A Deputación de Ponvevedra vén de adxudicar o contrato para o desenvolvemento do programa Conectadas 2017, que, como lembraremos, vai dirixido a impulsar a formación das mulleres do eido provincial, fortalecendo os seus recursos para tirar o máximo partido das novas ferramentas como canles de acceso ao desenvolvemento persoal, comunicativo e laboral. A empresa gañadora do procedemento aberto de contratación foi a UTE integrada por Forox Innovación, S.L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S. L. Entre os obxectivos específicos de Conectadas figura o de loitar directamente contra a fenda dixital de xénero: un problema que impide que as mulleres accedan plenamente ás vantaxes da Sociedade da Información. Conectadas 2017 inclúe un orzamento de 324.000 euros e un programa de 300 accións formativas.
Carmela Silva lembrou na presentación de Conectadas 2017 que se trata dun programa para “mellorar a formación básica das mulleres e favorecer as súas relacións interpersoais, o intercambio de experiencias” ademais de “contribuír á mellora da súa empregabilidade e mantemento no mercado de traballo” e “reducir a súa fenda dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías”. O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres. Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha única acción formativa que suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: Muller emprende (emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas (xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe etc.), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoais.
Dende hai un ano A Coruña acolle unha serie de encontros mensuais ao redor do mundo dos blogs (abordando tamén temáticas próximas), e aínda que habitualmente se celebran os últimos mércores de cada mes, esta décima edición vai ser especial e terá lugar o vindeiro sábado, contando con 8 conferencias, 2 mesas redondas, 18 relatores e 369 asistentes, confiándose en que estes últimos acheguen uns tres quilos de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica, o que permitiría que nun único encontro puidese superarse a barreira dos 1.000 quilos de alimentos.
Este evento de carácter solidario é de balde, estando aberta a súa inscrición en liña para controlar o aforo e finalmente é público o seu programa de actividades completo, que botará a andar cun relatorio de Javi Mos, o responsable das redes sociais do programa de televisión Land Rober Tunai Show, ao que seguirá Isaac Martín, autor do blog de viaxes Chavetas. A media mañá do sábado celebrarase unha mesa redonda de tuiteiros e para completar a sesión matinal entrará en acción o cómico Víctor Grande e a estratega en redes sociais Eva Añón presentará un estudio no que se fai unha radiografía dos blogueiros coruñeses, o que podería trasladarse de xeito doado ao ámbito estatal, dando así conta da situación deste ámbito que algúns daban por morto tras a forte emerxencia de plataformas sociais como Facebook ou Twitter.
Pola tarde, Bernardo Riveira de R impartirá unha charla sobre fibra óptica e big data, a blogueira Begoña Rodríguez achegará ferramentas básicas para a creación dunha marca persoal e/ou profesional, terá lugar unha mesa de blogueiros, o organizador de TEDxGalicia, Marcos Pérez Gulín, compartirá a súa visión sobre o equilibrio entre a xeración de contido de calidade e a forma axeitada de transmitilo, entregaranse os premios dos concursos aos máis chiadores e aos mellores selfies e, a xeito de peche, a xornalista Nani Arenas falará sobre como comunicar nos século XXI.
O encontro estará conducido polo xornalista Alfonso Hermida, e dende a organización apuntan que aínda quedan invitacións dispoñibles para poder participar e así aprender algo máis sobre blogs, redes sociais, Internet e tecnoloxía á vez que se pasa unha amena xornada.
O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo vai organizar este 31 de maio a sexta edición da súa xornada de Experiencias TIC, unha cita para amosar o máis salientable da súa innovación tecnolóxico-docente, establecendo pontes de colaboración con outros equipos docentes e outros centros. En palabras da organización, a intención do encontro é “mostrar á comunidade educativa os proxectos levados a cabo durante o curso escolar 2016/2017 polo CEIP Ponte dos Brozos”, que ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e Comunicación e a innovación educativa.
A xornada, engaden, é a consecuencia lóxica dun centro cuxa aposta TIC ten fondas raizames. Esta aposta tradúcese, no seo do CEIP, en cousas como o emprego de recunchos de ordenador desde cuarto de Educación Infantil (3 anos) até cuarto de Primaria, no uso de portátiles desde terceiro de Primaria hasta sexto de Primaria e no emprego de iPads en diferentes niveis, especialidades e aulas específicas. As sesións levaranse a cabo no salón de actos do Centro Tecnolóxico de Arteixo, en horario de 16.30 a 20.00 horas.
Logo da apertura oficial de actividades, ás 16.45 o profesor Fernando Moreno presentará o encontro e o resumo das actividades do CEIP ao abeiro das TIC. Arredor das 17.00 será a quenda de María Ces, co relatorioTerritorio das Ar-TICs; ás 17.20 falarán Beatriz Suárez-Noguerol Calvet e Patricia Galán Gómez, co relatorio Reflexionando despois dun ano con Aula Planeta; ás 17.40 horas intervirán Inés González Llera e Ana Sevilla Blanco arredor da cuestión A escola na Rede. Logo dunha pausa para o café e de demostracións de realidade virtual por parte do alumnado, volverán as xeiras de debate ás 18.30 horas da man de Sonia Iglesias Rega e Patricia Boedo Noya (Realidade virtual e Storytelling), de Alberto López Souto (Fotografía e realidade aumentada: Proxecto Dkarret) e de Ángel Romero Roel e Rosa Moreiras Mosquera (Xogando aos oficios con Minecraft).
O Concello de Lugo vai organizar este mes de xuño cinco novas xornadas formativas destinadas a achandar o camiño laboral de persoas desempregadas. A nova iniciativa, que é de balde e vén da man da Concellería de Economía e Emprego que dirixe Ana Prieto, ten unha clara vertente tecnolóxico-dixital. De feito, amosaranse aos participantes cousas como facer marca persoal nas comunidades en liña, buscar emprego nas redes sociais, ou empregar a fondo o portal de Eures. Os obradoiros abrollan directamente do compromiso do Goberno local coas políticas de inserción laboral e loita contra o desemprego, “un grave problema para miles de lucenses que queren traballar e non poden”. Os dous primeiros obradoiros son Como realizar un currículo atractivo (12 de xuño) e Marca persoal e busca de emprego a través das redes sociais (día 13).
A continuación, será a quenda de Probas para a selección de postos de traballo (día 14), A Rede Eures. O portal de busca de emprego de Europa (día 15) e Como realizar con éxito unha entrevista de traballo (día 16). O horario no que se impartirán as sesións é de 10:00 a 13:00 horas. As prazas son limitadas, polo que, en palabras do Concello, “os interesados deberán anotarse canto antes”. O prazo de inscrición está aberto dende xa e até o 7 de xuño. Para apuntarse é preciso enviar cuberta unha ficha de solicitude (que se pode descargar na web do Concello a espazolab@concellodelugo.org) ou ben entregala nas propias instalacións do Espazo Lab, o Centro de Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo.
A Fundación ONCE abriu o chamamento de comunicacións do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para Todos que se celebrará en Málaga do 27 ao 29 de setembro. Centros de investigación e tecnoloxía, entidades públicas e privadas, universidades e empresas interesadas en enviar a súa proposta de comunicación, poden facelo ata o 15 de xuño a través do portal Discapnet.
Baixo o lema ‘Accesibilidade 4.0', o encontro abordará, entre outros temas, as tecnoloxías e servizos de acceso á información e a comunicación; a interacción persoa máquina; os produtos de apoio, e a teleasistencia e o telecuidado como consecuencia da prolongación da vida activa.
O encontro da Fundación ONCE tamén tratará o uso das tecnoloxías para promover a Smart City, para mellorar a aprendizaxe e para dar solución a cuestións como o turismo accesible. Tamén haberá espazo para mostrar o fogar dixital e seguir apostando pola vida independente; o emprego da robótica para favorecer a autonomía persoal, e a innovación para garantir o transporte de todas as persoas.
O Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para Todos celebra así a súa segunda edición, fusionando nun mesmo evento DRT4ALL (Deseño, Redes de Investigación e Tecnoloxía para Todos) e Turismo para Todos.
“Desde a máquina perforadora, que nos permitiu facer a nosa tese de doutoramento e boa parte das primeiras investigacións, ata os famosos Mac LC ou o Toshiba Portátil, cos que nos levamos o traballo a casa”. Así lembra o reitor Juan Viaño a época na que a informática chegou ás nosas vidas e que dende hoxe forma parte dunha exposición na sala multiusos do Colexio de Fonseca, con entrada polo xardín situado fronte a Correos.
En realidade, a mostra, comisariada polo profesor José Ángel Docobo, pretende guiar o espectador pola historia da informática na USC, que arranca no ano 1969 cando o reitor García Garrido decide impulsar un centro de cálculo propio grazas á colaboración da Fundación Barrié de la Maza. “Esa foi unha decisión que marcaría o inicio da modernización tecnolóxica na universidade”, dixo Viaño na inauguración.
En efecto, a constitución do Centro de Cálculo Barrié de la Maza é unha das claves da mostra, como tamén o é o Proxecto Telegal, que levou a informática ás ensinanzas primaria e secundaria de Galicia. Ademais, exponse o primeiro computador analóxico que tivo a USC e mediante paneis didácticos coñécense as partes básicas e características dun ordenador e a evolución da informática dende os anos setenta ata hoxe a través dun compendio de aparellos dos 80 e 90 e dos distintos soportes de almacenamento de datos. Inclúese tamén un apartado dedicado ás aplicacións actuais da computación en distintas liñas de investigación que se están a desenvolver na USC.
A mostra conta cunha importante achega tanto do Centro de Supercomputación de Galicia como do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Poderá visitarse durante todo este ano de 12.00 a 20.00 horas de luns a venres e ata as 15 horas os sábados.
Os centros educativos e outros colectivos interesados en realizar unha visita guiada poden poñerse en contacto co profesor Docobo Durántez no enderezo joseangel.docobo@usc.es.
As imaxes que percibe o ser humano, a diferenza do que todos pensamos, xéranse na parte traseira do cerebro. No que os expertos denominan como a área occipital. Esta é unha das premisas que inspira a neuroprótese visual na que, desde fai algo máis dunha década, traballa o grupo de Neuroenxeñería Biomédica da Universidade Miguel Hernández (UMH), en colaboración coa Cátedra de Investigación Bidons Egara e un amplo abanico de universidades próximas e doutras partes do mundo, centros sanitarios e institucións, entre as que se atopa a ONCE, o Hospital IMED Elxe, a Unidade de Neuroloxía do "Hospital Vega Baja" de Orihuela, a Universidade de Alacante e a Universidade de Utah (Estados Unidos).
A tecnoloxía que están a configurar componse dunha lente cunha cámara encargada de captar o campo visual e de enviar toda esa información a unha diminuta matriz de microelectrodos instalada no córtex occipital. Alí procesaríase a información e xeraríase, no cerebro do individuo, unha imaxe pixelada coma se tratase dos gráficos dunha videoconsola antiga. Unha operación que, de resultar, permitiría á persoas con cegueira mellorar a súa mobilidade autónoma e, mesmo, capacidade de lectura de caracteres grandes.
Esta revolucionaria investigación, liderada polo director do grupo da UMH, Eduardo Fernández, só se experimentou con animais como ratos ou primates. Nos últimos dous anos recolléronse datos, mediantes probas, de pacientes aos que se lles ía a extirpar unha pequena parte desa área traseira do cerebro por mor dun agudo cadro de epilepsia ou dun tumor. Os devanditos ensaios efectuáronse na Clínica Ruber de Madrid e no Hospital Fundación Jiménez Díaz, tamén da capital.
O feito de que se realizasen estes estudos en persoas con este tipo de patoloxías debíase a que xa, de seu, tiñan que ser sometidos a unha intervención cirúrxica e iso xustificaba este tipo de experimentacións. «Tras os exitosos resultados que obtivemos ao longo de todos estes anos, xa podemos desenvolver, con riscos mínimos, estes experimentos en persoas invidentes, o que supón un gran avance para esta iniciativa neurolóxica. Estamos a redactar o proxecto para, en pouco máis dun ano, comezar a traballar con humanos no Hospital IMED de Elxe. O primeiro que temos que facer é atopar aos voluntarios adecuados para este tipo de ensaios clínicos. Xa non estamos a falar de experimentacións indirectas senón totalmente orientadas á nosa liña de investigación», argumenta Eduardo Fernández, catedrático de Bioloxía Celular da UMH.
As probas que levaron a cabo cos pacientes dos centros Ruber e Jiménez Díaz consistían en estimular, a través de descargas de microelectrodos, diferentes zonas occipitais e rexistrar como, con baixa luminosidade, eran capaces de albiscar algún tipo de luz ou de sombra. Con todo, estes ensaios estaban máis relacionados con medir as capacidades dos seus cerebros, para as intervencións cirúrxicas ás que ían ser sometidos, e non tanto a resolver as incógnitas desta investigación da UMH. «Nos testeos do IMED instalaremos estas matrices de microelectrodos a invidentes e analizaremos que chegan a ver no interior do seu cerebro», manifesta Fernández. Un tipo de experimentación que xa levaron a cabo con monos, aos que lles ensinaban que bebesen zume cada vez que percibían unha imaxe. «O bo dos humanos é que che din, con palabras, o que vai captando o seu cerebro en cada momento», advirte o científico.
Cos resultados que consigan obterán «unha enorme información de fronte ao seguinte gran reto, que é saber como traducir a imaxe que recolle a cámara en impulsos eléctricos para que esta pequena matriz de microelectrodos, parecida ao chip dun computador, sexa capaz de compoñer unha imaxe con sentido».
Con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións, a Fundación de Tecnoloxías Sociais TECSOS lanza www.orientatech.es, unha iniciativa sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é dar a coñecer dunha forma rigorosa, imparcial e cunha linguaxe próxima solucións TIC existentes que poden ser de utilidade para fomentar a autonomía persoal e un envellecemento activo.
O proxecto pon a disposición a plataforma www.orientatech.es, un novo ‘Orientador' de Tecnoloxías Sociais, que ofrece filtros de procura para que calquera persoa poida atopar e comparar as solucións e produtos que mellor se adapten á súa necesidade”, indica Julián Andújar, xerente da Fundación TECSOS.
A análise dos produtos lévase a cabo por un equipo de enxeñeiros da Fundación de Tecnoloxías Sociais e da Fundación Vodafone expertos na aplicación social da tecnoloxía, que realizan a verificación técnica do produto, e un grupo de voluntarios e usuarios de Cruz Vermella, que coñecen as necesidades á que vai dirixido o produto e que realizan a validación social. Esta valoración técnica e social compleméntase con información práctica como vídeos, fotos, opinións doutros usuarios e entidades con información do produto incluíndo tipo de garantía, formas de adquisición e toda aquela información que poida ser relevante para coñecer o produto.
A Fundación Tecnoloxías Sociais – TECSOS é unha fundación sen ánimo de lucro creada no ano 2002, a través do impulso conxunto da Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España.
En que consiste o teu proxecto?
STIMULUS é un software para a estimulación e rehabilitación cognitiva. Baséase nunha serie de exercicios interactivos que adestran os distintos procesos cognitivos. Estas actividades (+50) clasifícanse ao redor de 10 áreas funcionais (atención, percepción, memoria de traballo, memoria a longo prazo, cálculo, razoamento, funcións executivas, funcións visio-motoras, linguaxes e velocidade). Está deseñada para ser usada en tablets, e ten un propósito profesional, aínda que tamén existe unha versión doméstica para usuario final.
Grazas a este software para tablets, moitos profesionais (neuropsicólogos, psicólogos clínicos, psicopedagogos, terapeutas ocupacionais, educadores, logopedas, etc.) poden planificar unha intervención
Como naceu?
En 2013, ao peche do centro de traballo onde prestabamos servizo como desenvolvedores de software e consultores tecnolóxicos de administracións e grandes empresas, decidimos poñer en marcha o noso propio proxecto. Por unha banda para desempeñar esa mesma actividade, trasladada nesta ocasión ao ámbito da peme e micropeme española, e por outra para tratar de facer realidade algunhas ideas de negocio interesantes que tiñamos en mente baseadas en novas tecnoloxías, entre elas, está claro STIMULUS.
O xerme da idea de STIMULUS atopámola na nosa relación con profesionais do sector da atención a persoas maiores e persoas con demencias (tipo Alzheimer, sobre todo), que nos leva a coñecer a existencia deste tipo de software, así como os problemas e limitacións que actualmente tiñan con eles.
Como e por que decidiches acudir ao Programa Minerva?
O perfil dos socios que formamos parte desta aventura en 2013 era claramente técnico. Polo que para que as nosas iniciativas tivesen algunha posibilidade de éxito, estaba claro que debiamos formarnos e buscar todo o apoio necesario para cubrir áreas tan estratéxicas como as finanzas, o márketing, ou as vendas.
A iso sumábase a propia natureza de STIMULUS, que esixía a incorporación de coñecemento académico-científico e aplicado, polo que en conxunto resultaba unha proposta arriscada e para a que necesitariamos axuda e asesoramento a moitos niveis.
O Programa Minerva (proxecto entón), converteuse na ferramenta ideal para levar a cabo este reto, e foi precisamente este fito (ser seleccionados para a edición 2013-2014) o que definitivamente nos empuxou a poñelo en marcha. Polo que se pode dicir, que sen ese apoio, talvez STIMULUS non vise a luz nunca.
De que maneira axudou este programa ao teu proxecto?
De moitas maneiras, pero por centralo en algo, sen dúbida foi fundamental para construír un modelo de negocio ao redor da nosa idea, e planificar todo o seu desenvolvemento e acceso ao mercado. Foi fundamental a nosa aprendizaxe neste programa, que nos permitiu afrontar cunha maior seguridade a súa posta en marcha. Ademais o Programa Minerva é algo que non ten unha data de saída, senón que grazas ao Minerva Fórum seguimos recibindo o seu apoio, en forma de asesoramento, difusión, e acceso ás súas plataformas de financiamento e rede de contactos.
Cal é a situación actual do sector no que se desenvolve o teu proxecto?
Pois é difícil de definir. Diría que acontecen dous fenómenos á vez. Por unha banda, percíbense as novas tecnoloxías como unha gran oportunidade para mellorar os tratamentos e a atención a persoas con necesidades especiais (a nivel cognitivo, no noso caso). O que propicia que cada vez haxa un maior interese por parte dos distintos axentes que forman parte deste mercado, e que aparezan novos competidores. Pero por outra banda, tamén se está focalizando moito nos aspectos meramente científicos. O feito de que as novas tecnoloxías aplicadas a estes tratamentos non levan demasiado tempo fóra dos laboratorios, e os estudos empíricos sobre a súa eficacia aínda non son moi numerosos nin moi concluíntes, fai que exista moita controversia na comunidade científica (influente sen dúbida neste mercado) sobre o alcance real (en termos de eficacia) destes tratamentos.
Que cre que lle depara o futuro ao teu proxecto?
Os promotores témolo bastante claro, e aínda que queda moito traballo, a consolidación de STIMULUS no mercado só significou o primeiro paso para desenvolver o resto do noso negocio que se fundamentará nas seguintes 3 liñas:
Iso suporá a saída ao mercado dun novo produto que, entendemos, terá unha gran acollida no sector educativo pola alta demanda e escasa oferta de material específico.
Segundo nos lembra o colexio profesional que preside Fernando Suárez, o devandito torneo é unha das competicións de robótica educativa máis importantes a nivel mundial, na que participan máis de 20 cidades estatais e na que o ano pasado competiron máis de 23.000 equipos de 56 países. En Galicia, a Olimpíada está organizada polo Colexio Compañía de María da cidade herculina e Arkitas Robótica, ademais da colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Nesta Olimpíada, escolares de Educación Primaria, ESO e Bacharelato compiten en distintas categorías e retos segundo as súas idades. Na fase local en A Coruña, haberá dous desafíos diferentes, que, en palabras da organización, “permitirán que todo o mundo atope o tipo de proba que máis lle apaixone”. Por unha banda, convócase o desafío Regular Elementary, para crianzas de 7 a 12 anos, na que os equipos deberán construír robots que consigan a máxima puntuación ao resolver probas expostas sobre un taboleiro. Por outra banda, achégase o reto Football, para estudantes de entre 10 e 19 anos, ao abeiro do cal constituiranse equipos de dous robots autónomos que se enfrontarán co obxectivo de marcar a meirande cantidade de goles.
Os equipos están formados por dous ou tres participantes de entre 7 e 19 ano. Xuntos, deseñarán, construirán e programarán un robot con materiais Lego. Os mellores equipos locais viaxarán á Final Nacional en Murcia, de onde sairán os representantes da WRO Spain para a Final Internacional da WRO 2017, que este ano organízase en San José, Costa Rica. Lembrar que o ano pasado clasificouse un colexio de A Coruña para a proba estatal de Logroño, conseguindo un praza na convocatoria internacional de Nova Delhi.