O Concello de San Sadurniño segue adiante coas súas xeiras divulgativas de traballo arredor dos novos xeitos de crear audiovisual e facer coñecemento. Materializadas nas Chanfaina Labs, estas xeiras chegan esta fin de semana á súa cuarta edición, abranguendo dous obradoiros e dúas charlas na Casa da Xuventude. Os dous obradoiros desenvolveranse o venres, o primeiro deles a partir das 10.00 e contando coa presenza da xornalista transmedia e investigadora en múltiples eidos dixitais María Yáñez, quen exporá (entre outras cousas) as metodoloxías a seguir para facer un meme que deixe pegada nas redes (ou sexa, un concepto ou contido multimedia, principalmente humorístico, que teña a capacidade de estenderse en Internet e nas ferramentas de comunicación dixital).
Pola tarde, a partir das 16.30 horas, o realizador Juan Lesta mostrará como montar un vídeo usando unicamente unha tableta ou un móbil. Para inscribirnos nalgunha das prazas dispoñibles para estas actividades teremos que chamar ao 616 332 919 ou enviar un correo á conta agustin.perez@sansadurnino.gal.
Segundo nos lembra o Concello de San Sadurniño, María Yáñez é a responsable do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (o LAIC) impulsado recentemente pola Concellaría de Culturas da Coruña. Antes diso foi guionista para distintos programas da TVG, directora durante unha etapa do xornal dixital Vieiros, co-fundadora da empresa A Navalla Suíza, co-impulsora, entre outros proxectos, da desaparecida Flocos.tv e da web Fálame de San Sadurniño. Na súa intervención nos Chanfaina Labs, titulada Folclore dixital: o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados, poderemos coñecer a fondo a orixe e a gramática destes contidos virais e aprenderemos tamén algunhas bases prácticas para producir as nosas propias pezas e crear memes que poidan funcionar a nivel local.
Na sesión da tarde, o realizador Juan Lesta ofrecerá un curso acelerado de edición de vídeo usando dispositivos móbiles. Segundo informa o Concello, a idea é prepararnos para tirar o máximo proveito do potencial creativo destes trebellos: “Cámaras de alta definición, procesadores ultrarrápidos, pantallas hiperluminosas e cristalinas, e centos de aplicacións converten o móbil non só nun fantástico elemento de captura de imaxe, senón tamén nun estudio de edición e posprodución co que elaborar vídeos de calidade fantástica para publicalos de inmediato nas redes, para compartilos con familia e amizades ou para velos na casa”, explica a organización do obradoiro sobre as posibilidades que se abren co mesmo, lembrando tamén que para participarmos nel deberemos dispor dun móbil intelixente ou unha tableta compatíble con Premiere Clip (ou sexa, cos sistemas operativos iOs 8.1 ou Android 4.4) e espazo e memoria de abondo para poder traballar con vídeo.
Juan Lesta, pola súa banda, é especialista en imaxe e en formación relacionada coa posprodución dixital. Participou canda Belén Montero no primeiro Chanfaina Lab, con quen (precisamente) fundou Esferobite, xermolo dunha manchea de documentais, videoclips e cursos como o de San Sadurniño desta fin de semana. Lesta-Montero impartiron recentemente o Noroeste Videocamp como acción que vencellou a música e o audiovisual no Festival Noroeste Estrella Galicia, no marco do programa Coruña Dixital.
O sábado a xornada estará centrada na gravación de pezas polo territorio e ás 20.00 horas realizarase o pase dunha escolma de curtametraxes portuguesas producidas en contextos rurais coma o de San Sadurniño. A proxección presentaraa o realizador luso Carlos Viana e a entrada é libre.
Por último, o domingo celebrarase unha clase maxistral ofrecida polo director galego Óliver Laxe ás 17.00h. na Casa da Cultura. Laxe (gañador do Gran Premio da Semana da Crítica en Cannes co filme Mimosas) achegará unha ollada á creación audiovisual do rural galego desde a súa andaina creativa como director independente e cun marcado compromiso social.
Logo da pausa do verán, os Espazos +60 de Afundación (ABANCA) abrirán de novo as súas portas o vindeiro 1 de setembro, con novas propostas de formación e divulgación que teñen como finalidade xerar novas canles de intercomunicación entre diferentes xeracións, fomentar o voluntariado (no plano físico e no dixital) e, tamén, pór en valor o papel dos maiores de idade na nosa sociedade. O programa, por temáticas, estará centrado en diferentes xeitos de favorecer os hábitos saudábeis, incluído un achegamento directo ás novas tecnoloxías da información.
En palabras de Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación, seguir hábitos saudábeis na terceira idade “permite incrementar a satisfacción, o benestar, a calidade de vida e, indirectamente, contribúe a unha diminución dos problemas de saúde física e psicolóxica”.
Lembrar que Afundación dispón dunha rede propia de 11 espazos, situados nas sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Betanzos, Monforte, Pontedeume e Viveiro).
Os centros, que contan na actualidade con máis de 12.000 persoas socias, foron concibidos como “espazos destinados a conseguir que a etapa vital que iniciamos coa xubilación siga ofrecéndonos oportunidades de medrar persoalmente e estarmos conectados cos temas emerxentes”. Con esta finalidade, cada ano proponse “unha ampla e innovadora programación”, incluído o deste curso que está a piques de comezar.
A proposta de programación nos Espazos +60 estrutúrase en seis programas:
Segundo lembra Afundación, a partir do venres 1 de setembro, as persoas interesadas en facerse socias poden dirixirse aos Espazos +60 das súas cidades para informarse e/ou facer a súa reserva.
EGATEL, empresa con sede na Tecnópole (Ourense) centrada no desenvolvemento e fabricación de equipos para a radiodifusión de TV e comunicación vía satélite, vén de anunciar que impartirá un curso sobre Linux, servidores e sistemas embebidos para xente nova (mozos de entre 16 e 25 anos). Será un obradoiro de formación en modalidade presencial e celebrarase a finais do próximo mes de setembro. A data concreta está suxeita ao peche dun grupo mínimo de cinco persoas.
Segundo informa a Tecnópole, o curso abranguerá 300 horas de actividade docente e impartirase en xornadas de oito horas de luns a venres. Das cinco persoas seleccionadas para recibir a formación, tres optarán a unhas prácticas na empresa de 200 horas e destas tres, dúas conseguirán un contrato de seis meses. Na selección de participantes valorarase o coñecemento previo do temario para “avanzar coa programación de maneira máis rápida e produtiva”. Os participantes deben estar inscritos no sistema de garantía xuvenil e cumprir os requisitos que alí se esixen. EGATEL habilitou na Rede, nun documento en PDF, toda a documentación ao respecto.
A Fundación Orange impulsará dous novos proxectos de innovación tecnolóxica para persoas con autismo, tras darse a coñecer a resolución da súa “Convocatoria de proxectos- Solucións dixitais para o autismo”. A convocatoria, destinada a entidades españolas e proxectos de carácter nacional, ten como finalidade o apoio a novas solucións tecnolóxicas, creativas e innovadoras, que ofrezan unha resposta pragmática ás necesidades das persoas con autismo e da súa contorna (familias, profesionais, etc.) mellorando a súa integración social e a súa calidade de vida.
Nesta ocasión seleccionáronse dous proxectos, que comezarán en breve a súa fase de desenvolvemento. Por unha banda, Blue Thinking, proposta presentada pola Universidade Rey Juan Carlos e a Asociación Alenta, un proxecto para desenvolver unha aplicación accesible cognitivamente que permita á persoa con TEA aprender programación á vez que se exercitan e fortalecen as funcións executivas. A app estaría destinada para nenos e adolescentes con ou sen autismo de 6 a 16 anos, de forma que poida conformarse como un recurso inclusivo para escolas e institutos que incorporan materias de programación nos seus plans de estudos. O propósito de Blue Thinking é que a app sirva para estimular o pensamento creativo na persoa con autismo e a motivación cara á tecnoloxía como unha posibilidade de traballo futuro. Ademais, a app, que contará con persoas con autismo no deseño e desenvolvemento da mesma, pretende ser unha ferramenta para fortalecer as funcións executivas en contextos de intervención (planificación, monitoraxe e resolución de problemas, ademais dunha vía para fomentar o traballo en equipo (habilidades sociais, toma de decisións conxunta, competencias de inhibición e autorregulación …).
Doutra banda, o proxecto Lancelot, iniciativa presentada pola U-TAD (Centro Universitario de Tecnoloxía e Arte Dixital) e a Asociación Pauta, propón unha solución para a intervención e tratamento das fobias en persoas con autismo combinando do uso da realidade virtual e de sensores de biofeedback. Grazas a unha simple pulseira conséguese medir o nivel de tensión a partir do ritmo cardíaco, a condutividade da pel, a temperatura ou os movementos da man. Eses datos, conxugados coa experiencia nunha contorna controlada que permite a realidade virtual, cunha recreación realista da situación que xera o malestar, pero sen sensación de perigo e con control absoluto, pretenden combinarse nunha ferramenta útil para os profesionais que traballan coas persoas con autismo no tratamento de fobias ou impactos de tensións.
A Fundación Orange deu a coñecer a resolución da convocatoria no marco do Congreso ITASD 2017, celebrado do 30 de xuño ao 2 de xullo en Valencia, e no que participaron máis de 500 persoas de 20 países diferentes.
Terceira edición
Esta é a terceira convocatoria de solucións dixitais realizada pola Fundación Orange. En 2015 seleccionáronse catro proxectos, algúns dos cales xa están dispoñibles de forma gratuíta: - DictaPicto,e Dobre Equipo: unha aplicación que traduce en tempo real a voz á linguaxe visual (pictogramas). - A viaxe de Elisa, de Autismo Burgos: un videoxogo de concienciación baseado en deseño participativo onde as persoas con Síndrome de Asperger son protagonistas. - EmoPLAY, da Fundación CTIC- Centro Tecnolóxico: un sistema de recoñecemento facial que permite adestrar o recoñecemento de varias emocións a través das expresións faciais. -Taimun Watch, da Universidade Autónoma de Madrid: unha aplicación de asistencia para smartwatch que axuda á autorregulación emocional en momentos de crises. En 2016 elixíronse tres propostas, que actualmente están en fase de desenvolvemento: – Historias infinitas, da Universidade de Granada: unha ferramenta para a creación de historias sociais animadas, deseñada para ser usada por persoas con TEA, os seus familiares e educadores. – The curricula adapter, de Fundación Autismo Diario: un proxecto que permitirá adaptar contidos educativos ás capacidades de cada individuo. – TEAyudo a xogar, da Universidade de Murcia: unha aplicación que pretende fomentar o xogo e o gozar do mesmo abrindo a porta ao desenvolvemento persoal.
Unha das vantaxes desta aplicación gratuíta, dispoñible tanto en iOS como en Android, é que tamén pode recoñecer obxectos da memoria do teléfono, o que permite utilizarse, por exemplo, con redes sociais.
Para utilizar esta aplicación debe estar activado o lector de pantalla, xa sexa Voice Over ou TalkBack, e a súa precisión é bastante boa en comparación con outras aplicacións similares, aínda que, como sempre, ten limitacións.
Unha parte negativa fronte a outras aplicacións similares, como Aipoly da que falamos o outro día, é que a análise das imaxes tarda uns segundos, non é inmediato.
Con todo, ofrece máis información que unha simple identificación dun obxecto e é capaz de analizar escenas completas.
As persoas maiores son as destinatarias dos cursos formativos que, todos os venres de setembro e outubro, en horario de 11:00 a 12:30 horas, levarán a cabo na aula de informática do Concello de Bande, incluída na rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT).
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniores colabora, conxuntamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fundación Vodafone España, na actividade formativa sobre teléfonos intelixentes e tabletas "Usa as novas tecnoloxías para unha madurez máis activa e positiva", que arrincará co taller "Saca o máximo partido ao teu móbil. Personaliza as súas funcións e configuración".
Seguiranlle diferentes sesións sobre o uso de aplicacións gratuítas desenvolvidas especialmente para persoas maiores, prestando especial atención a WhatsApp e Facebook, así como daquelas aplicacións para realizar trámites coa administración por internet incluído o servizo galego de saúde.
As persoas interesadas xa se poden apuntar no Concello de Bande.
O Hackathiño é un evento que xuntará a profesionais do desenvolvemento de datos abertos, xornalistas, deseñadores e deseñadoras co obxectivo de idear proxectos que melloren, a través de datos abertos, un aspecto en concreto da sociedade. Como na anterior edición, os e as asistentes a este encontro tratarán de aproveitar ou xerar datos en formato aberto e a tecnoloxía sen cancelas. Estes serán publicados cunha licenza de carácter libre que permitirá a súa reutilización para calquera uso.
O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con sede de operacións na Facultade de Informática da Coruña, recolle o fío da súa incansable actividade a prol da difusión do software libre e organiza, a comezos do outono, a segunda edición do seu Hackatiño de datos abertos, que desta volta centrará boa parte do seu programa en ferramentas e solucións para o fomento da mobilidade sustentable. O evento conta coa colaboración das asociacións Árticos, o GDG Coruña e mailo Concello (a través da área de Participación e Innovación Democrática que dirixe Claudia Delso). Celebrarase no centro municipal Ágora o vindeiro 7 outubro. Terá formato de xornada aberta á cidadanía.
Segundo informa o Concello, o Hackathiño é un evento que xuntará a profesionais do desenvolvemento de datos abertos, xornalistas, deseñadores e deseñadoras co obxectivo de idear proxectos que melloren, a través de datos abertos, un aspecto en concreto da sociedade. Como na anterior edición, os e as asistentes a este encontro tratarán de aproveitar ou xerar datos en formato aberto e a tecnoloxía sen cancelas. Estes serán publicados cunha licenza de carácter libre que permitirá a súa reutilización para calquera uso.
Do mesmo xeito có ano pasado, varios e varias expertas en temas como a liberación, a visualización ou a análise de datos, traballarán cos equipos que terán a oportunidade de aprender da súa experiencia de primeira man. Os mellores proxectos do presentados recibirán un agasallo. O prazo de inscrición xa está aberto, e pode realizarse a través da web https://hackathino.gpul.org, onde está dispoñible toda a información acerca do evento.
Segundo lembra o Concello, o evento contribuíu o ano pasado ao pulo de iniciativas tan salientables como a integración de datos de uso en tempo real dos servizos de BiciCoruña ao abeiro do proxecto aberto e internacional Citibik.es, e outros proxectos como OpenPet, para agrupar datos de protectoras de animais.
Este sábado 2 de setembro imos ter en Santiago unha boa oportunidade de coñecer o programa GIMP e todas as súas funcionalidades, dende as básicas até as máis avanzadas. A cita vén da man da Asociación Xeopesca e celébrase no Centro Sociocultural de Caramoniña. Este obradoiro de iniciación a edición fotográfica a través de GIMP desenvolverase en horario de 10:30 a 13:30 horas e será gratuíto e aberto.
Como lembraremos, a ferramenta GIMP (GNU Image Manipulation Program) é con toda probabilidade a alternativa libre ao Photoshop máis viábel, completa, competitiva e avanzada. Está localizada ao galego e, por ser aberta, ten a vantaxe de ser de balde e estar dispoñíbel para múltiples plataformas, coma Windows, Linux, Mac OS X e outros sistemas operativos. No obradoiro que organiza Xeopesca aprenderásenos a manexar as diferentes capas e ferramentas que nos proporciona o GIMP, a aplicar ao xeito recursos diversos (filtros, balances de cor, brillo e contraste, ton e saturación), a introducirnos no escalado e exportación de fotografías e a publicar imaxes con licenzas libres. Este obradoiro conta coa colaboración do Recuncho Maker que cedeu o espazo do Centro Socio Cultural de Caramoniña para a súa realización.
A actividade forma parte das que a Asociación Xeopesca realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.
Tuukka Ojala é un mozo finlandés desenvolvedor de software, músico, adicto á lectura e amante do bo té. Ademais é cego, e recentemente explicaba como é posible para el traballar nunha disciplina tan complexa.
Tuukka utiliza unha contorna de traballo moi especial no que hai un teclado e unha pantalla, pero non rato, e no que un lector de pantalla permítelle "ver" o que está a pasar en cada momento coas súas aplicacións abertas. Ese lector de pantalla lelle o que pasa a unha velocidade de vertixe: nada menos que 450 palabras por minuto, cando normalmente falamos a 120-150 palabras por minuto.
O desenvolvedor explicaba no seu blogue e en formato entrevista como utiliza o computador para desenvolver aplicacións web sobre todo na parte do backend. Para ese traballo fai uso de Windows 10, cun software adicional que como el di "é onde ocorre a maxia".
O programa que lle permite interactuar cos seus dispositivos para programar eses servizos é o lector de pantalla (screen reader), unha aplicación que presenta a información ben mediante unha pantalla braille separada, ou ben mediante unha voz sintetizada. Neste caso concreto esa ferramenta é NVDA, unha aplicación Open source.
Esa voz fai uso tanto do finlandés como do inglés para irlle transmitindo a Tuukka toda a información que necesita, e vai cambiando de idioma segundo a situación. O sorprendente é, como el explicaba, que mentres que normalmente unha persoa que fala en inglés faino a entre 120 e 150 palabras por minuto, este software sintetiza esa voz a 450 palabras por minuto.
Outra das curiosidades desa singular contorna de traballo é a súa elección para a plataforma de traballo, que é Windows e non macOS ou Linux. Como explicaba no seu blogue, "Windows é o sistema operativo máis accesible que hai".
Aínda que confesa que en macOS hai un equilibrio fantástico entre a usabilidade e a funcionalidade, o servizo VoiceOver que está integrado no sistema operativo non funciona nin se adapta o suficientemente ben ao seu modo de traballar.
Menciona tamén un lector de pantalla para a contorna de escritorio GNOME en Linux, pero a pesar do seu bo comportamento, tampouco se axusta do todo ao que el necesita. Iso si, explica que estivo compensando as deficiencias de Windows no terreo da liña de comandos —coa que traballa case ao 100% ao non necesitar unha contorna visual— grazas ao uso de Git Bash, que inclúe diversas utilidades e comandos GNU. Sorprendente, admirable e, desde logo, fantástico.