main content

main content
05/09/201712:09
La Molinera, Ourense.
Ourense

La Molinera achega 16 actividades TIC para este mes de setembro

O Centro La Molinera de Ourense vai enfiar con listón ben alto o mes de setembro. Tanto no que se refire ao número e calado tecnolóxico das súas actividade formativas coma á variedade do público potencial ao que se dirixen. En total, serán 16 obradoiros e accións de divulgación e formación a desenvolver ao longo deste mes. A oferta abrangue un curso de iniciación á informática, tres talleres Maker (sobre reciclaxe de compoñentes electrónicos, sobre fabricación de impresoras 3D e sobre robótica elemental), catro xeiras para escolares, catro novas sesións de xoves inspiradores, outros tantos relatorios da Escola de Organización Industrial e, tamén, un encontro de redes sociais. 

No que atinxe ao Espazo Maker, acolle como dixemos tres obradoiros sobre autocreatividade e sobre tecnoloxías abertas, colaborativas e democráticas. Por unha banda Introdución da economía circular dende a perspectiva da reciclaxe de compoñentes electrónicos, a desenvolver dende o 26 de setembro até o 14 de novembro. Ao longo das sesións procederase á identificación de compoñentes de materiais electrónicos en desuso, recuperación, precaucións, técnicas, probas dos compoñentes recuperados, catalogación e reutilización en fabricación de robots, impresoras 3D e demais tecnoloxías da Industria 4.0. En segundo lugar, o Espazo Maker acollerá o obradoiro Taller de fabricación de impresora 3D, os mércores dende o 27 de setembro até o 22 de novembro, xirando a actividade arredor dos recursos principais para fabricamos, calibrarmos e pór en funcionamento unha impresora 3D a partir de compoñentes autofabricados. Por último, o Espazo Maker tamén dará acubillo ao Taller de fabricación de robótica elemental e Internet das Cousas. Será os xoves dende o 21 de setembro até o 9 de novembro. Aprenderásenos a dar forma a robots e aos diferentes elementos dos trebellos móbiles, mecánica, electrónica, comunicacións, ensamblado, axustes e programación. 

Polo que se refire á Aula CeMIT, do 18 ao 27 de setembro celebrarase un Obradoiro de iniciación á informática, co obxectivo de facilitar ao público en xeral “a oportunidade de capacitarse e adquirir uns principios básicos de achegamento que faciliten compartir información, a interoperatividade, o deseño centrado no usuario e a colaboración en liña”.

No Espazo Kids, para nenas e nenos de 8 a 15 anos, haberá tres talleres. Primeiro, Creatividade aplicada ao emprendemento infantil e educación financeira, os martes do 19 de setembro ao 12 de decembro, centrándose o seu programa en introducir á rapazada no espírito emprendedor e no uso das moitas capacidades de cada quen para poñer unha idea innovadora en funcionamento. Segundo, Obradoiro Arquimakers III, Os mundos da auga a través de Minecraft, a desenvolver os mércores dende o 22 de setembro até o 29 de novembro e orientado a facilitar que as nenas e nenos entendan os conceptos básicos da auga nos diferentes estados, na nosa contorna e empregando as “enormes posibilidades deMinecraft, creando cidades dixitais e resolvendo desafíos de maneira colaborativa”. E en terceiro lugar, o Obradoiro de programación orientada a videoxogos a través de Scratch. Levarase a cabo os xoves dende o 21 de setembro ao 30 de novembro, dirixíndose a fomentar as habilidades cognitivas, o pensamento crítico, a concentración e o coñecemento das novas tecnoloxías a través da popular ferramenta de programación Scratch. 

No que respecta ao Taller Team Maker For Kids céntrase na Programación de aplicacións de robótica e youtubers. Será os venres de setembro a novembro, para que as nenas e os nenos se introduzan nas metodoloxías de traballo dun proxecto multidisciplinar, fomentando a creatividade arredor das tecnoloxías e desenvolvendo as súas habilidades de comunicación. 

Amais de todo isto, ao abeiro do programa Xoves Inspiradores o centro municipal desenvolverá o Obradoiro do informática para superheroes ao alcance de simples mortais, os xoves pola tarde, con sesións tituladas O Produto es ti: De que viven Google e FacebookÁbrete sésamo: como crear contrasinais pésimas, regulares e indestrutibles e Navegar como Snowden… apelidándose García.

Por outra banda, o programa da Escola de Organización Industrial achega catro relatorios, para todos os público, os mércores pola tardes: · Customer Development II (6 de setembro)· Contabilidade para StartUps (13 de setembro) · Pactos de socios e acordos parasociais (20 de setembro) · Como construír o equipo dunha StartUp (27 de setembro). Finalmente o 13 de setembro celebrarase un meetup de 20:00 a 21:30 horas. Segundo lembran dende La Molinera, un meetup é unha plataforma de redes sociais que permite a quen a integran reunirse na vida real a grupos unidos por un interese común.

05/09/201710:09
Crowdfunding.
Santiago de Compostela

Campaña de Impulsa para micromecenazgo

Impulsa puxo en marcha unha nova campaña de micro mecenado cunha dotación máxima total de 16.000 euros que se repartirán entre oito proxectos seleccionados con propostas de innovación social. Impulsa orientou a súa convocatoria cara a proxectos con impacto social positivo. Os proxectos seleccionados van desde unha aplicación capaz de detectar o bullying en estados temperáns, a un libro sobre Jovellanos con pictogramas para nenos con autismo, un proxecto para visibilizar o alzhéimer desde metodoloxías artísticas e participativas ou un calendario que propón retos para coidar o medio ambiente e a saúde.

05/09/201710:09
Logo da fundación.
Santiago de Compostela

Convocan Historias en rede, proxectos de voluntariado creados por mozos

A Fundación "Lo Que De Verdad Importa" (LQDVI) e Bankia lanzan a cuarta convocatoria do proxecto Historias en Rede dirixido a mozos que queiran poñer en marcha un proxecto de voluntariado na súa comunidade.

Os interesados teñen que nacer entre 1992 e 2001, formar un grupo de polo menos tres persoas e contactar cunha ONG coa que levar a cabo o proxecto, segundo unha nota dos promotores.

Axudar ás persoas que máis o necesitan na contorna máis próxima e impulsar accións de voluntariado a nivel nacional é o obxectivo do programa.

As iniciativas pódense presentar desde hoxe e ata o 8 de decembro deste ano na páxina web de Historias en Rede.

Unha vez pechado o proceso de inscrición, un equipo técnico elixirá as sete iniciativas gañadoras.

"As propostas máis orixinais e mellor integradas na contorna social recibirán, por parte da entidade bancaria, unha axuda económica de 3.000 euros para levar a cabo o proxecto", explica o director de Responsabilidade Social Corporativa de Bankia, David Menéndez.

Os grupos seleccionados poderán iniciar o Reto en Rede para conseguir unha maior difusión das súas actividades a través das redes sociais.

Os equipos que mellor difundan e compartan o seu proxecto conseguirán ata 1.000 euros adicionais.

Desde que se creou Historias en rede no ano 2015, puxéronse en marcha 38 proxectos sociais de voluntariado en toda España e conseguiuse un total de 155.000 euros.

Na pasada edición, celebrada en 2017, participaron 46 mozos, cuxas propostas beneficiaron a un total de 9.690 persoas en sete cidades españolas.

05/09/201710:09
Logo ENS.
Santiago de Compostela

O CPETIG e a Amtega organizan un curso de auditoría no esquema nacional de seguridade

O CPETIG, en colaboración coa Amtega, organiza un curso de auditoría no Esquema Nacional de Seguridade (ENS), que capacitará ás persoas asistentes para levar a cabo as auditorías previstas no marco do RD 3/2010 de implementación do ENS no ámbito da administración pública.

O curso, de 20 horas de duración, será impartido por Juan Luis García Rambla e Diego Cordero Domenech, de Sidertia. Está estruturado en catro sesións que terán lugar os días 22, 23, 29 e 30 de setembro no GH Los Abetos, de Santiago de Compostela. Os contidos teóricos estarán centrados nos fundamentos da implementación do ENS e nas medidas para cada un dos marcos que constitúen a norma de seguridade. E veranse complementados con sesións prácticas de revisión das medidas aplicables e da súa adecuación para o nivel establecido.

O prezo da matrícula é de 325€, establecendo unha inscrición especial de 95€ para colexiados e precolexiados de enxeñaría técnica e enxeñaría en informática (solicitar código de desconto no Colexio) e os non colexiados que soliciten colexiación no CPETIG. No prezo da matrícula inclúese o xantar dos sábados.

As persoas participantes no curso sairán cualificadas para realizar as auditorías establecidas no real decreto, que deben levarse a cabo ao menos cada dous anos, dirixidas a asegurar o cumprimento do ENS. O informe de auditoría deberá dictaminar sobre o grao de cumprimento, identificar deficiencias e suxerir as posibles medidas correctoras ou complementarias necesarias, así como as recomendacións que se consideren oportunas.

O ENS está deseñado para garantir o acceso, integridade, disponibilidade, autenticidade, confidencialidade, trazabilidade e conservación dos datos e informacións utilizadas en medios electrónicos xestionados polas administracións públicas no exercicio das súas competencias.

Máis información do curso e inscricións.

04/09/201709:09
Cartel da andaina.
Santiago de Compostela

Fagal inicia a campaña polo Día Mundial do Alzheimer baixo o lema 'Recorda quen son'

A Federación Alzheimer Galicia (Fagal) deu xa o pistoletazo de saída á súa campaña para o Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora o próximo 21 de setembro. O lema que utilizarán a federación e as trece asociacións galegas para este mes é “Recorda Quen Son”. Este lema nace da necesidade de centrar a mensaxe na persoa afectada polo alzhéimer ou outra demencia, así como mostrar a importancia de todas aquelas persoas que traballan para mellorar a vida das persoas cunha demencia (familiares, traballadores das AFAs, investigadores, médicos, etc). 
 
Así, a través desta campaña, a federación quere facer máis visibles aqueles aspectos que considera que tanto as administracións públicas como a sociedade en xeral deben axudar a recoñecer: a defensa da dignidade da persoa con Alzheimer, respectando sempre a autonomía da persoa ao máximo; o recoñecemento dos dereitos das persoas con Alzheimer; o recoñecemento da figura da persoa coidadora e dos seus dereitos, recoñecendo o seu valor e visibilizando o seu labor ante a sociedade; e o recoñecemento do 33% de discapacidade de maneira automática para as persoas ás que se lles diagnostique Alzheimer ou outra demencia.
 
#RecordaQuenSon
A través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) pódese seguir e apoiar a campaña baixo a etiqueta #RecordaQuenSon. Desde a Federación Alzheimer Galicia quérese animar aos usuarios das redes sociais a que publiquen unha fotografía da persoa que non quere esquecer ou ben unha fotografía imitando ao cartel da campaña, onde diante sitúese a persoa con demencia e detrás o resto de persoas. Así mesmo, para aquelas persoas que non desexen publicar unha fotografía propia, estará dispoñible na páxina web un persoal descargable coa fotografía de campaña para apoiala.
 
Doutra banda, estará dispoñible na súa canle de Youtube un vídeo realizado con motivo desta campaña, que contou coa colaboración desinteresada de actrices e actores profesionais.
 
II Andaina Solidaria
Como acto central da campaña, Fagal organiza a II Edición da súa Camiñada Solidaria, que terá lugar o próximo 16 de setembro en Santiago. Esta actividade empezará ás 11 horas no Monte do Gozo e percorrerá o último tramo do Camiño ata o Parque de Bonaval, onde se realizará un acto no Espazo da Memoria, emprazamento inaugurado o pasado ano en recordo das persoas con alzhéimer e as súas familias. Esta camiñada, á que acudirán traballadores das AFAs e coidadores, está aberta á cidadanía, que pode inscribirse no teléfono 981 595 121 ou na web "www.fagal.org".
 
Esta campaña, así como os datos da situación do alzhéimer en Galicia, presentarase nunha rolda de prensa que terá lugar o martes 12 de setembro no Auditorio da sede de Afundación, en Rúa do Vilar, ás 11 horas.
04/09/201709:09
XIV Xuntanza dos Maiores.
Xermade

A Xunta de Galicia reivindica o papel activo dos maiores en todos os eidos da sociedade na XIV Xuntanza de Xermade

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, asistiu hoxe á XIV Xuntanza dos Maiores que tivo lugar no concello lucense de Xermade, onde destacou “o importante papel que xogan os maiores na sociedade”.

Así mesmo, a directora xeral referiuse aos múltiples servizos que o departamento autonómico pon a disposición das persoas maiores para fomentar tanto o envellecemento activo como os hábitos de vida saudables, lembrando que a Xunta está a desenvolver da man das entidades sociais e dos propios colectivos de maiores a Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación 2016-2020, que constitúe o marco de actuación co que dar resposta ás novas necesidades asociadas ao aumento da esperanza de vida en Galicia.

04/09/201709:09
Código fonte.
Pontevedra

A Xunta oferta 44 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca de Pontevedra

  • O delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, informou hoxe da primeira fase da programación de cursos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que inviste 11,6 millóns de euros na provincia de Pontevedra
  • Explicou que os cursos estarán organizados por concellos, Deputación de Pontevedra, empresas, organizacións empresariais e diversas entidades sociais

 

A Xunta de Galicia ofertará nas próximas semanas 44 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca de Pontevedra, incluíndo Marín, de cara a incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen destacou que se trata dunha oferta de cursos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para traballadores e traballadoras sen emprego.

Cores Tourís informou de que nestes cursos invístense preto de 11,6 millóns de euros na provincia de Pontevedra, dos cales, 1,8 corresponden á comarca de Pontevedra.

Estas accións formativas di¬rixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (AFD) son sufragadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e promovidas por institucións, entidades sen ánimo de lucro e empresas. A Xunta de Galicia impulsa este ano a formación para desempregados que se imparte en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro, o que permitirá poñer en marcha a nivel galego 750 cursos para 11.250 alumnos e alumnas, con axudas por valor de 40,7 millóns de euros para financiar cursos, que se veñen a sumar a outros 7 millóns para becas que teñen como obxectivo facilitar a asistencia dos beneficiarios financiando gastos de transporte, manutención e conciliación.

Na comarca de Pontevedra están programados 44 cursos, 10 dos cales están organizados por concellos (A Lama e Vilaboa) e a Deputación de Pontevedra (7 cursos) e 34 organizados por empresas e diversas entidades sociais. Como todos os anos, engadiu o delegado territorial, “é tamén destacable a implicación dos axentes sociais, tanto das organizacións empresariais así como das entidades sociais”.

O obxectivo destas accións formativas, afirmou Cores Tourís, “é reorientar a traxectoria profesional das persoas en situación de desemprego, xa que no actual contexto resulta imprescindible reciclarse e formarse en novas materias; adaptarse para competir con máis recursos no panorama actual do mercado de traballo”.

Ao respecto, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra valorou “a concorrencia de numerosos actores que axudan a programar unha oferta local, axustada ás circunstancias do municipio ou da comarca, e polo tanto máis próxima ás necesidades reais das empresas”.

José Manuel Cores Tourís incidiu en con este plan preténdese atender aos requirimentos de competitividade das empresas, recoñecendo os sectores en alza e cualificando ás persoas desempregadas nas habilidades que demandan nos novos viveiros de emprego.

Por iso, subliñou, un ano máis abundan as accións formativas relacionadas coa atención sociosanitaria, o turismo e as operacións de xestión administrativa, aínda que tamén se ofertan cursos de linguas estranxeiras, sistemas informáticos, equipos eléctricos, socorrismo, servizos financeiros ou montaxe de infraestruturas, entre outros.

As axudas dirixidas a empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro inclúen novidades con respecto a anos anteriores. En primeiro termo, a convocatoria é por primeira vez bianual (2017-2018) e esta característica posibilita a realización de accións formativas máis complexas e cun maior período de duración. A extensión do período de execución das accións formativas ao longo de dous exercicios orzamentarios achega ás entidades unha maior flexibilidade para a súa programación e permite excluír os períodos estivais e outros cunha alta porcentaxe de contratacións temporais nos que as persoas desempregadas teñen máis dificultades para asistir ás accións formativas. Tamén se establece unha reserva de crédito para solicitudes de financiamento para accións formativas en competencias crave, para facilitar o acceso á formación en certificados de profesionalidade a aquelas persoas sen estudos básicos.

Teñen preferencia para a participación nos cursos os seguintes colectivos de persoas desempregadas: mulleres (especialmente vítimas de violencia de xénero), parados de longa duración, menores de 30 anos, persoas con discapacidade, persoas que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, en risco de exclusión social, persoas con baixa cualificación e aquelas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais. Permítese tamén a participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas a condición de que as prazas non se cubran por desempregados.

 

04/09/201708:09
Logo do congreso.
Málaga

Málaga acolle en setembro o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para todas as Persoas de Fundación ONCE

Málaga acollerá do 27 ao 29 de setembro Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para todas as Persoas organizado por a Fundación ONCE, un encontro que mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes e os produtos ou servizos melloran a vida de todas as persoas.

Como facer que os destinos vacacionais sexan máis intelixentes para que se adapten mellor ás necesidades dos seus usuarios e como conseguir que a robótica sexa útil para persoas maiores ou con alzhéimer serán dúas dos temas que se abordarán neste II Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para todas as Persoas, que terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga. Baixo o lema ‘Accesibilidade 4.0', o encontro volve fusionar por segunda vez consecutiva o VII Congreso de Deseño, Redes de Investigación e Tecnoloxía para Todos (DRT4ALL) e o VI Congreso de Turismo para Todos nun único evento.

Entre os temas que se abordarán durante a celebración do encontro internacional figuran as tecnoloxías e servizos de acceso á información e a comunicación; a interacción persoa máquina; os produtos de apoio, e a teleasistencia e o telecoidado como consecuencia da prolongación da vida activa. Tamén haberá tempo e espazo para mostrar as vantaxes dun fogar dixital, que entre outras son as de posibilitar a vida independente; para falar do emprego da robótica como favorecedora da autonomía persoal, e para debater sobre a innovación como mellora do transporte de todas as persoas. Así mesmo, abordarase o uso das tecnoloxías para promover as Smart City, mellorar a aprendizaxe e para buscar solucións a cuestións como o turismo accesible. Desde esta perspectiva, o evento poñerá sobre a mesa aspectos relacionados, por exemplo, coa importancia do fogar dixital para facilitar a vida a todos os seus habitantes, teñan ou non discapacidade, ou do desenvolvemento de tecnoloxías baseadas na robótica.

A este respecto, o congreso contará coa intervención de George I. Fomitchev, fundador e CEO Endurance Robots, unha startup dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en robótica. No seu relatorio abordará como dar asistencia a persoas maiores e pacientes de alzhéimer con chatbots, un software de intelixencia artificial capaz de levar a cabo diversas tarefas autónomamente. Endurance Robots aproveitou esta tecnoloxía para desenvolver unha solución innovadora e intelixente que asiste a persoas maiores, incluídas as que teñen alzhéimer, e que pode personalizarse en función das necesidades de cada usuario.

Organizado por a Fundación ONCE, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para todas as Persoas conta coa colaboración do Concello de Málaga, Organización Mundial do Turismo, European Network for Accesible Tourism (ENAT), Deputación de Málaga, Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), ONCE, ILUNION e Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Ademais, figuran como colaboradores tecnolóxicos eSmartcity, Fundación Vodafone España, Casadomo e Samsung. E como patrocinadores, ILUNION Hotels, Renfe e Fundación ACS.

Máis información na Web do Congreso de Tecnoloxía e Turismo para Todas as Persoas.

1 mes 1 profesión dixital
Facultade de Educación da UDC. A Coruña.

V Congreso TADEGa Décimo aniversario

A asociación TADEGa, plataforma galega a prol das novas tecnoloxías diversas e inclusivas, vén de achegar máis datos (programa, obradoiros) sobre a que será unha das grandes xuntanzas tecnolóxicas da tempada: a quinta edición do Congreso TADEGa. O nexo común de todas estas actividades será un compromiso conxunto a prol das capacidades de cada quen: diferentes pero complementarias maneiras de reivindicar o espírito do “faino ti mesmo”, ou sexa, o espírito maker.

04/09/201708:09
Nenos makers.
A Coruña

O Congreso TADEGa incluirá múltiples obradoiros para reivindicar o espírito maker nas aulas

A asociación TADEGa, plataforma galega a prol das novas tecnoloxías diversas e inclusivas, vén de achegar máis datos (programa, obradoiros) sobre a que será unha das grandes xuntanzas tecnolóxicas da tempada: a quinta edición do Congreso TADEGa, a celebrar os días 20 e 21 de outubro baixo o obxectivo de visualizar e defender metodoloxías e recursos para acadarmos un panorama educativo-dixital que non deixe a ninguén fóra. Haberá, entre outros moitos, obradoiros sobre gamificación, sobre creación de contidos coas tabletas ou sobre robótica nas aulas. O nexo común de todas estas actividades será un compromiso conxunto a prol das capacidades de cada quen: diferentes pero complementarias maneiras de reivindicar o espírito do “faino ti mesmo”, ou sexa, o espírito maker

Como sinalamos recentemente, a nova edición do evento será unha edición especial. De feito, TADEGa celebra este ano 2017 o seu décimo aniversario (foi constituída como tal en 2007, establecéndose xa dende ese intre o seu firme compromiso a prol de non deixar a ninguén fóra da Sociedade do Coñecemento). Para celebralo, os seus integrantes queren rematar o ano convocando unha serie de festexos-actividades, entre as que se inclúe o devandito congreso. 

O roteiro de celebracións comezará polo tanto en outubro, entre o 20 e o 21, da man da quinta edición do Congreso TADEGa (décimo aniversario), que se vai celebrar na Facultade de Educación da Universidade da Coruña baixo o lema Destino: inclusión educativa e dixitale desenvolvendo o seu programa a través de múltiples obradoiros, todos eles abrindo novos vieiros para facilitar a chegada e afianzamento de tecnoloxías para todas e todos, dende as escolas até os ámbitos académicos e profesionais. 

O Congreso TADEGa comezará o venres 20 ás 16.30 horas, coa recollida de documentación, e proseguirá ao día seguinte durante toda a xornada. Incluiranse os seguintes obradoiros:

  • Creación de contidos nas tabletas. Con Avelino Correa de creAPPcuentos.
  • Dalle ao Dado. Con Susana Lamela e Ana Mariño.
  • #Soy Visual. Con José Manuel Marcos Rodrigo de Arasaac e a Fundación Orange. 
  • Gamificación e atención á diversidade. Con Aitor Barbosa.
  • Impresión 3D e diversidade funcional: Diversidade Impresa. con Paz Freire.
  • Monta o teu Robot, escornabot, de Aula. Con Xabier Rosas de Bricolabs.
  • Arduino Echidna. Con Xabier Rosas de Bricolabs.
  • MyGame, Pictodroid e a linguaxe natural. Co equipo ACCEGAL.
  • ABP e robótica nas aulas: Babot. Con María Nimo de DISMEDIA.
  • Método CODES: lectoescritura na diversidade motriz. Con Javier Martin Betanzos.
  • Robótica Educativa e DIY: Eiro. Con Marcos Alonso de Neukos Robotic.
  • Faino ti: BricoPictos e outras adaptacións. Con Cuca da Silva de Por Dereito.
  • Xoguetes adaptados de Terapia ocupacional de Coruña.
  • Pictoeduca de Pictoaplicaciones.com e a Fundación Barrié.
  • Prácticas restaurativas: diversidade e convivencia. Con Rafael Pérez de Lis Nieto e Ana Pérez Figueroa da Asociación Arela.
  • Hablar y Signar. Con Manuel Gómez Villa e Fco. Javier Soto Pérez da asociación Divertic. 

 

Máis citas para conmemorar os dez anos de actividade
A segunda parada de TADEGa este ano será a oitava convocatoria co Congreso TecnoNEEt, que se celebra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro, en Murcia, xirando arredor da tecnoloxía accesible e inclusiva e facendo fincapé nos logros e nos desafíos que esta loita a prol da accesibilidade implica. A terceira parada será a segunda edición do II Startup Weekend EDU Galicia, previsto para os días 15, 16 e 17 de decembro, en Santiago, baseándose boa parte do seu programa en mostrar as achegas máis innovadoras das nosas novas empresas en materia de novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito docente.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS