main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/12/202108:38
Mans dun neno sobre un teclado.
Ribeira

A aula CeMIT de Ribeira achega no Nadal dúas actividades formativas para a rapazada

Este Nadal celebraranse na aula CeMIT de Ribeira, o centro de divulgación, capacitación e dinamización tecnolóxica do Concello, dous cursos gratuítos de informática dirixidos aos máis pequenos, ambos do 27 de decembro ao 5 de xaneiro.

Así, haberá unha primeira acción formativa para nenos e nenas de entre 7 a 10 anos (de 10 a 13 horas) titulada Iníciate na informática, na que o alumnado aprenderá a escribir, debuxar, animar fotos e navegar por Internet.

E pensando nos rapaces de 11 a 15 anos (de 12 a 13.30 horas) terá lugar unha segunda acción sobre Edición de imaxe, onde aprenderase a retocar fotografías e montar un álbum.

Cómpre formalizar as inscricións vía web no espazo en liña da aula CeMIT.

15/12/202114:08
Participantes no foro "Unha estratexia en IA para a empresa galega".
Santiago de Compostela

A Xunta consulta ás universidades para deseñar o novo marco ético e normativo na adopción da intelixencia artificial

  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participa na sesión sobre “Unha estratexia en IA para a empresa Galega” do Foro Económico de Galicia
  • Destacou a necesidade dunha reflexión sobre os límites e as regras do xogo na adopción desta tecnoloxía nos ámbitos públicos e privados
  • Mar Pereira pon de manifesto que Galicia trasladou ao Estado a necesidade de que que o galego estea incluído no PERTE na nova economía da lingua a través do proxecto Nós
  • Galicia está entre as comunidades con maior porcentaxe de empresas que contratan especialistas en Intelixencia Artificial

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, anunciou hoxe que a Xunta porá en marcha un estudio en colaboración con grupos de traballo das tres universidades de Galicia para avaliar o novo marco ético e normativo que require a adopción da Intelixencia Artificial (IA).

Mar Pereira fixo este anuncio na sesión sobre “Unha estratexia en IA para a empresa galega” do Foro Tecnolóxico integrado no Foro Económico de Galicia, que se desenvolveu hoxe no Centro de Estudos Avanzados, en Santiago de Compostela.

A directora da Axencia informou de que o estudo sobre o marco ético e normativo é unha das medidas que forman parte da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA) aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de xuño. A EGIA mobilizará máis de 330 millóns de euros nesta década e xerará un impacto na creación de riqueza duns 472 millóns de euros.

Mar Pereira lembrou que a UE vai a dedicar máis de 1.000 millóns de euros ao ano á Intelixencia Artificial, e que estes investimentos vanse a acelerar coa aplicación do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Neste sentido, manifestou que estas previsións de investimentos “obrigan a facer unha reflexión sobre como adaptar o noso marco normativo, dentro do marco competencial, que nos corresponde como rexión europea”. Invitou, así mesmo, a afrontar “unha reflexión sobre os límites e as regras do xogo á hora de afrontar esta tecnoloxía nos diferentes ámbitos públicos e privados”.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia lembrou que tamén se está a traballar no modelo de integración de Galicia no Espacio Europeo de Datos. Tamén como parte da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, Mar Pereira referiuse ao Acordo Marco que permitirá poñer en marcha actuacións por importe de 30 millóns de euros para a adopción da IA no ámbito público a través da iniciativa GobTech.

Mar Pereira reiterou a importancia de avanzar no modelo de colaboración entre as Administracións Públicas, o sector privado e o coñecemento, así como na adaptación da formación aos novos perfís profesionais. Lembrou que Galicia está entre as comunidades nas que unha maior porcentaxe de empresas contratan especialistas en Intelixencia Artificial. Máis dun 7 por cento das empresas de Galicia aplica solucións de Intelixencia Artificial.

Por último, a directora da Axencia destacou a importancia de que Galicia participe nos proxectos estratéxicos do Estados nos que a Intelixencia Artificial xogue un papel destacado. Puxo como exemplo o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da Nova Economía da Lingua, que inclúe tanto ao español como ao resto das linguas oficiais. Mar Pereira lembrou que Galicia solicitou formalmente ao Estado desenvolver un papel activo a través do proxecto Nós, que busca facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas na IA e tecnoloxías da linguaxe.

14/12/202114:04
Mans usando un smartphone.
Castro de Rei

Dous pilotos 5G desenvoltos en Galicia demostran a capacidade desta tecnoloxía para mellorar o rendemento das explotacións agrarias e optimizar a conectividade no rural

  • Hoxe o presentáronse en Castro de Rei dous novos casos de uso 5G, un de sensorización para explotacións agrarias e outro de conectividade no fogar
  • Desenvolvidos polo operador Orange son dous dos preto de 30 pilotos que se están realizar en Galicia grazas ao Plan Nacional 5G e ao Nodo do Plan Galicia 5G
     

O municipio lucense de Castro de Rei acolleu hoxe a presentación de dous novos casos de uso da tecnoloxía 5G que demostran as vantaxes que achega o 5G na mellorar da calidade de vida e a economía en instalacións agrícolas e zonas rurais.

No primeiro dos pilotos, desenvolto por Orange, Agroamb, Ericsson e Qampo a instalación de sensores conectados mediante IoT 5G nos campos de cultivo, unidos á utilización de mapas satelitais, permite obter información puntual sobre o estado da explotación agraria. Desta forma e grazas á correlación de parámetros agronómicos, ambientais e satelitais, os técnicos poden coñecer en tempo real as necesidades de auga, fertilización, etc., dos seus campos, planificando así de forma óptima o coidado destes e optimizar o rendemento dos seus cultivos e das distintas colleitas.

Pola súa banda, o segundo dos pilotos, que se leva a cabo sobre a rede 5G de Orange coa colaboración de Ericsson, ten como fin impulsar a dixitalización da contorna rural a través da mellora da conectividade que proporciona o 5G naquelas zonas nas que é máis difícil a instalación de fibra óptica. A través dunha solución coñecida como FWA e que utiliza a rede 5G coma se fose unha rede de fibra óptica ata o fogar, mellórase o acceso móbil e a experiencia dos usuarios a redes ultrarrápidas en poboacións rurais, permitíndolles así gozar de servizos que, a día de hoxe, soamente están dispoñibles con accesos de rede fixa de última xeración.

Ambos casos de uso, que xa están operativos, foron presentados hoxe nas instalacións da empresa Agroamb en Castro de Rei, coa presenza do director de Área de Sociedade Dixital da Amtega, Miguel Rodríguez; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García; a directora adxunta de Servizos Públicos Dixitais, María Fernández; o CEO de Agroamb, Serveriano Ónega; o xerente de Qampo Francisco Huidobro xunto co manager de Orange Zona Norte Óscar Aragón e o Responsable GG CC Zona Norte Jesús Costoya.

Estes proxectos enmárcanse no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e para a execución do mesmo en Galicia formouse unha UTE composta por Orange, cinfo, Gammera Nest e Optare Solutions e outras entidades colaboradoras.

Galicia, territorio 5G con preto de 30 casos de uso

Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha un Plan 5G. Este posicionamento contribuíu a que o Ministerio de Economía e Transformación Dixital concedese dúas subvencións aos operadores Telefónica e Orange para realizar proxectos presentados polos operadores Telefónica e Orange para realizar pilotos 5G en Galicia. Estas iniciativas, sumadas ás impulsadas polo Nodo do Plan Galicia 5G, impulsado desde a Xunta, no que participan estes operadores xunto con Vodafone, suman 29 casos de uso baseados no 5G por un importe de 22 millóns de euros.

Galicia xa rexistrou algúns fitos importantes en torno ao 5G como ser o territorio escollido a nivel mundial para unha conexión 5G en roaming, ou que Vigo e A Coruña fosen das primeiras cidades europeas en contar con estas redes ultrarrápidas sen fíos.
Actualmente dos 29 pilotos 15 están completados, 12 na recta final e os restantes en desenvolvemento, comprobando os usos innovadores desta tecnoloxía na atención sanitaria, a educación, a xestión de incendios e emerxencias, o turismo, a industria ou a automoción entre outros.

14/12/202114:00
Un fonendoscopio xunto a un smartphone.
Santiago de Compostela

A aplicación AsisT.gal da Xunta recibe o Premio Senda Iniciativa Pública

  • A XII edición destes galardóns recoñece a app que permite a familiares e coidadores monitorar desde os seus dispositivos parámetros de actividade, biomedidas ou a localización da persoa e establecerlle recordatorios de medicación ou citas médicas na axenda
  • AsisT.gal conta cun asistente virtual que, a través de pictogramas e recoñecemento de voz, proporciona unha comunicación intuitiva

A aplicación da Xunta AsisT.gal, recibe o Premio Senda Iniciativa Pública, que se entrega hoxe en Madrid e que recollerá o director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Amtega, Víctor Coladas. AsisT.gal foi concibida como unha aplicación de apoio á rede de coidadores das persoas que viven soas. É unha ferramenta impulsada pola Amtega en colaboración coa Consellería de Política Social para facilitar ás persoas maiores ou con necesidades especiais que non viven acompañadas un contacto constante a través do móbil coa rede de servizos sociais e co seu círculo de coidadores.

A crise da covid-19 evidenciou, aínda máis, a importancia dos sistemas e recursos de monitoraxe no fogar para persoas maiores ou con necesidades especiais que viven soas, de aí a importancia de complementar estes servizos con iniciativas esta, que se enmarca no proceso de extensión da Historia Social Única Electrónica,

A aplicación, que está dispoñible en Android e que se publicará en breve en IOS, permite un acceso seguro a través da plataforma da Xunta Chave365. Ademais, dispón dun asistente virtual e de capacidades de comunicación coma o emprego de pictogramas para facilitar o seu uso.

AsisT.gal ofrece diferentes funcionalidades de comunicación entre a persoa que require dos coidados e aquelas ás que invite como coidadoras. Poden intercambiar chamadas telefónicas e mensaxes dun xeito sinxelo e conta cunha opción de chamada de emerxencia que comunica directamente coa persoa designada como coidadora principal, ao tempo que avisa da chamada ao resto de coidadores

Dispón de funcionalidade de axenda con alertas para eventos como citas médicas ou horarios para a toma de medicacións, con posibilidade de xestión remota da mesma por parte da persoa coidadora

En canto á monitoraxe, a aplicación permite empregar a información de localización do móbil, para informar se é necesario de que a persoa coidada está fora da súa zona de seguridade e mesmo para axudala a voltar a súa casa ou sitios de referencia

Ademais, recolle datos de actividade obtidos a través de wearables, como a frecuencia cardíaca, actividade ou o sono, a través da posibilidade de conexión coa app Google Fit. Permite, así mesmo, establecer umbrais nestes parámetros de actividade para lanzar alarmas no caso de que se superen, que reciben as persoas coidadoras.

A descarga e o uso da aplicación AsisT.gal é gratuíto e as persoas usuarias pasan a dispoñer dunha Historial Social Única Electrónica que contribúe a mellorar a súa calidade de vida e á recepción da axuda e asistencia que requiran en cada momento.

Premios Senda

Os Premios Senda teñen como obxectivo recoñecer o labor de persoas, institucións, empresas e profesionais que se esforzan por mellorar a calidade de vida das persoas maiores e/ou en situación de dependencia, así como por fomentar a autonomía persoal e o envellecemento activo.

A categoría Iniciativa Pública coa que foi premiada AsisT.gal recoñece as políticas activas adoptadas polas administracións públicas, para fomentar a autonomía persoal e o envellecemento activo, e concienciar aos cidadáns sobre a necesidade de adoptar hábitos saudables para ter unha mellor calidade de vida.

Ademais da Xunta tamén foi galardoada nesta XII edición na categoría de Premios Senior a iniciativa Cuideo Assit coa distinción de Promoción do Envellecemento Activo, recoñecendo o poder da teleasistencia para mellorar a calidade de vida das persoas maiores. O Premio Senda Saúde e Benestar foi para Sanitas Maiores polo seu modelo de coidado con cero suxeicións físicas e a racionalización do uso de psicofármacos.

O Grupo Senda é unha empresa de información e comunicación con máis de 20 anos de experiencia en publicacións sectoriais de maiores, atención á dependencia así como o sector industrial, sanitario e científico.

10/12/202109:30
Cartel da iniciativa.
Madrid

Amazon GAMERGY MAPFRE Edition alíase coa Fundación ONCE para dar visibilidade ás persoas con discapacidade no mundo dos videoxogos

  • Poñeranse ao dispor dos visitantes distintos postos de videoxogos nas casetas de Amazon UNIVERSITY Esports e JUNIOR Esports.

Amazon GAMERGY MAPFRE Edition, a cita de esports e videoxogos máis esperada do ano en España, contará na súa parte presencial, que terá lugar os próximos 17, 18 e 19 de decembro, coa participación da Fundación ONCE. Poñeranse ao dispor dos visitantes dúas casetas nas zonas de Amazon UNIVERSITY Esports e JUNIOR Esports para dar a coñecer como as persoas con discapacidade poden acceder ao mundo dos videoxogos, un aspecto esencial do lecer e a cultura no século XXI.

As persoas con discapacidade no mundo dos videoxogos

Na caseta de Amazon UNIVERSITY Esports instalaranse dous postos diferentes de xogo, ambos os dous adaptados. Un deles incorporará unha XBOX One, cun mando e un Adaptive controller. O segundo, unha Nintendo Switch e dous mandos. Ademais, cada consola dispoñerá dun televisor, variando das 49 ás 55 polgadas de tamaño.

No caso da caseta de JUNIOR Esports, o equipamento será moi similar. A única diferenza será que, xunto á Nintendo Switch e os seus dous mandos, estará dispoñible un Horipad.

Esta presenza da Fundación ONCE en Amazon GAMERGY MAPFRE Edition ten varios obxectivos, pero todos eles pódense resumir nunha idea principal: concienciar e visibilizar o acceso de persoas con discapacidade ao mundo dos videoxogos.

Con esta finalidade, búscase sensibilizar a través dos postos de xogo adaptados, fomentar experiencias reais parecidas ás que senten este colectivo, maior visibilidade, compresión e entendemento da tecnoloxía adaptada e, finalmente, gravar unha aftermovie da experiencia en Amazon GAMERGY MAPFRE Edition.

Como broche final, nestes postos repartiranse unha serie de flyers informativos, mascotas, USB con contido informativo, un videoxogo sorpresa e merchandising de JUNIOR Esports e Amazon UNIVERSITY Esports.

Ademais, a Fundación ONCE terá un espazo en cada unha das casetas. Neles incluirase un desafío para os asistentes onde haberá un posto de XBOX co XBOX Adaptive Controller e un posto de Nintendo Switch co periférico HORIFLEX

O desafío estará preparado para retar a persoas con ou sen discapacidade, mostrándolles as posibilidades que existen para que as persoas con discapacidade poidan xogar e supoña unha experiencia de sensibilización a persoas sen discapacidade co obxectivo de que coñezan as medidas de accesibilidade que existen no mundo dos videoxogos. Desta forma, poderán compartir estar novas posibilidades con familiares, amigos e coñecidos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS