main content

main content
08/09/201711:09
Future Trends Forum.
Santiago de Compostela

Future Trends Forum, o único think tank enfocado en innovación

  • Este Fórum anticipa e detecta as tendencias de innovación, co fin de analizar o seu impacto na sociedade e nos modelos de negocio

A Fundación da Innovación Bankinter foi fundada no 2003, o seu principal obxectivo é impulsar a creación da riqueza sustentable en España a través da innovación e o emprendemento. A Fundación posúe a aptitude de converter a innovación e o emprendemento en ferramentas críticas para a creación de valor na sociedade española; para isto foi creado o ‘Future Trends Forum'.

Este é o think tank, coñecido tamén como laboratorio de ideas máis grande do mundo e que actualmente é conformado por máis de 400 expertos internacionais multidisciplinares en innovación. O FTF analizou máis de 25 tendencias de innovación tanto tecnolóxicas como socioeconómicas, que impactaron ao desenvolvo socio-económico de España.

O Future Trends Forum, reúnese cada 6 meses en Madrid-España, co fin de avaliar as tendencias actuais; para isto realízase un informe enfocado en ofrecer conclusións respecto dos posibles efectos do tema tratado, todo isto co obxectivo de transmitir á sociedade un coñecemento práctico e próximo á realidade.

Froito destas reunións, a Fundación de Innovación Bankinter publica as conclusións dos expertos, todas elas reunidas nunha soa difusión gratuíta acompañada de material audio visual divulgada por toda España, co principal obxectivo de anticipar aos cidadáns ao futuro e potenciar a innovación na sociedade.

Como resultado da reunión neste ano, o modelo dos negocios disruptivos e as Start-Ups como fonte de innovación serán os pioneiros para o desenvolvemento da economía e o consumo; para isto, o FTT convida a descubrir como cada unha destas tecnoloxías comezaron a transformar sectores, optimizar procesos e automatizar servizos. A traxectoria da FTF é recoñecida pola Universidade de Pensilvania como “o mellor Think Tank de Ciencia e Tecnoloxía de España e do mundo”. Se desexa coñecer máis sobre as tendencias que marcarán o noso futuro pode visitar a páxina web da fundación. 

08/09/201710:09
Presentación de EmpoderaLIVE 2017.
Málaga

Presentación oficial: Málaga acolle a XI edición de #EmpoderaLIVE

A Fundación Cibervoluntarios presenta hoxe EmpoderaLIVE 2017 no Concello de Málaga. Ao acto acudiron Julio Andrade, Concelleiro de Dereitos Sociais e Ruth Sarabia, Directora Xeral de Dereitos Sociais, Participación Cidadá, Inmigración e Cooperación ao Desenvolvemento por parte do Concello de Málaga junto a Yolanda Rueda, Presidenta da Fundación Cibervoluntarios.

A XI edición do simposio internacional de referencia en tecnoloxía social celebrarase os próximos 11 e 12 de setembro no Teatro Echegaray. Este ano, baixo o lema: Making by Hacking, citizens of change creating the future now, o Congreso reunirá a líderes mundiais, visionarios que, de forma disruptiva, innovadora e sustentable están a repensar o sistema para xerar dinámicas de cambio e impacto social.

Entre os relatores de #empoderaLIVE 2017 cabe destacar:

  • Kelly Snook, Investigadora científica, cocreadora de Mi.Mu Gloves, Ph.D. en Aeronáutica e Astronáutica pola Universidade de Stanford. Traballou durante 20 anos na Nasa.
  • Carlo Ratti, Director do MIT Senseable City Lab, Fundador de Carlo Ratti Associati.
  • Nieves Cubo, Investigadora & Enxeñeira en impresión 3D de tecidos humanos.
  • Mahmud e Massoud Hassani, Fundadores de Mine Kafon Foundation
  • Aral Balkan, Ethical designer e activista polos Dereitos Cyborg. Lidera a área de política tecnolóxica en DIEM 25
  • Bas van Abel,  Fundador de Fairphone

Para Yolanda Rueda, Presidenta da Fundación Cibervoluntarios: “EmpoderaLIVE é un punto de encontro para a innovación, onde se visibilizan iniciativas pioneiras que están a facer un uso social da tecnoloxía creativa e innovadora, onde se promove o networking, o intercambio de ideas e propícianse a creación de novos proxectos”.

