main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/10/202107:57
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Compostela Monumental achega formación en TIC, redes sociais e marca persoal

Asociación de Comerciantes e Empresarios Compostela Monumental anunciou que levará a cabo, a partir deste 18 de outubro, unha actividade formativa directamente encamiñada a favorecer a empregabilidade a través da formación tecnolóxico-dixital. O curso TIC, redes sociais e marca persoal celebrarase por medio da aula en liña da asociación, a Aula Compostela Monumental.

Esta acción formativa do Programa Integrado de Emprego que organizan conxuntamente a patronal do centro histórico e a Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia prolongarase até o día 29 de outubro cos seguintes contidos: 

  • Módulo 1. Redes sociais: tipos, características e usos. 
  • Módulo 2. A procura de emprego a través das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e as redes sociais. 
  • Módulo 3. Xestión da marca persoal nas redes. 

En total son 15 horas de formación en liña para os/as integrantes do Programa Integrado de Emprego de Compostela Monumental 2020/2021.

13/10/202114:23
Drons.
Santiago de Compostela

A Xunta convoca por primeira vez axudas para facilitar a actualización informática das organizacións profesionais e asociacións agrarias

  • O DOG publica hoxe a correspondente orde da Consellería do Medio Rural, dotada con 150.000 euros
  • Os interesados teñen un mes dende mañá para presentar as súas solicitudes

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras -e se convocan para o ano 2021- das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións do sector para a adquisición e mantemento dos bens informáticos e dos medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades.

A medida, que é a primeira vez que se convoca e que está dotada cun orzamento de 150.000 euros, ten como finalidade favorecer a actualización informática das organizacións profesionais e asociacións agrarias. A contía das axudas será do 50% dos custos subvencionables, cun límite máximo de ata 30.000 euros para as organizacións profesionais e de ata 15.000 euros no caso das asociacións.

Os interesados nestas subvencións teñen un prazo de un mes dende mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para presentar as súas correspondentes solicitudes.

13/10/202111:44
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CPEIG e a Amtega inician mañá o programa Ciberseguranza Kids para que os máis novos adquiran valores na esfera dixital e límites para un uso seguro da Internet

  • Realizaranse dezaseis visitas a centros educativos das catro provincias galegas no mes de outubro dirixidas a escolares de sete a doce anos
  • Un contacontos explicará de maneira dinámica e participativa os perigos da rede e conceptos da ciberseguridade

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inician hoxe mércores, 13 de outubro, a actividade Ciberseguranza Kids, unha iniciativa enmarcada no convenio de colaboración asinado polo CPEIG e a Amtega para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia.

O obxecto da actividade, destinada a estudantes de entre sete e doce anos, é explicarlles que é a ciberseguridade a través dun contacontos dinámico e participativo. A era dixital abre un mundo de posibilidades que require dun bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Esta iniciativa achega aos máis novos valores e oportunidades na esfera dixital, pero tamén as normas e límites para un uso seguro da Internet. Ademais, esta iniciativa comprenderá a publicación do conto en dixital para a súa difusión permanente.

O contacontos “Ciberserguridade con Sofía” mestura narración e ilustración. É unha historia na que se conta dun xeito lúdico ao alumnado os perigos da rede e da ciberseguridade. Tras o conto, o alumnado poderá preguntar dúbidas sobre a temática. A actividade finalizará cun obradoiro de debuxo guiado no que se seguirán as indicacións do ilustrador.

Realizaranse visitas a centros escolares das catro provincias galegas [Lugo: Antas de Ulla, Guitiriz, O Saviñao, e Portomarín; Pontevedra: Ribadumia, Barro, Catoira e Pontevedra; A Coruña: Zas, Ribeira, Santiso e Vimianzo; e Ourense: O Carballiño, Ourense, Ribadavia e Barbadás]. 

Visitas Ciberseguranza Kids

  • 13 de outubro
    • Santiso. CEIP Santiago. 13 horas 
    • Antas de Ulla. CEIP Antas de Ulla. 14:40 horas
  • 14 de outubro 
    • Pontevedra. CEIP Álvarez Limeses. 8:45 horas
    • Barro. CEIP Amor Ruibal. 13 horas
  • 15 de outubro
    • O Carballiño. CEIP Calvo Sotelo. 13 horas
    • Ribadavia. Escolares dos centros educativos do Concello. Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia horario. 9:15 horas
  • 18 de outubro
    • Escairón (O Saviñao). CEIP Escairón (pendente confirmación horario)
    • Portomarín. CEIP Portomarín (pendente confirmación horario)
    • Guitiriz. CEIP Plurilingüe Lagostelle (pendente confirmación horario)
  • 20 de outubro
    • Zas. CEIP Zas (pendente confirmación horario)
    • Vimianzo (pendente confirmación centro e horario)
  • 21 de outubro
    • Ribeira. CEIP Frión (pendente confirmación horario)
    • Catoira. CPI Progreso (pendente confirmación horario)
    • Ribadumia. CPI Julia Becerra (pendente confirmación horario)
  • 25 de outubro
    • Barbadás. CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro (pendente confirmación horario)
    • Ourense. Colexio Plurilingüe Luis Vives (pendente confirmación horario)
13/10/202108:03
Cartel da iniciativa.
As Pontes

O 23 de outubro temos unha cita co FreeCAD da man dos Amigus Labs

A Asociación Amigus vai celebrar nas Pontes un novo obradoiro argalleiro, aberto, participativo e creativo, abeirado ao seu programa de actividades Amigus Labs, patrocinados pola Xunta de Galicia. Desta volta, trátase do Obradoiro de modelado 3D con FreeCAD. Será unha cita para nenas e nenos maiores de 10 anos e adultos a desenvolver o vindeiro 23 de outubro.

Segundo indican dende a asociación, FreeCAD é unha das ferramentas de referencia no mundo maker para a creación e modelado de pezas en 3D, amais de ser totalmente libre (e de balde). Por outra banda, alcanzou o seu máximo apoxeo gracias á popularización das impresoras 3D, ó alcance xa, na actualidade, de calquera persoa. Trátase a maiores dunha ferramenta multiplataforma, polo que poderemos usala de maneira indistinta en calquera computador con todo tipo de sistemas operativos, Windows, Linux ou OSX.

Amigus fará unha introducción dende cero a esta ferramenta (a cargo do argalleiro Miguel) para iniciar aos participantes nas súas posibilidades e comezar a crear as súas primeiras pezas. O obradoiro será totalmente práctico e está pensado para que as persoas asistentes saian do taller con coñecementos prácticos que lles permitan facer as súas propias creacións, cunha mínima base que “lles permita seguir aprendendo e evolucionando”, explicou Amigus. Tedes toda a información e inscrición na web da asociación tecnolóxica das Pontes.

13/10/202107:57
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Os enxeñeiros de Telecomunicación distinguirán as mellores prácticas TIC da nosa terra o 22 de outubro en Santiago

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021, que serán entregados o vindeiro 22 de outubro nun acto no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Trala pausa motivada pola pandemia, os Enxeñeiros de Telecomunicación retomaron a convocatoria que distinguirá, nunha nova edición, o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) galego por parte de diferentes persoas e empresas.

En total, entregaranse seis premios. O primeiro deles, o Premio Enxeñeiro do Ano 2021 recoñece a traxectoria de María Encarnación Baltar. O xurado tivo moi en conta que foi a primeira muller española graduada como enxeñeira na Universidade de Caracas, e a súa traxectoria á fronte de Eventyam Ingenieros S.L avala o seu perfil para o premio. Xunto a isto, o xurado destacou que María Encarnación Baltar “converteuse nunha referencia nacional no difícil sector de medidas de campos electromagnéticos con traballos pioneiros en toda España, o que para o xurado foi determinante á hora de lle conceder o galardón”. 

O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que salienten pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distingue o labor do Centro Tecnolóxico Gradiant. Como razóns determinantes desta distinción, o xurado tivo en conta o feito de que Gradiant é un centro tecnolóxico de referencia en Galicia, pioneiro no desenvolvemento de proxectos de vangarda e con importante representación do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación. 

Pola súa banda, o Premio Axians 2021 á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación recae este ano na Universidade de Vigo. O xurado valorou como razóns determinantes desta distinción á Universidade de Vigo a súa aposta polas infraestruturas TIC dentro do seu Plan Estratéxico 2021- 2026 para promover a transformación dixital da Universidade. Potenciar a ensinanza virtual, o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e a expansión e o emprego das TIC no ámbito da docencia constitúen tamén motivos que fixeron á Universidade de Vigo merecente deste galardón. 

Pola súa banda, o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola axencia autonómica AMTEGA, recae este ano no proxecto Escoita 5G. Esta distinción vén motivada pola vocación de utilidade social do proxecto, concibido para mellorar problemas de persoas con dificultades sensoriais. Dende un punto de vista técnico, o proxecto destaca a importancia das características diferenciais da 5G fronte á 4G e a capacidade de comunicación con moi baixa latencia. Finalmente, outorgaranse dous premios por parte do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación para recoñecer aos mellores expedientes académicos 2019/2020 e 2020/2021 do Mestrado de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os premios foron outorgados a Moisés Rubén Pacheco e Marcos Martínez, respectivamente.

Sobre a Noite

Con posterioridade ao acto de entrega de premios, no mesmo Hotel Oca Puerta del Camino desenvolverase a Noite Galega das Telecomunicacións, que se concibe, en palabras da organización, “como un relevante acto de networking por parte dos profesionais do sector” e nel está previsto que participen arredor de 200 persoas, principalmente representantes de destacadas entidades, organizacións, profesionais e empresas do ámbito tecnolóxico-dixital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS