main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/10/202109:51
Tecnoloxías avanzadas.
Santiago de Compostela

A Xunta publica a licitación do acordo marco para mobilizar 30 millóns de euros en solucións baseadas en tecnoloxías avanzadas

  • A plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou o venres a licitación do acordo marco para contratos do sector público galego de servizos que requiran da aplicación de tecnoloxías disruptivas
  • O acordo marco permite a contratación de servizos por un importe global de 30 millóns de euros por parte da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e entidades públicas
  • O acordo marco englóbase no programa GobTech para o impulso de tecnoloxías avanzadas no sector público
  • Os contratos derivados deste acordo marco afrontarán retos identificados na Estratexia Galicia Dixital 2030 para a transformación dixital da Comunidade Autónoma en todos os ámbitos
  • Os 30 millóns de euros deste acordo súmanse aos máis de 118 millóns estimados nos 10 acordos marco publicados no que vai de ano para a transformación dixital de Galicia

A plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación do acordo marco para seleccionar a provedores de tecnoloxías disruptivas, aos que poderán recorrer todos os departamentos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e as entidades públicas.

A convocatoria, que fora aprobada polo Consello de Goberno do pasado día 14 de outubro, establece as bases para o acordo marco de servizos de desenvolvemento de solucións dixitais e a súa implantación que impliquen a introdución de tecnoloxías disruptivas no ámbito do sector público autonómico. O acordo marco permitirá a contratación de servizos por un importe global estimado de 30 millóns de euros.

O acordo marco permitirá á administración afrontar os retos identificados nos 7 eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 e suporá o desenvolvemento do eixo transversal, que promove a especialización tecnolóxica de Galicia e o reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou o 5G.

Este acordo marco forma parte do programa GobTech, que impulsa o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público.

Cada un dos contratos terá un valor mínimo de 1 millón de euros e contará cunha fase de proba e demostración e outra de implantación, unha vez demostrada a súa viabilidade.

A fase de proba de concepto, ou piloto incluirá o servizo de desenvolvemento e demostración no que se involucre dunha forma limitada ás potenciais persoas usuarias co obxecto de valorar a súa viabilidade nunha contorna real pero acoutada, e determinarase se pode ser convinte pasalo á fase definitiva.

Unha vez demostrada a viabilidade da proba de concepto ou proxecto piloto evolucionarase o servizo cara á súa implantación definitiva, se se axusta aos criterios de pase a esta fase establecidos anteriormente no contrato derivado, o que implica o despregamento da solución a escala global para a prestación do servizo na contorna real.

Os retos aos que deberán dar resposta os contratos amparados neste acordo marco serán identificados e concretados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Deberán axustarse a algún dos ámbitos que definen os sete eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030: Goberno e Administración Intelixentes; Sociedade Dixital e Inclusiva, Contorna Dixital para a Saúde e o Benestar Social; Territorio Intelixente, Verde e Resiliente; Conectividade Dixital do Territorio: Cultura e Turismo Intelixentes ou Economía Dixital e Sustentable.

Poderán formar parte deste acordo marco un máximo de 10 empresas ou consorcios de empresas, que serán as que obteñan as maiores puntuacións no procedemento de adxudicación. Estas empresas presentarán as propostas para a realización dos contratos baseados, que terán unha duración máxima de tres anos sen posibilidade de prórroga.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia se encargará da xestión dos procedementos de contratación en nome de todas aquelas consellerías e entidades do sector público autonómico que participen no desenvolvemento da estratexia Galicia Dixital 2030 e no acordo marco.

Os contratos poderán ser financiados conxuntamente pola Amtega e os departamentos ou entidades que participen na iniciativa, ou ser financiados na súa totalidade por os ditos departamentos ou entidades.

Acordos marco para a transformación dixital

Ao longo de 2021, a Xunta de Galicia convocou 10 acordos marco relacionados co proceso de transformación dixital, que suman uns importes estimados de máis de 118 millóns de euros, aos que haberá que sumar os 30 millóns de euros estimados no acordo aprobado hoxe.

Este instrumento de contratación foi adoptado para contratos relacionados con equipamentos, infraestruturas, plataformas ou ciberseguridade, entre outros. E está previsto para outros aspectos, como a automatización da administración ou os servizos cloud. Os acordos marco son un dos instrumentos impulsados pola Xunta de Galicia para axilizar a contratación pública para a execución dos fondos dos plans de recuperación e resiliencia.

22/10/202114:40
Evento Mo_cidade 2021.
Santiago de Compostela

Mo_Cidade 2021 consolídase como espazo referente para a xuventude ao reunir a máis de 200 mozos de toda Galicia arredor da creación audiovisual, o emprendemento, a cultura e a tecnoloxía

  • Recibíronse máis de 300 solicitudes en tan só unha semana para acudir ao evento, pero debido ás limitacións de aforo soamente puideron asistir 200 persoas procedentes de distintos puntos da xeografía galega
  • A segunda xornada da cita ofreceu conferencias sobre tecnoloxía e videoxogos, influencers e novas plataformas, o sector audiovisual e a cultura e o Xacobeo

O evento Mo_cidade 2021, posto en marcha pola Xunta de Galicia, clausura hoxe a súa segunda edición e ratifícase como espazo referente para a xuventude galega ao reunir a máis de 200 mozos e mozas arredor da creación audiovisual, o emprendemento, a cultura e a tecnoloxía. Nesta segunda e última xornada, que se puido seguir por streaming a través da canle de Youtube de Xuventude, a cita ofreceu conferencias sobre tecnoloxía e videoxogos, influencers e novas plataformas, o sector audiovisual e a cultura do Xacobeo.

A programación no día de hoxe comezou con dúas mesas redondas. Unha delas sobre tecnoloxía e videoxogos, que contou coa participación de, entre outros, Jaime García Cantero, director de contidos de El País Retina, e Roberto Yeste, director de negocio de Playstation Iberia.

A segunda mesa centrou o tema nos influencers, plataformas e novas canles de comunicación, na que se contou coa responsable de asuntos públicos de Tik Tok Iberia, Yasmina Laraudogoitia e, posteriormente, co humorista Xurxo Carreño e a blogueira Cristina Cerqueiras, moderados pola xornalista Esther Estévez. Así mesmo, a mañá pechou cunha conferencia sobre hábitos de vida saudables coa participación de representantes, xogadores e xogadoras do R.C. Celta de Vigo e do R.C. Deportivo de A Coruña.

Pola tarde continuarán as conferencias, centradas esta vez no potencial de Galicia como creadora audiovisual, na que se conta coa presenza do director de cine Oliver Laxe, a guionista Raquel Arias e as actrices María Mera e Déborah Vukusic, moderados pola xornalista Marta Gómez. De seguido, Manuel Gago, director de culturagalega.gal, escritor e profesor universitario falará da cultura na comunidade, o Xacobeo e as oportunidades que ofrece. Xa para terminar, igual que na xornada do venres, celebraranse concertos a cargo de Marem Ladson e Oh! Ayatollah.

Media de idade de 23 anos

A Cidade da Cultura acolleu esta cita, para a que se recibiron máis de 300 solicitudes en tan só unha semana, pero debido ás limitacións de aforo unicamente puideron asistir presencialmente 200 persoas procedentes de distintos puntos da xeografía galega, que contaron con aloxamento e almorzo gratuíto no Monte do Gozo. A medida de idade dos participantes foi de 23 anos.

Durante os dous días de Mo_cidade 2021 púxose á disposición de participantes multitudes de actividades que lles permitiron enriquecer o coñecemento, adentrarse en eidos puxantes como as novas plataformas de comunicación e coñecer o traballo de mozas e mozas, que coma eles e elas, achegan moito á sociedade actual.

Deste xeito, celebráronse un total de 9 charlas e mesas redondas temáticas durante o encontro, preto de 30 relatores compartiron cos participantes a súa experiencia, tiveron lugar 4 concertos de artistas novos galegos, serviu de sede para a Liga Xunta de Galicia de Break, que se celebrou ao longo deste sábado, e acolleu dúas finais do programa Xuventude Crea: Videocreación e Creación de Videoxogos.

A maiores disto, durante todo o evento dez asociacións xuvenís mostraron o seu traballo en stands divulgativos. Estiveron presentes as seguintes entidades: Asociación Xeración de Ferrol; Federación de Centros Xuvenís Don Bosco, de Santiago de Compostela; Ocionautas, de A Estrada; ASDE Scouts de Galicia, de A Coruña; ValoreSC Innovation, de Ourense; Cooperación Internacional, de Santiago de Compostela; Amicos, de Boiro; Simbiose, de A Coruña; Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso; e mozos galegos que forman parte do programa europeo Embaixada do Diálogo coa Xuventude.

22/10/202113:09
Moza usando un smartphone.
Santiago de Compostela

O Nodo de Ciberseguridade de Galicia convoca un concurso dirixido a escolares, xa que son vítimas de 3 de cada 20 ciberdelitos denunciados

  • A convocatoria está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO, e o prazo de inscrición para participar estará aberto ata o 29 de outubro
  • O obxectivo do concurso e concienciar as persoas menores sobre os riscos aos que se enfrontan cando empregan as tecnoloxías dixitais e axudarán a que poidan identificar e previr os posibles ataques
  • O Nodo celebrará os días 10 e 11 de novembro o Encontro Galego de Ciberseguridade na Cidade da Cultura

O Nodo de Ciberseguridade de Galicia, promovido pola Xunta, convocou un concurso dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO con obxectivo de concienciar as persoas menores sobre os riscos aos se enfrontan no uso de tecnoloxías dixitais.

Os corpos policiais rexistraron 287.963 ciberdelitos en España no ano 2020, un 32% máis que o ano anterior, dos cales 14.632 foron denunciados na Comunidade Autónoma de Galicia. A nosa comunidade sitúase na sétima posición das autonomías máis afectadas polos ciberdelitos, e A Coruña e Pontevedra entre as vinte provincias nacionais onde máis feitos cibercriminais se denunciaron.

O perfil das vítimas non deixa de lado aos menores de idade. Un total de 3.427 ciberdelitos foron dirixidos a este colectivo en España. Os delitos sexuais a través do uso das tecnoloxías dixitais e as ameazas e coaccións son os grupos penais que encabezan a tipoloxía de ciberdelitos denunciados dirixidos aos menores.

Para afrontar esta situación, a Xunta de Galicia promoveu a creación do Nodo galego de Ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade fundada pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as catro deputacións galegas, a FEGAMP, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) e o Centro Criptolóxico Nacional (CCN).

Un dos obxectivos fundamentais deste nodo é concienciar sobre a importancia da ciberseguridade, motivo polo que organiza o Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal os días 10 e 11 de novembro de 2021 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Neste encontro, ademais doutras actividades destinadas tanto ao tecido empresarial, como á cidadanía e á administración pública que se poden consultar no programa, celébrase o Concurso Ciberseguridade no cole!, co obxectivo principal de concienciar ao alumnado sobre os riscos aos que se enfrontan cando empregan os medios dixitais. Esta iniciativa foi promovida por Telefónica no marco deste encontro.

O concurso conta cunha fase clasificatoria en liña e unha final presencial, e para participar é preciso inscribirse neste formulario antes o 29 de outubro ás 12:00h.

21/10/202108:24
Un mozo do programa Tecnólog@ por un día atende as explicacións dunha profesional TIC.
Santiago de Compostela

A Amtega pon en marcha a quinta edición do programa ‘Tecnólog@ por un día’, con máis de 60 prazas para estudantes de 12 a 17 anos

  • Desde hoxe e ata o 3 de novembro os docentes dos centros educativos poden inscribir aos seus alumnos e alumnas no programa
  • Os participantes compartirán unha xornada de traballo con profesionais das empresas tecnolóxicas que colaboran na iniciativa
  • A esta actividade súmanse outras dúas, Ciberseguranza Kids e Encontros con profesionais TIC, ambas iniciativas do Plan DigiTalent para fomentar as vocacións tecnolóxicas ente os máis pequenos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon en marcha unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que volve a ofrecer a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar, en primeira persoa, unha xornada laboral con profesionais das empresas do sector TIC en Galicia. A iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia DigiTalent.

Nesta edición, retómase a presencialidade do programa e ofreceranse 66 prazas, grazas a colaboración de 6 empresas tecnolóxicas que, xunto coa Amtega, posibilitarán a experiencia de acoller a “Tecnólog@s por un día”: Altia, DXC Technology, everis, Inetum, Satec, Corporación Televés.

A quinta edición, avalada polo éxito das anteriores, brindará aos participantes unha xornada de inmersión na realidade do traballo de profesionais do sector TIC, que compartirán os seus proxectos, ferramentas e coñecemos cos participantes, resolverán inquedanzas vocacionais e darán a coñecer as capacidades que demandan as empresas do sector.

Un ano máis, máis tecnólog@s

Ata o 3 de novembro permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar da actividade, cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada grupo de idade por cada empresa colaboradora no programa, así coma a súa localización.

Na mesma web tamén se atopa dispoñible a documentación de referencia para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras coñezan todos os detalles da actuación e aclaren calquera dúbida que poidan ter.
Unha vez finalizado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo, e a continuación serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e horario da xornada que resulte conveniente para ambos os dous.

Durante os meses de novembro e decembro, as entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos participantes, que poderán coñecer así de primeira man as dinámicas das profesións TIC, e participar directamente en actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.

Nova edición de DigiTalent, con actuacións dirixidas á infancia e á adolescencia

A nova edición do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022 segue a poñer o foco en desenvolver iniciativas que esperten as vocacións científico-tecnolóxicas desde idades temperás.

Neste senso, o catálogo do Plan activa novas actividades neste outono para impulsar o talento dixital entre os máis pequenos: Ciberseguranza Kids e Encontros con profesionais TIC, dúas iniciativas impulsadas pola Amtega en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) enmarcadas nun convenio subscrito para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia.

Ciberseguranza Kids, difundindo a ciberseguridade entre os máis pequenos

Ciberseguranza Kids busca difundir o uso seguro de internet entre nenos e nenas de entre 3 e 12 anos a través do contacontos “Ciberseguridade con Sofía”.

A actividade está a percorrer máis de 15 centros escolares das catro provincias galegas e rematará coa publicación do conto en dixital para a súa difusión permanente.

Nova edición de Encontros con Profesionais TIC

Ademais, xa está en marcha o programa Encontros con profesionais TIC, que ofrece aos rapaces e rapazas de 6 a 18 anos encontros en streaming con profesionais do ámbito tecnolóxico aos que lles poden formular as súas preguntas e inquedanzas sobre temas como a intelixencia artificial, o desenvolvemento de software ou a informática na saúde.

Toda a actualidade sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web Digitalent, que ofrece información actualizada sobre as datas, localizacións e instrucións para a participación sobre as actuacións a medida que estea dispoñible.

20/10/202111:37
Mans usando un smartphone.
Oleiros

Oleiros organiza un curso de manexo de móbiles para maiores de 60 anos

Concello de Oleiros abriu o prazo de inscrición para un curso de manexo de móbiles de 30 horas dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas no termo municipal. A oferta deste obradoiro está enmarcada dentro do programa de Alfabetización dixital organizado desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade.

Nestes cursos aprenderase de “forma práctica, amena e guiada” a utilizar e aproveitar as posibilidades que ofrecen os smartphones, proporcionando benestar persoal, ocupando o tempo de lecer e a súa relación co entorno. A persoa participante desenvolverá habilidades básicas no manexo de móbiles, aplicando as novas tecnoloxías á súa vida, axeitándoas ás súas necesidades e desenvolvendo a capacidade de seguir aprendendo por si mesmo.

As inscricións serán a través da web municipal, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites en liña, ata as 20:00 horas do 22 de outubro. Para calquera aclaración, as persoas interesadas poden poñerse en contacto con Servizos Sociais e Igualdade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS