
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Galicia acollerá en novembro o congreso CIBER.gal, impulsado polo Nodo Galego de Ciberseguridade (CIBER.gal) e orientado á seguridade da información no tecido empresarial, na cidadanía e nas Administracións Públicas. Así se anunciou esta semana durante o evento do terceiro aniversario do centro de innovación TEGRA Cybersecurity Center.
O evento CIBER.gal, que terá lugar os días 10 e 11 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia de xeito presencial e en streaming, ofrecerá obradoiros, conferencias e paneis de debate nos que participarán institucións nacionais e autonómicas referentes neste campo, relatores de recoñecido prestixio no ámbito tecnolóxico, axentes clave da investigación e o coñecemento en ciberseguridade e as principais empresas tecnolóxicas de Galicia. Proximamente será publicada na súa web máis información ao respecto do cartel e a organización.
O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal foi constituído en xullo de 2020 como un espazo de cooperación público privado no campo da ciberseguridade e fundado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro Deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia.
Desde a súa constitución CIBER.gal sostén un obxectivo claro, fomentar a innovación no eido da ciberseguridade. De aí que a súa intervención no evento anual de TEGRA estivera marcada pola exposición das medidas mais recentes neste ámbito.
Destacan entre elas a iniciativa CybersSandbox para o fortalecemento das capacidades de ciberseguridade das pemes e o impulso da industria de ciberseguridade, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para pilotar de forma áxil solucións que dean resposta a retos identificados de forma previa co sector da ciberseguridade e das das que se poidan beneficiar un número relevante de pemes, micropemes e autónomos de Galicia. Tamén se puxo de relevancia o apoio prestado pola Amtega, como entidade pública propulsora do nodo CIBER.gal e unha das fundadores do nodo.
TEGRA
TEGRA Cybersecurity Center é un centro de innovación creado en 2018 da man de Telefónica e Gradiant e apoiado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación GAIN coa misión de mellorar a seguridade da información das empresas a través da tecnoloxía e situar a Galicia como un axente relevante no ámbito da ciberseguridade, ademais de crear emprego cualificado neste sector de gran demanda e potencial crecemento.
O seu obxectivo é desenvolver produtos e servizos para mellorar a seguridade da información das empresas mediante técnicas criptográficas avanzadas, deseñar mecanismos de comprobación da identidade no acceso á información e ferramentas de análise de datos, ademais de sistemas de clasificación de documentación e de detección de accesos irregulares á información.
Entre os seus últimos logros destacan a solución Stela Filetrack, co fin de protexer a información documental sensible nas organizacións, e a ferramenta FARO, para a detección de información sensible en documentos.
No evento do terceiro aniversario de TEGRA, presentáronse os resultados deste centro no relativo á innovación en ciberseguridade e expúxose a Estratexia de Potenciación de I+D+i en ciberseguridade en España
O programa ScratchDay dirixido a escolares galegos organízase no marco do Convenio de Colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) da Xunta de Galicia e regresa coa súa sexta edición.
Esta actuación tamén forman parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.
Este ano, a iniciativa para achegar a programación informática a idades temperás sen necesidade de ter coñecementos previos na materia, aposta polo entorno dos Scapes Rooms e do Camiño de Santiago, en pleno período extraordinario do Xacobeo 2021-2022.
A Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar -1) será o escenario que acolla esta intensa e atractiva xornada, que está deseñada para tres grandes públicos obxectivos: os alumnos e alumnas de 6 a 16 anos dos centros escolares de Galicia, os seus pais e nais e tamén o profesorado ou os responsables dos centros que estean interesados en introducir o Scratch na docencia. Os dous primeiros grupos traballarán en conxunto, dado que un dos obxectivos desta iniciativa é precisamente o de implicar ao núcleo familiar no descubrimento e o traballo colaborativo nun entorno amigable e que non precisa de coñecemento profundo de linguaxes de programación. O obradoiro para o profesorado desenvolverase en paralelo na mesma data e lugar e será específico para presentar as vantaxes e potencialidades que implica o traballo con este tipo de tecnoloxía entre os máis pequenos.
A cita será o vindeiro sábado 9 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas e estará estruturada en tres Scapes Rooms distintos, cada un deles relacionado con distintos tramos e atractivos do Camiño de Santiago. Os participantes terán como obxectivo ir resolvendo os retos plantexados e empregando as pistas proporcionadas para completar as etapas.
Un ano máis, a empresa especializada en robótica educativa, Rockbotic Galicia, será a encargada de impartir esta xornada do CPETIG, que xa conta cunha dilatada traxectoria na que participaron centos de escolares de distintos centros de Galicia de diferentes idades.
Máis información e Inscricións
Comeza a conta atrás para a nova edición da cita informática XGN R Encounter, a herdeira (actualizada aos novos tempos, tendencias e necesidades) da xa histórica Xuventude Galicia Net, un clásico dos encontros tecnolóxicos para a xente nova. A nova cita (21 edición) celebrarase entre o 9 e o 11 de outubro, retomando o seu formato presencial no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca (en Silleda) trala convocatoria en liña do ano pasado. A organización habilitará os dous pavillóns principais do complexo feiral (máis de 10.000 metros cadrados cada un), co obxectivo de achegar a meirande seguridade sanitaria aos profesionais e aos seareiros da informática que alí se xunten.
O recinto está xa mergullado nos preparativos desta cita. Así, contará de novo na súa área de intranet exclusiva para persoas inscritas, cun completo programa de actividades para as que disporán de 20 Gbps de velocidade no recinto.
En canto á zona extranet, de acceso libre, será unicamente en formato en liña, “ofrecendo numerosas propostas para desfrutar dende a casa”, explican as entidades organizadoras, engadindo que nesta convocatoria preténdese recuperar a interacción dos participantes “de forma segura”. Trátase da quinta convocatoria de XGN coa operadora galega R como colaboradora e patrocinadora oficial e de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.
A Xunta está a realizar unha enquisa sobre o estado de coñecemento e manexo das mulleres no ámbito das tecnoloxías da información (TIC), no marco do estudo que está elaborando sobre o papel das mulleres ante as TIC con fin de que permita afondar na fenda tecnolóxica e aportar solucións de capacitación para mellorar a empregabilidade. A elaboración deste estudo detallado acordouse levar a cabo na Comisión de Mulleres nas TIC creada este ano cun enfoque transversal no seo do Consello Galego das Mulleres.
Na enquisa, na que, polo tanto, recóllese información cuantitativa e cualitativa sobre a situación actual das mulleres galegas e a súa relación coas TIC, participan, ademais da cidadanía en xeral, as persoas implicadas no movemento asociativo de mulleres de Galicia e do eido da ciencia e tecnoloxía co propósito de que acheguen as súas experiencias e opinións sobre o estado de coñecemento e manexo das mulleres no ámbito das TIC, xa que o uso das novas tecnoloxías contribúe á autonomía das mulleres, sobre todo nas zonas do rural.
Na enquisa, entre outros, abórdanse cuestións referidas ao número de medios tecnolóxicos que existen nos postos de traballo; a conexión de Internet nos fogares e no medio laboral; a formación e coñecementos sobre as TIC; o uso que se dá da tecnoloxía; os ámbitos nos que se considera necesario ofrecer máis formación en novas tecnoloxías; e sobre o coñecemento do que é a fenda dixital. Pódese descargar a través da ligazón: https://forms.gle/15vjijgoLRbA9p6R7.
A Xunta, ademais, traballa, no marco da Unidade Muller e Ciencia, en situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica e tecnolóxica, con iniciativas que dan a coñecer o papel de destacadas referentes nestes ámbitos como o Premio María Josefa Wonenburger ou iniciativas que promoven o encontro entre profesionais das TIC co alumnado galego como Nin+Nin-.
Coñecer a realidade das mulleres fronte ás tecnoloxías, cara a poder deseñar unha folla de ruta que atenda ás súas necesidades de capacitación e coñecementos é, en definitiva, o obxecto do estudo que a Consellería de Emprego e Igualdade está a realizar a través do Consello Galego das Mulleres.
Regresa coa súa sexta edición o programa ScratchDay, dirixido a escolares galegos organizado no marco da colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), abeirado, tamén, ao Plan de Talento Dixital de Galicia (DigiTalent) da axencia. Na nova entrega mantense o obxectivo de achegar a programación informática a idades temperás sen necesidade de ter coñecementos previos e coa novidade de apostar de cheo polos formatos de Scape Room e pola temática do Camiño de Santiago (coincidindo coa celebración do Xacobeo 2021-2022).
A Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar 1) será o escenario que acolla esta xornada que a organización cualifica de “intensa e atractiva” e que está programada para o vindeiro 9 de outubro. Está concibida para tres grandes públicos obxectivos: os alumnos e alumnas de 6 a 16 anos dos centros escolares de Galicia, os seus pais e nais e tamén o profesorado ou os responsables dos centros que estean interesados en introducir a ferramenta de programación Scratch na docencia. Os dous primeiros grupos traballarán en conxunto, dado que un dos obxectivos desta iniciativa é precisamente o de implicar ao núcleo familiar no descubrimento e o traballo colaborativo “nun entorno amigable e que non precisa de coñecemento profundo de linguaxe de programación”, explican o CPETIG e AMTEGA, engadindo que o obradoiro para o profesorado desenvolverase en paralelo na mesma data e lugar e será específico para presentar as vantaxes e potencialidades que implica o traballo con este tipo de tecnoloxía entre os máis pequenos. A cita será como dixemos o vindeiro sábado 9 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas e estará estruturada en tres Scapes Rooms distintos, cada un deles relacionado con distintos tramos e atractivos do Camiño de Santiago. Os participantes terán como obxectivo ir resolvendo os retos propostos e empregando as pistas proporcionadas para completar as etapas.
Novamente a entidade encargada de impartir os contidos será a empresa especializada en robótica educativa, Rockbotic Galicia, que xa conta cunha dilatada traxectoria na que participaron centos de escolares de distintos centros de Galicia de diferentes idades. O período de inscrición para o VI ScratchDay xa está habilitado e para formalizar a participación no evento é preciso rexistrase a través de scratchday.cpetig.gal.