main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

11/10/202108:01
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Amtega pon en marcha novas iniciativas para fomentar o talento dixital e a formación dos novos perfís dixitais

  • Comeza unha nova edición do programa DigiTalent, que presentou esta semana o programa de actividades
  • Ofrece un ciclo de webinars sobre as novas tendencias tecnolóxicas, que se complementarán con titorías especializadas

O Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, inicia o curso cun novo catálogo de actividades que se abordaron esta semana nunha xuntanza de traballo presidida polo director da Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez Quelle, e na que tamén se fixo balance das 34 actuacións que se desenvolveron no curso 2020-2021.

O Plan, posto en marcha no 2018, ten por obxectivo reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral a través de tres eixes de actuación: o impulso ás vocacións STEM, a promoción de adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de e-líderes para a transformación dixital.

Nova edición do Programa Tecnólog@ por un día

Para espertar o interese polos estudos STEM entre os máis novos abrirase en breve o prazo para inscribirse no programa Tecnólog@ por un día, que ofrece a rapaces e rapazas de ata 17 anos a oportunidade de desfrutar dunha de xornada de inmersión en proxectos reais da man dos responsables de talento e profesionais sénior das empresas colaboradoras.

Como novidade, coa volta á presencialidade desta iniciativa, os nenos e nenas participantes, que realicen a súa visita na Amtega, terán a posibilidade de visitar as instalacións como o GaiásTech, onde realizarán actividades lúdico-formativas na sala inmersiva con imaxes 360º e lentes de realidade virtual.

Webinars para profesionais e mentorización na FP

No seu esforzo por continuar fomentado os novos perfís dixitais, esta nova edición de DigiTalent lanza un ciclo de Webinars TransformaTech Sessions, que afondarán en temáticas relativas á Industria 4.0 e tecnoloxías disruptivas ligadas ao Big Data, a ciberseguridade ou a Intelixencia Artificial. As xornadas estarán orientadas a todo tipo de profesionais que desexen especializarse neses ámbitos e contarán cun servizo de titorías online.

Doutra banda, a Amtega porá en marcha o Programa de Mentoring FP, no que alumnos e alumnas de Formación Profesional do ámbito STEAM contarán coa colaboración dunha rede de mentores que resolverán as súas inquedanzas laborais, orientarán as súas iniciativas emprendedoras e acompañaranos na identificación de saídas profesionais no ámbito tecnolóxico a través de sesións personalizadas.

Retorno do talento dixital galego

A Amtega ven de lanzar en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración o Portal Retorna Dixital, unha iniciativa dirixida aos galegos e galegas do sector TIC que se encontran no exterior e que desexan retornar á súa terra, ofrecéndolles oportunidades para comezar unha nova carreira profesional.

O Portal, activado no mes de setembro ao abeiro do Plan DigiTalent e enmarcado na web GaliciaAberta, é un espazo que facilita o encontro entre as empresas do sector TIC galego adheridas que buscan profesionais especializados e o talento dixital emigrado de Galicia. Ademais, o Portal dispón dun directorio de empresas que os profesionais interesados poderán consultar para contactar directamente. As ofertas de emprego poden consultarse en Retorna Digital | GaliciaAberta.

As empresas do Pacto Dixital continúan ampliando o Catálogo coas súas achegas

DigiTalent foi concibido coma un Plan vivo e conectado coa realidade galega para a xeración e retención de talento, unha iniciativa aberta á reflexión conxunta entre a Administración galega e os axentes do ecosistema dixital.

Neste compromiso compartido, a estas actuacións sumaranse, un ano máis, as iniciativas lideradas polas 12 empresas adheridas ao Pacto Dixital de Galicia, que colaboran coa Amtega no seu esforzo de impulsar os eixes estratéxicos do Plan e promover entre a cidadanía as capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no eido dixital.

06/10/202112:35
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Comeza en formato híbrido a edición 19 do foro GaliciaTIC

Este mércores 6 de outubro abre as súas portas a nova edición de GaliciaTIC. Farao ás 9.30 horas, no Auditorio da Cidade da Cultura, en Santiago, cunha mesa inaugural na que participan Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Fernando Guldrís, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Luis Álvarez Sestelo, presidente da Asociación de Empresarios de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), Fernando Vázquez Núñez, CEO de Imatia e Carlos Suárez, director xeral de Edisa, contando con Miguel Merino Gil, director de GaliciaTIC, en labores de moderador.

Na mesa avaliaranse os retos do sector da tecnoloxía, a innovación e a comunicación, “especialmente nun momento que non foi planificado e que obrigou a empresas, organizacións e traballadores a abordar situacións novas no contexto dun futuro incerto”.

Nova edición dun foro histórico

O histórico foro tecnolóxico GaliciaTIC, organizado pola asociación empresarial Ineo, chega á súa edición 19 entre o mércores e o xoves (6 e 7 de outubro) en formato mixto, a mañá do mércores na Cidade da Cultura e tanto a mañá como a tarde do mércores, así como o xoves, en formato en liña.

Reuniranse no marco do encontro empresas e profesionais do sector TIC e doutros ámbitos produtivos interesados en coñecer novidades tecnolóxicas para mellorar tanto a súa organización como a súa competitividade. O formato mixto (que permite combinar sesións presenciais e online), segundo lembra Ineo, xa foi aplicado con “gran éxito” na anterior edición: “Este modelo híbrido, que se impuxo o ano pasado polas circunstancias sanitarias, permitiu en 2020 duplicar a asistencia habitual ao superar os 450 participantes”, explica a asociación, engadindo que “os datos rexistrados na pasada edición animaron á organización de GaliciaTIC a continuar explorando esta exitosa fórmula”.

O programa inclúe relatorios maxistrais, mesas de debate, presentacións ou demostracións. Reunirá ao longo das dúas xornadas a representantes da chamada “tripla hélice da innovación”, ou sexa, a administración, a universidade e a empresa. Así, en GaliciaTIC intervirán representantes da Xunta de Galicia, dos Concellos de Santiago, Vigo e Xetafe, das Universidades de Santiago e Vigo, así como de empresas de diferente tamaño como son Oracle, Deloitte, Optare, Edisa, R, Imatia, Everis, Cinfo ou Orange, entre outras moitas. 

Programa

A axenda comezará o mércores ás 09.30 h. de forma presencial coa mesa inaugural, que versará sobre os desafíos que se presentan ao sector TIC, especialmente nun momento que non foi planificado e que empuxou a empresas, organizacións e traballadores a abordar unha dixitalización acelerada. Moderada por Miguel Merino, director de GaliciaTIC, a mesa contará con Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Fernando Guldrís, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); Carlos Suárez, director xeral de Edisa; Fernando Vázquez Núñez, director executivo de Imatia, e Luis A. Álvarez-Sestelo, presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo). A xornada continuará ás 10.00 h. da man de Senén Barro, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), que ofrecerá un relatorio maxistral sobre o futuro inmediato da Intelixencia Artificial. A partir de aí, o programa incluirá tanto o mércores como o xoves mesas temáticas sobre asuntos tan variados como o impacto das novas tecnoloxías no coidado dos nosos maiores, a ciberseguridade, a extensión da 5G en Galicia, as tecnoloxías Cloud Native e Realidade Aumentada ou as sinerxías tecnolóxicas e colaborativas, tanto na esfera público-privada como entre empresas.

O evento tamén contará con diferentes webinars que se poderán seguir por streaming. Por exemplo, Abel Fernández Ardura, de Leyton, centrará o seu nas axudas públicas para financiar proxectos de dixitalización; Juan Carlos Núñez Suárez, de Imatia, ofrecerá un sobre as claves da minería de procesos; e Alejandro Alonso Rodríguez, de Everis, impartirá o seu sobre ciberseguridade na Industria 4.0.

A última sesión antes do peche de conclusións dedicarase a diferentes casos de éxito empresariais na transformación dixital e á presentación da Oficina Acelera PEME, que xestionará Ineo até maio de 2023 tras ser seleccionada por Red.es para asesorar e impulsar a dixitalización de empresas do sur de Galicia (con sedes en Vigo en Ourense). Ineo, para a organización do GaliciaTIC, conta este ano co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Deloitte, Edisa, Everis, Imatia, Lifesize, Intergal, Leyton, Oracle, Orange, Inycom, R., CTI Consultores, Data Monitoring e Galvintec.

06/10/202108:36
Cartel da iniciativa.
Ribeira

A aula CeMIT de Ribeira achega en outubro novos cursos sobre eAdministración e ofimática

A aula CeMIT de Ribeira presentou o seu programa de formación gratuíta (formación en diferentes vertentes do ámbito dixital) para este mes de outubro. Serán, segundo informou o Concello, tres novos obradoiros de carácter presencial que abordan outros tantos ámbitos do plano tecnolóxico: o certificado dixital e a súa importancia para realizarmos trámites en liña coas administracións; as funcionalidades do editor de texto Write; e máis os usos e manexos das follas de cálculo (Calc). A inscrición pódese facer de xeito presencial na sede da aula CeMIT en Cubeliños (Ribeira) ou ben a través do seu sitio web.

Estes son os cursos en cuestión:

  • Certificado Dixital - Sede Electrónica: introdución ó uso da administración electrónica. Nivel medio. Impartirase do 13 ó 15 de outubro en horario de 10.00 a 12.00 e constará dun total de seis horas. A idade mínima para cúrsalo é de 16 anos. O prazo de inscrición abre o 5 de outubro. Hai 6 prazas dispoñibles.
  • Editor de textos Write: elaboración de documentos de texto a través do ordenador. Nivel medio. Impartirase do 18 ó 22 de outubro en horario de 9.30 a 11.00 e constará dun total de 7 horas e media. Non hai idade mínima para cursalo. O prazo de inscrición abre o 15 de outubro. Hai 8 prazas dispoñibles.
  • Folla de cálculo. Calc: capacitación no uso de follas de cálculo. Nivel medio. Impartirase do 25 ó 29 de outubro en horario de 9.30 a 11.00 e constará dun total de 7 horas e media. Non hai idade mínima para cursalo. O prazo de inscrición abre o 22 de outubro. Hai 8 prazas dispoñibles.
06/10/202108:24
Demostración do proxecto Tallk.
Santiago de Compostela

Samsung recibe do CPEIG o Premio e-Inclusión polo seu proxecto ‘Tallk’ que facilita a comunicación das persoas enfermas de ELA

  • A aplicación, baseada na tecnoloxía de seguimento ocular e na intelixencia artificial, traslada o movemento dos ollos a unha pantalla, accedendo a un teclado virtual que converte o texto en voz
  • Será homenaxeado na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio e-Inclusión da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” a Samsung Electronics Iberia, S.A.U. polo seu proxecto ‘Tallk’ destinado a facilitar a comunicación das persoas enfermas de ELA.

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñería en informática. Co Premio e-Inclusión, preténdese visibilizar o valor da tecnoloxía na integración social e o benestar de colectivos especialmente vulnerables.

A aplicación ‘Tallk’, impulsada por Samsung en colaboración coa Fundación Luzón e creada pola startup española IRISBOND, posibilita a comunicación a través da tecnoloxía de ‘Eye tracking’ -seguimento ocular- con tablets Samsung Galaxy en España e Portugal. Deste xeito, as persoas con mobilidade reducida e ausencia da linguaxe oral como os pacientes de ELA poden “falar” a través da mirada, contribuíndo a dotar de maior independencia ás persoas que sofren este tipo de patoloxías, así como a mellorar a súa calidade de vida e a dos seus coidadores e achegados.

A tecnoloxía de ‘Eye tracking’ de ‘Tallk’ utiliza a cámara da tablet para localizar as pupilas e certos puntos característicos do rostro. Posteriormente, a través dunha serie de algoritmos e intelixencia artificial, o software traduce o movemento dos ollos en movementos aproximados dentro da pantalla para acceder a un teclado virtual e converter en voz o texto introducido polo usuario.

Grazas a ‘Tallk’, as persoas poderán utilizar os seus ollos para escribir facendo uso dun teclado virtual preditivo e verbalizar despois o que escriben. Para unha maior axilidade no uso e na comunicación, a aplicación permite engadir frases á colección da persoa usuaria, de forma que poida acceder ás mesmas e verbalizalas en calquera momento de forma rápida e sinxela. Ademais, garda un histórico de frases usadas que permitirá utilizalas en calquera momento que se desexe.

Control dos electrodomésticos e sensores do fogar

O teclado permite tamén interactuar co asistente virtual por voz baseado na intelixencia artificial de Samsung, Bixby, para resolver distintas peticións, así como controlar dispositivos do fogar conectados -mediante unha aplicación de control remoto- como o televisor, os electrodomésticos ou sensores do fogar.

A aplicación ‘Tallk’ está desenvolvida para tablets Android Samsung Galaxy Tab compatibles. Pódese descargar de forma totalmente gratuíta nas tendas Galaxy Store e Play Store en España e Portugal. Actualmente, a aplicación está dispoñible en castelán e portugués.

A esclerose lateral amiotrófica (ELA) é unha enfermidade neurodexenerativa que afecta ás células nerviosas do cerebro e á medula espinal. Os pacientes perden progresivamente todo o control dos movementos musculares ata a morte por parálise completa. É 100% mortal con 1.000 casos novos por ano.

A Fundación Luzón, organización dedicada por completo á mellora das condicións coas que viven os pacientes con ELA e os seus familiares, conta coa colaboración de Samsung desde 2018 a través de diversas iniciativas co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre a ELA, visibilizar a enfermidade e promover a investigación para atopar unha cura. Froito desta colaboración, xurdiu a posibilidade de mellorar a vida dos pacientes de ELA a través da tecnoloxía. Para iso, Samsung contou con IRISBOND, compañía española especializada en solucións globais e innovadoras de ‘Eye tracking’ para persoas e empresas, que foi a encargada do desenvolvemento da aplicación.

Segundo Alfonso Fernández, Director de Marketing e Transformación Dixital de Samsung, o proxecto ‘Tallk’ obedece ao desexo da compañía de “crear iniciativas y soluciones innovadoras que contribuyan a mejorar la calidad de vida de las personas. Nuestra colaboración coa Fundación Luzón se enmarca en nuestro programa Tecnología con Propósito que incluye varios proyectos de Samsung para mejorar la vida de las personas rompiendo barreras a través de la tecnología y que se materializa en tres pilares: educación y cultura; empleabilidad y emprendimiento; y bienestar y accesibilidad. En este caso, nuestro principal objetivo es mejorar el bienestar de los pacientes de ELA y esta aplicación les permitirá comunicarse y vivir una vida más independiente”.

04/10/202118:37
Presentación do curso de ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A Xunta e o Centro Cripotolóxico Nacional forman a empregados públicos das diferentes administracións en ciberseguridade

  • Hoxe comeza na Escola Galega de Administración Pública a primeira edición do Curso superior de Ciberseguridade con preto de 100 horas lectivas para profesionais do ámbito tecnolóxico da administración autonómica, deputacións e concellos
  • Enmárcase nas actividades do Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns, empresas e administracións públicas en materia de ciberseguridade
     

Medio cento de empregados públicos da Administración autonómica, concellos e deputacións participan desde hoxe e ata o vindeiro 14 de decembro no primeiro Curso Superior de Ciberseguridade, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro Criptolóxico Nacional.

O curso, que ofrece preto de 100 horas lectivas en formato semipresencial, busca proporcionar aos empregados das diferentes administracións públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso e ofrecer unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.

A xornada de inauguración, celebrada esta tarde, contou coa intervención da directora da Amtega, Mar Pereira; a directora da EGAP, Sonia Fernández-Campos; e o xefe da Área Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional, Pablo López.
A responsable da Axencia autonómica destacou que o fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade é unha prioridade do Goberno galego e, de aí, que Galicia fora a primeira comunidade en poñer en marcha unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade, o Nodo de Ciberseguridade galego, CIBER.gal
Mar Pereira sinalou que se está a traballar para ampliar a carteira de servizos de ciberseguridade de CIBER.gal tanto para sector público autonómico como para a Administración local e outras administracións públicas, a cidadanía e o tecido empresarial, en particular pemes e autónomos. Ademais, a directora da Amtega avanzou que está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que aglutinará a prestación destes servizos especializados.

Por outra banda, a directora da EGAP lembrou a importancia da formación nun contexto tan complexo e cambiante, incidindo en que ante as novas ameazas xurdidas co avance da administración telemática, unha das mellores ferramentas das que dispoñemos para defendernos é contar cun persoal especializado e preparado para salvagardar a confianza da cidadanía nos servizos dixitais.

Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos incidiu na necesidade de fomentar a existencia de perfís profesionais cualificados neste eido para o sector público, motivo polo cal dende a Escola se ofertan dende hai anos actividades específicas en materia de seguridade da información dixital, dirixidas tanto ao persoal empregado público en xeral coma a perfís máis técnicos.

Nodo CIBER.gal

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal foi constituído en xullo de 2020 como un espazo de cooperación público privado no campo da ciberseguridade e fundado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro Deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia. Desde entón, sumáronse ao nodo máis de 30 entidades privadas e as tres universidades galegas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS