main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/01/202208:31
Cartel da iniciativa.
Ribeira

A aula CeMIT de Ribeira comezou o ano con cursos de eAdministración, Android e ofimática con LibreOffice

A aula CeMIT de Ribeira, centro local de divulgación e alfabetización tecnolóxica ao servizo da cidadanía, anuncia un novo curso gratuíto nas súas instalacións, neste caso de Ofimática con LibreOffice. Celebrarase entre o 7 de febreiro e o 30 de marzo en horario de 9.30 a 11.00 horas.

As inscricións, xa abertas, pódense formalizar de xeito presencial na propia aula CeMIT (situada na rúa 1 Cubeliños / teléfono: 981 876 043) ou no sitio web do espazo de formación TIC.

Cabe lembrar que do 25 ao 27 de xaneiro están previstos a maiores dous cursos adicados a Sede Electrónica (como empregar os recursos das administracións en liña) e a Uso Básico de Móbil Android.

25/01/202208:27
Cartel da iniciativa.
A Coruña

O CITIC organiza a CITIC Cyber Competition

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña organiza, coa colaboración do centro AtlantTIC da Universidade de Vigo, a Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade), o evento C3TF - CITIC Cyber Competition, unha competición de ciberseguridade destinada a estudantes para que poidan practicar e desenvolver as súas habilidades neste ámbito.

O evento terá lugar o 23 de febreiro de 15:30 a 20:30 h de forma simultánea no CITIC, AtlantTIC e online. A inscrición está aberta ata o 15 de febreiro.

Trátase dun CTF (Capture The Flag), un tipo de competición que consiste nunha serie de desafíos enfocados á seguridade informática que hai que resolver para conseguir o premio (a bandeira). O obxectivo é aprender e mellorar en equipo as competencias en hacking.

No C3TF, os/as participantes enfrontaranse a retos nas categorías de esteganografía, forense, pentesting, entre outras. As persoas interesadas en participar deberán ser estudantes, de calquera nivel, e poderán apuntarse en equipos de entre 1 e 5 persoas para poñer a proba as súas capacidades. Poden elixir entre tres modalidades de participación: presencial no CITIC, presencial en AtlantTIC e online.

A inscrición é totalmente gratuíta. Ademais, haberá premios para os tres equipos gañadores, por valor de 1000 €, 700 € e 300 € cada un, e agasallos para todas as persoas participantes en modalidade presencial. Pódese consultar máis información na páxina web oficial: c3tf.io.

25/01/202208:15
Sinatura do convenio.
Santiago de Compostela

A Xunta e o Colexio de Enxeñaría en Informática poñen en marcha a nova edición do 'Navega con rumbo' para promover o uso responsable de internet

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente do colexio profesional, Fernando Suárez, asinaron o convenio que dá continuidade a este programa, con 240 xornadas formativas para alumnado e profesorado
  • Nas sesións abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais

Os centros educativos galegos volverán contar este ano co programa Navega con rumbo, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia co fin de guiar aos mozos e mozas nunha navegación segura en internet de xeito útil e responsable, ao tempo que tamén se lle facilitan ferramentas aos docentes para uso didáctico na aula.

No marco da conmemoración do Día Internacional da Educación, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asinou co presidente do colexio, Fernando Suárez, a renovación do convenio para a posta en marcha da X edición deste programa que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.

Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en 240 centros educativos. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais. Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e aos pais e nais na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara aos rapaces e rapazas. A iniciativa pode consultarse no Portal Educativo.

1800 accións en dez anos

Desde que se puxo en marcha, a través do Navega con Rumbo leváronse a cabo máis de 1800 accións formativas nas que participaron ao redor de 100 centros educativos en cada edición.

22/01/202214:07
Portátil mostrando unha pantalla do OpenVAS.
Santiago de Compostela

O Gaiastech Cloud pon á disposición das empresas unha solución de ciberseguridade que axuda na avaliación da vulnerabilidade de sistemas informáticos

  • Está dispoñible de xeito gratuíto na web do GaiásTech, e aloxada la nube para facilitar o proceso de proba e aprendizaxe
  • É a undécima solución de software libre instalada no GaiásTech Cloud

O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publicou na súa web unha nova aplicación na nube dentro do GaiásTech Cloud, que xa está a disposición das empresas e das persoas usuarias para a súa proba e avaliación. Trátase de OpenVAS (Open Vulnerability Assessment System) que, como o seu nome indica, é un software que axuda na avaliación de vulnerabilidades dun sistema informático. Trátase do compoñente principal da solución de software libre Greenbone Security Assistant, desenvolvida pola empresa Greenbone Networks, que tamén ten outras solucións non libres baseadas en OpenVAS, seguindo o modelo open-core.

Con OpenVAS poden lanzarse diversos tipos de probas sobre distintos obxectivos dunha forma manual ou programada, configurando periodicidades. Estas probas analizan todas as vulnerabilidades descubertas, recibindo actualizacións destas diariamente.

Aplicacións na nube a través do GaiásTech Cloud

A través do GaiásTech Cloud, as empresas, as organizacións e as persoas usuarias que o desexen poden probar e avaliar aplicacións a través dun servizo na nube nun contorno privado.

A vantaxe desde servizo é que proporciona unha infraestrutura tecnolóxica xa configurada para probar a solución, sen necesidade de dispoñer dela nin de contar co tempo dun administrador de sistemas e de recursos informáticos. Deste xeito, facilítase que as empresas poidan coñecer e avaliar a utilidade da ferramenta e a adecuación ás súas necesidades das solucións ofertadas.

Ata o momento, as solucións dispoñibles no GaiásTech Cloud, ademais de OpenVAS son as seguintes: Rocket.Chat, solución de traballo colaborativo; Alfresco, orientada á xestión documental empresarial; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións coa clientela para organizacións do eido social; Prestashop, unha aplicación do sistema de comercio electrónico; NextCloud, un servizo de almacenamento e compartición de ficheiros na nube; Zabbix, unha solución de seguimento de redes; FacturaScripts, un software de planificación de recursos empresariais e de administración da relación coa clientela; Taiga, unha plataforma para a xestión de proxectos áxiles; e a tenda en liña con WordPress.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que solicitar as sexan do seu interese a través da páxina do GaiásTech: https://gaiastech.xunta.gal/gl/gtech-cloud

GaiásTech

O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

20/01/202211:46
Unha nena nun pupitre.
A Coruña

O CITIC acollerá a xornada formativa de mentores de Inspira STEAM A Coruña

vindeiro 2 de febreiro celebrarase na Sala Cloud do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC) a xornada formativa de mentoras e mentores do ámbito académico, empresarial e da investigación que participarán no programa estatal Inspira STEAM A Coruña 2021/2022, impulsado pola Universidade de Deusto (Facultade de Enxeñaría) e coordinado pola investigadora do centro Verónica Bolón.

A formación será impartida por Ander Mimenza Aurrecoechea, adestrador, formador e consultor especializado en desenvolvemento organizacional e de persoas. Unha vez realizada a xornada formativa, desenvolveranse 6 sesións de traballo en centros educativos de educación primaria da provincia da Coruña cos obxectivos de facilitar ao alumnado novos referentes de mulleres científicas e tecnólogas, dar a coñecer as profesións STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas, polas súas siglas en inglés), sensibilizar e orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, mostrar e poñer en valor ás mulleres STEAM da historia, así como dar a coñecer os estereotipos existentes nestas áreas para que non condicionen as decisións de nenas e nenos. 

O nodo Inspira STEAM A Coruña conta tamén co apoio do Campus Innova da UDC, dirixido pola investigadora Susana Ladra. Arredor desta iniciativa colaboran outras universidades do ámbito estatal, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS