main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

28/10/202110:04
Administración electrónica.
Santiago de Compostela

A proba electrónica na Xustiza centra unha nova charla en liña do CPEIG e a AMTEGA

Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan este 28 de outubro un novo espazo de networking e debate ao abeiro do ciclo tres14.pm. O obradoiro deste xoves versará sobre A proba electrónica na Xustiza, e estará impartido pola maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Tui, Ana Isabel Cabido. Celebrarase por streaming ás 15:00 horas.

Ana Isabel Cabido é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago (USC) coa cualificación de Premio Extraordinario Fin de Carreira. Accedeu á carreira xudicial por oposición no ano 2011, sendo o seu primeiro destino o Xulgado de Instrución número 2 de Vigo. Posteriormente exerceu as súas funcións no Xulgado especializado en Produtos Bancarios, Preferentes e Subordinadas, creado en Vigo no ano 2014 para atender as numerosas demandas relativas a estes produtos. Por concurso de xuíces accedeu no ano 2015 ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Tui, onde ascendeu categoría de maxistrada en novembro de 2020 e no que permanece na actualidade. 

O venres 29, tamén por streaming ás 15 horas, celebrarase a xornada Os novos fondos europeos e a súa aplicación na estratexia de transformación dixital da Sanidade Galega que impartirá o director de Solucións Asistenciais do Sergas, Benigno Rosón.

28/10/202108:08
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Xa está aberto o prazo de inscrición para o encontro galego de Ciberseguridade Ciber.gal, que se celebrará os días 10 e 11 de novembro na Cidade da Cultura

  • Abordará a concienciación en ciberseguridade a todos os niveis con actividades destinadas ao tecido empresarial, á cidadanía e ás Administracións Públicas
  • Terán presenza institucións de referencia en ciberseguridade como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional, a Axencia Española de Protección de Datos e ISMS Forum
  • No encontro participarán relatores de relevancia nacional e internacional como Marc Vidal, Gianluca D´Antonio e Antonio Fernandes
  • A asistencia as diversas actividades requiren inscrición tanto para a modalidade presencial, con limitación de prazas, como para a modalidade en streaming

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acollerá os vindeiros días 10 e 11 de novembro o primeiro encontro galego de Ciberseguridade Ciber.gal dirixido a empresas, cidadanía e administracións públicas. Durante dúas xornadas e a través de diferentes actividades e relatorios de expertos de referencia nacional e internacional, abordarase a importancia da Ciberseguridade en Galicia así como as medidas necesarias para avanzar neste ámbito.

O encontro divídese en tres bloques. O primeiro deles engloba actividades destinadas ao tecido empresarial, que se desenvolverá ao longo da mañá do día 10 de novembro. Neste espazo celebraranse paneis e charlas nas que se falará sobre as axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, sobre os riscos aos que se enfronta o tecido empresarial, cales son as súas consecuencias e as obrigas legais que lle afectan en materia de ciberseguridade. Expoñeranse proxectos de ciberseguridade como a iniciativa Cybersecurity in a box, promovida polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia e o ISMS Forum.

Para o colectivo da cidadanía -que será desenvolvido ao longo da tarde do 10 de novembro- contarase co concurso Ciberseguridade no cole! destinado aos menores organizado por Telefónica, e un Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade e Gradiant. Tamén albergará intervencións da man de Gianluca D´Antonio, Presidente de ISMS Forum, e contará con actividades que falarán sobre a necesidade actual de talento en ciberseguridade e obradoiros que axudarán aos participantes a detectar e identificar ameazas.

No segundo día, destinado principalmente á administración pública, cabe destacar a participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun panel de debate que agrupa aos máximos responsables de organismos e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat Valencia e a Amtega.

Neste encontro colaboran, ademais das xa mencionadas Teléfonica, Cátedra R e Gradiant, entidades como APDTIC, Cloud.gal, ABANCA e Deloitte, entre moitas outras.

Lembrar que a inscrición é precisa para asistir a todas as actividades, tanto no formato presencial coma no online. No seguinte enlace pódese proceder coa inscrición completamente gratuíta: https://inscricioncibergal.gaiastech.xunta.gal/gl/index.html

Nodo Ciber.gal

O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado máis de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas.

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade. No ano 2020, incrementáronse en España respecto ao ano anterior un 32% os delitos producidos a través de internet. A nosa comunidade non é allea a esta situación; Galicia está na sétima posición do ranking estatal en canto a ciberdelitos denunciados, no 2020 se rexistrou un aumento do 135% nos procedementos abertos pola Fiscalía por estafas cometidas a través de internet e das tecnoloxías da comunicación.

Estas cifras poñen de manifesto a necesidade de por en marcha iniciativas coma o encontro galego de ciberseguridade, que ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía, ao tecido empresarial e ás Administracións Públicas sobre a importancia de garantir a seguridade da información na contorna dixital e deste xeito tentar facer fronte ao incremento dos delitos cometidos a través de internet.

Na seguinte ligazón pode obterse información mais detallada do programa: https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/evento-cibergal

26/10/202114:22
Momento do evento.
Santiago de Compostela

O CPETIG e a Xunta visibilizan o papel das mulleres tecnológas no documental ”Marxe de erro”

  • Presentouse hoxe no Centro GaiásTech no marco do Programa DigiTalent para poñer en valor a necesidade da presenza feminina nas carreiras tecnolóxicas e impulsar as vocacións femininas neste eido
  • Actualmente só o 30,4% das persoas empregadas no sector TiC son mulleres
  • É un sector cunha ampla demanda de perfís especializados e cun alto índice de emprego
  • Preto do 84% dos titulados galegos en carreiras STEM está incorporado ao mercado laboral nos dous primeiros anos tras rematar os estudos

O centro GaiásTech da Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta mañá a presentación do documental Marxe de erro, no que se amosa o perfil profesional de cinco mulleres tecnólogas. A iniciativa, enmárcase na colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través do Plan DigiTalent para promover as vocacións tecnolóxicas femininas.

Na presentación participaron a directora da Amtega, Mar Pereira; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e o presidente do CPETIG, Marcos Mata. Ao encontro estaban convidados, tamén, alumnos de bacharelato STEMbach de centros educativos de toda Galicia.

30% de mulleres no sector TIC

Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información de Galicia (Osimga) sinalan que só o 30,4% dos traballadores do sector TIC galego son mulleres. Ademais, só o 14,7% desenvolve tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,3% dos homes e a porcentaxe de empresas TIC galegas que conta con mulleres en postos de dirección sitúase no 14,3%.

A directora da Amtega sinalou que é evidente que queda camiño por percorrer para reducir a fenda de xénero no sector tecnolóxico, ávido de novos especialistas e con moitas posibilidades profesionais. Lembrou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 contempla a promoción do talento dixital como un eixo transversal que, por suposto, ten entre os seus obxectivos a redución da fenda de xénero nas carreiras STEM e como consecuencia no sector tecnolóxico.

Preto do 75% das persoas tituladas STEM traballa en Galicia

Ademais Pereira apuntou algunhas cifras relativas ao emprego dos titulados en carreiras STEM en Galicia como que oito de cada dez egresados volvería a cursar a mesma titulación; que o 83,6% está incorporado ao mercado laboral nos dous primeiros anos tras rematar os seus estudos e que o 74,8% das persoas tituladas STEM desenvolven a súa traxectoria profesional en Galicia. 

A directora da Amtega destacou que en Galicia “queremos promover e reter talento para afrontar os desafíos da transición dixital. O talento non ten xénero e non podemos permitir que ningunha vocación quede polo camiño” 

Iniciativas como a de hoxe visibilizan e difunden referentes e por iso Mar Pereira quixo agradecer especialmente a colaboración de Berta Candendo, Susana Ladra; Susana Gómez, Verónica Bolón e Silvia Piñeiro, as profesionais que participaron no documental Marxe de erro.

Breve perfil das participantes en Marxe de erro

Berta Candendo Santos é lider da área de contidos dixitais en Netex Learning, compañía especializada en axudar a empresas e institucións educativas a afrontar o reto das estratexias de aprendizaxe na nova era dixital.

Susana Ladra González compaxina a súa labor como profesora da Facultade de informática na Universidade da Coruña ca investigación en proxectos de bioinformática relacionados ca COVID-19 e con proxectos de microbioloxía relacionados co cancro.

Susana Gómez Carnero foi durante 10 anos mestra do Departamento de Informática na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense (UVigo). Creadora de Origami Soluciones, axencia centrada no desenvolvemento de software a medida e no marketing dixital. Directora executiva de BNI, a maior rede de networking do mundo.

Verónica Bolón Canedo é profesora na Facultade de informática na Universidade da Coruña. Leva 12 anos investigando no campo da Intelixencia artificial, Traballa para achegar a tecnoloxía ás necesidades sociais e mellorar o benestar das persoas.

Silvia Piñeiro Fernández traballa no mundo do Business Inteligence e do Big Data, construíndo software para automatizar tarefas e ferramentas de modo que os datos sexan máis sinxelos de entender nas empresas, e máis doados de introducir nos sistemas, por parte dos usuarios. Actualmente está realizando un Máster en Deseño e Desenvolvemento de Videoxogos.

26/10/202114:13
Cartel da iniciativa.
A Coruña

O programa Mática organiza esta semana obradoiros tecnolóxicos en formato híbrido, online e presencial na Facultade de Informática da Universidade da Coruña

  • Celebraranse tres talleres sobre as posibilidades da informática, a construción de Apps e a visión artificial con tres enxeñeiras informáticas 
  • Organizado polo CPEIG e a Amtega, está destinado a potenciar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre as rapazas de 12 a 18 anos

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración das tres universidasdes galegas, celebran esta semana obradoiros tecnolóxicos do programa Mática, destinado a promover a vocación tecnolóxica entre as rapazas e a crear unha comunidade de rapazas de entre 12 a 18 anos en Galicia que permita desenvolver as súas competencias no eido das TIC. Mática forma parte das iniciativas previstas no marco do programa Tech Kids, froito do convenio de colaboración asinado polo CPEIG e a Amtega para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia. 

O mércores 27, xoves 28 e venres 29 celebraranse tres obradoiros en formato híbrido, a través da plataforma Zoom ou de forma presencial na Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña (UDC), na Aula 2.7, de 18:00 a 20:00 horas. As inscricións poderán realizarse en https://obradoiros-matica.eventbrite.es e de forma individual para cada taller. O mércores celebrarase o obradoiro “As posibilidades da informática: desde TikTok ata o ADN" que impartirá a enxeñeira informática, Máster en Ciencia de Datos, e actualmente estudante de doutoramento Delfina Ramos Vidal. O xoves a xornada será sobre "Construíndo aplicacións móbiles con AppInventor", que impartirá Paloma Piot Pérez-Abadín, enxeñeira de Software en viesure innovation center. E finalmente o venres finalizará a actividade con taller "Introducción á Visión Artificial", impartido pola enxeñeira informática, doutora en Computación e docente na FIC, Lucía Ramos García.

Un contacontos para transmitir os perigos da rede 

Por outra parte, onte luns finalizáronse as visitas a centros escolares dentro do programa Ciberseguranza Kids do CPEIG e a Amtega. O obxecto da actividade, destinada a estudantes de entre sete e doce anos, foi explicarlles que é a ciberseguridade a través dun contacontos dinámico e participativo. Uns 800 estudantes de todos os puntos da comunidade participaron nas 16 sesións celebradas en colexios das catro provincias.

O contacontos “Ciberserguridade con Sofía” mestura narración e ilustración. É unha historia na que se conta dun xeito lúdico ao alumnado os perigos da rede e da ciberseguridade. Este conto xa está dispoñible en versión dixital na web do CPEIG.

25/10/202110:22
Premiados na XXV Noite Galega das Telecomunicacións.
Santiago de Compostela

A Noite Galega das Telecomunicacións reivindica ás mulleres tecnólogas no seu 25 aniversario

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) celebrou este 22 de outubro a súa XXV Noite Galega das Telecomunicacións. Foi un encontro de networking no que estiveron presentes destacadas entidades, empresas e profesionais do sector TIC galega e estatal. O 25 aniversario do evento celebrouse baixo o slogan Liderando a transformación dixital galega. Desenvolveuse no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

A Noite foi unha oportunidade para pechar fileiras arredor dun problema que afecta ao sector tecnolóxico especialmente e que se agrava con cada ano pasado: a reducida presenza feminina nas profesións TIC. De feito, O COETG lembrou que só un 27,5% de mulleres desenvolven o seu traballo no eido STEM (siglas en inglés correspondentes a Ciencia, Enxeñería, Tecnoloxía e Matemáticas) e, en concreto, na Escola de Telecomunicación de Vigo só hai un 21 % de mulleres matriculadas. De feito, “neste curso académico non se cubriron todas as prazas ofertadas por esta Escola”, sinalou o colexio. Para os enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia é “moi importante tentar suplir este déficit e incentivar a incorporación dos máis novos e, sobre todo, das mulleres a estas carreiras técnicas”. Así o expresou durante a súa intervención no acto o decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo, nun discurso no que tamén avogou por buscar fórmulas efectivas que posibiliten a colexiación de novos titulados. En concreto, para poder colexiarse como enxeñeiro de Telecomunicación cómpre cursar un mestrado habilitante. “A gran demanda de emprego existente, que fai que o titulado comece a traballar co grao e, ademais, cun salario indistinguible fronte ao que ten o mestrado finalizado, e o desaxuste entre o estudado nos mestrados habilitantes e as necesidades reais demandadas por parte do mercado son algunhas das razóns polas que as persoas acabadas de graduar non querer cursar estes mestrados”, destacou Sánchez Agrelo quen solicitou “flexibilizar este criterio para poder acceder á colexiación dos enxeñeiros de Telecomunicación”.

Reivindicación do papel dos enxeñeiros

Poñer en valor e divulgar o traballo que desenvolven os enxeñeiros de Telecomunicación na sociedade foi outro dos puntos que sustentaron a intervención de Sánchez Agrelo no acto de entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, evento que precedeu á Noite Galega das Telecomunicacións.

“Sen Enxeñería de Telecomunicación, a sociedade sería ben distinta”, apostilou o decano, quen engadiu que “durante a pandemia as achegas da Enxeñería de telecomunicación posibilitaron que todos puideramos estar interconectados, que as empresas non se parasen totalmente e sobrelevar mellor o confinamento”. E engadiu: “A telefonía móbil, as redes de fibra óptica, os centros de proceso de datos, Internet, Zoom, Teams, as redes sociais, o WhatsApp ou Netflix e moitos outros servizos que estivemos empregando durante aqueles días e que usamos, en xeral, na nosa vida cotiá, non existirían sen a Enxeñería de Telecomunicación. Xunto a isto, Sánchez Agrelo puxo en valor que os telecos encárganse de “converter o mundo, que en si mesmo é analóxico, en bits, nos ceros e un necesarios para, a continuación, conseguir que a información se poida almacenar, procesar e transportar ao longo e ancho do planeta” e tamén destacou que “a moitos dos empregos que van ser necesarios no futuro tales coma os relacionados coa ciberseguridade, coa Intelixencia Artificial ou coa 5G é posible acceder coa titulación de Enxeñería de Telecomunicación”.

Premios Galicia da Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021

Na velada, na que participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira e o alcalde de Santiago, Xose Sánchez Bugallo, proxectouse un vídeo cun saúdo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, e entregáronse tamén os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021. Unha convocatoria de premios que distingue o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.

En total, entregáronse seis premios. O primeiro deles, o Premio Enxeñeiro do Ano 2021 recoñeceu a traxectoria de María Encarnación Baltar. Valoráronse como razóns determinantes desta distinción o feito de que foi a primeira muller española graduada como enxeñeira na Universidade de Caracas, e a súa traxectoria á fronte de Eventyam Ingenieros S.L avalou tamén o seu perfil para o premio. María Encarnación Baltar converteuse nunha referencia nacional no difícil sector de medidas de campos electromagnéticos con traballos pioneiros en toda España, o que foi determinante á hora de lle conceder o galardón. O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distinguiu o labor do Centro Tecnolóxico Gradiant. Como razóns determinantes deste recoñecemento, tívose en conta o feito de que Gradiant é un centro tecnolóxico de referencia en Galicia, pioneiro no desenvolvemento de proxectos de vangarda e con importante representación do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación. O Premio Axians 2021 á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación recaeu este ano na Universidade de Vigo. Valoráronse como razóns determinantes desta distinción á Universidade de Vigo a súa aposta polas infraestruturas TIC dentro do seu Plan Estratéxico 2021-2026 para promover a transformación dixital da Universidade. O Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola AMTEGA, recaeu este ano no proxecto Escoita 5G. Entre os motivos esgrimidos para outorgar este galardón, tívose en conta “a vocación de utilidade social do proxecto, concibido para mellorar problemas de persoas con dificultades sensoriais”. Finalmente, outorgaranse dous premios por parte do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación para recoñecer aos mellores expedientes académicos 2019/2020 e 2020/2021 do Mestrado de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os premios foron outorgados a Moisés Rubén Pacheco e Marcos Martínez, respectivamente.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS