Xa vai quedando menos para a nova edición, a 22, da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que este ano xirará arredor da necesidade de adestrarnos e capacitarnos para a que está sendo (e será) unha das grandes ameazas tecnolóxicas do noso tempo: a ciberdelincuencia. Máis polo miúdo, a Noite celebrarase o 29 de setembro na Coruña, no recinto de PALEXCO, e estará presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Segundo informa a organización do evento, o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), a gala achegará unha serie de novidades importantes con respecto ás anteriores entregas. Será, en palabras do COETG-AETG unha cita “coidada e disruptiva” que comezará cun cóctel-networking que dará paso, no salón Arao, a un espectáculo en cuxo transcurso entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017.
Nesta edición a relación de premiados son: Enxeñeiro do Ano a Paulino González; Socio de Honra a Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a Situm Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC a Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA, a Balidea Consulting & Programming; ao mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a FINSA.
Volvendo ao fío temático da Noite, será, como dixemos, o da ciberseguridade. Segundo nos contou recentemente o director da AETG, “escolleuse esta temática para analizar os diferentes factores que inflúen no afianzamento da utilización do espazo dixital de forma segura”. Estarán presentes neste foro todos os axentes implicados en ciberseguridade, tanto do ámbito privado como do público, para tomar consciencia da importancia do ciberespazo e a seguridade do mesmo no desenvolvemento económico e social.
A Asociación Érguete Baixo Miño vén de convocar un obradoiro para introducir á veciñanza no uso emprendedor das ferramentas dixitais: para adestrarse e impulsar proxectos de mercado e, tamén, para mellorar os seus currículos e incrementar as posibilidades de inserción laboral. O curso para Emprender a través das Novas Tecnoloxías, que conta coacolaboración da Concellería de Política Social (Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado), diríxese a “crear un espazo de comunicación para a mocidade sobre as potencialidades de uso das novas tecnoloxías ao mesmo tempo que se fomenta a idea de empregabilidade a través da Rede”.
Esta actividade está dirixida a mozos e mozas desempregados/as, facendo fincapé naqueles/as que teñan entre 16 a 35 anos. O horario é de 16:00 a 21:00 h. os luns, mércores e venres. Os obradoiros comezarán o 25 de setembro para rematar o 13 de outubro, cubrindo un total de 50 horas e achegando, ao seu término, un certificado de participación. O obradoiro é de balde e celébrase na Aula de Informática de San Benito (Praza San Benito, 2-3 -36780 de A Guarda). Os bloques temáticos do curso artéllanse nos seguintes temas: mercadotecnia dixital (que, como, cando e onde) e redes sociais (uso da Rede, taller de aplicacións, etc).
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, terá como obxectivos centrais que no curso 2020/21 todo o alumnado do ensino obrigatorio teña acceso a formación en robótica e programación; así como acabar coa fenda de xénero nos estudos STEM, isto é, de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.
Entre as principais medidas que se van implantar para acadar este dobre obxectivo, Feijóo destacou as seguintes: a extensión dos kits de robótica a todos os centros de ensino obrigatorio, a creación do bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, a posta en marcha dos Espazos Maker como zonas de creación científica e a mellora do sistema de libro dixital, con máis centros, mellor conectividade, mellores equipamentos e mellores contidos.
Nesta liña, lembrou que nos últimos cursos foron incorporándose aos currículos novas materias de libre configuración autonómica como Robótica, Programación ou Identidade dixital, que debuta este curso. Paralelamente, durante o curso pasado repartíronse kits de robótica, programación e impresión 3D en todos os centros de secundaria.
“O curso pasado, houbo 514 alumnos de bacharelato cursando Robótica en 41 centros e preto de 3.971 alumnos de 1º e 2º de ESO que deron Programación en 114 centros”, dixo. Ademais, establecéronse marcos estables de colaboración con entidades e sociedade civil, e desenvolvéronse outras accións -como Club de ciencia ou Desafío STEM- que teñen como principal fin estimular o espírito científico entre a mocidade.
Deste modo, hoxe xa hai 12.000 alumnos implicados nalgunha acción de formación científico-tecnolóxica e máis de 750 kits de robótica despregados.
Como primeira gran medida do plan, o presidente da Xunta explicou que durante o ano académico que está comezando se levarán os kits de robótica a 120 centros de primaria e se ofrecerá ao profesorado un plan de formación específico para coñecer mellor estes novos recursos.
“O obxectivo, no horizonte 2020/21, é que todos os centros de primaria dispoñan de kits de robótica e programación, para que os galegos desde a primaria aprendan a destreza nestas disciplinas”, incidiu.
Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía
En relación á segunda gran iniciativa: a posta en marcha do bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, Feijóo precisou que os mozos que o cursen terán unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, dedicada a afondar no seu coñecemento sobre as materias STEM.
“En lugar de 32 horas lectivas, pasarán a ter 34 ou 35, ademais de participación en charlas, obradoiros ou cursos”, aseverou, ao que engadiu que o alumnado deberá realizar, ao longo de dous cursos, un traballo de investigación semellante aos traballos de fin de grao e deberán facer unha defensa pública do proxecto, que será avaliado por unha comisión.
Ao final da etapa, os alumnos recibirán unha certificación na que se acredite que realizaron este bacharelato de excelencia. O obxectivo é que, no curso 2020/21, Galicia conte con 20 centros de ensino secundario con bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía.
Espazos Maker e libro dixital
Esta estratexia para a educación dixital integra tamén o desenvolvemento dos Espazos Maker, zonas con equipamento específico dedicadas a fomentar a creatividade e a innovación da mocidade. Estímase que desta iniciativa se beneficien 300 centros no horizonte 2020/21.
Con respecto ao cuarto eixo do plan, prevese estender o libro dixital a 300 centros e a máis de 20.000 alumnos no curso 2020/21, contando con dúas novidades: un módulo específico nos plans de convivencia para traballar a identidade dixital e prever condutas negativas en Internet e premios individuais á creatividade en contornas dixitais vinculados aos proxectos dos centros.
Rede de centros ‘eSTEM.gal’
Ademais destes catro grandes eixos, a estratexia tamén incorpora outras novidades como a creación da rede de centros 'eSTEM.gal', que aglutinará aqueles centros cunha especial motivación polo desenvolvemento científico-tecnolóxico, permitíndolles compartir as boas prácticas e crear comunidades de interese.
Coa previsión de sumar 100 centros a esta rede no horizonte 2020/21, os que se integren na rede partirán con beneficios á hora de participar en proxectos de innovación educativa.
Máis formación para o alumnado
Así mesmo, para os alumnos cunha gran vocación científica, esta estratexia abre tamén a posibilidade de que poidan ir formarse uns meses a outro centro educativo, nacional ou estranxeiro.
Tamén orientado aos científicos en potencia, este curso comezarase a celebrar a Semana STEM, que brindará de xeito gratuíto a 300 alumnos unha inmersión lúdica nos ámbitos vinculados coa robótica, programación o pensamento computacional ou as tres dimensións.
Ademais, a Estratexia ambiciona multiplicar por 20 o número de clubs de ciencia que hai no ensino público galego, pasando dos 10 do curso pasado a 200 dentro de tres cursos.
10.000 prazas para docentes
No tocante á formación do profesorado, Feijóo afirmou que, ao igual que ocorre co plurilingüismo, se porá á disposición dos docentes máis de 10.000 prazas de formación específica, para garantir a mellor calidade no ensino.
Logo de afirmar que se trata dunha “estratexia completa que deseñamos aos poucos días de comezar este curso para concretar cales son os obxectivos xa do próximo curso e dos seguintes”, Feijóo amosouse convencido de que “vai haber unha importantísima evolución no sistema educativo, un ensino axeitado ás necesidades actuais e futuras da sociedade, e un ensino especializado e orientado á excelencia e a minorar esa fenda de xénero entre as mozas e os mozos para facer carreiras no ámbito das ciencias e da enxeñería”, asegurou.
A Deputación de Lugo informou hoxe do seu traballo a prol da inserción laboral de persoas con características funcionais diversas, parte do cal apóiase directamente na formación tecnolóxico-dixital (a través dos programas Ben Empregado ou o Comunnitteando).
Os datos viñeron da man da deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, durante unha xuntanza cun usuario da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) que está a traballar nunha empresa lucense como operario de imprenta (a través do servizo de intermediación laboral en zonas rurais da provincia, que financia o Executivo da Deputación).
A deputada lembrou “o compromiso e a aposta decidida do Goberno da Deputación”, para acadar “unha plena integración e igualdade de oportunidades para as persoas con capacidades diferentes na nosa provincia”. Segundo engadiu, todas as iniciativas de emprego postas en marcha pola entidade provincial (como os devanditos programas Ben Empregado ou o Comunnitteando) van encamiñadas cara ao obxectivo da plena inclusión.
Segundo dixo, son 117.000 euros os que o Goberno achega ao mencionado colectivo para a realización de distintas programacións ao longo do ano. En concreto, destínanse 90.000 euros ao servizo de intermediación laboral, co que “se promove a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral en contornas rurais e a través do desenvolvemento de accións formativas”.
Porén, a deputada recordou que o Goberno da Deputación colabora con COGAMI a través de outras moitas programacións. Por exemplo, o colectivo reforzou os servizos que ofrecen aos seus usuarios grazas a anteriores edicións do Ben Empregado, pois contrataron un total de 5 persoas: un axudante de mantemento de xardinería, un profesor de actividade artísticas e unha auxiliar de Enfermería, ambos con discapacidade física, así como un logopeda e fisioterapeuta.
Ademais, a Deputación levou a cabo o Communitteando na provincia dende as instalacións de COGAMI na cidade da Muralla. Trátase dun obradoiro social de emprego xuvenil, con formación teórica e práctica e incluíndo remuneración por valor de 650 euros mensuais (o salario mínimo interprofesional). Nel xa participaron 15 mozos lucenses no paro, incluídos no Sistema de Garantía Xuvenil, polas “súas dificultades para acceder ao mercado laboral”. Especializáronse en xestión de contidos dixitais, sistemas operativos, elementos da rede e aplicacións informáticas e microinformáticas. Por exemplo, crearon a nova páxina web e redes sociais de COGAMI Lugo.
No curso 2017/2018 deuse un paso máis dentro do programa #ASPACEnet da Fundación Vodafone España e a Confederación ASPACE, cunha forte aposta pola innovación no desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías ao mundo da parálise cerebral. Os dez proxectos seleccionados teñen como obxectivo común explorar as posibilidades das tecnoloxías de control seleccionadas por cada unha das entidades nos seus proxectos, a través dos profesionais, para posteriormente poder aplicalas na vida diaria das persoas con parálise cerebral e aumentar a súa participación social, mellorar a súa autonomía e calidade de vida, así como dar maior visibilidade do colectivo.
ASPACE Coruña, ASPACE Navarra, ASPACE Salamanca, AVAPACE, ASPACE León, ASPACE Guipúscoa, Fundación o Maresme, ASPACE Granada, Fundación L´ Espiga e ASPACE Barcelona son as dez entidades que desenvolverán os seus proxectos de innovación grazas a esta convocatoria. Os proxectos seleccionados poñerán en marcha propostas moi variadas como o uso de elementos robóticos para o control de instrumentos musicais, o control de vivendas adaptadas, de utensilios de cociña ou de xardinería, ou o desenvolvemento de videoxogos inmersivos para a rehabilitación específica de persoas con parálise cerebral.
Así mesmo, con esta convocatoria preténdese favorecer a implantación dunha nova liña de traballo que conte co compromiso total das entidades implicadas, para impulsar estratexias conxuntas de comunicación e así aumentar a presenza das persoas con parálise cerebral na sociedade. Ademais, espérase que con estes novos proxectos a tecnoloxía se faga aínda máis accesible e se poidan resolver problemas concretos que dean solucións a numerosas persoas.
Entre os obxectivos para cumprir con estes novos proxectos están o de crear sinerxias, innovar e favorecer que todas as persoas poidan obter resultados persoais valiosos, grazas ao apoio da tecnoloxía.
#ASPACEnet é un proxecto que a Fundación Vodafone España e a Confederación ASPACE puxeron en marcha en 2011 e que ten como misión mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con parálise cerebral a través da tecnoloxía.
Mais información en:
“Beprevent é un sistema sinxelo que se adapta con facilidade a calquera persoa. Actúa como axuda esencial para os coidadores principais e familiares das persoas maiores, proporcionando información sobre actividades diarias de maneira continuada e en tempo real”. Con estas palabras describe Rafael Serrano, psicólogo e CEO de Beprevent, o proxecto no que esta empresa cordobesa leva inmersa case dous anos e que comezará a comercializarse o próximo mes de outubro. É dicir, trátase dunha solución de intelixencia ambiental que informa das rutinas das persoas maiores a través dunha aplicación para o móbil.
A aposta da compañía é, ante todo, reforzar esa idea de permanencia dos maiores no seu propio fogar, reforzando a independencia na súa propia casa e proporcionando tranquilidade á súa familia. Por iso, o lema escollido por Beprevent é “Vive na túa vida”. Como explica Rafael Serrano a entremayores, “ese sentimento de independencia e de pertenza é, para nós, o maior beneficio. Por e para iso traballamos, a continuidade na contorna e no propio domicilio. Beprevent oriéntase cara a un futuro no que o fogar sexa o centro onde se reciban os coidados e atencións necesarias”.
Así mesmo, en canto a outros beneficios, Serrano tamén destaca “a seguridade de sentir que alguén mira por ti; a tranquilidade para a familia ao dispoñer de valiosa información de maneira continuada e na man; o aforro, por suposto, ao non consumir recursos máis custosos; evitar pequenos esquecementos coa programación de recordatorios que manteñan as súas rutinas, etcétera”.
¿Como funciona?
Empregando como base as novas tecnoloxías, deseñouse este sistema de apoio intelixente dotando de intelixencia a calquera obxecto de uso cotián a través de etiquetas –cada unha delas pódense instalar en elementos diferentes e progresivamente van aprendendo as rutinas e hábitos particulares dos usuarios–. Unha vez que a información foi procesada e analizada pola ferramenta Beprevent, esta transmítese en tempo real aos seus familiares.
O funcionamento baséase en cinco sensores para a etiquetaxe de obxectos; xeración e aprendizaxe de patróns habituais de conduta (rutinas); análise de datos para a detección de anomalías e identificación de patróns atípicos; e comunicación de rutinas e alteracións ao familiar mediante unha aplicación móbil.
“Aínda que hai experiencias que en principio puidesen resultar parecidas, como a teleasistencia avanzada, Beprevent pon en valor algo tan importante como son os hábitos e rutinas das persoas no domicilio. Establecemos como base do noso servizo uns indicadores frecuentemente utilizados para avaliar o benestar físico e cognitivo das persoas como son os cambios ou desviacións nas súas Actividades da Vida Diaria (AVD), é dicir, nos seus patróns de comportamento”, comenta Rafael Serrano.
Doutra banda, unha das vantaxes desta solución é que non require instalación, nin mantemento, así como non implica unha aprendizaxe de hábitos novos por parte do usuario, nin interfere na súa vida obrigándoo a levar dispositivo algún. Así mesmo, “cada familiar poderá determinar de maneira individual que e canta información desexa recibir e en que momento”, engade. E é que a app Beprevent ten múltiples usos e é totalmente personalizable.
Trátase, por tanto, dunha nova alternativa de atención baseada na proactividade, na anticipación e no mantemento dunha vida activa e independente, “en lugar da reacción cando o inevitable xa sucedeu”, conclúe Rafael Serrano.
A privacidade do usuario é o primeiro
“A privacidade e o respecto pola persoa son o primeiro”, declara Rafael Serrano. “O número e selección de obxectos debe realizarse de maneira conxunta entre o usuario e a súa familia para alcanzar un equilibrio entre esta necesaria recollida de información e a privacidade daquel. Ademais, as etiquetas non capturan imaxe nin son, limitando a súa información ao uso do obxecto etiquetado”.
En “www.beprevent.es” están dispoñibles consellos e suxestións para axudar aos familiares sobre as decisións de que etiquetas incluír. En todo caso, opina Serrano, “por encima das nosas indicacións está a individualidade de cada persoa e dos seus particulares costumes e hábitos. Non hai intelixencia artificial nin algoritmos máis potentes que o propio coñecemento que cada persoa ten de si mesmo ou o da familia. Unha das nosas vantaxes radica, precisamente, en que a solución se adapta á rutina de calquera persoa”.
A solución poderase adquirir a través da web e en puntos de venda seleccionados por un prezo aproximado de 300 euros máis IVE.
Produtos e servizos esenciais, como teléfonos, máquinas de venda de billetes e servizos bancarios terán que ser máis accesibles para as persoas con discapacidade.
Na UE viven ao redor de 80 millóns de persoas con algún tipo de discapacidade. Dado o ritmo de envellecemento da poboación, calcúlase que en 2020 ao redor de 120 millóns de europeos padecerán discapacidades múltiples e/ou menores. “É fundamental que a directiva inclúa ás persoas con discapacidade pero tamén a aquelas con limitacións funcionais temporais ou permanentes”, como é o caso das persoas anciás, embarazadas e aqueles que viaxan con equipaxe, sinala a Cámara.
O proxecto de Acta europea da accesibilidade establece criterios para facer máis accesibles unha serie de produtos e servizos.
A lista inclúe: caixeiros automáticos, máquinas expendedoras de billetes e de facturación, computadores e sistemas operativos, teléfonos e televisores, servizos bancarios, libros electrónicos, comercio electrónico, transporte, incluídos os servizos urbáns, como metro, ferrocarril, travía, trolebús e autobús.
Os eurodeputados incorporaron tamén terminais de pago, dispositivos para libros electrónicos, páxinas web e servizos audiovisuais para dispositivos móbiles.
O texto enumerará os produtos e servizos que deben facerse accesibles, pero non impoñerá solucións técnicas detalladas, para permitir que se expoñan opcións innovadoras.
As normas aplicaranse á denominada “contorna construída” onde se presta un servizo, incluída a infraestrutura de transporte, para as novas construcións ou en caso de obras de renovación substanciais, para maximizar o seu uso por parte de persoas con discapacidade, explica o Parlamento.
As empresas máis pequenas, excluídas
As microempresas (aquelas que empregan a menos de dez persoas e cuxa facturación ou o seu balance anual total non pasa 2 millóns de euros) estarán exentas.
O proxecto tamén inclúe salvagardas para garantir que as esixencias non xeran unha “carga desproporcionada” aos operadores, pero os eurodeputados advirten de que a falta de prioridade, de tempo ou de coñecementos non son razóns lexítimas para alegar que a carga é desproporcionada.
Quote Morten Løkkegaard (ALDE, Dinamarca) sinalou: "Estou satisfeito coa ampla maioría obtida hoxe no Parlamento.
Máis de 80 millóns que viven cunha dsicapacidad beneficiaranse. O informe final contén puntos a favor e en contra, e agora debemos iniciar unha difícil negociación co Consello. Farei o posible por obter o mellor resultado”.
Próximos pasos
O texto emendado saíu adiante con 537 votos favorables, 12 en contra e 89 abstencións. Tras recibir o respaldo do pleno, os negociadores do Parlamento poderán iniciar negociacións co Consello, unha vez que este fixe a súa posición.
Acceso á noticia na web do Parlamento Europeo.
O Parlamento Europeo deu luz verde este martes ao programa financeiro da iniciativa WIFI4EU pola que se instalarán puntos de conexión a Internet gratuítos en lugares públicos de máis de 6.000 localidades de toda a Unión Europea. Aínda que a dotación final do programa non está pechada, o Parlamento, a Comisión e o Consello prevén un orzamento de 120 millóns de euros.
O proxecto foi aprobado con 582 votos a favor, 98 en contra e 9 abstencións. Para o relator do proxecto, o eurodeputado portugués Carlos Zorrinho, a iniciativa “contribuirá a facer a sociedade europea máis competitiva e inclusiva” xa que “con independencia do seu lugar de residencia e nivel de ingresos, todos os cidadáns europeos poderán gozar dunha conexión wifi de calidade”.
O orzamento repartirase de maneira “xeograficamente equilibrada” tendo en conta, ademais, a orde de solicitude. As entidades públicas que queira participar no programa WIFI4EU deben cubrir os custos operativos durante polo menos tres anos e facilitar unha conexión gratuíta, facilmente accesible e segura.
Ademais, non poderá aparecer publicidade comercial nin se permitirá o uso dos datos persoais para fins comerciais. Tampouco poderán obter financiamento aquelas iniciativas que dupliquen sistemas xa establecidos na mesma zona, sexan públicos ou privados. O acceso á conexión deberá facilitarse nos idiomas do Estado membro.
O pasado 5 de setembro de 2017 tivo lugar a inauguración coa presenza dos emprendedores dos 6 proxectos seleccionados nesta edición. Lembrámosvos que os proxectos foron:
Ademais convidámosvos a seguir o día a día do Programa Vodafone #ConnectingforGood #Galicia na súa conta oficial de Twitter https://twitter.com/VCfG_Galicia e a través do hashtag #ConnectingforGood.