main content

main content
21/06/201709:06
Casa intelixente, accesible e sustentable da Fundación ONCE en Santiago.
Santiago de Compostela

Fundación ONCE expón en Santiago de Compostela unha casa intelixente, accesible e sustentable

  • A Fundación ONCE presentou o martes en Santiago de Compostela unha casa intelixente, accesible e sustentable, para demostrar á sociedade que a accesibilidade é positiva para todos e que, ademais, non está rifada co bo gusto

A vivenda, de máis de 100 metros cadrados, poderá visitarse no Parque da Alameda de Santiago de Compostela ata o vindeiro sábado 24 de xuño, en horario de 10.30 a 20.30 horas.

Na súa presentación o martes en Santiago de Compostela estiveron presentes José Manuel Rey, conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia; Concepción Fernández; concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela; Carlos José Fernández, presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia; Iker Sertucha, presidente do CERMI Galicia, e José Luis Borau, xefe de Accesibilidade ao Medio Físico da Fundación ONCE.

Entre os avances que poden gozar os usuarios que se acheguen a vela figuran alfombras con detección de presenza; balizas Beepcons, desenvolvidas por ILUNION, que están especialmente deseñadas para facilitar ás persoas con discapacidade visual a identificación e localización dos obxectos próximos; a nova Smart TV de Samsung, que recibiu o premio CES 2016 Best of Innovation na categoría de tecnoloxía accesible; un secador corporal; un armario de almacenaxe motorizada; unha cociña con encimeira regulable, ou unha mirilla dixital.

A estancia está pensada para que a visiten profesionais do sector da edificación, escolas de deseño industrial, empresas relacionadas coa construción, o urbanismo, a accesibilidade e a domótica, administracións públicas, asociacións de persoas con discapacidade e sociedade en xeral.

A casa, que conta con máis dun centenar de solucións tecnolóxicas, mostra aos seus visitantes as posibilidades de construción e dotación de mobiliario nunha vivenda intelixente, accesible e sustentable, á vez que ofrece solucións técnicas e tecnolóxicas a problemas de accesibilidade.

Dotada de salón, cociña/comedor, dormitorio, baño e hall de entrada, a vivenda concibiuse baixo os criterios de confort, adaptación ás necesidades dos seus habitantes, facilidade de uso, seguridade, sustentabilidade e estética.

Trátase da segunda parte dun proxecto que en 2016 percorreu un total de 15 cidades. Agora a casa, aloxada nun tráiler, viaxou por Palma de Mallorca, Málaga, Santa Cruz de Tenerife, Las Palmas de Gran Canaria, Xerez, Cáceres, Salamanca, Toledo, Alacante, Granada, Cartaxena, Lleida, San Sebastián e Oviedo. Viaxará despois a Vigo e está previsto que peche o percorrido coa visita a Ceuta e Melilla.

21/06/201709:06
Captura do videoxogo MidBoss.
Santiago de Compostela

Unha programadora demostra que non é complicado facer videoxogos máis accesibles

  • A programadora alemá Emma Maassen desenvolveu o xogo MidBoss no que foi incorporando axudas de accesibilidade, e asegura que son máis fáciles de integrar do que a industria pensa

 

Nunha reportaxe publicada en Ablegamers.org, Emma, que se fai chamar Eniko, explica paso por paso como foi incorporando algunhas axudas de accesibilidade ao videoxogo que durante 4 anos e medio programou ela soa.

O xogo ten unha estética que lembra a épocas anteriores, pero a súa trama cativará a moitos. Basicamente empezas o xogo sendo un pequeno demo dentro dun calabozo coa única habilidade de posuír ás criaturas que venzas.

O teu obxectivo no xogo é ir posuíndo cada vez a criaturas máis poderosas ata converterche no rei do calabozo.

No desenvolvemento do videoxogo Eniko foi preguntando a coñecidos seus que teñen algún tipo de discapacidade sobre que axudas podería incorporar, e así foi adaptando, por exemplo, a cor das apócemas para que sexa identificables por persoas con algunha enfermidade ou discapacidade visual.

Tamén incorporou a posibilidade de personalizar o brillo da pantalla, o contraste do texto, os controis ou as animacións en pantalla, para evitar posibles reaccións a fortes movementos.

