Se hai algunha época do ano especialmente axeitada para “camiñar” Galicia, esta época é o verán. Dispáranse os servizos para viaxeiros, dispárase o número de xente que se bota ao camiño e dispáranse as horas nas que poden estar ao aire libre sen ser vítimas das inclemencias do clima. Dun tempo a esta parte estanse a consolidar ferramentas que manteñen informados aos excursionistas dos principais puntos turísticos das contornas nas que se moven. De maneira paralela, dispárase o uso de ferramentas para a súa seguridade. Unha das máis empregadas é Alpify, aplicación destinada a facilitar a localización de persoas que se atopen en situacións de emerxencia. A ferramenta, para que non o saiba, está integrada dende 2015 no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, tanto para teléfonos Android como iOS.
A app Alpify salienta por botar man das novas tecnoloxías de localización e información para facer o máis efectiva posible a tarefa de busca dunha persoa que estea extraviada, entre outras funcións relacionadas co salvamento e coas emerxencias. En 2016, a comunidade galega de usuarios desta aplicación era de 24.821 persoas. Entre as accións recentes nas que tivo protagonismo atópase o achado dun motorista accidentado na Pobra do Caramiñal, nun vieiro de montaña da serra do Barbanza.
Respecto da súa operatividade, é de doado manexo e para empregala abonda que premamos o botón vermello de emerxencia para que o sistema unha alerta ao 112. A continuación, os traballadores do servizo reciben o aviso ao tempo que os datos sobre o emprazamento exacto dende o que foi subministrado aquel, “sexa en zonas urbanas ou de montaña”. Alpify funciona coma unha radiobaliza e permite ao usuario estar emprazado xeograficamente en todo intre polo 112 ou polo servizo de emerxencia que estea conectado á aplicación, comentan dende Barcelona os creadores da app: os integrantes da firma Grup Basera. Alpify opera con cobertura a Internet, pero se non se dispoñemos dela é quen de enviar un sinal por SMS. Así, no caso de perder a cobertura do móbil, a aplicación envía unha mensaxe de texto ao 112 e ao mesmo tempo sitúa a emerxencia para o centro coordinador cun rango de erro de entre 3 e 10 metros.
O portal Amóvil da Fundación ONCE recoñeceu a accesibilidade dos dispositivos Samsung Galaxy S8 e S8+ desenvolvidos pola compañía coreana, e avala que a súa utilización está adaptada ás necesidades especiais que poidan ter persoas con discapacidade.
Neste sentido, o informe de Amóvil sinala que estes terminais inclúen opcións de accesibilidade para facilitar o seu uso a persoas con perdas de visión ou audición parciais ou totais, dificultades moderadas e severas para a manipulación e dificultade de comprensión.
Os terminais bandeira de Samsung incorporan opcións para configurar de forma sinxela as axudas de accesibilidade do dispositivo de maneira que pode ser configurado polas persoas con discapacidade sen axuda doutra persoa.
O menú accesibilidade divídese entre visión, audición e destreza e interacción, e incorpora melloras ás opcións de Android como o lector de pantalla Voice Assistant, os avisos e notificacións luminosas ou o detector de sons, entre outros.
Estes smartphones de Samsung sitúanse na gama alta e incorporan un potente procesador Exynos 8895 de oito núcleos e unha pantalla Super AMOLED con resolución de 1440x2960 píxeles que ocupa case toda a parte frontal do teléfono.
Nos últimos anos o interese da industria e da comunidade investigadora polas tecnoloxías asociadas ao Aprendizaxe Máquina ou Machine Learning (ML) incrementouse notablemente. Diversos factores determinantes, como a dispoñibilidade de contornas computacionais cada vez máis potentes, a irrupción das tecnoloxías Big Data, a mellora nos algoritmos de aprendizaxe, a aparición do Deep Learning, ou o acceso a un conxunto de datos cada vez maior e a menor custe, converteron esta tecnoloxía nun referente actual en case calquera campo do coñecemento.
O uso das tecnoloxías ML supuxo un punto de inflexión na sociedade coa súa presenza nunha ampla gama de aplicacións, como por exemplo: sistemas de procura, análise de textos, análises de redes sociais, recoñecemento de obxectos e caras, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos, mellora e optimización dos sistemas de produción na industria, aplicacións de analítica para a intelixencia de negocio, e un longuísimo etcétera. Non obstante, e a pesar de todos os beneficios achegados polo ML á sociedade e á industria, o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que existe un futuro cheo de novos retos e oportunidades.
A Deputación da Coruña vén de achegar detalles sobre o seu programa de formación e prácticas para menores de 30 anos en concellos de menos de 50.000 habitantes, un programa que asenta unha parte importante do seu contido nas novas tecnoloxías da información. Este proxecto, chamado Estratexia de Inserción Xove (EIXO), ten como obxectivo principal incrementar a inserción laboral dos mozos e mozas da provincia, “aumentando a súa capacitación nos sectores con máis demanda de profesionais cualificados”.
EIXO ofrecerá nove itinerarios distintos que, ademais da formación profesional e prácticas específicas de cada sector, contarán con módulos transversais de sensibilización á igualdade, prevención de riscos laborais, tecnoloxías da información e da comunicación, redes sociais e inglés profesional. Isto acompañarase con dispositivos de orientación, formación e inserción. En termos concretos, cada participante contará con este tipo de asesoramento a longo de 100 horas como mínimo. Dentro do proxecto, haberá dous itinerarios de formación e prácticas en actividades auxiliares de almacén, cun total de 30 prazas e 522 horas. No eido da informática e as telecomunicacións, no itinerario de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web formaranse 15 profesionais, que realizarán un programa formativo de 845 horas, incluíndo 80 horas de prácticas profesionais en empresas. Así mesmo, desenvolveranse outras dúas edicións dun itinerario de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, que contarán con 15 prazas en cada un e un total de 452 horas, 40 delas de prácticas profesionais. Igualmente, ofreceranse dúas edicións de formación para a obtención do carné e o certificado profesional para o transporte de mercancías por estrada. Neste caso, o número de horas será 320. Doutra banda, haberá un itinerario de coordinación de servizos de socorrismo en instalacións e espazos naturais acuáticas, con prazas para 15 persoas e unha duración de 1.070 horas. Por último, o proxecto EIXO contará tamén cun itinerario específico de 760 horas de prácticas profesionais en sectores emerxentes.
O brazo artificial Luke, desenvolvido por Deka para a axencia militar DARPA, é a prótese máis avanzada que construíron ata agora. Despois de varios anos en desenvolvemento, recentemente comezáronse a implantar as primeiras unidades finais da nova versión, que proporciona destreza manual a pacientes con amputacións ata o ombreiro. Ata agora, as versións iniciais limitábanse a amputacións por baixo do cóbado. Os receptores son dous veteranos da guerra de Vietnam.
Esta prótese robótica fai uso dos músculos do paciente para permitirlle realizar tarefas complexas e precisas. Tan complexas e precisas como recoller unha moeda do chan, soster unha uva sen esmagala, ou sacar un ovo da neveira sen rompelo, “á vez permite manexar unha taladradora”, segundo explican os seus desenvolvedores. O programa do brazo Luke tivo un custo de 100 millóns de dólares e, de momento, as primeiras unidades fabricadas e que recibiron o visto e prace da FDA (equivalente a estes efectos á Axencia estatal de medicamentos e produtos sanitarios) irán destinadas a veteráns de guerra. Por este motivo, por agora descoñécese cal será a dispoñibilidade e o prezo da prótese.
O xurado do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ seleccionou seis proxectos emprendedores de innovación social para formar parte da segunda edición do programa impulsado pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia. Desta forma, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020.
Proxectos seleccionados
Nesta segunda convocatoria, o xurado -formado por membros de Amtega, GAIN, XesGalicia, Vodafone España e a Fundación Vodafone España- fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as candidaturas recibidas:
Beneficios de formar parte do programa
Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Os seleccionados poderán tamén dispoñer dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ situado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000€, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados outorgada por Fundación Vodafone.
As iniciativas poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio ‘Conectados pola Accesibilidade’ de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.
Primeira Edición
O pasado 30 de maio celebrouse en Santiago o acto de clausura da primeira edición do programa, no que participaron os proxectos Insulclock, Robobo, KeeperTech, Phottic, PsicoVR e Xesmar. Destes seis proxectos, a axuda de 25.000 euros concedida por Xunta de Galicia a través de GAIN, recaeu no proxecto Robobo, robot educativo que combina unha plataforma robótica móbil cun Smartphone para fomentar a dixitalización nas aulas.
Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock, dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena automaticamente toda a información relativa á súa administración, por ser o que mellor incorporou os Principios de Accesibilidade Universal.
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Amtega, ofrece o seu segundo ciclo formativo sobre o manexo de móbiles e tablets.
Os contidos están orientados a sacar o maior partido ao uso habitual da tecnoloxía mediante o descubrimento de novas aplicacións ou funcionalidades (video dixital, compra a través de internet, relacións coa administración, aplicacións para viaxes, para cuidar a saúde ou a compartición de contidos nas redes sociais).
Os seminarios realizaranse todos os venres comprendidos entre o 8 de setembro e o 20 de outubro (7 xornadas), en horario de 11:00 a 12:30 horas, presencialmente nunha aula CeMIT e seguíndose nas demais aulas CeMIT por videoconferencia.
As aulas nas que poderán seguir calquera destas sete actividades son: Arzúa, Bande, Beariz, Betanzos, Boborás, Celanova, Cuntis, Fisterra, Marín, Oroso, Padrón, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Valga e Vilanova de Arousa.
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Amtega, ofrece o seu segundo ciclo formativo sobre o manexo de móbiles e tablets.
Este segundo itinerario formativo, que comezará o próximo 8 de setembro e rematará o 20 de outubro leva por título “Usa as novas tecnoloxías para unha madurez máis activa e positiva” e está destinado a persoas cun nivel de uso básico das novas tecnoloxías.
Os contidos están orientados a sacar o maior proveito ao uso habitual da tecnoloxía mediante o descubrimento de novas aplicacións ou funcionalidades (video dixital, compra a través de internet, relacións coa administración, aplicacións para viaxes, para coidar a saúde ou a compartición de contidos nas redes sociais)
Nesta quenda as actividades chegarán a 16 aulas da rede CeMIT, que ofertan preto de 300 prazas en total, e cuxa inscrición figura aberta na web https://cemit.xunta.gal.
As aulas nas que poderán seguir calquera destas 7 actividades son: Arzúa, Bande, Beariz, Betanzos, Boborás, Celanova, Cuntis, Fisterra, Marín, Oroso, Padrón, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Valga e Vilanova de Arousa. Os seminarios impartiranse presencialmente desde unha aula CeMIT, de forma rotatoria, e poderán seguirse por videoconferencia nas restantes aulas.
Para anotarse nestas charlas, de hora e media de duración cada unha delas e de carácter gratuíto, é recomendable poñerse en contacto co responsable da aula CeMIT ou inscribirse a través de internet, cara a reservar praza para acudir ás sesións presenciais.
Estrutura dos seminarios
Os seminarios realizaranse todos os venres comprendidos entre o 8 de setembro e o 20 de outubro (7 xornadas), en horario de 11:00 a 12:30 horas, presencialmente nunha aula CeMIT e seguíndose nas demais aulas CeMIT por videoconferencia.
O alumnado disporá dun soporte titorial que realizará FEGAUS, a través dos seus titores online, de forma que tras finalizar cada un dos seminarios poidan acceder a máis información relativa aos contidos da materia tratada, que se incorporará na plataforma de teleformación coa que conta a rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal/ema), así como á resolución de dúbidas como nun curso online tradicional.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais
FEGAUS é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ao que se poden adherir como tales aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
Esta estratexia, impulsada pola Administración autonómica estase a desenvolver en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, o que permite sumar capacidades, recursos e iniciativas e conseguir un efecto multiplicador das actuacións.
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS) e a Fundación Vodafone España colaboran, por terceiro ano consecutivo, na impartición de obradoiros sobre o uso dos Smartphone e Tablets dirixidos a persoas maiores, cunha nova edición do programa “Ágora Tecnoloxía”.
O devandito programa enmárcase dentro dun novo Convenio de Colaboración subscrito por ambas as entidades e que asinaron os seus respectivos responsables, Santiago Moreno, por parte da Fundación Vodafone España e Alejandro Otero en representación de FEGAUS.
O programa “Ágora Tecnoloxía”, con esta terceira edición, afiánzase como un dos programas referentes en formación de novas tecnoloxías adaptadas ás persoas maiores. A súa metodoloxía, proximidade e contidos, chegaron a todo tipo de institucións, centros, programas e servizos de atención ao maior, facilitándolles a adquisición de competencias dixitais.
“Ágora Tecnoloxía”, formou a máis de 6.000 persoas maiores no uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación desde o ano 2015. O grande interese que esperta o tema entre as persoas maiores e a súa actitude aberta e participativa cara aos programas formativos que melloren a súa calidade de vida, propiciou o enorme éxito e impacto do programa Senior Clic.
Nesta terceira edición amplíanse contidos, dinamízanse os plans formativos e préstase especial atención a Facebook, WhatsApp e ás aplicacións móbiles de mobilidade, accesibilidade, saúde, sociabilidade e inclusión dixital a través de vídeo-pílulas formativas adaptadas á linguaxe dos maiores realizadas pola Fundación Vodafone España.
O Concello de Lugo vén de informar da consecución de dous obradoiros de emprego para impulsar as posibilidades de inserción laboral de 31 persoas no paro. As dúas actividades formativas, dous proxectos presentados polo Goberno local á convocatoria de obradoiros da Xunta que finalmente saen adiante, son TIC Arqueolóxico e Lugo Cóidate.
Os talleres foron dados a coñecer pola concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen informou de que contan con preto de 360.000 euros de orzamento e de que ambas accións formativas arrancarán a finais de setembro. O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo a través das novas tecnoloxías da información.
Ademais, diríxese a facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, fornecéndoos de coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que segundo lembrou a edil, conta precisamente cun espazo adicado á arqueoloxía. Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro terá unha duración de 9 meses e desenvolverase no devandito recinto penitenciario rehabilitado. Entre as actuacións principais que abrangue atópase a dixitalización en 3D de bens móbeis e inmóbeis do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dunha canle cultural.
Polo que atinxe ao outro obradoiro que porá en marcha o Concello, trátase do Lugo Cóidate, cun importe de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrecerase formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.
Os dous devanditos talleres súmanse aos programas de emprego que ten en marcha o Concello: Inicia Coworking, Mellora Lugo e (Con) trato feito!, e ao Empregalia, que vén de acadar.