Segundo Francisco da Torre Prados, Alcalde de Málaga: “Estamos orgullosos de contribuír ao desenvolvemento deste Congreso que xa é un referente a nivel internacional e onde se presentarán os últimos avances sobre Innovación urbana, Open Bio Printing, Intelixencia artificial, Xustiza Social na era dixital, Tecnoloxía ética, aberta e sustentable, Wearables para a expansión científica e cultural; en definitiva, proxectos que están a construír o ecosistema da innovación social en Europa”.

O conxunto de magníficos relatores fan desta edición unha cita ineludible para descubrir os novos avances da innovación social. 

Aquí tes toda a información: http://empodera.org/empoderalive-2017/

Segue o evento en streaming e cos hashtags #EmpoderaLIVE e #MakingByHacking

08/09/201709:09
Nenos xogando cun plano en relevo Braille.
Santiago de Compostela

Os 7.500 alumnos cegos que se incorporan ás aulas piden accesibilidade total nas novas tecnoloxías docentes

  • O 99,6% inclúese en centros ordinarios de ensino co apoio da ONCE e as administracións educativas

 

Un total de 7.549 estudantes cegos ou con discapacidade visual grave de toda España regresa nestes días ás aulas xunto ao resto de compañeiros e lembra a necesidade de que as novas tecnoloxías docentes sexan accesibles para non quedar excluídos dalgunhas materias. Para eles, a ONCE pon en marcha un sistema integral de apoio, que contempla ao alumnado, os centros escolares e as familias, co obxectivo de que a súa incorporación se realice en igualdade de condicións.

99,6% destes estudantes escolarízase en centros educativos ordinarios respondendo ao principio dun ensino inclusivo, que é posible grazas ao seu esforzo e a colaboración e o apoio específico dos equipos da ONCE e das Administracións educativas.

Eses 7.549 alumnos con cegueira e discapacidade visual grave repártense de cara ao novo curso 2017/18 entre os diferentes niveis educativos: 1.443 escolares comezan a Educación Infantil1.463 están escolarizados en Educación Primaria999 chegaron á Educación Secundaria Obrigatoria301 cursan Bacharelato293 prepáranse na Formación Profesional834 enfróntanse á Universidade; e 2.216 están inscritos noutro tipo de ensinos.

A inclusión do alumnado con cegueira e discapacidade visual nun ámbito educativo normalizado responde ao indicado na lexislación vixente, onde existe un único sistema no que prevalece o dereito de calquera alumno para recibir unha atención educativa equitativa e de calidade, respectando as súas necesidades específicas para posibilitar a súa plena inclusión educativa e social.

Diso encárganse os profesionais que compoñen os equipos específicos de atención educativa a persoas con discapacidade visual, formados grazas a sucesivos convenios de colaboración entre a ONCE e as Administracións educativas. Desde estes equipos trabállase intensamente para planificar o conxunto de intervencións que van levar a cabo durante todo o curso escolar co fin de facilitar a este alumnado, o seu profesorado, centros e familias, os recursos humanos e materiais, así como outro tipo de apoio que necesiten para facilitar a súa aprendizaxe e conseguir unha plena inclusión, base da súa inserción laboral futura.

 

Novos alumnos universitarios

No caso dos alumnos universitarios, especialmente aqueles que comezan esta nova etapa educativa, ademais dos apoios educativos específicos, a ONCE desenvolve tamén un programa de rehabilitación co obxectivo de dotar ao alumno dunha plena autonomía na mobilidade e orientación polas novas contornas. Unha tarefa que se desenvolve mediante a intervención dun técnico de rehabilitación, encargado de acompañar e ensinar ao estudante para desenvolverse sen ningunha dificultade.

 

Obrigada accesibilidade en todos os apoios educativos

Ademais, para cada novo curso, os servizos de produción bibliográfica da ONCE traballan intensamente para que o alumnado con cegueira poida dispoñer, desde o primeiro día de clase, dos mesmos libros de texto que os seus compañeiros, só que transcritos ao sistema braille ou outro soporte, así como toda a documentación necesaria (apuntamentos e calquera outra documentación de interese) en formato accesible.

Moitos deles contan ademais con tecnoloxía de última xeración -adaptacións tecnolóxicas- facilitadas pola ONCE para seguir o curso en igualdade de condicións: computadores con voz; anotadores e calculadoras parlantes; ou impresoras en braille, entre outras.

Neste sentido, a Organización lanza cada ano unha mensaxe ás administracións e todos os implicados no proceso curricular para que calquera innovación tecnolóxica na aula teña sempre en conta a accesibilidade porque, pola contra, pode deixar fóra a estes estudantes con discapacidade visual e colocar fronte a eles barreiras ás veces insuperables. Páxinas webs, aplicacións, libros e outros apoios educativos deben cumprir a máxima de deseño para todos.

 

Atención específica  

Este alumnado, independentemente do seu lugar de residencia, recibe o apoio especializado dalgún dos equipos específicos de atención educativa repartidos por todo o Estado para garantir a atención aos estudantes en todas as etapas educativas. Á súa vez, estes equipos dependen estruturalmente dalgún dos cinco Centros de Recursos Educativos (CRE) da ONCE, situados en Alacante, Barcelona, Madrid, Pontevedra e Sevilla.

Os equipos específicos forman parte dos recursos que a ONCE e as Administracións Educativas das Comunidades Autónomas establecen nos convenios de colaboración para a atención educativa a persoas con cegueira ou discapacidade visual grave.

Para cada alumno e alumna elabórase un Plan Individualizado de Atención, segundo as súas necesidades, e asígnaselle un mestre ou mestra itinerante encargado, entre outras funcións, de asesorar ao centro e ao profesorado de aula, asesorar e orientar ás familias e realizar o apoio directo que necesite cada alumno. Todo para conseguir a maior autonomía do alumnado e responder as necesidades expostas polo profesorado dos centros e as familias.

08/09/201709:09
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

Cruz Vermella crea novos grupos de avós educadores para apoialos no día a día cos seus netos

Os avós xogan un papel clave en moitas familias xa que cumpren unha función educadora e de coidado cos seus netos. Sen a axuda dos avós, en moitas familias non sería posible a conciliación. Hai persoas que están unha parte significativa da xornada cos máis pequenos, durante o curso escolar estes tempos adóitanse concentrar polas tardes pero durante as vacacións adoitan variar e abarcar tamén as mañás.
 
Coñecedora desta realidade, Cruz Vermella aposta por desenvolver un programa que sirva de apoio e sexa de utilidade, tanto para os propios avós como para os pais, en termos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
 
O programa de Avós e Avoas Educadores púxose en marcha no outono do ano pasado e conta coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Ofrecer un soporte social aos avós e avoas que exercen labores parentais, desenvolvendo unha acción preventiva fronte á tensión que leva a crianza e coidado dos nenos é o seu principal obxectivo. Na primeira edición constituíronse 18 grupos cun total de 210 participantes e na segunda, a previsión é formar 16 novos grupos con 160 participantes aproximadamente.
 
A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo son as cidades nas que leva a cabo este proxecto específico. Están a organizarse os grupos da segunda edición e aínda hai algunhas prazas dispoñibles polo que as persoas interesadas poden solicitar máis información ou apuntarse nas asembleas que Cruz Vermella ten nas localidades mencionadas.
 
Outra das finalidades do programa é proporcionar información e recursos ás avoas e avós para abordar situacións que se lles presentan cos seus netos no día a día. Trátase de conxugar toda a experiencia que xa teñen como avós (e pais) co coñecemento de realidades e tendencias máis ou menos novas para eles en temas como: tecnoloxía e redes sociais, resolución de conflitos e acoso escolar, ferramentas lúdico-educativas…
 
O programa está baseado nunha metodoloxía dinámica e consta de varias fases. A primeira é a fase grupal, denominada Escola, que ten un programa establecido e celébranse sesións con carácter semanal. Na fase individual trabállase de maneira personalizada con aqueles avós que así o soliciten e márcanse as citas necesarias. Ademais, hai unha fase grupal de axuda mutua (GAM) na que os participantes escollen aqueles temas sobre os que queren profundar. 
08/09/201709:09
Un neno utiliza unha tableta coa súa nai.
Santiago de Compostela

AutisMIND, unha aplicación para axudar no desenvolvemento cognitivo de nenos con TEA

  • AutisMIND é unha aplicación deseñada para axudar a profesionais e familiares no desenvolvemento cognitivo de nenos con trastorno do espectro autista (TEA)

 

Esta app está dispoñible tanto para dispositivos Android como iOS e busca estimular a cognición dunha forma lúdica a través de exercicios pensados como xogos.

A aplicación ofrece 10 temas diferentes que abordan aspectos como a atención conxunta, as emocións básicas, a percepción global ou a anticipación de accións.

Cada un destes temas ten distintos exercicios con seis niveles de dificultade ata un total de máis de 1.000 exercicios lúdicos e interactivos diferentes.

A aplicación permite ter distintas contas de usuario para a súa utilización por varias persoas, e pódese personalizar a configuración ás necesidades de cada usuario.

Así mesmo, AutisMIND está deseñada en base á aprendizaxe sen erro, co uso de axudas e apoios visuais para asegurar a comprensión e o éxito do exercicio.

08/09/201709:09
IBC 2017.
Amsterdam

A feira IBC 2017 terá novamente sabor galego

A feira IBC 2017 de Ámsterdam, que se celebra do 15 ao 19 de setembro mostrando a vangarda das tecnoloxías multimedia aplicadas á comunicación, vai ter presenza galega. Para comezar, a de catro empresas adheridas ao Clúster Audiovisual Galego: as firmas CTV, Intereuropa TV, Producciones Audiovisuales Sete Media e TV Siete Productora de Vídeo. Segundo informa o Clúster, a delegación galega acode co “obxectivo de propiciar oportunidades de negocio para o o noso audiovisual”. Máis polo miúdo, terán oportunidade de coñecer as últimas tendencias en materia de contidos e servizos dixitais, creación, xestión e provisión de contidos de lecer. 

Entre as novidades deste ano, a feira IBC de Ámsterdam estrea a iniciativa Startup Forum, un espazo de presentacións e mesas redondas para que os proxectos innovadores, audiovisuais e/ou dixitais, dean a coñecer as súas propostas en materia de realidade virtual e realidade aumentada, redes sociais, tecnoloxías para anuncios, intelixencia artificial, aprendizaxe de máquinas, comercio electrónico, eSports, aplicacións móbiles, posicionamento web ou optimización de conversión ou seguridade.

A feira IBC, como lembraremos, é un clásico para as nosas firmas do ámbito TIC e do audiovisual. En anteriores ocasións teñen amosado nela tecnoloxía vangarda compañías galegas referenciais como EGATEL (mostrando recursos de eficiencia enerxética), CINFO (solucións avanzadas de vídeo na nube) ou ITELSIS (exhibindo tecnoloxías para o ámbito da TDT).

08/09/201709:09
Cartel de Vodafone Connecting for Good Galicia.
Santiago de Compostela

A Fundación Vodafone e a Xunta poñen en marcha a segunda edición de Connecting for Good Galicia

Os impulsores de Connecting for Good Galicia, a iniciativa da Fundación Vodafone España (en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a operadora Vodafone, a Axencia Galega de Innovación -GAIN- e o Instituto Galego de Promoción Económica -o IGAPE) para converter a Cidade da Cultura nun polo de iniciativas emprendedoras de innovación social dixital (facendo fincapé en proxectos cuxo foco estea na inclusión e nos colectivos de persoas con diversidades funcionais e motrices, amais de persoas maiores), están a pór en marcha esta semana a segunda edición do programa.

Como lembraremos, as devanditas entidades seleccionaron os días pasados os seis proxectos que formarán parte desta nova convocatoria de Connecting for Good Galicia.

Nesta segunda edición, o xurado (formado por membros de AMTEGA, GAIN, XesGalicia, Vodafone España e a Fundación Vodafone España) fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as candidaturas recibidas:

  • 3DAcoustic, que proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción, e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa. 
  • It!, unha empresa de creación e fabricación 4.0, que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada. It! ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu espazo de venda en liña It!Market e o seu FabLab na Coruña It!Lab. 
  • Formadox. Unha plataforma de formación interactiva en tecnoloxía que achega ao usuario a experiencia da formación presencial dos talleres ou os laboratorios, mediante vídeos, simuladores e kits didácticos. A formación que se ofrece é a relacionada, entre outras materias, co Internet das cousas, a Industria 4.0, a robótica, a impresión 3D, as técnicas de fabricación dixital, a visión artificial, a realidade virtual e aumentada. 
  • Mediación Móbil. Trátase dun proxecto que busca axuntar novas tecnoloxías e plans integrais de mellora da convivencia en catro ámbitos (educativo, familiar, empresarial e deportivo) co obxectivo de prover a todo tipo de persoas dunha ferramenta de prevención e resolución de conflitos accesible, económica, personalizada e profesional.
  • Sense(x), un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios, mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Ademais, grazas a un software específico, integra o sensor con diferentes dispositivos, o que posibilita para obter estatísticas detalladas dos diferentes sensores, análises de uso, e mesmo compartir resultados nunha rede social.
  • Tapper. Consiste nunha aplicación móbil que contribúe a reducir o refugallo alimentario. Grazas a Tapper, os establecementos poden publicar ofertas de produtos preto do fin da súa vida útil, que os usuarios poden adquirir a un prezo rebaixado. 

 

Beneficios de formar parte do programa

Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Os seleccionados poderán tamén dispoñer dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good, emprazado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados outorgada por Fundación Vodafone. Ademais, as iniciativas poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que destaque en maior medida pola incorporación dos principios de accesibilidade universal.

 

Primeira Edición
O pasado 30 de maio celebrouse en Santiago o acto de clausura da primeira edición do programa, no que participaron os proxectos Insulclock (dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena de maneira automática toda a información relativa á súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina), Robobo (ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas por parte do alumnado), KeeperTech, (dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de alzhéimer ou outra demencia, incluíndo un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador) Phottic (iniciativa para a alfabetización dixital de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía), PsicoVR (software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico) e Xesmar (aplicación web que permite mellorar a xestión, a organización do traballo e o acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia). 

Destes seis proxectos, a axuda de 25.000 euros concedida por Xunta de Galicia a través de GAIN, recaeu no proxecto Robobo, robot educativo que combina unha plataforma robótica móbil cun teléfono intelixente (smartphone) para fomentar a dixitalización nas aulas. 

Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio Conectados pola Accesibilidade, valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock, por ser o que mellor incorporou o que se coñece como Principios de Accesibilidade Universal.
 

Obxectivos
O programa ten como finalidade “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) en Galicia”. Desta forma, informan a Fundación Vodafone e máis a AMTEGA, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais “con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020”.

08/09/201709:09
Cartel dos cursos.
Redondela

Redondela achega unha manchea de cursos TIC para maiores de 16 anos

Entre os Concellos galegos que nesta tempada se están a mostrar máis activos en divulgación e formación TIC atópase o de Redondela. Se hai uns días falamos das propostas de achegamento ás tecnoloxías avanzadas que propón o espazo Startupvila na Casa da Cultura local (con Daniel Cerqueiro achegando un obradoiro de mercadotecnia dixital, David Pombar expoñendo a súa experiencia en SetPay, e Paloma Barreiro fornecendo de recursos para coñecer ao cliente), un pouco máis tarde o Departamento de Novas Tecnoloxías que dirixe Julio Mougán presentou o programa de cursos de balde dirixidos a persoas maiores de 16 anos. Desenvolverase entre o 11 de setembro e o 14 de decembro nas dúas aulas CeMIT coas que conta o Concello: en Redondela e en Chapela. Artellaranse en tres bloques, cada un deles acubillando cursos específicos. 

A continuación damos conta das actividades, que xa teñen aberto o prazo de inscrición: 

Primeiro bloque: Alfabetización informática e actividades dixitais básicas

  • Iniciación á informática e Internet para adultos, cunha duración de 24 horas lectivas impartíndose en Redondela e Chapela a razón de dúas horas diarias durante un total de 12 días nos meses de setembro e outubro.
  • Informática e internet para adultos, tamén de 24 horas, dúas horas diarias durante 12 días. Este curso tamén impartirase nos meses de setembro e outubro nas dúas Aulas CeMIT de Chapela e Redondela. 
  • Mecanografía. Curso de 24 horas que se impartirá so na aula de Redondela nos meses de outubro e novembro a razón de dúas horas diarias durante 12 días. 
  • Informática e Internet para maiores de 60. Na aula de Redondela durante os meses de outubro e novembro. O curso tamén é de 24 horas con dúas horas diarias durante 12 días. 
  • Contabilidade financeira. Curso que se impartirá na aula CeMIT de Redondela no mes de novembro. Ten 14 horas lectivas a razón de dúas horas durante 7 días. 
  • Windows 7. Curso intensivo de 16 horas que se desenvolverá a razón de catro horas diarias en 4 días. Terá lugar tanto en Chapela como en Redondela durante o mes de novembro.

Segundo bloque: Procura de emprego e TIC

  • Deseño de currículos e cartas de presentación. Iniciativa de catro horas de duración a desenvolver nunha única xornada na aula de Redondela. 
  • Procura de emprego en Internet. Curso de catro horas, con dúas edicións en setembro e decembro, que se desenvolverá durante 4 horas nun só día na aula CeMIT de Redondela. 
  • Aplicacións móbiles (apps) para a procura de emprego. Curso de 4 horas a desenvolverse nun só día na aula de Redondela e durante o mes de decembro.

Terceiro bloque: Formación dirixida sobre todo a entidades sen ánimo de lucro: asociacións, ONG...

  • PhotoShop Básico. 
  • Edición de video con MovieMaker. 
  • Presentacións de alto impacto con Prezi. 
  • Redes Sociais para uso persoal.
07/09/201712:09
Investigadores de La Alamedilla mostran a app e a pulseira intelixente.
Salamanca

Un estudo analiza o efecto das novas tecnoloxías para axudar a reducir peso

  • O Centro de Saúde La Alamedilla de Salamanca busca voluntarios para un proxecto que inclúe o uso de móbiles e pulseiras intelixentes e que tamén se realiza en Valladolid, Cuenca, Palma de Mallorca e Zaragoza

 

A Unidade de Investigación de Atención Primaria do Centro de Saúde La Alamedilla de Salamanca busca voluntarios para desenvolver un proxecto denominado Evident 3 que pretende modificar estilos de vida entre a poboación con sobrepeso ou obesidade. A idea é analizar o efecto que teñen as novas tecnoloxías para mellorar a composición corporal, o peso e o índice de masa corporal, en concreto, co uso dunha aplicación para móbiles e unha pulsea intelixente ou smartband.

O obxectivo é realizar un ensaio clínico aleatorio cuns 700 suxeitos de cinco cidades españolas cuxos resultados se coñecerán en 2019. Por parte de Salamanca, ademais do Centro de Saúde La Alamedilla, participará o de Garrido Sur, e a eles sumaranse pacientes de Valladolid, Zaragoza, Cuenca e Palma de Mallorca, dentro da rede de Investigación en Actividades Preventivas e Promoción da Saúde, rediApp.

Os investigadores tratarán de pescudar se controlar a dieta e o exercicio diarios a través da app ten consecuencias positivas, como aumentar o exercicio físico, reducir o sedentarismo, controlar as calorías inxeridas, previr o envellecemento arterial e outra serie de variables relacionadas coa vida saudable.

Con todo, as medidas máis importantes que se terán en conta son tres: o peso; a composición corporal, que alude á porcentaxe de graxa, óso e músculo do corpo; e o índice de masa corporal (IMC), que se calcula ao dividir os quilos de peso polo cadrado da estatura en metros.

Os pacientes deberán ser maiores de 20 anos e menores de 65 cun comportamento sedentario e un IMC de entre 27,5 e 40, o que indica que sofren sobrepeso ou obesidade. Con todo, non deben ter problemas motores, diabetes ou enfermidades cardiovasculares nin estar a seguir unha dieta previa.

Ao comezo do proxecto, realizarán unha visita na que se avaliarán todas as variables que se inclúen no estudo e recibirán “un breve consello sobre hábitos e estilos de vida saudables relacionados coa dieta e o exercicio”, explica a DiCYT José Ignacio Recio, un dos responsables do estudo.

Posteriormente, de forma aleatoria, a metade deles recibirán un móbil coa aplicación desenvolvida especificamente para este proxecto e a pulseira intelixente, que usarán durante tres meses. Neste período, a smartband contará os pasos que dan cada día, a súa frecuencia cardíaca e a calidade do soño, mentres que eles mesmos encargaranse de anotar na app os alimentos que consomen. Pasado o trimestre, nunha nova consulta avaliaranse os cambios con respecto ás persoas do grupo de control, que só recibirían o consello inicial. Para ver se a intervención mantén o seu efecto a longo prazo, a visita repetirase cando pase un ano.

Os investigadores esperan que as novas tecnoloxías poidan estimular hábitos de vida máis saudables, por exemplo, axudando a combater o sedentarismo. “Se levas moito intre sentado, avísate de que debes camiñar”, comentan Luís García Ortiz e Jose Ignacio Recio, membros do quipo de Investigación de La Alamedilla e profesores da Facultade de Medicina e Enfermería da Universidade de Salamanca, “xa que podes ser activo media hora ao día e o resto comportarte de forma sedentaria”.

O sistema elabora obxectivos personalizados de acordo coas características de cada individuo, aínda que en xeral tratará de axustar as calorías que se inxeren na dieta e as que se queiman co exercicio físico para que o resultado final sexa a perda de peso.

 

Validar un novo instrumento de Microsoft

Por outra banda, esta iniciativa inclúe outro obxectivo moi importante relacionado coas tecnoloxías da saúde. Grazas a un convenio con Microsoft, os investigadores de La Alamedilla colaboraron no desenvolvemento dun novo aparello que serve para medir a rixidez arterial, unha medida relacionada coa hipertensión.

O dispositivo colócase na boneca e realiza medidas non só deste índice senón tamén doutras medidas cardiovasculares, como a presión arterial. Fronte a outros sistemas, a vantaxe é que, ademais de tomar a medida de maneira puntual, tamén o pode facer de forma continuada, por exemplo, nun período de 24 ou 48 horas, así que é rápido, sinxelo e igual de fiable que outros dispositivos. Despois de realizar unha validación previa, agora preténdese realizar unha validación clínica cos voluntarios deste estudo.

Este proxecto é a terceira fase do proxecto Evident, que anteriormente estudou aspectos como os estilos de vida modificables e o envellecemento arterial con centos de pacientes. Desde 2009, as dúas fases previas deron como froito decenas de publicacións científicas que constatan, por exemplo, que a maior actividade física o envellecemento arterial é menor e que xa incluíu o uso das novas tecnoloxías cunha versión anterior da app actual.

As persoas que cumpran os requisitos e queiran formar parte do estudo poden poñerse en contacto cos investigadores, acudindo á Unidade de Investigación do Centro de Saúde La Alamedilla ou escribindo ao correo alamedilla.investigacion@gmail.com.

07/09/201711:09
'Achegando as TIC aos maiores'.
Santiago de Compostela

O CEU e a Fundación Vodafone España volverán ofrecer formación gratuíta sobre internet e novas tecnoloxías para persoas maiores

  • 'Achegando as TIC aos maiores' inclúe a organización de cursos gratuítos de informática, redes sociais e internet, así como varios seminarios sobre novas tecnoloxías aplicadas á vida cotiá en tablets e smartphones

A adaptación ás novas tecnoloxías converteuse nunha necesidade en todos os ámbitos da vida cotiá. Realizar a compra, a declaración da renda ou unha transferencia bancaria, entre outras accións, é cada vez máis común mediante o uso da internet, as aplicacións móbiles ou os programas informáticos. Así mesmo, o uso de tablets e smartphones supoñen un impulso no fomento de novas amizades e a participación en grupos de interese.

Co obxectivo de facilitar o acceso ás Tecnoloxías da Información e Comunicación ás persoas maiores, a Fundación Universitaria San Pablo CEU e a Fundación Vodafone España desenvolverán por sexto ano consecutivo o proxecto ‘Achegando as TIC aos maiores'. Un programa que conta cunha introdución ás redes sociais e internet, ademais de cursos e seminarios sobre informática en función do nivel do usuario, aplicacións como WhatsApp, E-books e o uso de diferentes dispositivos electrónicos en distintas actividades completan a oferta formativa desta iniciativa.

Segundo os docentes do proxecto, a idade non é un impedimento para iniciarse na utilización das novas tecnoloxías. Os maiores conseguen suplir a facilidade innata dos mozos, grazas á súa madurez persoal. De momento, xa foron máis de 4.800 os adultos que se introduciron nas Tics desde que se puxo en marcha este programa. 

Tras o éxito das edicións anteriores, este innovador curso pon a disposición dos interesados un total de 650 bolsas, que se poden tramitar por correo electrónico a universitassenioribus@ceu.es, na propia sede da Vniversitas Senioribvs CEU - C/ Princesa 47, 1ª Planta- ou por teléfono chamando ao 91 745 16 34.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS