main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/11/202108:16
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O evento Ciencia Singular da USC convertiranos en científic@s por un día

O vindeiro día 20 de novembro, o evento organizado pola Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC, abrirá as súas portas co obxectivo de que a sociedade se sinta parte da actividade científica e tecnolóxica e axude ao seu desenvolvemento, así como para dar a coñecer entre os máis novos o traballo das persoas que investigan neses lugares. O CiQUS, o CiTIUS, o CiMUS e o IGFAE, ofrecerán a posibilidade de visitar as súas instalacións e laboratorios, charlar co persoal, e converterse en parte do equipo investigador por un día.

Charlas divulgativas

Diego Peña, María Tomás, Ester Polo e Moisés Gulías, algúns dos científicos e científicas do CiQUS, desenvolverán actividades nos seus laboratorios tales como Conversas cos nosos investigadores, nas que darán a coñecer o seu traballo habitual no centro e as últimas novidades das súas investigacións.

Por outra banda, o CIMUS organizará charlas divulgativas da man de grandes especialistas en terreos científicos. Entre outros, Ángel Carracedo falará sobre a medicina personalizada e Fernando Domínguez resolverános a dúbida de se o cancro é unha enfermidade hereditaria. No programa do centro de novas tecnoloxías intelixentes CiTIUS poderemos atopar conferencias do grupo de investigación sobre novidades desenvolvidas no centro, incluídas temáticas relacionadas coa Intelixencia Artificial, impartidas por María José Carreira; ou sobre a chegada das supercomputadoras Exascale, por Juan Carlos Pichel. O IGFAE presentará diferentes charlas informativas a través de Cristina Cabo, Xabier Cid, José Edelstein e Verónica Villa, que serán retransmitidas en directo na canle de Youtube do IGFAE á vez que teñen lugar no centro. 

Científic@s por un día

A través de obradoiros como Xogando coa química do CiQUS, os cativos e cativas descubrirán a importancia das cores na química. Na acción Infiltrados no Laboratorio, os asistentes comprenderán o funcionamento dalgúns dos equipos máis representativos do centro.

Entre os obradoiros de Ciencia Divertida, propostos polo CiMUS para os máis pequenos, estará aprender a elaborar dentífrico natural ou coñecer máis cousas sobre o pH. Tamén se ofrecerán obradoiros divulgativos sobre ilusións sensoriais e plaquetas, para un público máis maior; e un tour virtual polas instalacións do CiMUS para os máis curiosos. A aposta do CiTIUS para esta quinta edición de Ciencia Singular será a presentación da xornada cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Desta maneira, a xornada mostrará como o CiTIUS está a contribuír con estes obxectivos seguindo unhas pautas: unha Intelixencia Artificial (IA) ética e transparente, algoritmos de seguimento de obxectos, máquinas que entenden a linguaxe humana... Esta xornada tamén servirá para aproximar a robótica á xente. O IGFAE permitirá coñecer como funcionan as súas instalacións de forma práctica. Para os máis pequenos haberá un obradoiro sobre gravidade no espazo, e aprenderán conceptos relacionados co espazo-tempo. Os máis maiores, por exemplo, poderán observar as partículas cósmicas que caen á Terra continuamente a través de cámaras de néboa. A xornada rematará coa exposición dunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar isótopos en tres dimensións.

16/11/202107:40
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

O uso de internet crece nun ano un 21% entre as persoas de Galicia de 65 a 74 anos

  • O 100% dos galegos de 16 a 34 anos empregan internet, por riba da media estatal
  • Galicia reduce a distancia coa media estatal nos principais indicadores, segundo os datos do INE

Galicia crece en todos os indicadores de uso das TIC e reduce a distancia coa media estatal. Destaca especialmente o crecemento de uso e contratación entre os colectivos de persoas de máis idade e nos municipios de menos habitantes.

Segundo os datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2021, o 90,2% dos galegos usa internet, rexistrando a menor diferencia coa media estatal do rexistro histórico. Por idades o 100% dos galegos de 16 a 34 anos empregan internet, por riba da media estatal, e o crecemento máis importante rexistrouse no tramo de idade de 65 a 75 anos cun 21% fronte ao 5,2% de crecemento estatal, o que permite reducir a fenda en preto de 8 puntos neste franxa.

Ademais, segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), máis do 93% dos fogares galegos teñen servizo de internet contratado, unha porcentaxe que se mantén en todos os concellos de máis de 10.000 habitantes e que nos concellos de máis de 100.000 xa supera o 95%. O crecemento máis desatacado prodúcese nos municipios con menos de 10.000 habitantes, que por primeira vez superan a barreira do 90% de fogares con internet contratado

Respecto ao equipamento, o 78,7% dos fogares galegos contan con algún tipo de ordenador, experimentando un crecemento do 9,2% no último ano fronte ao incremento do 2,8% da media estatal.

Comercio electrónico

O 52,5% da poboación galega mercou a través de internet nos últimos tres meses, un crecemento do 11,2% respecto ao ano anterior fronte ao crecemento do 2,6% que experimenta a media estatal. Este pulo ao comercio electrónico localízase especialmente nas persoas de máis idade, xa que crece un 43,2% no tramos de 55 a 64 anos e case se triplica no de 65 a 74 anos.

Os datos do INE constatan que as compras a través de Internet superan o 68% entre as persoas de 16 a 34 anos e acadan o seu valor máis elevado entre as persoas de 35 a 44 anos cun 73,7%.

Administración dixital

Con respecto aos indicadores de administración electrónica, un 70,7% dos internautas galegos comunicáronse coas Administracións a través de Internet, experimentando un crecemento do 7,6% no último ano. Cabe salientar que un 56,8% é un usuario avanzado no ámbito da administración dixital e envía formularios cumprimentados a través de Internet.

Tele Escola. Nenos de 6 a 15 anos

Tele Escola é un módulo novo incorporado polo INE nesta edición. Este concepto refírese á asistencia a clase ou realización doutro tipo de actividades docentes, a través de Internet (de forma total ou parcial), impartidas por parte dos profesores habituais do seu centro educativo e referidas ao curso académico (neste caso 2020/2021) mediante o uso de medios e sistemas informáticos, telemáticos e de telecomunicación desde un lugar diferente á escola.

O 92,6% dos nenos/as galegos de 6 a 15 anos conviven en fogares que dispoñen dos medios ou recursos suficientes (Internet, equipamento informático,...) que farían posible a asistencia a clases ou actividades de Tele Escola.

O 44,8% dos nenos/as galegos de 6 a 15 realizaron ou asistiron a clases ou actividades en liña de forma total ou parcial nos tres últimos meses. Pola súa banda, o 46,9% non asistiu a estas clases aínda tendo recursos no fogar, xa que non eran obrigatorias ou non se impartían no seu curso académico 20/21.

15/11/202114:33
Presentación da Rede Galega de Educación Dixital.
Santiago de Compostela

A Xunta crea a Rede Galega de Educación Dixital, con 78 docentes que asesorarán aos colexios e institutos para a súa transformación tecnolóxica

  • O obxectivo é prestar apoio e mentorización ao conxunto de colexios e institutos para que teñan plenamente operativo o seu Plan Dixital de Centro, a primeira acción da Estratexia Educación Dixital 2030, cun investimento de 120M€
  • Haberá 78 docentes especialistas con dedicación completa e exclusiva a este fin, que actuarán integrados en equipos en 14 ámbitos xeográficos: cinco na provincia da Coruña, dous en Lugo, dous en Ourense e outros cinco en Pontevedra
  • Román Rodríguez salienta o reto de conseguir que as escolas “sexan organizacións dixitalmente competentes”
  • Mar Pereira destacou as competencias e a educación dixital son eixos prioritarios da Estratexia Galicia Dixital 2030

A Xunta de Galicia vén de constituír a Rede Galega de Educación Dixital, un equipo integrado por 78 centros educativos e outros tantos docentes para impulsar a transformación dixital do sistema educativo. A súa primeira reunión, presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira, tivo lugar esta mañá en Santiago.

O titular de Educación do Goberno galego destacou a importancia do labor desta rede na implementación do Plan Dixital de Centro na medida en que este será “o manual propio e intransferible que deberá seguir cada centro para avanzar na súa transformación dixital”.

Román Rodríguez salientou que os obxectivos educativos para os próximos anos están dirixidos a “sacarlle o máximo rendemento” ao uso das tecnoloxías dixitais nas aulas e “conseguir que as escolas sexan organizacións educativas dixitalmente competentes”.

Pola súa banda, Mar Pereira puxo en valor a rede de mentores que hoxe empeza o seu percorrido e que, co acompañamento da Rede de asesores de Abalar, debe deseñar o plan para que cada centro saque o mellor aproveitamento das plataformas e tecnoloxías dixitais. A directora da Amtega destacou que as competencias e a educación dixital son eixos prioritarios da Estratexia Galicia Dixital 2030. Entre as súas medidas, está en marcha un plan de infraestruturas dixitais con máis de 130 millóns de euros que reforzará as plataformas, dotará todos os centros dunha conectividade de 1Gbps, ao 100% dos espazos educativos de wifi de alta velocidade e actualizará o equipamento de alumnos e profesorado.

Precisamente para acadar o reto do coñecemento, da innovación e da transformación tecnolóxica foi deseñada a Estratexia Educación Dixital 2030 da Xunta de Galicia cun investimento de 120M€ e cun conxunto de accións coordinadas e planificadas con especial fincapé na incorporación de estratexias docentes e novas tecnoloxías pedagóxicas enfocadas á transformación dixital.

Reforzo de docentes especializados

Unha das accións da Estratexia é o Plan Dixital de Centro -dotada con 19,2M€- que leva aparellado a posta en marcha da Rede de Educación Dixital agora constituída con 78 centros integrantes e que exercerán de mentores para o conxunto dos centros sostidos con fondos públicos de Galicia.

Isto leva asociado tamén a contratación de 78 docentes especialistas no ámbito dixital (a razón de un por centro baixo a coordinación de dúas persoas da Consellería) que acompañarán aos centros educativos no proceso de deseño, elaboración e implementación do seu Plan Dixital, que deberá estar totalmente operativo o vindeiro curso 2022-23.

Á súa vez, estes 78 docentes estarán organizados en 26 equipos de atención dixital aos centros estruturados en 14 ámbitos xeográficos, a razón de cinco na provincia da Coruña, dous na de Lugo, dous na de Ourense e outros cinco na de Pontevedra.

No que atinxe ao Plan Dixital de Centro, no presente curso os centros deberán comezar coas primeiras fases de elaboración, cunha análise da situación real e de diagnose de debilidades, ameazas e fortalezas para a súa aprobación definitiva polos respectivos consellos escolares de cada centro a finais de curso. A previsión é que o documento estea totalmente pechado para a súa aplicación efectiva no vindeiro curso 2022-23.

12/11/202108:25
Presentación de Talentos Inclusivos.
A Coruña

Centros de ensino públicos da Coruña participarán na segunda edición de Talentos Inclusivos

Este 11 de novembro celebrouse na Coruña a presentación da segunda entrega do programa Talentos Inclusivos, iniciativa tecnolóxico-solidaria impulsada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a asociación ASPACE Coruña, en colaboración co Concello da Coruña. Trátase dun relevante proxecto destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade, á vez que dá visibilidade ás persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras. Recentemente foi recoñecido co Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino que concede o CPEIG.

Na presentación, celebrada na Sala Leonardo Da Vinci da Domus, participou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen dixo que o Concello porá a disposición da iniciativa os seus centros de ensino públicos e máis a súa capacidade de interlocución coa comunidade educativa. O obxectivo: conseguir a máxima difusión de Talentos Inclusivos. Nesta segunda edición participarán tres centros públicos de Educación Secundaria da cidade: os institutos Calasanz PP. Escolapios, Agra do Orzán e Zalaeta.

A partir do mes de decembro e ata maio do 2022 os diferentes centros participantes traballarán coa colaboración de usuarios de ASPACE no desenvolvemento destas ferramentas tecnolóxicas que melloren a calidade de vida das persoas con parálise cerebral. "Este é un proxecto que conxuga dous elementos centrais da nosa acción política: a aposta pola ciencia e o coñecemento e a inclusión", sinalou Inés Rey. A rexedora animou aos participantes neste proxecto a dar o máximo durante esta segunda edición: "Queda por diante un curso cheo de retos para os participantes nesta segunda edición de Talentos Inclusivos. Estou segura de cando remate esta segunda edición, os proxectos desenvolvidos durante estes meses amosarán o esforzo de todos. E o máis importante, contribuirán a mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral".

11/11/202115:09
Mar Pereira na clausura da xornada.
Santiago de Compostela

A Xunta investirá 12 millóns de euros nos vindeiros tres anos na loita contra a ciberdelincuencia nas administracións, empresas e cidadanía

  • A directora da Amtega clausurou hoxe o encontro galego Ciber.gal que abordou os retos da ciberseguridade para o tecido empresarial, a cidadanía e o sector público
  • Mar Pereira destacou que a Administración autonómica está a desenvolver unha fronte común no reforzo de infraestruturas e medidas de difusión e concienciación en materia de ciberseguridade
  • Puxo en marcha o Nodo galego de Ciberseguridade como espazo de colaboración público-privado para afrontar os retos neste ámbito e ao que xa se adheriron máis de 40 entidades
  • Está a traballar nunha carteira de servizos de seguridade da información e está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia

O primeiro encontro galego de ciberseguridade, Ciber.gal pecha hoxe as súas portas con máis de 1.400 inscricións, entre cidadáns, profesionais de distintos ámbitos empresariais e do sector público, que asistiron desde onte a paneis, conferencias e actividades sobre os retos da seguridade na contorna dixital.

O evento foi clausurado hoxe pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, nun acto no que tamén participaron os reitores das Universidades de Coruña e Vigo, Julio Abalde e Manuel Joaquín Reigosa e o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxía e Sustentabilidade da Universidade de Santiago, Gumersindo Feijóo.

Máis de 12 millóns de euros en tres anos

A directora da Amtega sinalou que a Xunta está a desenvolver unha fronte común na loita contra a ciberdelincuencia con medidas de reforzo de infraestruturas tecnolóxicas, servizos e novos modelos de colaboración público-privada que suman investimentos que superan os 12 millóns de euros para os vindeiros tres anos.

Mar Pereira lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade, o Nodo galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, Impulsado desde a Xunta. Na súa constitución en xullo do 2020, participaron o Instituto Nacional de Ciberseguridade e o Centro Criptolóxico Nacional, as catro Deputacións galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Desde entón, ademais, sumáronse ao nodo máis de 40 entidades privadas e as tres universidades galegas. Entre as súas actividades para a difusión e concienciación neste ámbito está a celebración deste encontro, Ciber.gal.

Ademais, estase a traballar para ampliar a carteira de servizos de ciberseguridade, tanto para o sector público autonómico como para a Administración local e outras administracións públicas, a cidadanía e o tecido empresarial, en particular pemes e autónomos, grazas a un acordo marco aprobado no Consello da Xunta.

E está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que aglutinará a prestación destes servizos especializados así como a actividade do Centro de Resposta a Incidentes (CSIRT.gal). En funcionamento desde 2018 o CSIRT.gal centraliza a mitigación do impacto dos incidentes de seguridade no ámbito da Administración autonómica.

As tecnoloxías e servizos vinculados á Ciberseguridade xunto coa Intelixencia artificial e as posibilidades sobre as tecnoloxías 5G, constitúen un dos 3 alicerces da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Encontro Ciber.gal

O encontro galego Ciber.gal, que se celebrou onte e hoxe, no Edificio Fontán da Cidade da Cultura está estruturado en tres bloques. O primeiro deles englobou actividades destinadas ao tecido empresarial con paneis e charlas sobre axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, os riscos aos que se enfrontan as empresas e as obrigas legais en materia de ciberseguridade.

Para o colectivo da cidadanía, que se desenvolveu na tarde do 10 de novembro, celebrouse a final do concurso Ciberseguridade no cole!, destinado aos menores organizado por Telefónica; e un Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade e Gradiant. Ademais, interveu Gianluca D´Antonio, presidente de ISMS Forum.

A segunda xornada do encontro estivo destinada á administración pública coa participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun debate que agrupa aos máximos responsables de organismos e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat Valenciana e a Amtega.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS