main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

05/11/202114:50
Mar Pereira no Parlamento de Galicia.
Santiago de Compostela

A Xunta destinará en 2022 máis de 209 millóns de euros á transformación dixital, cun incremento dun 80% con respecto aos anos previos á pandemia

  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, compareceu hoxe ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos e destacou que as contas para 2022 permiten avanzar na transformación dixital de Galicia nun momento clave para a recuperación económica
  • Dedicaranse máis de 50 millóns de euros á modernización dos servizos públicos como a educación, os servizos sociais, ou o emprego
  • A Axencia destinará preto de 12 millóns de euros a impulsar a dixitalización dos sectores produtivos, como o turismo e a cultura, o medio rural, o mar ou o transporte
  • A Administración dixital avanzará na robotización e no novo modelo de posto dixital do empregado público adaptado ao teletraballo e á mobilidade
  • Os orzamentos permitirán iniciar a construción de infraestruturas clave, como o Centro de Ciberseguridade de Galicia ou o Data Center de alta seguridade

A Xunta destinará en 2022 uns orzamentos de máis de 209 millóns de euros para a transformación dixital a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o que implica un incremento de un 8 por cento con respecto a 2021 e dun 80 por cento con respecto a 2020.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, compareceu está mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos para explicar o destino dunha contas que, dixo, permitirán avanzar na transformación dixital de Galicia “nun momento que será clave na recuperación económica e na consecución dun desenvolvemento sustentable, tanto a nivel económico como social e medio ambiental”.

Neste sentido, destacou os capítulos de investimento, que suman 165,7 millóns de euros e que “permitirán continuar co impulso emprendido no ano 2021 cara á transformación dixital a través dos plans e programas que desenvolve a Axencia cos diferentes departamentos da Xunta.

Mar Pereira destacou que, ademais de contar co financiamento, “é tanto ou máis importante ter claro onde queremos ir e como o queremos facer”. Neste sentido, destacou tres liñas estratéxicas principais, destinadas a “posicionar a Galicia na década dixital que impulsa Europa”. Citou, neste sentido, a Estratexia Galicia Dixital 2030, a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e o novo Marco Galego de Competencias Dixitais

A directora da Axencia referiuse a cinco eixos principais de actuación: Unha administración do século XXI; uns servizos públicos dixitais, un territorio intelixente, sostible e conectado; o reforzo das infraestruturas e a conectividade, e as competencias e talento dixital.

Unha administración do século XXI

As actuacións para o modernización da administración, incluídas facenda pública e a Xustiza, suman investimentos de preto de 39 millóns de euros.

Estas partidas permitirán afrontar a robotización para a automatización dos procesos administrativos, así como avanzar no novo modelo de posto de traballo para o persoal empregado público nun contexto de teletraballo e mobilidade.

En canto á transformación dixital da facenda pública, a Xunta mellorará e facilitará a relación co contribuínte cunha atención personalizada, proactiva e multicanle e implantará técnicas de intelixencia artificial e analítica avanzada na loita contra o fraude.

O orzamento para a dixitalización da Xustiza ascende a 7 millóns de euros, que permitirán avanzar na consecución do expediente dixital íntegro, así como nos medios e servizos de acompañamento á cidadanía e ás vítimas.

Uns servizos públicos dixitais

A transformación dos principais servizos públicos suma investimentos de máis de 50 millóns de euros.

No ámbito da educación, estes investimentos permitirán acadar en 2022 o obxectivo de que todo o alumnado entre primeiro de Primaria e segundo de Bacharelato dispoña de aulas dixitais, así como ampliar o uso do libro dixital e mellorar la conectividade dos centros.

O impulso da dixitalización dos servizos sociais permitirán poñer en marcha as primeiras medidas do novo Modelo Dixital de Atención Sociosanitaria no ámbito residencial, que inclúe a universalización no acceso por parte dos profesionais ao sistema de historia clínica electrónica.

Impulso para a dixitalización dos sectores económicos

Por outra banda, destinaranse 4,8 millóns de euros a iniciativas relacionadas co turismo e a Cultura, como a posta en marcha do modelo de Galiciana Semántica, o incremento dos contidos dixitalizados ou a ampliación do sistema de xestión do catálogo de patrimonio.

No ámbito do turismo, continuarase coa posta en macha do sistema de información baseado en big data, nas iniciativas de sensorización en recursos turísticos e no desenvolvemento de medios dixitais para as oficinas de turismo.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia xestionará preto de 12 millóns de euros ao Medio Rural e ao Mar para continuar co desenvolvemento de poxas electrónicas e trazabilidade a través de tecnoloxía blockchain para mercados como o da madeira ou os produtos do mar. Entre outras actuacións, tamén se porá en marcha un novo sistema de xestión para as explotacións agrarias.

Destinaranse, así mesmo, máis de 2 millóns de euros ao Plan e-mobility, con actuacións como a oficina virtual do transporte ou o uso da tecnoloxía big data para analizar os patróns da mobilidade.

Territorio intelixente, sostible e conectado

Os orzamentos de 2022 permitirán a posta en marcha do proxecto Territorio Intelixente, cunha dotación de preto de 8 millóns de euros. A Xunta disporá dunha plataforma con base cartográfica que permitirá unha xestión do territorio avanzada e con datos a tempo real.

Por outra banda, desenvolverase a plataforma dixital urbanística de Galicia para modernizar o proceso de tramitación dos instrumentos de planeamento entre todos os axentes implicados.

Reforzo das infraestruturas e conectividade

A Xunta de Galicia incidirá tamén en 2022 no fortalecemento das infraestruturas dixitais para garantir a dispoñibilidade dos servizos públicos. Entre as actuacións destaca a posta en marcha do novo Data Center de alta seguridade.

Tamén se reforzará a ciberseguridade co inicio da obra do Centro de Ciberseguridade de Galicia e a posta en marcha de novos servizos para as administracións, as empresas e a cidadanía.

Os orzamentos permitirán tamén financiar actuacións que complementan a competencia estatal de despregamento de redes. entre as que se atopan unha iniciativa para mellorar a cobertura móbil en zonas illadas da Comunidade e unha actuación para dotar de servizos de banda larga ultrarrápida e empresas que se atopan en zonas pouco comunicadas do rural, cunha dotación de 3,4 millóns de euros.

As partidas do marco de recuperación e resiliencia que son transferidas a Galicia polo Estado permitirán dedicar 2,8 millóns de euros á mellora da conectividade con banda larga en polígonos industriais e centros públicos, así como o apoio mediante bonos dixitais para a contratación de servizos de banda larga dirixidos a colectivos vulnerables.

As partidas dos fondos europeos dedicadas á mellora da cobertura, tanto de fibra como de 5G, serán xestionadas de xeito centralizado por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais e a Estratexia de Impulso ao Desenvolvemento das Tecnoloxías 5G.

Competencias e talento dixital

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destinará 4,7 millóns de euros á posta en marcha do Marco Galego de Competencias Dixitais, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022. Estableceranse os mecanismo de formación e acreditación, nos que participarán entidades colaboradoras, e acometerase un plan de reforma e ampliación da rede de aulas CeMIT, como instrumento esencial para lograr o obxectivo de que en 2025 o 70 por cento da poboación teña competencias dixitais básicas.

05/11/202106:00
Momento da doazón.
Santiago de Compostela

Dúas asociacións poderán reforzar a formación dixital que ofrecen grazas á colaboración de NTT DATA no programa de Voluntariado Dixital impulsado pola Amtega

  • As asociacións de veciños Álvaro Cunqueiro, de Santiago, e Sampaio de Lampai, da localidade de Teo, recibiron onte 27 ordenadores portátiles doados pola empresa NTT DATA cos que poderán reforzar o apoio tecnolóxico que proporcionan á veciñanza a través da capacitación dixital, prestación de equipos a rapaces e rapazas, etc.
  • O apoio prodúcese no seo do Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX) que aglutina esforzos para lograr a plena capacitación dixital de toda a cidadanía.

Coa recepción destes equipos, entregados pola consultora multinacional de negocio NTT DATA —antes everis—, as dúas asociacións poderán reforzar as súas liñas de traballo para achegar a tecnoloxía a toda a cidadanía, especialmente aos colectivos con máis dificultades. Trátase dun dos obxectivos básicos do Programa de Voluntariado Dixital VOLDIX, unha das moitas liñas de acción que impulsa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, para lograr a capacitación dixital de toda a poboación.

Grazas a esta desta doazón, a Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro, do barrio Vista Alegre de Santiago, recibiu 20 ordenadores portátiles. Con eles poderá renovar o equipamento da súa sala de alfabetización dixital e prestalos a rapaces e rapazas que non contan con equipos para seguir as súas clases online; prevén tamén poñer un novo equipo na súa biblioteca para facer uso libre da rede wifi e mesmo colaborar cunha ONG de cooperación internacional que apoia a nenos e nenas que precisan reforzo escolar.

Pola súa banda, a Asociación de Veciños Sampaio de Lampai, da localidade coruñesa de Teo, empregará os 7 equipos doados para realizar formación ás persoas maiores sobre os diversos servizos dixitais que mellorarán a súa calidade de vida (solicitude de cita médica, banca online...) e impulsará o uso da ferramenta educativa Abalar por parte dos nenos e nenas e das súas familias.

VOLDIX, cidadáns e entidades que suman para achegar a tecnoloxía a toda a poboación

O programa VOLDIX enlaza e interrelaciona o esforzo e as necesidades dos máis de 950 aliados cos que conta na actualidade. Entre estes aliados figuran entidades colaboradoras como a Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro e mecenas dixitais —entre os que se inclúe a consultora everis, que desde o pasado 21 de outubro cambiou a súa marca por NTT DATA, adoptando o nome da súa empresa matriz—. Nesta ocasión, esta empresa contaba con 27 ordenadores portátiles como resultado do seu proceso periódico de renovación de equipamento. Trátase de dispositivos cuxas características xa non responden ás necesidades da compañía, pero que seguen en perfecto estado e funcionamento.

A empresa NTT DATA colabora con este programa desde o seu inicio, no ano 2012. No seu papel de aliado dixital vén realizando actividades formativas orientadas á busca de emprego, novos perfís profesionais, administración electrónica, e-Saúde, charlas con expertos e obradoiros sobre superintelixencia tecnolóxica, creación de videoxogos, apps, drons, seguridade nas redes, robots, realidade virtual e deseño en 3D ou talleres de Scratch. No seo desta colaboración, tamén o pasado ano doou 9 equipos á asociación Álvaro Cunqueiro. Son algunhas das moitas formas de colaboración impulsadas polo Programa VOLDIX, todo un ecosistema dixital formado por persoas voluntarias, organizacións e entidades públicas e privadas que traballan para consolidar a capacitación dixital entre toda a cidadanía.

04/11/202113:15
Portátiles nunha mesa.
Santiago de Compostela

O Edificio Fontán acollerá o día 10 de novembro o concurso ”Capture The Flag”, no marco do Encontro Galego de Ciberseguridade Ciber.gal

  • O único requisito é inscribirse previamente e acudir ao encontro cun portátil
  • O primeiro e o segundo clasificado do “Capture The Flag”, será agasallado cun premio de 700€ e 300€ respectivamente, que serán anunciados e entregados na última xornada do encontro
  • Tamén se celebrará un sorteo entre todos os participantes dun Huawei Watch GT2 Pro
  • Ademais do concurso, Ciber.gal acollerá un Taller de detección, identificación e análise de ameazas en redes e aplicacións
  • Ambas iniciativas están organizadas pola Cátedra R en ciberseguridade e o centro tecnolóxico Gradiant
  • O primeiro encontro galego de ciberseguridade, Ciber.gal, reunirá os días 10 e 11 de novembro a institucións nacionais como o INCIBE, o CCN, a Axencia Española de Protección de Datos e o ISMS Forum e relatores de recoñecido prestixio como Marc Vidal, Gianluca D´Antonio ou Antonio Fernandes

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acollerá os vindeiros días 10 e 11 de novembro o primeiro encontro galego de Ciberseguridade Ciber.gal dirixido a empresas, cidadanía e administracións públicas. No marco deste evento, o día 10 de Novembro, terá lugar en modalidade presencial dende as 15h ata as 19h, o concurso “Capture The Flag” que formulará unha serie de retos que porán a proba os coñecementos e habilidades dos participantes na área de seguridade de sistemas e aplicacións.

Este concurso, organizado de maneira conxunta pola Cátedra R en Ciberseguridade e o Centro Tecnolóxico Gradiant no marco do evento Ciber.gal, ten como requisitos para a súa inscrición ser maior de idade, acudir cun ordenador portátil propio e descubrir “o segredo” para poder participar, que consiste na resolución dun sinxelo reto de seguridade. Na actividade participarán un número máximo de 30 persoas, que serán seleccionadas por orde de inscrición. É preciso inscribirse previamente para poder participar neste formulario.

Cada proba deste concurso ten asignada unha puntuación en función á súa dificultade. Existirá a posibilidade, en caso de necesitarse, de solicitar pistas que descontarán puntos ao total da proba en cuestión. Unha vez finalizado o tempo da actividade, determinaranse os gañadores en función da súa posición na clasificación. O primeiro e o segundo clasificado serán agasallados con premios de 700 e 300€ respectivamente, sendo entregados os mesmos na última xornada do encontro, o día 11 de Novembro no auditorio principal do Edificio Fontán. Ademais, ao finalizar o concurso, tamén terá lugar o sorteo entre todos os participantes dun Huawei Watch GT2 Pro. Pódense consultar as bases legais do concurso aquí.

O concurso “Capture The Flag” nace coa intención de que todos aqueles que queiran, poidan por a proba as súas habilidades e a súa destreza á hora de resolver problemas relacionados con temáticas como a criptografía, o análise forense, o networking e o reversing.

Nesta mesma liña, neste caso organizado pola Cátedra R de ciberseguridade, celebrarase un obradoiro para a detección, identificación e análise de ameazas en redes e aplicacións o día 10 de novembro entre as 10h e as 14h, que consistirá nun breve repaso conceptual á análise de malware e ás técnicas de detección e eliminación de ameazas. Estas técnicas exemplificaranse con casos de estudo prácticos.

A actividade vai dirixida a estudantes de FP (módulo superior), estudantes de cursos de especialización, e estudantes de grados e másteres universitarios en estudos afíns ás tecnoloxías da información e as comunicacións. Será en modalidade presencial, e tamén require dunha inscrición previa e asistir con un portátil persoal. Celebrarase en tres sedes distintas á vez, no Edificio Fontán en Santiago de Compostela, na Universidade da Coruña e na Universidade de Vigo. Para cada unha delas, o aforo máximo deste taller é de 20 persoas, e tamén serán asignadas as prazas por orde de inscrición.

Nodo Ciber.gal

O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado máis de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas.

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade. Nesa liña póñense en marcha iniciativas como o encontro galego de ciberseguridade, que ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía, ao tecido empresarial e ás Administracións Públicas sobre a importancia de garantir a seguridade da información na contorna dixital e promover o coñecemento e unha cultura da ciberseguridade en Galicia.

Na seguinte ligazón pode obterse información mais detallada do programa: https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/evento-cibergal.

02/11/202108:06
Acto de clausura do curso.
Ribeira

A aula CeMIT de Ribeira acolle a clausura dos cursos TIC para adultos de outubro

A aula CeMIT de Ribeira, espazo local de divulgación, formación e dinamización TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), acolleu na mañá deste 29 de outubro a clausura e entrega de diplomas dos cursos de novas tecnoloxías ofrecidos nesta instalación situada no barrio de Cubeliños.

En concreto, impartiuse formación sobre edición de textos (Write), sede electrónica e certificados dixitais e sobre folla de cálculo (Write). A entrega de diplomas correu a cargo da concelleira de Innovación Tecnolóxica, Juana Brión.

31/10/202112:28
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

O uso de software libre nas empresas tecnolóxicas galegas segue a medrar, e xa son 9 de cada 10 as que optan por este tipo de produtos

  • O 90,6% das empresas TIC galegas emprega software libre, que aumentou a súa presenza un 3,9% nos últimos catro anos
  • O uso do software libre supera ao privativo no caso das aplicacións de “Xestión de contidos web” e nas “Aplicacións para a formación“.
  • Os produtos de software libre máis ofertados son: Servidor web, Xestión de contidos de portais e Software de escritorio
  • Un 46,8% das empresas TIC que vende produtos no campo do Big Data, oferta solucións libres desta tecnoloxía disruptiva

O uso do Software Libre mantén a súa tendencia de crecemento, que foi dun 3,9 % nos últimos catro anos e hoxe xa son 9 de cada 10 os que optan por estes produtos. En concreto, o 90,6% destas empresas empregan este tipo de software nos seus equipos informáticos. Segundo o ámbito xeográfico, o uso de solucións con licenza libre acada o seu valor máximo entre as empresas TIC situadas na provincia de Lugo (95%)

As aplicacións libres con maior implantación nas empresas TIC galegas seguen a ser: o navegador de Internet, as aplicacións ofimáticas e o xestor de correo. Non obstante, cabe salientar que o uso do Software Libre supera ao privativo no caso das aplicacións de “Xestión de contidos web” e nas “Aplicacións para a formación“.

Estes datos están extraídos do estudo sobre uso de Software Libre nas empresas TIC de Galicia no ano 2020, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

As empresas TIC galegas como provedoras de solucións libres

Os programas con licenza libre que máis distribúen as empresas TIC galegas que ofertaron produtos ou servizos de software son: Servidor web (33,1%), Xestión de contidos de portais e páxinas web (33%), Software de escritorio (31,7%) e Servidor de correo (30,7%)

Cabe salientar que a oferta de software libre supera ao privativo nos seguintes casos: Xestión de contidos de portais e páxinas web, e-commerce, Aplicacións de Traballo colaborativo, e-learning, Sistemas de desenvolvemento e Sistemas de información xeográfica.

Así mesmo, un 46,8% das empresas TIC que vende produtos no campo do Big Data, oferta solucións libres desta tecnoloxía disruptiva.

Respecto ao crecemento da oferta de cada un dos diferentes produtos relacionados co Software Libre, salientar especialmente o crecemento na oferta en Planificación de Recursos Empresariais, e-learning, e-Commerce e Xestión da relación cos clientes.

Debilidades e fortalezas do Software Libre

As principais razóns polas que as empresas TIC galegas non empregan Software Libre son a percepción da “Incompatibilidade cos sistemas ou interlocutores actuais” e a “Complexidade ou risco de cambio”, aínda que esta última percepción decreceu respecto a edicións anteriores do estudo.

Case a metade das empresas TIC galegas que non son provedoras de Software Libre, (49,1%), manifesta que non o fai porque non está na liña de negocio da empresa , se ben, cabe salientar que esta barreira descende un 10,4% respecto ao ano anterior.

Respecto ás fortalezas, os principais aspectos do Software Libre que valoran os clientes son o custo (79,6%), a independencia do provedor (52,5%) e a calidade e prestacións técnicas (35,4%).

Actuacións para o fomento do Software Libre

Desde a Amtega, estase a fomentar o Software Libre no ámbito empresarial a través das seguintes accións:

  • Xornadas demostradoras en colaboración co GaiásTech.
  • Posta a disposición das empresas de instancias de proba na nube de diferentes ferramentas de software libre, a través do GaiásTech Cloud.
  • Publicación dun boletín mensual con casos de éxito interesantes sobre ferramentas de software libre para empresas.
  • Publicación no portal Mancomún de entrevistas con empresas que implantaron unha solución de software libre con éxito.
  • Publicación de podcasts e artigos tecnolóxicos especializados para dar a coñecer as tecnoloxías de software libre nos ámbitos da ciberseguridade e intelixencia artificial
  • Colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) a través dun convenio para a realización de actividades de difusión e o fomento do uso de software libre entre as empresas galegas.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS