main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

15/01/202220:53
Muller usando un portátil.
Santiago de Compostela

O uso de internet entre as mulleres galegas supera por primeira vez ao dos homes, eliminando a fenda de xénero dixital

  • Galicia rexistrou en 2020 un 87,8% de usuarias de internet e un 87,5% de usuarios
  • O uso da de internet entre as mulleres galegas supera, tamén, a media da Unión Europea
  • A proporción de mulleres que compran a través da rede tamén creceu en 6,2 puntos porcentuais no último ano, ata acadar o 57,1%

Por primeira vez en 2020 non se observan diferenzas de xénero no uso de internet en Galicia. Neste ano, a Comunidade rexistrou un 87,8% usuarias de internet nos últimos tres meses fronte ao 87,5% dos homes. Ademais, o uso da Rede entre as mulleres galegas supera nun punto porcentual a media da Unión Europea.

En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso de Internet nos tres últimos meses era de 3 puntos porcentuais en 2016 e foi reducíndose paulatinamente ata anularse por primeira vez en 2020. Atendendo á idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes no tramo de idade de 35 a 65 anos.

Son as conclusións dos resultados do informe “A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Este informe analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías en Galicia, a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE).

O uso de dispositivos dixitais

Na actualidade, en Galicia non se rexistra fenda de xénero algunha no uso de dispositivos electrónicos (teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet, ordenador de sobremesa, portátil, tablet…). O 91,4% das mulleres galegas fronte ao 91,2% dos homes utilizaron estes dispositivos nos últimos tres meses. Os resultados amosan que o uso deste tipo de dispositivos é igual ou superior entre as mulleres galegas de máis de 34 anos de idade.

Uso de internet, comercio electrónico e eAdministración

O 87,8% das mulleres utilizaron internet nos últimos tres meses, incrementándose así 2,5 puntos porcentuais nun ano e superando por primeira vez aos homes.

A proporción de mulleres que compran a través da rede tamén creceu en 6,2 puntos porcentuais no último ano, ata acadar o 57,1%. Compran máis as mulleres por internet ata os 45 anos, e invértese a tendencia nas idades máis elevadas. Non obstante, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da Rede en Galicia é superior en 2,9 puntos á que se rexistra entre as mulleres

Con respecto ao uso da eAdministración desde a perspectiva de xénero, as diferenzas son mínimas. As mulleres están a un punto porcentual no uso da rede dos homes para a obtención de información, descarga e entrega de documentación ou obtención de documentos persoais.

Tres de cada catro mulleres que usan internet obteñen información das Administracións Públicas e máis do 70% descargan e envían formularios oficiais cumprimentados.

11/01/202220:37
Mar Pereira.
Santiago de Compostela

A aposta de Galicia polo 5G permite visitar a Praza do Obradoiro en tempo real desde calquera lugar do mundo

  • É un dos preto de 30 pilotos de servizos avanzados baseados nesta tecnoloxía que se están a realizar na Comunidade
  • Desenvolvido por Orange, o piloto de visita virtual presentado hoxe facilita ao usuario a sensación dunha visita real, grazas á técnicas de realidade virtual e aumentada e ao uso de cámaras 360º

Santiago de Compostela acolleu hoxe a presentación dun dos preto de 30 pilotos 5G que se están a desenvolver en Galicia. Trátase dunha solución innovadora con aplicación no ámbito turístico que permite realizar visitas virtuais á Praza do Obradoiro desde calquera lugar do mundo en tempo real.

Grazas á instalación de cámaras 360º, situadas nun lugar destacado dese punto clave do turismo na cidade, retransmítese imaxes de moi alta resolución da praza e da fachada da catedral ás que, ademais, se aplican técnicas de realidade virtual, o que proporciona ao usuario a sensación dunha visita real.

Calquera persoa con cobertura 5G poderá visualizar desde a súa tablet ou dispositivo móbil as imaxes 360º en tempo real e con realidade aumentada, de xeito que terán a sensación de trasladarse á mesma Praza do Obradoiro.

Esta experiencia pode ser un primeiro paso para adaptar as experiencias turísticas á nova realidade dixital e aos novos dispositivos tecnolóxicos, que aumentarán exponencialmente as posibilidades de oferta de contido virtual e inmersivo tanto para o turista como para a cidadanía. Así, grazas ao 5G, poderanse descargar grandes cantidades de información a gran velocidade e interactuar de forma virtual e en tempo real debido á baixa latencia da tecnoloxía.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, que participou xunto co alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García, e o responsable de Relacións Institucionais da Zona Norte de Orange, Óscar Aragón, lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade que aprobou un plan para facilitar a extensión da tecnoloxía 5G. Este posicionamento contribuíu a que o Ministerio de Economía e Transformación Dixital concedese dúas subvencións ás propostas presentadas por Orange e Telefónica de realizar pilotos 5G en Galicia que, xunto ás que se promoveron desde o Nodo do Plan Galicia 5G, suman preto 30 casos de uso desta tecnoloxía en Galicia cun importe de 23 millóns de euros e no que participan arredor de 40 entidades.

A día de hoxe o 70% destes casos de uso están completados e o resto na recta final. Son usos innovadores desta tecnoloxía aplicados ámbitos como a atención sanitaria, a educación, na xestión de incendios, a industria, na automoción no audiovisual ou o turismo, entre outros.

Neste sentido, Mar Pereira sinalou que o seguinte paso será a avaliación destes 30 casos de uso para ver as posibilidades de incorporalos á dinámica dos servizos públicos e dos diferentes sectores produtivos.

Por outra banda, a directora da Amtega lembrou que a Xunta vén de lanzar un acordo marco de 30 millóns para incorporar o uso das tecnoloxías disruptivas ao sector público, incluíndo unha fase inicial de pilotaxe e avaliación e unha fase posterior de implantación e despregamento. O compromiso é que a tecnoloxía que se incorpore debe pasar, previamente, unha fase de avaliación que garanta non só a súa utilidade senón a súa sustentabilidade futura

Galicia, territorio 5G

A directora da Amtega destacou que na Comunidade conformouse un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G e que permitiu, por exemplo, que foramos o territorio escollido para a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial ou que Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades de España en contar con redes 5G.

A responsable autonómica recalcou que a Administración autonómica fixo unha forte aposta para que Galicia aproveite as posibilidades do 5G “porque esta é a tecnoloxía sen fíos do futuro, que permitirá as mesmas prestacións que a fibra e polo tanto é unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio como o noso caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica”. Neste sentido, lembrou o compromiso do Estado, de acordo coas liñas establecidas pola UE, de lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps.

06/01/202220:26
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

O novo Centro de Datos da Xunta será o único das administracións españolas en cumprir coas máximas esixencias mundiais de seguridade, reflectidas na certificación Tier 4

  • En España hai soamente 5 centros de datos con certificación TIER 4 en deseño e construción e outros 4 que teñen só a de deseño
  • O Tier 4 garante unha dispoñibilidade do 99,995 % pola seguridade dos sistemas eléctricos e de refrixeración, e reduce o tempo de inactividade por mantemento a 52,56 minutos ao ano
  • O novo Data Center da Xunta, que se atopa en fase de licitación, proporcionará estabilidade e evitará posibles caídas de servizos críticos, como a sanidade ou a educación
  • Situado no parque empresarial da Sionlla, ocupará unha superficie de 10.000 metros, nos que albergará tamén unha plataforma loxística para o equipamento tecnolóxico do sector público
  • O Data Center será a infraestrutura central na primeira fase da estratexia para o uso da tecnoloxía ‘cloud’ no sector público autonómico, que implicará investimentos de 52,2 millóns de euros ata 2025

O Centro de Datos que a Xunta de Galicia construirá no parque empresarial da Sionlla será o único dunha administración pública española en cumprir coas maiores esixencias mundiais de seguridade, que certifica o Uptime Institute coa cualificación Tier-4.

O proceso de licitación do novo Data Center da Xunta foi aprobado polo Consello de Goberno o pasado 4 de novembro. Esta primeira licitación, que inclúe a realización do proxecto, a dirección de obra e a realización de probas, implicará un investimento estimado de máis de 1,9 millóns de euros. O orzamento total será de 19,2 millóns de euros, incluíndo a construción e a compra dos terreos, parte deles con cargo aos Fondos Europeos Next Generation.

As certificacións do Uptime Institute están consideradas o estándar globalmente recoñecido para a fiabilidade e o desempeño xeral dos centros de datos. Actualmente hai máis de 2.012 certificacións emitidas en 109 países, que van dende o primeiro nivel (Tier-1) ata o máis esixente (Tier-4).

O que miden os Tier é o tempo de dispoñibilidade dun Centro de Procesamento de datos (CPD). A avaliación refírese, fundamentalmente, aos aspectos relacionados coa subministración eléctrica e cos sistemas de refrixeración. Así, nun Tier 1 as instalacións non dispoñen de compoñentes redundantes na distribución eléctrica e de refrixeración, polo que perderán a súa capacidade de operación ante un fallo de calquera delas. A dispoñibilidade, neste caso, é dun 99,671%, e o tempo en que se mantén inactivo para o mantemento anual é de 28,82 horas.

No caso da Certificación Tier-4, que é o que terá o novo Data Center da Xunta, a cualificación é de “Centro de datos tolerante aos fallos”, polo que pode soportar os fallos de calquera dos seus compoñentes que inhabilite a subministración eléctrica ou de refrixeración. A dispoñibilidade é dun 99,995% e o tempo de indispoñibilidade para o mantemento ao ano é de 52,56 minutos.

As certificacións Tier poden cualificar o deseño, ou o deseño e a construción, como no caso do Data Center da Xunta. En España hai na actualidade 9 instalacións con certificacións Tier-4, das que 5 dispoñen da dobre certificación. Corresponden a centros de datos de grandes corporacións e entidades bancarias.

O nivel de seguridade da nova instalación aportará estabilidade na prestación de servizos públicos críticos, xa que conterá toda a información que se almacena no CPDI do Gaiás. Deste xeito, evitará que se poidan producir caídas que afecten a servizos como a Sanidade ou a Educación.

Esta nova infraestrutura permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais e estará dimensionada para xestionar o incremento de novos servizos dixitais. O Data Center traballará en sincronía co CPD albergado no Gaiás e reforzará os mecanismos de seguridade, dispoñibilidade e custodia dos datos de todo o sector publico autonómico, incluído o Sergas.

Todos os sistemas críticos estarán deseñados para poder ser illados e mantidos sen perda de servizo e contará con acometidas redundantes de electricidade e comunicacións.

O novo Data Center terá unha superficie de 10.000 metros cadrados e albergará tamén unha plataforma loxística conectada cos centros de provisión para xestionar o equipamento tecnolóxico do sector público autonómico. O novo edifico disporá de salas para persoal técnico de administración dos sistemas e infraestruturas do CPD.

A Xunta dispón actualmente dun Centro de Proceso de Datos Integral no Gaiás cunha superficie de 1.275 metros cadrados, que alberga 2.500 servidores cunha capacidade de almacenamento de 13 petabytes. A súa posta en marcha en 2012 supuxo un fito tecnolóxico na Comunidade que permitiu modernizar, racionalizar e homoxeneizar a prestación dos distintos servizos dixitais ós cidadáns

O CPDI do Gaiás conta cun CPD de respaldo en San Caetano para permitir o mantemento de servizos críticos en caso de incidencias. Sen embargo este CPD de respaldo está ao límite da súa capacidade para albergar novos sistemas tecnolóxicos, carece de posibilidades de ampliación e a maioría das súas infraestruturas eléctricas e de climatización están próximas ao fin da súa vida útil.

Por esta razón é preciso incrementar os mecanismos de seguridade e redundancia que aseguren a dispoñibilidade dos servizos dixitais prestados pola Administración as 24 horas do día, os sete días da semana.

Está previsto que a entrega do proxecto de obra se faga no segundo trimestre de 2022. O seguinte paso sería licitación da obra prevista para finais do 2022 co obxectivo de que de que se completase a construción do centro entre 2022 e 2024.

Estratexia Cloud no Sector Público Autonómico 2022-2025

O Data Center da Sionlla será a infraestrutura central da primeira fase da Estratexia para o uso da tecnoloxía ‘cloud’ no sector público autonómico. Esta estratexia implicará investimentos por un importe estimado de 52,2 millóns de euros.

Na primeira fase, a Estratexia contempla a implantación dunha ‘cloud’ privada no Clúster Data Centers Gaiás Sionlla. Para a súa posta en marcha, o Consello de Goberno da Xunta aprobou o 16 de decembro o acordo marco para o servizo de actualización tecnolóxica de software de virtualización de servidor e da subministración de licenzas para creación dunha ‘cloud’ privada da Xunta de Galicia. O valor estimado deste acordo marco é de preto de 10,3 millóns de euros.

Nunha segunda fase, no primeiro trimestre de 2022 aprobarase un novo contrato marco para crear un modelo de consumo de servizos de ‘cloud’ pública, que poderán contratar as administracións públicas. Nese caso, o valor estimado será doutros 10 millóns de euros.

Ademais, a Estratexia Cloud da Xunta tamén busca atraer investimentos de provedores ‘cloud’ o que se fomentará a localización en Galicia de nodos de interconexión cos grandes provedores de ‘cloud’ pública.

Con este mesmo obxectivo estase a elaborar una análise de viabilidade para a posible posta en marcha dunha estación de amarre de cable submarino de fibra óptica cun punto de xestión neutro en Galicia.

Estratexia EDG2030

O reforzo das infraestruturas dixitais é fundamental para consolidar un goberno intelixente, un dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 que contempla diferentes actuacións ofrecer máis servizos públicos dixitais, inclusivos, proactivos, personalizados e seguros, máis accesibles e dispoñibles e desde calquera lugar, configurando unha Xunta no móbil. Entre os obxectivos intermedios neste ámbito a EDG está acadar no 2025 que o 70% das persoas e o 85% das microempresas usen a canle dixital coas administracións.

23/12/202118:30
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha o Plan de Reforma e Ampliación da Rede Aulas CeMIT cun investimento de 22,7 M€ ata 2025

  • Feijóo salienta que se abordará a transformación física e arquitectónica dos centros para que sexan máis flexibles e adaptados á nova realidade, a instalación de novo equipamento tecnolóxico punteiro e un novo servizo de aula móbil para chegar ao rural
  • Anuncia que a Xunta vai poñer en marcha unha actuación por 10 M€ para dotar de cobertura móbil a 290 núcleos de poboación no período 2022-2023, despois de que Galicia sexa pioneira en obter o permiso da Comisión Europea para actuar na mellora neste eido con fondos públicos

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a Xunta pon en marcha o Plan de Reforma e Ampliación da Rede Aulas CeMIT cun investimento de 22,7 millóns de euros ata 2025.

Feijóo salientou que o obxectivo é formar en competencias dixitais a máis de 46.000 galegos nos vindeiros tres anos e lograr que o 70% dos galegos teñan competencias dixitais básicas.

A través da folla de ruta presentada hoxe, investirase na transformación física e arquitectónica dos centros para que sexan máis flexibles ou na instalación de novo equipamento tecnolóxico. Ademais, adaptarase a formación ao marco galego de competencias dixitais e ampliarase a Rede con ata 30 novas aulas tras un novo convenio marco que a Xunta asinará coa Fegamp.

O presidente da Xunta resaltou que, nas 97 aulas abertas actualmente en 91 concellos, existen 100.000 persoas usuarias –3 de cada 5 son mulleres— e que a Rede conta cunha experiencia de máis de 450.000 horas de formación impartidas.

Ampliación cobertura móbil

A maiores, o presidente da Xunta anunciou que a Xunta vai poñer en marcha unha actuación por 10 millóns de euros de fondos públicos para dotar de cobertura móbil a 290 núcleos de poboación de 65 concellos no período 2022-2023.

Feijóo incidiu nos dous anos de traballo do Goberno autonómico orientado a obter permiso da Comisión Europea para investir recursos públicos en mellorar a cobertura e celebrou que Galicia sexa a primeira Comunidade española “e probablemente a primeira rexión europea” en alcanzar ese fito. A decisión chega, tamén, despois da colaboración coa Fegamp e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que detectaron deficiencias en 65 municipios galegos.

“Isto é interesante para a equidade no territorio. Gañan os usuarios, que empezan a ter unha cobertura axeitada, e gaña Galicia porque se convirte nun territorio máis competitivo”, expresou

Ao abeiro desta iniciativa, o operador público Retegal construirá ata 100 emprazamentos de soporte para poñelos a disposición de todos os provedores.

Finalmente, Feijóo lamentou a falla de cogobernanza que evidencia que nos plans de recuperación do Goberno central destinados á banda ancha, só o 9% dos 4.000 millóns de euros se vaian transferir ás Comunidades, o que deixa a Galicia co 0,5% dos recursos.

21/12/202114:07
Formación.
Santiago de Compostela

Red.es e Altia activan cursos TIC para persoas desempregadas

Red.es, entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, activou os seus dous programas formativos orientados a mellorar a empregabilidade mediante formación TIC. Os programas, dirixidos a persoas en situación de desemprego e mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, serán impartidos en parte pola empresa galega Altia, a través do seu equipo de formación tecnolóxica. De feito, a inscrición aos primeiros cursos dun total de 300 previstos pode facerse a través da web altiaformacionred.es e actualizateprograma.es.

Os programas contan cun orzamento total de 36 millóns de euros, e están co-financiados polo Fondo Social Europeo (FSE). Trátase dunhas iniciativas de formación enmarcadas na axenda España Dixital 2025 e no Plan Nacional de Competencias Dixitais. O obxectivo destes programas, que inclúen máis de 300 cursos por todo o eido estatal, é formar en temáticas prioritarias ligadas á transformación e á economía dixital. Entre elas inclúense as seguintes: ciberseguridade, análise de información a gran escala (Big Data), sistemas na nube, programación web full stack, Industria 4.0 e Internet das Cousas, mercadotecnia dixital, ademais de programación de videoxogos, deseño 3D e Realidade Virtual, entre outros temas.

En cada un dos cursos ofrécese un servizo de orientación laboral destinado á procura de emprego e a mellora da empregabilidade das persoas participantes. A formación impartirase en modalidade mixta, sendo polo menos o 80% presencial e o resto online. Cada curso consta como mínimo de 250 horas lectivas, das cales un mínimo de 220 dedícase ao contido específico da temática do curso e un mínimo de 30 a reforzar as posibilidades de atopar un posto de traballo. Ademais, complétase o programa con 12 horas de orientación laboral por alumno que completa a formación, e cun compromiso de inserción laboral de 6 meses polo menos para o 25% dos alumnos.

Os primeiros cursos que se van a impartir son para traballadores en situación de desemprego, inscritos como demandantes de emprego no SEPE, A partir de febreiro do ano que vén poranse en marcha os cursos incluídos no programa dirixido a mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS