto global, desenvolvido polas empresas Brokering Solidarity e Fusión-CI, alienado cos obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das nacións Unidas cun plan de expansión internacional. "Comezamos con España, e todo o que aprendamos aquí poñerémolo en marcha cando os expandamos a outros países", sinalou Almansa. O obxectivo de JoinIn é chegar aos 10.000 usuarios rexistrados, 5.000 organizacións comprometidas e 25.000 iniciativas postas en marcha nun prazo de dous anos.
Un equipo de médicos, fisioterapeutas e terapeutas ocupacionais do servizo de Rehabilitación de Povisa produciu máis dun cento de vídeos dirixidos aos familiares de enfermos que adquiriron algunha discapacidade por patoloxías como o ictus, a disfaxia ou o linfedema.
Os vídeos serán publicados na páxina web de Povisa para que poidan ser utilizados por calquera persoa, sexa paciente ou non do hospital. O obxectivo é que os familiares ou as persoas ao cargo destes pacientes poidan visionar de forma clara como proceder correctamente cos coidados e movementos nos seus respectivos domicilios.
Para darlle o máximo realismo, no caso dos vídeos sobre ictus graváronse as escenas utilizando a pacientes reais, que aparecen na imaxe cun pixama de dúas cores, identificando a cor escura o lado paralizado e o claro o lado san. Os vídeos de ictus mostran como realizar os movementos do enfermo na cama, en que posición correcta colocalos, como levar a cabo as transferencias da cama á cadeira de rodas ou a unha cadeira normal, e viceversa, como levantalo da cadeira e como realizar as actividades da vida diaria. Cada movemento duplicouse, utilizando pacientes sempre reais que nun caso teñen o lado esquerdo do corpo paralizado e noutro o dereito.
Polo seu lado, os vídeos de disfaxia mostran recomendacións xerais dun foniatra e logopedas, neste caso con pacientes simulados, e manobras específicas para a abordaxe deste problema.
A publicación dos vídeos (www.povisa.es/rehabilitacion) iniciouse cunha primeira serie sobre ictus e disfaxia, e continuará nas vindeiras semanas ata completar máis dun cento. Ademais, habilitouse un correo electrónico específico (buzonrehabilitacion@povisa.es) para recibir e contestar as dúbidas que poidan xurdir tras o seu visionado.
A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA van organizar o vindeiro 16 de xuño, na Cidade da Cultura, a segunda edición da xornada colaboraTIC.gal, desta volta centrada en amosar ao rural galego todo o potencial das nosas tecnoloxías, empresas e profesionais open source. É dicir: todo o que pode facer o software libre, dende unha óptica galega, polo rendemento, a produtividade, a competitividade, a xestión, a distribución, a loxística e a comunicación das nosas firmas e entidades do eido rural.
En palabras de AGASOL, xa non é só que a nosa comunidade de profesionais e empresas open sourceteñan moito que achegar a sectores como o agrogandeiro ou a hostalería, entre outros moitos ámbitos produtivos non urbanos, é que o noso tecido galego de software libre ten tamén moitas posibilidades de saír fortalecido e enriquecido da experiencia. Trátase, basicamente, de xuntar forzas e de tirar proveito dun xeito de traballar que ten, tamén, fondas raizames no rural: traballar en mancomún.
“A xornada colaboraTIC.gal”, engade AGASOL, “será un espazo onde ver e escoitar pero tamén onde amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o tecido empresarial”.
Para a ocasión “contarase cun interesante grupo de profesionais e empresas que amosarán as súas experiencias, tanto do que se ten feito como do que se pode facer”, explica a asociación galega, engadindo que a xornada terá dúas xeiras de traballo, unha de mañá, coa presentación de “iniciativas de interese relacionadas coa conexión do mundo rural e as tecnoloxías abertas”, presentacións levadas a cabo por responsables de experiencias concretas de proxectos open source para o rural; e outra de tarde, a sesión conecta, con xanelas directas aos xeitos de traballar de empresas e axentes do ámbito rural que apostan polo código aberto.
O obxectivo da xeira de tarde é animar a entidades ou empresas que non usan ferramentas libres, a empregalas e a apostar por elas (a través de exemplos concretos de entidades ou empresas que xa están familiarizadas cos ditos recursos). Con esta segunda sesión, a de tarde, “trátase de que aquelas descubran as tecnoloxías abertas a través de conexións en directo”, explica AGASOL.
A Federación Nacional ASPAYM, contando coa participación da escola de audiovisuais da Fundación do Lesionado Medular e en colaboración coa Fundación Vodafone España, realizou tres videotutoriais sobre a utilización dos sistemas de identidade dixital de uso predominante en España.
Os videotutoriais “Me @dministro”, dispoñibles na canle YouTube de ASPAYM e na canle da Fundación Vodafone España pretenden achegar a toda a poboación as numerosas posibilidades que ofrece realizar trámites e xestións telemáticas, que coa chegada do DNI Electrónico (DNIe), a ampla aceptación do certificado dixital da FNMT e a creación do novo Sistema Cl@ve supoñen a porta de entrada á incorporación e dispoñibilidade de cada vez máis servizos electrónicos, da máis diversa índole, con toda a conveniencia, flexibilidade e comodidade que levan estes servizos.
A utilización destes servizos electrónicos e, en particular, os servizos das administracións públicas na vida cotiá son unha poderosa ferramenta para potenciar a autonomía e o empoderamento persoal.
O proxecto “Me @dministro” contou coa participación de persoas con discapacidade, non só como beneficiarios últimos dos seus produtos e contidos, senón tamén na súa creación, desenvolvemento e expansión.
De igual modo, para a realización destes videotutoriais, contouse coa Escola de Audiovisuais da Fundación do Lesionado Medular, que permitiu desenvolver un produto audiovisual dinámico, didáctico e de calidade grazas ao seu equipo de profesionais, tamén persoas con discapacidade.
Por parte da Administración, contouse coa participación do Corpo Nacional de Policía, que a través da División de Documentación asesorou e facilitou as súas instalacións para a realización do videotutorial sobre o DNIe, en particular coa xestión do DNIe e a utilización dos chamados “Puntos de Actualización de DNIe”.
Cruz Vermella Española convocou, por segundo ano consecutivo, os Premios á innovación tecnolóxica aplicada a fins humanitarios, cuxo obxectivo é crear aplicacións móbiles que poidan servirlle á organización na súa atención aos colectivos máis vulnerables.
En concreto, Cruz Vermella outorga tres premios, dotados de 4.000 euros cada un, baixo tres categorías: 'Infancia', 'Voluntariado' e 'Aplicación Protexendo Vidas'.
No primeiro caso, as aplicacións deben de contribuír á mellora de vida de nenos, nenas e novas, "acompañándoos no desenvolvemento de habilidades sociais, dando resposta ás súas inquietudes e favorecendo que eles e elas sexan protagonistas do seu propio crecemento persoal", explica a entidade.
No caso do 'Voluntariado', as aplicacións deben de ir encamiñadas a axudar na promoción e a captación de persoas voluntarias. E, na última categoría, premiarase ás ideas que axuden á prevención de accidentes e incrementen a seguridade en situacións de emerxencia, especialmente, no medio acuático e a súa contorna.
Poderán presentarse aos premios as persoas físicas ou xurídicas, tanto de forma individual como en equipo que presenten traballos relacionados coas tres categorías ofertadas. O prazo para a presentación de proxectos finaliza o 30 de setembro. Toda a información da convocatoria está recollida na web http://www.cruzroja.es/principal/web/premios-tic.
A presentación da aplicación tivo lugar no campus da UC3M situado na Porta de Toledo de Madrid, nun acto no que interviñeron o director do proxecto, Anxo García; o presidente de Fasocide, Francisco Javier Trigueros, e a directora de Innovación Sustentable de Telefónica, Arancha Díaz-Lladó, e que contou coa presenza do director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade, Borja Fanjul.
O 'software' PervasiveSUB, pioneiro a nivel mundial, recolle todos os subtítulos das cadeas de televisión e envíaos a un servidor central desde onde se reenvían aos 'smartphones' ou tabletas e desde aí a través de 'bluetooth' á liña braille da persoa xordocega grazas á aplicación 'GoAll', que integra o 'software' e que é compatible con diferentes liñas braille e permite controlar a velocidade dos subtítulos captados directamente desde a emisión de televisión en directo.
García explicou que durante a emisión, o teléfono mostra o subtitulado que se está enviando á liña braille, por o que se a persoa xordocega tivese resto visual, non necesitaría usar a liña braille e podería visionar directamente o subtitulado desde o seu teléfono móbil, xa que, a aplicación permite "configurar o tamaño" dos subtítulos. Estos subtítulos aparecen ademais en cor branco sobre un fondo negro, facilitando así que poida ser accesible para persoas con resto visual.
Pola súa banda, Trigueros mostrouse "moi orgulloso de poder eliminar esa barreira enorme que nos atopamos sempre", en referencia a poder acceder á información por eles mesmos, posto que, a diferenza das persoas cegas que poden contar co subtitulado, para o seu colectivo "era un mundo descoñecido" e "non sabiamos como eliminar esa barreira".
Finalmente, Díaz-Lladó destacou que, como se demostrou con esta aplicación, "a tecnoloxía pode ser un aliado básico" para lograr a accesibilidade universal e asegurou que o obxectivo de Telefónica é "levar a revolución dixital a todos" e "non deixar a ninguén atrás".
O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, tal e como se anunciou con motivo da súa posta en marcha, quere ser un punto de encontro de internautas pero, tamén, un polo de información e formación dende o miolo mesmo da cidade vella. Nesta liña, o Concello vén de dar conta do arrinque da actividade formativa con 10 obradoiros tecnolóxicos de balde aos que se suma unha clase maxistral sobre fotografía. O comezo desta andaina divulgativa e educativa foi dado a coñecer este martes pola concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, que fixo saber que os obradoiros van dirixidos a públicos de todas as idades e que están programados para ser desenvolvidos entre o 29 de maio e o 30 de xuño.
Rielo explicou que as xeiras divulgativas son sobre todo pílulas formativas de pequeno formato que teñen, amais de divulgar, o obxectivo de ver cales son as temáticas de meirande interese entre a cidadanía, co fin de ir afondando nelas en datas vindeiras. Ao seu xuízo, os obradoiros serán a maiores unha “excelente oportunidade para mostrar as vantaxes das novas tecnoloxías, mellorar as competencias dixitais e impulsar o desenvolvemento persoal no ámbito da tecnoloxía”. O abano temático a tratar será, polo tanto, amplo de abondo. Deste xeito, informou Rielo, tocaranse nos obradoiros cuestións como os trámites electrónicos coa Administración, a iniciación á informática, o emprego de smartphones, a Internet segura, o posicionamento web e SEO, as redes sociais, o retoque fotográfico co smartphone, o comercio electrónico ou a creación de aplicacións móbiles.
Para inscribirse nalgún destes cursos é necesario achegarse ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas.
A inscrición realizarase até as 20:00 horas do xoves anterior ao inicio do curso, data distinta para cada unha das accións. Cada persoa só poderá concorrer en dous cursos. A listaxe de persoas admitidas poderase consultar na páxina web do Concello, www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do 010.
Tal e como anunciou a edil, esta programación tamén inclúe unha clase maxistral de fotografía artística dixital, a cargo de Álvaro Barreiro, o día 27 de maio, de 17:00 a 19:00 horas. A través deste obradoiro abrangueranse cuestións sobre o uso de ferramentas e recursos como Photoshop ou ligthroom, entre outros. Será na sala de usos múltiples do edificio, con entrada libre até completar aforo.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou onte a aposta da Xunta por estender a educación 100% dixital a ata 10.000 alumnos o vindeiro curso 2017-18. “Isto supón que se incorporen ao ensino plenamente dixital 2800 alumnos máis que os 7.200 que o reciben hoxe nos 107 centros que xa empregan o libro dixital”, dixo.
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que para acadar este obxectivo a Xunta adquirirá ata 22.000 portátiles durante os dous vindeiros anos, para os alumnos e profesores dos centros que se integren nesta iniciativa. Con esta finalidade investiranse máis de 11 millóns de euros, dun total de 27 millóns para a dixitalización da educación.
Así mesmo, o acordo recolle un servizo de soporte premium as 24 horas durante os sete días da semana, tanto en liña como telefónico. Tamén habilitará puntos de soporte presencial nos propios centros, para atender calquera eventualidade que poida suceder cos equipos.
Durante a rolda de prensa do Consello, o titular da Executivo autonómico subliñou que, dentro da aposta por un ensino 100% dixital, este ano convocarase un novo concurso público para contar con novos provedores de contidos, ademais dos dous que traballan xa co Ensino galego.
Paralelamente, poñerase en marcha un espazo de creación de contidos dixitais para que as empresas TIC e audiovisuais poidan facilitar aos docentes servizos para crear contidos dixitais. Para reforzar o atractivo destes servizos para os profesores, deseñarase un plan de formación específico nos propios centros que estará á disposición dos docentes. Complementarase cun plan de acompañamento para as familias sobre cultura dixital.
Por último, no referente á conexión a Internet dos centros de ensino, Feijóo destacou o obxectivo de que ao rematar 2018 todos os centros teñan unha velocidade de conexión mínima de 100 Mbps, fronte ao 40% dos centros que dispón neste momento desa velocidade.
Unha vez cumpridas estas metas, o presidente da Xunta afirmou que se iniciará o camiño para, en 2020, estender este sistema tamén a terceiro da ESO. “Os portátiles para alumnos e profesores, a creación de novos contidos dixitais, a formación continua para docentes e familias e a mellora da conectividade dos centros son as catro patas da futura Estratexia de educación dixital 2020”, indicou, facendo fincapé en que esa será a folla de ruta neste ámbito para o que queda de década.