Así mesmo, ten un modo que evita imaxes que poden ser desagradables e permite axustar o tempo das quendas para que sexa suficiente para persoas con discapacidade.

Nas conclusións do seu artigo, Eniko asegura que facer que un videoxogo sexa máis accesible “non ten que ser algo moi complicado”, xa que “a maioría destas melloras pódese incorporar fácil e rapidamente, só levan uns minutos do teu día”.

“Despois de incorporar estas axudas a MidBoss, un proxecto feito principalmente por unha única persoa, de verdade que non podo entender por que os grandes estudos non incorporan estas opcións de accesibilidade”.

21/06/201709:06
Logo de Dictate.
Santiago de Compostela

Dictate engade transcrición de voz a texto ao Office de Microsoft

Para usuarios de Word, Outlook e PowerPoint chega unha nova aplicación de Microsoft chamada Dictate que pode resultar de grande utilidade, xa que este desenvolvemento que emprega a tecnoloxía de recoñecemento de voz de Cortana permite transcribir a nosa voz a texto dentro das aplicacións ofimáticas, ou sexa, que escribe o que lle ditemos en 20 idiomas distintos, contando incluso coa posibilidade de traducir a voz en tempo real a 60 idiomas.

Estamos ante un proxecto de Microsoft Garage, que polo momento está optimizado para funcionar en inglés, aínda que entre os idiomas que recoñece están o español e o portugués, e dado que é de balde non está de máis probalo para usuario de Office 2013 ou superior baixo Windows 8.1 ou superior, pois pode resultar de grande utilidade para escribir presentacións, documentos de texto e mensaxes de correo electrónico sen ter que utilizar aplicacións externas de recoñecemento de voz, estando Dictate bastante ben integrado no software ofimático de Microsoft.

20/06/201708:06
Premiados do concurso escolar Aprendo Programando.
Santiago de Compostela

Escolares de Monfero, Marín, Salcedo e Vigo gañan o concurso Aprendo Programando

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) fixo entrega este sábado dos premios da segunda convocatoria do concurso escolar Aprendo Programando, organizado pola entidade que preside Marcos Mata e patrocinado por El Corte Inglés e Alvarellos Editora. O acto estivo presidido por Marcos Mata, presidente do CPETIG; Maximino Tuñas, responsable de Sistemas de Información El Corte Inglés Santiago; e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora. Concorreron case 40 equipos de Primaria e ESO. O obxectivo foi achegar a programación aos escolares. Os gañadores foron equipos do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero (A Coruña) e do IES Mestre Landín de Marín (Pontevedra), nas categorías de Primaria e de ESO respectivamente. Os segundos premios en cada modalidade foron para equipos do CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra) e do IES Carlos Casares de Vigo.

No certame, cuxa final resolveuse este sábado nas dependencias de El Corte Inglés en Santiago, concorreron unha chea de proxectos programados con Scratch, centrados na temática Convivir en igualdade, proposta polo CPETIG na convocatoria deste ano.

Na categoría de Primaria, o primeiro premio foi para o proxecto Farm Adventure do equipo do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, realizado baixo a supervisión da profesora María del Camino Pereiro; e o segundo para As inventoras do equipo do CEIP San Martiño, baixo a supervisión de Ángeles Martín.

Na categoría de Secundaria, o primeiro premio foi para o proxecto Convivir no Mestre Landín do equipo do IES Mestre Landín, desenvolvido baixo a supervisión de Héber Jaime García; e o segundo para IgualDado do equipo do IES Carlos Casares, supervisado por Almudena Rouco.

Os premios consisten nun cheque agasallo de El Corte Inglés e unha tableta de dez polgadas para cada equipo gañador nas categorías de Primaria e de ESO; e un lote de libros de Alvarellos Editora e unha tableta de 8 polgadas para os segundos clasificados en cada unha das dúas categorías.

Aprendo Programando ten como obxectivo achegar a programación e integrar xa nos primeiros niveis do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías, como unha oportunidade para o alumnado de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación. As dúas edicións celebradas confirman que a iniciativa é un estímulo tanto para o profesorado coma para o alumnado, que consigue a través deste concurso retos de superación a nivel persoal e colectivo.

20/06/201708:06
Cartel do curso.
Lalín

Lalín organiza un curso de robótica para nenos

O Concello de Lalín anunciou que vai organizar un curso de robótica para nenos, co fin de introducilas no coñecemento dunhas tecnoloxías (programación, intelixencia artificial, manexo de móbiles e tabletas e diferentes aparellos TIC) que sen dúbida lles serán de utilidade no futuro. En palabras do Goberno local, o que se busca é “dinamizar e fomentar o coñecemento en novas tecnoloxías”, amais de “fomentar o pensamento lóxico-dedutivo, a programación por bloques e a computación dun xeito divertido e práctico”. A actividade vai dirixida a escolares de entre 8 e 15 anos.

No obradoiro empregarase o robot galego Escornabot (do que xa se falou salientando a súa arela de abrirse á participación), o kit de robótica BQ e o IDE de Arduino, que iniciarán ao alumno na robótica sen necesidade de coñecementos previos.

Para que “o alumnado teña unha atención personalizada”, o Concello fornecerá aos escolares dun total de 32 prazas, de balde, repartidas en catro grupos de 8 persoas. O curso consta de 20 horas por cada grupo. A inscrición aos grupos farase por orde de recepción. As persoas doutras idades, ou que non estean empadroadas en Lalín, poderán facer o curso soamente no caso de estar dispoñíbeis prazas libres e por orde de inscrición. A actividade levarase a cabo na Aula CEMIT, no Auditorio de Lalín, na rúa do Parque s/n.

O prazo de inscricións para todos os grupos abriu este luns, día 19. Para os grupos 1 e 2 o prazo remata o día 23 de xuño; e ata o 1 de agosto para os grupos 3 e 4.

19/06/201708:06
Logo CeMIT-Innova.
Ourense

A Amtega organiza o 22 de xuño en Ourense unha xornada sobre as boas prácticas no ámbito da innovación social dixital

  • O encontro, enmarcado no Programa CeMIT-Innova, terá lugar no Centro La Molinera
  • A xornada da mañá está dirixida aos responsables das 10 aulas CeMIT que participan no programa
  • A sesión de tarde estará aberta ao público xeral para que poidan coñecer casos de éxito en materia de innovación social dixital da man dos seus impulsores
  • CeMIT-Innova, promovido pola Amtega, impulsa iniciativas colaborativas de base tecnolóxica en 10 aulas CeMIT

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra o vindeiro xoves 22 de xuño unha xornada sobre as boas prácticas no ámbito da innovación social dixital no Centro de La Molinera en Ourense. Este centro conta cun aula da Rede CeMIT nas súas instalacións e participa no proxecto CeMIT-Innova 2017

A xornada baixo o lema “Innovación Social Dixital. Comunicando Emocións” celebrarase en dobre sesión, de mañá e tarde. A primeira sesión, das 10:00 ás 14:00 horas, está dirixida aos responsables das 10 aulas CeMIT que participan no proxecto CeMIT-Innova 2017 e persoas voluntarias e entidades aliadas que desenvolven estes proxectos de innovación social dixital. O obxectivo do encontro é ofrecerlles diferentes ferramentas para mellorar e darlle visibilidade aos proxectos.

A sesión de tarde, que se celebrará entre as 15:30 e as 18:30 horas, terá un formato de Faladoiro Dixital. Está dirixida a todas as entidades interesadas, voluntarios, responsables municipais e público en xeral, que poderán coñecer un conxunto de boas prácticas e casos de éxito en materia de innovación social dixital da man dos seus impulsores.

Na tarde participará como relator Gotzon Bernaola, director de Innovación Social de Innobasque (Axencia Vasca de Innovación: http://www.innobasque.eus/ ), un dos mellores especialistas na definición de estratexias rexionais e desenvolvemento de proxectos neste campo. Tamén exporanse outras iniciativas como a asturiana de patrocinio a deportistas paralímpicos e olímpicos (www.patrocinaundeportista.com/asturias) no seu camiño cara a Tokio 2020 e os proxectos realizados desde as aulas CeMIT de Ourense e A Bola. Ourense falará sobre “O poder da imaxe para comunicar” e A Bola sobre “Historias e persoas que transforman a realidade da súa contorna”.

Tanto o programa da xornada como a ligazón para formalizar a inscrición están dispoñibles no apartado do proxecto CeMIT-Innova da web da rede CeMIT a través da seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/cemit-innova

 

CeMIT-Innova

CeMIT-Innova é un proxecto colaborativo posto en marcha pola Amtega no 2015,  para o fomento da Innovación Social Dixital en Galicia, no marco do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.

Este ano 2017 celebra a súa III Edición, na que se seleccionaron 10 novos proxectos presentados polas aulas CeMIT dos concellos de Bande, Boborás, Brión, Catoira, Carballedo, Cuntis, Oroso, Ourense, Narón e Santa Comba, que se suman aos 18 proxectos das edicións dos anos 2015 e 2016.

As temáticas desas iniciativas abranguen ámbitos como a promoción económica e turística, o desenvolvemento empresarial da zona, a formación especializada, a inclusión, a igualdade de xénero no campo dixital, o ciberacoso, o envellecemento activo e alfabetización dixital de diferentes colectivos.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e amosar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

19/06/201708:06
Logo dos premios.
Santiago de Compostela

O Premio Horizonte Pantalla Táctil busca unha solución totalmente accesible para persoas con discapacidade visual

A Comisión Europea lanzou o novo Premio Horizonte Pantalla Táctil polo que reta a emprendedores e innovadores a desenvolver unha pantalla táctil totalmente accesible que permita navegar por Internet e gozar de toda a información dispoñible na rede, tanto texto como gráficos, ás persoas cegas e con discapacidade visual. O desenvolvemento gañador recibirá un premio de 3 millóns de euros.

A solución gañadora debe transmitir información dixital en braille e ilustrar gráficos, mapas e información espacial mediante o tacto. Máis aló do seu papel de inclusión social, este dispositivo tería un papel importante no apoio á alfabetización entre os estudantes cegos, e axudaría a abordar algúns dos desafíos ao redor da empregabilidade das persoas con discapacidade visual.

O concurso está dirixido a todas as persoas e entidades da Unión Europea ou dun país asociado ao programa Horizonte 2020 e o prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 27 de novembro de 2018 a través do portal para participantes.

19/06/201708:06
Logo de I Make 4 My City.
Santiago de Compostela

Dous proxectos de Fundación Orange que axudan mozos en situación vulnerable, finalistas en 'Imake4mycity' de FabLabs

Dous proxectos españois do programa formativo para mozos en situación vulnerable 'Breakers' de Fundación Orange participan no Desafío Internacional de FabLabs Sociais 'Imake4mycity', que traballa co obxectivo de achegar aos mozos á innovación e fabricación dixital, segundo informou a Fundación Orange.

A votación online comeza este sábado 17 de xuño e a cerimonia de entrega de premios terá lugar o próximo 6 de xullo en Marsella, onde tres proxectos serán galardoados con 15.000 euros cada un.

O reto, que seleccionou 17 finalistas de sete países, propón nesta edición crear unha solución para desenvolver a práctica do deporte en calquera lugar e para todos e que axude a "cambiar a mirada da sociedade sobre a discapacidade".

En concreto, a competición recolle as creacións dixitais deseñadas e creadas polos mozos que están a traballar de maneira colaborativa coas ferramentas habituais dos laboratorios de fabricación: programas de deseño gráfico, impresoras 3D, cortadoras de vinilo, fresas de control numérico, etc.

Por unha banda, o primeiro proxecto español aglutina as iniciativas que os mozos 'breakers' traballaron en distintas cidades, baixo o lema 'Diversidade e igualdade no deporte e o xogo', para reinventar xogos e deportes facéndoos máis acesibles ás persoas con discapacidade.

Así, por exemplo, en Castelldefels adaptouse un kaiak a persoas con discapacidade física e realizouse unha mesa de xogos con cores de alto contraste e formas e texturas diferentes. Así mesmo, en Valencia o proxecto consistiu en transformar un parque nun espazo accesible ás persoas maiores, persoas con discapacidade motora ou visual e nenos, mentres que en Bilbao elaboráronse presas de escalada de rockódromo explorando unha fabricación máis accesible e biodegradable.

Doutra banda, o segundo dos proxectos reúne as propostas levadas a cabo nos Ateneos de Fabricación de Barcelona por un grupo de mozos con Síndrome de Asperger. Neste caso, os participantes elaboraron un kit de materiais para facilitar o xogo da Boccia ás persoas con discapacidade motora.

O programa formativo 'Breakers', dirixido a mozos en situación vulnerable, combina a aprendizaxe de habilidades técnicas de deseño, impresión 3D, prototipado electrónico ou fabricación dixital con outras competencias como o traballo en equipo, a mellora de comunicación ou a motivación.

19/06/201708:06
Logo Talentum Schools.
Santiago de Compostela

TalentumSchools de Telefónica celebra o fin de curso nos colexios de toda España

Talentum Schools de Telefónica, que ofrece a nenos e mozos formación gratuíta e intercambios de coñecementos en colexios españois, celebrou o fin de curso. Máis de 15.000 nenos e mozos beneficiáronse destes cursos no últimos catro anos e outros 5.000 dos obradoiros online impartidos a través da plataforma da iniciativa, segundo informou Telefónica.

Nesta edición, que conclúe agora, o programa incorporou os cursos de edición multimedia (audio e vídeo) e de deseño gráfico que se suman aos xa habituais de robótica, apps móbiles, programación, realidade aumentada, deseño 3D ou electrónica.

En concreto, o denominador común dos mentores de Talentum é a paixón pola tecnoloxía e o interese en transmitila ás novas xeracións, segundo afirmou a organización.

"Nun contexto global de carencia xeneralizada de perfís dixitais, queremos dar un enfoque lúdico e creativo á aprendizaxe da tecnoloxía. Pretendemos ensinar a nenos e a mozos non só a ler tecnoloxía senón tamén a escribila. Talentum Schools fomenta a vocación dixital entre os máis novos, ao mesmo tempo que descobre e impulsa o talento, con ferramentas motivadoras que desenvolven a creatividade e capacidade de innovación", comentou a responsable de Talentum en Telefónica, Rosalía O'Donnell Baeza.

19/06/201708:06
Logo FAXPG.
Santiago de Compostela

A Xunta estende o servizo de videointerpretación para persoas xordas ás oficinas de turismo de Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago

  • A Amtega e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia veñen de asinar un acordo para ampliar esta prestación, que se puxo en marcha hai 6 anos
  • O sistema xa está dispoñible de xeito presencial nos 7 rexistros principais da Xunta, en centros sanitarios de Compostela e a través de xunta.gal
  • Facilita a máis de 84.000 galegos con algunha discapacidade auditiva o acceso á mesma información que se ofrece a través do teléfono 012

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de poñer en marcha o servizo de videointerpretación en lingua de signos nas oficinas de turismo dependentes da Xunta en Vigo, A Coruña, Lugo e proximamente tamén estará dispoñible na de Santiago.

A extensión deste servizo é posible grazas a un convenio asinado recentemente pola Amtega e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), cunha achega da Axencia pública de preto de 70.000 euros. Este acordo dá continuidade á colaboración que manteñen ambas as dúas entidades desde o ano 2011, cando se puxo en marcha este sistema, que facilita ás persoas con algunha discapacidade auditiva a información que se facilita a través do teléfono 012.

Servizo presencial e online

O sistema de videointerpretación está dispoñible de xeito presencial no Rexistro Xeral de San Caetano e nos rexistros das delegacións da Xunta na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol, así como en 2 centros do Servizo Galego de Saúde en Santiago de Compostela. A través deste dispositivo as persoas xordas que acoden a estas dependencias poden poñerse en contacto co servizo de videointerpretación da FAXPG, desde onde se facilita a interpretación da lingua oral á lingua de signos entre o empregado do rexistro ou do centro de saúde e o usuario.

Ademais, as persoas con discapacidade auditiva poden empregar a videointerpretación a través da web da Xunta. Neste caso o usuario precisa dun ordenador con webcam co que contactará co servizo de videointerpretación indicando a persoa, entidade ou servizo co que desexa facer a súa consulta. Utilizando unha liña paralela, o videointérprete contacta co destinatario e lle indica que se vai a establecer a comunicación. A partir dese momento o videointérprete actúa de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, posibilitando así a comunicación entre a persoa xorda e a persoa oínte.

Beneficiarios

Galicia, onde hai máis de 84.000 persoas con algunha discapacidade auditiva que se poden beneficiar desta prestación, foi a segunda Comunidade Autónoma en activar o servizo de videointerpretación en lingua de signos. Esta iniciativa foi impulsada pola Confederación Estatal de Personas Sordas (á que está asociada a FAXPG) e en Galicia púxose en marcha en 2011 grazas á colaboración entre a FAXPG e a Amtega.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS