main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

09/11/202115:09
Alfonso Rueda durante a súa intervención.
Santiago de Compostela

A Xunta aposta pola ciberseguridade para afrontar os retos asociados á transformación dixital

  • O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe durante a clausura do “I Seminario de Intelixencia Empresarial e Ciberseguridade”, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia, a necesidade da colaboración entre as administracións, empresas e a cidadanía para loitar contra a ciberdelincuencia
  • Destacou as actuacións da Xunta para garantir a seguridade nos entornos dixitais e a importancia da formación actualizada que se imparte desde a AGASP ás forzas e corpos de seguridade con maior protagonismo dos contidos relacionados cos delitos informáticos e a ciberseguridade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na clausura do I Seminario de Intelixencia Empresarial e Ciberseguridade a aposta da Xunta pola ciberseguridade para afrontar os retos asociados á transformación dixital, motivo polo cal é un dos eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030. No evento, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), incidiu na necesidade de desenvolver unha fronte común para a loita contra a ciberdelincuencia entre as administracións, as empresas e a cidadanía.

Así, lembrou que as tecnoloxías foron fundamentais durante a pandemia pero o seu maior uso tanto no ámbito persoal como profesional como nas operacións de pago electrónico acelerou o aumento dos incidentes relacionados coa seguridade que se viña mantendo nos últimos anos. Por iso, sinalou que os cambios que implica a transformación dixital debese acompañar dun reforzo das medidas para garantir a seguridade nos entornos dixitais.

Alfonso Rueda puxo como exemplo da aposta da Xunta pola ciberseguridade a posta en marcha do novo Centro de Ciberseguridade de Galicia, que concentrará os servizos de ciberseguridade de Galicia como a actividade do Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade (CSIRT.gal) como do nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal. A través do CIBER.gal, a Xunta participa coas catro deputacións, os concellos e o Goberno central, ademais doutras institucións públicas e privadas co obxectivo de fomentar a concienciación e formación de autónomos, empresas e a sociedade en xeral en materia de seguridade nas TIC.

Tamén debido ao aumento dos ciberdelitos, o vicepresidente primeiro da Xunta explicou que desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) se reforzou a formación das forzas e corpos de seguridade en delitos informáticos e ciberseguridade. Por unha banda, nos cursos do plan de formación continua anual dirixido a axentes da Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local e Garda Civil, dentro do que se inclúe o módulo de 65 horas e 50 prazas que se está a impartir desde finais de outubro e se prolongará ata finais de ano. Ademais, engadiu que estes contidos estanse a reforzar nos cursos selectivos de ingreso e promoción interna da Policía Local, É o caso dos 97 alumnos da actual 13ª promoción de Policía Local para cubrir prazas en 35 municipios ou os 53 oficiais procedentes de 19 concellos.  

09/11/202107:59
Man usando un rato diante dunha pantalla.
Santiago de Compostela

Só un de cada cinco profesionais do ámbito TIC é muller

Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI) fixo públicos os detalles do informe Emprego tecnolóxico. Navegando os indicadores sobre o emprego tecnolóxico en España e na Unión Europea, onde toma o pulso ao mercado laboral TIC nos ámbitos estatal e europeo. Entre outras informacións de interese, algunhas delas moi preocupantes, confírmase que malia o camiño dixital avanzado estes últimos anos, segue a haber unha fenda dixital de xénero no emprego do sector. De feito de cada cinco profesionais deste eido, só un é unha muller.

Por baixo da media europea

O informe comeza poñéndonos no contexto de 2020, cando España contaba con 727.000 especialistas TIC, o equivalente ao 3,8% do emprego en todo o país, por baixo do 4,8% da media europea. O 80% dos contratos de especialistas asinados entre xaneiro e agosto de 2021 corresponderon a só sete categorías profesionais: programadores informáticos (23,5 %); técnicos en operacións de sistemas informáticos (17,3 %); analistas, programadores e deseñadores web e multimedia (12,5 %); instaladores e reparadores en TIC (10,4 %): analistas de sistemas (6,4 %); técnicos en asistencia ao usuario de tecnoloxías da información (5,7 %); e deseñadores gráficos e multimedia (4,2 %).

Importante fenda de xénero

Como diciamos, o informe constata que o sector segue a “ser claramente masculino”. Así, en 2020 había 144.000 expertas en TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o que supón un 19,8 % do total. Esta proporción, sinálase, é lixeiramente superior á media europea, que é do 18,5 %. Unha das razóns ás que apunta o informe para explicar este desequilibrio é a falta de mulleres graduadas en STEM, as siglas en inglés que engloban os estudos sobre Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Matemáticas. Así, en 2018, a proporción de mulleres graduadas nestas áreas era de 14,3 por cada mil mulleres de entre 20 e 29 anos en Europa. En España, a cifra baixaba do 12,7.

Dificultades para contratar

A investigación constata tamén que o sector tecnolóxico, malia ter sido tradicionalmente fonte de creación de emprego, amosa a día de hoxe dificultades para atopar os perfís axeitados ás súas necesidades. Segundo a Comisión Europea, en 2020 houbo 341.000 postos de traballo vacantes para profesionais de datos en Europa, máis 168.000 na rama de ciberseguridade. En 2020, unha de cada catro empresas españolas e case a metade das europeas que tentaron contratar profesionais especializados recoñeceron que non o tiveron fácil. Os principais obstáculos foron: falta de experiencia laboral, falta de cualificación TIC axeitada dos solicitantes, falta de solicitudes e expectativas salariais demasiado elevadas.

08/11/202113:00
Moza de costas usando un smartphone.
Santiago de Compostela

Xa se coñecen os finalistas do Concurso Ciberseguridade no Cole!, que terá lugar o día 10 de novembro na Cidade da Cultura

  • As catro provincias galegas terán representación na gran final do concurso
  • A participación no concurso foi moi elevada, coa presencia de 38 colexios e 67 equipos na primeira fase virtual do pasado 4 de novembro
  • O prazo para inscribirse ao resto de actividades do encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal remata mañá ás 12:00h

O Concurso Ciberseguridade no cole! celebrou o día 4 de novembro a primeira das súas dúas fases, unha competición en liña que contou cunha alta taxa de inscrición, xa que participaron un total de 67 equipos entre as dúas categorías, correspondéndose con 42 equipos de primaria e 25 de secundaria, pertencentes a 38 colexios, 23 de educación primaria e 15 de educación secundaria.

Os finalistas para a gran final que terá lugar o día 10 de novembro na Cidade da Cultura son a clase 6ºB do CEIP Plurilingüe San Marcos, a clase 6º A do CEIP San Martiño e a clase 6º B do CEP Altamira, na categoría de primaria e a clase 2º B do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, a clase de 2º do IES de Arzúa e a clase 2ºB do IES Martaguisela, na categoría de secundaria. Esta actividade, promovida por Telefónica, enmárcase dentro do encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal.

Os organizadores afirmaron verse sorprendidos polo alto nivel demostrado polos participantes, especialmente o dos colexios de primaria, e tamén pola entrega coa que participaron no evento o profesorado e os alumnos, rematando a competición de forma deportiva e sana, entendendo que a ciberseguridade é cousa de todos e emprazándose a volver a verse na seguinte edición do concurso.

Lembrar que, no marco do encontro Ciber.gal, ademais do Concurso Ciberseguridade no cole!, que se celebrará o día 10 de novembro as 16:00 da tarde, de seguido terán lugar o taller Navegando con rumbo polo ciberespazo, impartido polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia e o taller Ciberseguridade para as familias: mediación parental activa, impartido por Fernando Villar – Formador da Garda Civil. Para todas as actividades relacionadas co encontro cabe destacar que a data límite para a inscrición é o Martes, 9 de novembro as 12:00 da mañá. Para consultar en detalle o resto de actividades, podedes acceder ao programa.

Nodo Ciber.gal

O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado máis de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas.

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade. Nesa liña póñense en marcha iniciativas como o encontro galego de ciberseguridade, que ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía, ao tecido empresarial e ás Administracións Públicas sobre a importancia de garantir a seguridade da información na contorna dixital e promover o coñecemento e unha cultura da ciberseguridade en Galicia.

Na seguinte ligazón pode obterse información mais detallada do programa: https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/evento-cibergal.

08/11/202108:08
Cartel da iniciativa.
Ames

A aula CeMIT de Ames retoma a formación presencial con dous cursos de iniciación TIC

Desde a aula CeMIT do Concello de Ames informan de que a actividade divulgativa e formativa deste espazo de alfabetización e dinamización dixital volve polo camiño da presencialidade logo de meses de accións exclusivamente en liña (dende o inicio da pandemia). Faino con dous cursos de iniciación ás novas tecnoloxías para adultos nos meses de novembro e decembro. A actividade volve tamén á aula aberta, que estará dispoñible de luns a venres, dende as 9:30 ata as 13:00 horas.

Respecto dos dous cursos en cuestión, trátase de Iniciación á informática, do 9 ao 25 de novembro, e Iniciación a Internet, do 30 de novembro ao 16 de decembro. Os dous itinerarios terán lugar os martes e os xoves, de 10:30 a 12:00 horas, no espazo situado no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, con hixiene de mans á entrada, máscara obrigatoria e spray hixienizante para os equipos, e coas prazas limitadas a 8 persoas por curso.

Como dixemos, tamén retorna o acceso á aula aberta, de luns a venres e de 9:30 a 13:00, coas mesmas medidas de seguridade e aforo que os cursos en modalidade presencial, co fin de consultar dúbidas e usar de maneira libre os equipos informáticos.

Continúa a oferta de formación telemática en novembro

En horario de tarde, de 17:30 a 19:00 horas, o persoal da aula CeMIT continuará ofrecendo cursos en modalidade a distancia, co gallo de “proseguir coas propostas realizadas nos últimos meses por mor da pandemia do coronavirus”. Empregando a canle de YouTube do centro, a veciñanza terá que asistir ás sesións formativas a través de diferentes vídeos en directo, a través dos seus computadores, móbiles ou tabletas. Os tres cursos son Traballando na nube, do 8 ao 18 de novembro; O correo electrónico: web e móbil, do luns 22 ao 26 de novembro, e Compras seguras a través de Internet, o 29 e o 30 de novembro. Cada luns pola mañá, antes do comezo de cada curso, a aula CeMIT enviará correos electrónicos coa información necesaria para acceder a estas sesións formativas, así como un breve titorial para descargar e instalar o software de ofimática LibreOffice.

05/11/202118:01
Mar Pereira.
A Coruña

A directora da Amtega afirma que Galicia dispón dun marco estratéxico para impulsar unha dixitalización sustentable e inclusiva

  • Sinalou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 é o instrumento para impulsar a transformación dixital, favorecendo a acción conxunta das administracións e a participación activa do sector privado
  • Lembrou que o Goberno autonómico puxo en marcha este ano a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial para avanzar cara unha economía baseada no coñecemento
  • Avanzou que en xaneiro do 2022 entrará en vigor o Marco Galego de Competencias Dixitais para garantir unha dixitalización inclusiva
  • Fixo fincapé en que a especialización do sector tecnolóxico é clave para o aproveitamento dos fondos europeos para a dixitalización
  • Para avanzar nos obxectivos da dixitalización marcados na EDG20203 a Amtega disporá en 2022 duns orzamentos de 210 millóns de euros, un 80% máis que nos orzamentos prepandemia

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, afirmou hoxe que Galicia dispón dun marco estratéxico para impulsar unha dixitalización sustentable e inclusiva e que o traballo feito tras dez anos de axendas dixitais nos sitúa nunha boa posición para afrontar os retos da transformación dixital que marca Europa. Ademais fixo fincapé en que a especialización do sector tecnolóxico é clave para o aproveitamento dos fondos europeos para a dixitalización.

A responsable autonómica impartiu hoxe a conferencia “Un marco estratéxico para a vindeira década dixital” no marco do curso “A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital” organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo na Coruña.
Mar Pereira afondou en tres medias chave na dixitalización de Galicia, a Estratexia Galicia Dixital 2030, a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e o Marco Galego de Competencias Dixitais, sen esquecer a importancia do talento dixital e o pulo dos fondos europeos.

A directora da Axencia lembrou que Galicia ten en marcha unha folla de ruta para potenciar o aproveitamento da tecnoloxía para impulsar o desenvolvemento rexional, a Estratexia Galicia Dixital 2030. A EDG2030 prevé mobilizar un investimento público-privado de 4.000 millóns de euros e ofrece un marco de gobernanza entre as distintas administracións que pode ser chave para executar de maneira efectiva os proxectos de dixitalización vinculados ao plan de recuperación e resiliencia.

Respecto da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que se puxo en marcha este ano, Mar Pereira indicou que avoga por unha aplicación da IA de vangarda, ética e segura que a permita avanzar cara a unha economía baseada no coñecemento. Incidiu en que a Intelixencia Artificial mellorará a xestión administrativa e permitirá afrontar os desafíos que se lle presentan á rexión de maneira inminente, como o cambio demográfico e a transición ecolóxica, recollidos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable
Galicia aposta por unha dixitalización inclusiva, por iso, segundo lembrou Pereira Galicia foi das primeira comunidades en adaptar o Marco Europeo de Competencias Dixitais e crear o Marco galego de Competencias Dixitais, que entrará en vigor en xaneiro do 2022. Permitirá aos galegos obter unha certificación das súas habilidades dixitais, favorecendo a inclusión dixital, a capacitación e a empregabilidade.

A directora da Amtega quixo destacar a importancia do ecosistema dixital galego en todo este proceso cun hipersector TIC integrado por máis de 3.000 empresas e 24.000 traballadores e que prevé a creación de 4.500 postos de traballo nos vindeiros cinco anos. Salientou que é preciso reter talento e impulsar a especialización neste ámbito, algo que se prevé na EDG2030 a través dos Nodos 5G, de IA e ciberseguridade, así como cos hubs de innovación dixital e a posta en marcha da Cidade das TiC como polo de innovación de referencia nacional e internacional. Fixo especial fincapé en que a especialización do sector tecnolóxico será chave para o aproveitamento dos fondos europeos para a dixitalización.

Finalmente, destacou que para avanzar en todos estes obxectivos a Amtega conta este ano cun orzamento de 210 millóns de euros, cun importante incremento grazas á converxencia no tempo dos dous períodos do Marco Financeiro Plurianual da UE e os fondos extra do Next Generation, que veñen apoiar a dixitalización como motor da recuperación económica.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS