main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/11/202114:16
Imaxe dun móbil coa aplicación AlertCops.
Madrid

AlertCops: App accesible para a comunicación coa policía e a nosa seguridade

Este 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e queremos aproveitar a análise que realizaron os nosos compañeiros de Orientatech para falarvos da tecnoloxía de AlertCops, unha aplicación accesible a persoas con discapacidade desenvolvida polo Ministerio do Interior para facilitar a comunicación de emerxencias e que dedica un apartado específico á violencia de xénero.

AlertCops permite comunicar de forma rápida e sinxela á Policía e á Garda Civil situacións de emerxencia que esteamos a sufrir nós ou das que sexamos testemuñas.

Entre os tipos de emerxencias das que se pode dar aviso inclúese a da Violencia de Xénero cuxos avisos, ademais, van directamente á comisaría máis próxima para poder dar resposta o máis rapidamente posible.

Os compañeiros de Orientatech realizaron, como sempre, unha excelente análise desta tecnoloxía destacando a súa accesibilidade, especialmente na versión de Android, na que a aplicación é compatible cos lectores de pantalla. Na versión para iOS hai algúns erros na identificación dos botóns que esperamos se resolvan en próximas actualizacións.

Ademais, a app ten un menú específico para persoas con discapacidade auditiva que facilita a súa comunicación.

Para ler toda a análise de Orientatech podedes entrar nesta ligazón.

24/11/202108:24
VI edición dos Premios Discapnet de Fundación ONCE ás Tecnoloxías Accesibles.
Madrid

Entrega dos Premios Discapnet da Fundación ONCE ás Tecnoloxías Accesibles

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital,  Nadia Calviño, presidiu este luns a entrega da VI edición dos Premios Discapnet da Fundación ONCE ás Tecnoloxías Accesibles, uns galardóns que recoñecen a accesibilidade TIC e o compromiso coas persoas con discapacidade.

VI edición dos Premios Discapnet da Fundación ONCE

Nesta ocasión, os Premios Discapnet recoñeceron a Audible, produto de Amazon que permite reproducir contido en audio de alta calidade; á Fundación Síndrome de Down de Madrid, por deseñar tecnoloxía accesible para persoas con discapacidade intelectual; un brazo para a súa impresión 3D adaptado ás necesidades de cada persoa, de Ayúdame3D, e ao portal Tecnobility, da empresa Tecnobility, por difundir iniciativas relacionadas coas tecnoloxías accesibles.

No acto de entrega de premios, Calviño estivo acompañada polo presidente do Grupo Social ONCE, Miguel Carballeda; o director xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade, Jesús Martín; o vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán; a vicepresidenta 3º de Igualdade, Recursos Humanos e Cultura Institucional e Inclusión Dixital do Grupo Social ONCE, Patricia Sanz; o director xeral da Fundación ONCE, José Luis Martínez Donoso, e o director de Accesibilidade Universal e Innovación da mesma entidade, Jesús Hernández.

Ademais, asistiron ao evento o director xeral da ONCE, Anxo Sánchez; o conselleiro delegado de ILUNION, Alejandro Oñoro; o presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), Luís Cayo Pérez¸ o presidente de Servimedia, Fernando Riaño, e a presidenta de Spain STARTUP, María Benjumea.

Na súa intervención, Nadia Calviño agradeceu o labor dos premiados, porque coas súas aplicacións abren oportunidades de traballo de calidade e de inclusión social, xa que a tecnoloxía permite gozar ás persoas dunha vida con mellor calidade que hai non moito tempo era impensable.

Desta forma, a vicepresidenta felicitou aos premiados, 'que verdadeiramente son marca España, un orgullo de país, á ONCE e a todas as institucións do terceiro sector que cada día fannos mellores como sociedade', Calviño afirmou que 'os Premios Discapnet representan a esencia da 'dixitalización humanista' do ministerio que ela dirixe, porque, como o goberno, poñen no centro do seu quefacer sempre ás persoas. 'Que a dixitalización abra oportunidades para todos de inclusión social', concluíu.

Pola súa banda, Miguel Carballeda quixo 'recoñecer, aplaudir e agradecer' a colaboración de todos os participantes. 'A ONCE naceu para isto, para dar resposta ás persoas con discapacidade, e así o fai tamén todo o tecido asociativo reunido aquí'. Agora o reto, recalcou, é 'que a tecnoloxía non sexa para nós un obstáculo que nos deixe no camiño'.

'Unha persoa maior, cega e soa ten hoxe a tecnoloxía da súa parte. Axúdennos a que as nosas vidas poidan mellorar, e isto é o que fan os Premios Discapnet, sorprendéndonos con iniciativas que axudan a mellorar as nosas vidas', aseverou. 

Finalmente, Jesús Hernández destacou na súa presentación o salto que nestes dous anos se deu na tecnoloxía, 'que foi espectacular'. O problema, engadiu, é que se deixe fóra ás persoas con discapacidade, 'e iso é o que tratamos de evitar con estes premios'.

Premiados

Na categoría A ,que recoñece ao mellor produto ou servizo baseado nas TIC para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, o gañador foi Audible. É un produto de Amazon que permite reproducir contido en audio, como audiolibros, de alta calidade, do que o xurado valorou o feito de que conta cunha interface 'moi accesible' e de que 'facilita o acceso á cultura a quen non poden ler textos'.

No apartado B, que galardoa á persoa, empresa, entidade ou organización que máis destacase pola súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade á tecnoloxía, o premio foi a parar á Fundación Síndrome de Down de Madrid. Recíbeo por deseñar tecnoloxía accesible para persoas con discapacidade intelectual e promover a alfabetización dixital deste colectivo.

Dentro da categoría C, que premia ao mellor proxecto de emprendemento con impacto social para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través das TIC, o proxecto gañador foi Trésdesis, de Ayúdame3D, un brazo para a súa impresión 3D adaptado ás necesidades de cada persoa. A súa fabricación e formación faise na contorna local.

Finalmente, o novo apartado, o D , galardoa ao medio de comunicación 'que máis destacase por difundir cara á sociedade iniciativas, proxectos, produtos e servizos relacionados coas tecnoloxías accesibles. O xurado considerou que este medio foi Tecnobility, da empresa Tecnobility, un sitio web especializado en tecnoloxía e accesibilidade con amplo recoñecemento no colectivo de persoas con discapacidade.

19/11/202115:13
Cartel da iniciativa.
Ourense

A Tecnópole leva o espírito das mulleres empresarias á Mobile Week Ourense

Mobile Week Ourense 2021, que se celebra cun chamamento específico a reflexionar no impacto da transformación dixital na cidadanía, acolle este sábado 20 unha mesa de debate sobre Mulleres emprendedoras nas TIC, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que quixo participar neste encontro levando ao mesmo o espírito das mulleres empresarias.

Esta mesa debate desenvolverase entre as 17:30 e as 18:30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. No seu transcurso abordarase as dificultades coas que se atopan as emprendedoras para materializar aos seus proxectos, máis aínda no ámbito do emprendemento científico e tecnolóxico e ligado á transformación dixital. A mesa estará moderada por Bárbara Canedo, técnica da Confederación de Empresarios de Ourense. Contarase coa participación de catro mulleres: Nuria Iglesias, presidenta da Asociación de Novos Empresarios de Ourense; Marta Novoa, tenente alcalde do concello de San Cibrao das Viñas; Lena Repetskaya, fotógrafa con estudo no Parque Tecnolóxico de Galicia; e Dora Casal, directora executiva da firma Roberto Verino, que tamén exerce o seu labor en Tecnópole.

18/11/202117:53
Participantes no III Congreso de Mulleres no Sector Público.
Santiago de Compostela

A directora da Amtega destaca a necesidade de sumar talento feminino á transformación dixital

  • Mar Pereira participou hoxe nunha mesa redonda sobre “sectores masculinizados” no marco do III Congreso de Mulleres no Sector Público
  • Malia que a inserción laboral entre ambos xéneros é moi semellante e supera o 83%, a porcentaxe de tituladas nas especialidades máis tecnolóxicas e nas enxeñarías é moi inferior á de titulados
  • Os salarios das mulleres superan aos dos homes no caso das carreiras nas que son minoría, mentres quedan por detrás en Ciencias ou Matemáticas
  • Soamente o 1% das mulleres das empresas tecnolóxicas ocupan postos directivos, fronte ao 5,8% dos homes
  • A directora da Axencia destaca os esforzos da Xunta para promover o talento feminino a través do plan DigiTalent e de accións como Girl STEAM ou o documental Marxe de Erro

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou hoxe a “necesidade” de atraer talento dixital, en xeral, e feminino en particular, aos sectores tecnolóxicos chamados a liderar a transformación da nosa economía.

Mar Pereira participou na mesa titulada “As mulleres en sectores masculinizados: sector TIC, enxeñarías e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, que tivo lugar este mediodía no marco do III Congreso Galego de Mulleres no Sector Público, que se celebra ata mañá en Santiago de Compostela.

A directora da Axencia salientou as “excelentes” perspectivas de inserción laboral nos sectores tecnolóxicos. O emprego creceu en máis dun 23 por cento entre 2015 e 2020 e, de seguir a evolución actual, estes sectores crearían en Galicia máis de 4.500 postos de traballo ata 2025. Sen embargo soamente o 20 por cento dos 3.660 empregos creados no pasado quinquenio foron mulleres.

Ademais, nas empresas de tecnoloxía soamente o 1% das mulleres ocupa postos directivos fronte ao 5,8% de homes. Atendendo ás funcións que desenvolven nas empresas, só o 14,7% están dedicadas a funcións tecnolóxicas fronte ao 49,3% de homes. No caso de funcións non especificamente tecnolóxicas (administrativas,...) a tendencia invértese e a presenza de mulleres (16,2%) supera aos homes (13%).

Segundo datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), no 2020 foron 5.885 as traballadoras nos sectores tecnolóxico afiliadas á Seguridade Social, valor que se mantivo así estable respecto a 2019. A pesar disto, continua o crecemento da fenda de xénero nestes sectores, debido a que a o incremento do número de homes continuou no último ano.

Mulleres con formación superior STEM en Galicia

En Galicia, a porcentaxe de tituladas nas carreiras denominadas STEM é moi inferior ao de titulados nas especialidades máis tecnolóxicas (16,8% de mulleres) e nas enxeñarías (38,5%). Sen embargo en Matemáticas a proporción de tituladas é moi próxima a dos titulados e nas ciencias naturais, as mulleres son maioría (66,1%).

A inserción laboral de ambos xéneros é moi semellante, de máis do 83% en ámbolos dous casos.

Os salarios das mulleres mesmo superan aos dos homes cando son tituladas nas carreiras en que son minoría (Tecnoloxías e Enxeñarías), mentres quedan por detrás en Ciencias e Matemáticas.

Hai maior porcentaxe de mulleres tituladas STEM traballando nos sectores de Hostalaría, Outros servizos, Administración e Primario. Mentres tanto, máis porcentaxe de homes atopan acomodo laboral nas Industrias xerais, no Sector TIC e nas Actividades de servizos profesionais.

As formación superior STEM comprende as especialidades de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías e Matemáticas. Son as máis relacionadas coa capacitación persoal cualificado para os sectores máis tecnolóxicos.

Actuacións para o fomento das vocacións STEM entre as nenas

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia referiuse na súa intervención aos esforzos acometidos pola Xunta de Galicia para fomentar as vocacións STEM entre as nenas.

Pereira destacou tres liñas clave para captar e reter talento, aumentar o recoñecemento social das profesións tecnolóxicas; promover o papel de dirección e liderado destes profesionais e deseñar proxectos atractivos profesionalmente cun elevado compoñente de impacto económico e social

Respecto ás actuacións en marcha referiuse, en concreto, ao Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), e a actuacións como o programa Girl STEAM ou a elaboración do documental “Mulleres na Informática: Marxe de Erro”.

DigiTalent identifica como ámbito de especial relevancia a loita contra a fenda dixital de xénero, e neste senso, aposta por dar visibilidade aos roles e referentes femininos no sector TIC e fomentar entre as máis novas as vocacións científico-tecnolóxicas.

No verán de 2021 desenvolveuse, un ano máis, o programa Girl STEAM en colaboración coa Asociación Galega de Software Libre (Agasol). Trátase dunha actividade que busca empoderar a nenas e mozas dando unha maior visibilidade ao rol que desempeña a muller no sector tecnolóxico.

A iniciativa, xa activada no 2020 e adaptada ao formato dixital pola situación socio-sanitaria derivada da Covid-19, permitiu ás máis novas e novos achegarse, en remoto, a seis mulleres referentes a través de conversas gravadas nas que relataban experiencias da súa traxectoria profesional.

Recentemente presentouse tamén o documental “Mulleres na informática: Marxe de erro”, que contribúe a reducir a fenda de xénero na nosa comunidade, e visibiliza o papel que xogan as mulleres tecnólogas no sector tecnolóxico. A través dos seus relatos, as cinco protagonistas amosan a necesidade e o aporte de valor que supón a incorporación do talento feminino na carreira de informática, rompendo coas ideas preconcibidas que afastan ás máis novas de optar por estudos STEAM. Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración asinado pola Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG).

18/11/202113:28
Aula CeMIT.
Narón

A cidadanía de Narón poderá formarse en capacitación en liña e en busca de emprego 2.0

O Concello de Narón informou de que a aula CeMIT local acollerá dous novos cursos a partir do vindeiro mes de decembro, un sobre Teletraballo, reunións en liña e capacitación online e outro de Busca de emprego 2.0. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, recordou que as persoas interesadas en inscribirse deben facelo a través da plataforma CeMIT.

A primeira das accións formativas, a que se centra no teletraballo, vén cun total de nove prazas e impartirase do 13 ao 21 de decembro, en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. En total o curso consta de 28 horas, nas que se abordarán temas como a xestión do correo, tarefas e axenda dixital, reunións en liña, almacenamento na nube, mensaxería a tempo real e xestión de proxectos online con Trello.

Pola súa banda, o curso de Busca de emprego 2.0 tamén oferta nove prazas, do 1 ao 21 de decembro e neste caso en horario de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. Nas 52 horas de duración do mesmo abordaranse temas como a marca persoal na web 2.0, as redes sociais aplicadas á procura de emprego, redes sociais profesionais, currículo 2.0 para un recrutamento efectivo e portais 2.0 con vistas a atoparmos un posto de traballo.

As prazas ofertadas para estas accións formativas cubriranse por orde de inscrición, tal e como recordou a concelleira naronesa.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS