main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/02/202215:04
Sinatura do convenio.
A Coruña

A UDC e NTT DATA crean a Cátedra de Diversidade e Tecnoloxía

A Universidade da Coruña e a empresa NTT DATA, sexta compañía de servizos TIC do mundo, asinaron hoxe na Reitoría o convenio de creación da Cátedra de Diversidade e Tecnoloxía, posta en marcha este mesmo mes de febreiro co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral.

O reitor, Julio Abalde, e o director das oficinas de Galicia e Asturias de NTT DATA, Alberto Borrego, firmaron o acordo de creación desta nova Cátedra que toma o relevo da Cátedra de Transformación Dixital, creada hai catro anos pola antiga Everis (hoxe NTT DATA) e a UDC. Segundo comentou Abalde, esta Cátedra permitirá, entre outras cousas, traballar no impulso de vocacións tecnolóxicas femininas. “É moi importante que haxa mulleres tecnólogas que contribúan no deseño da tecnoloxía e os traballos do futuro, se non é así, será un futuro no que non participa a metade da poboación”.

O director das oficinas de Galicia e Asturias de NTT DATA, Alberto Borrego, sostivo que esta Cátedra reforza o compromiso de NTT DATA coa transformación dixital de Galicia. “Queremos apostar polo talento diverso e inclusivo, o pensamento creativo e con impacto, a autonomía na toma de decisións e a capacidade para traballar en equipo”, subliñou durante a firma do convenio coa UDC. A Cátedra NTT DATA de Diversidade e Tecnoloxía supón un avance nos obxectivos tanto da empresa como da Universidade coruñesa na inclusión e a diversidade á vez que contribúe á mellora económica e social e á atención á diversidade, como elemento fundamental nos campos da ciencia e a cultura.

O profesor Luis Hervella será o director da Cátedra. Hervella foi director da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC durante dous anos e decano da Facultade de Informática de 2013 ata o ano 2021. No plan de actividades previsto pola Cátedra destaca a colaboración no deseño e impartición de programas de formación; organización de xornadas sobre atención específica á diversidade en títulos de campo STEM; promoción de estudos tecnolóxicos entre estudantes preuniversitarios, atendendo a toda a súa diversidade; formación para a creación de empresas de base tecnolóxica ou para a explotación dos resultados da investigación ou a organización de visitas á sede de NTT DATA, entre moitas outras.

Seminario UNIQA para habilidades directivas e marca persoal

Dentro do marco de colaboración entre NTT DATA e a UDC xorde UNIQA, un seminario feminino dirixido ao impulso das habilidades directivas e a marca persoal nas novas tecnoloxías e os traballos de futuro. Esta iniciativa, que comezará o próximo 12 de febreiro, busca impulsar o peche da brecha existente nas carreiras científicas e tecnolóxicas. Segundo datos do Ministerio de Educación, só o 26% das estudantes optan por este tipo de itinerarios, a pesar de que máis da metade do alumnado universitario, o 54%, é feminino.

Con esta colaboración e actividades como UNIQA, ambas as institucións apuntan ao incremento da presenza feminina nas vocacións científico-tecnolóxicas, aliñándose cos obxectivos da Unión Europea neste campo da educación.

02/02/202212:47
Cartel da iniciativa.
As Pontes

Amigus móstranos nun obradoiro como fabricar sensores de CO2 anti-COVID

A Asociación Amigus, centrada en divulgar, dende As Pontes, as posibilidades que se abren coas tecnoloxías abertas e argalleiras, organiza este mes de febreiro unha nova sesión dos Amigus Labs en colaboración coa Xunta de Galicia (AMTEGA). Trátase do Obradoiro Sensores CO2 Maker para combater a pandemia de COVID-19Será o 12 de febreiro no local de Amigus nas Pontes (no 14 da praza do Hospital). Poderán participar argalleiras e argalleiros de todas as idades.

“Neste obradoiro”, informa Amigus, “abordaremos o proxecto de deseño e creación de aparellos de fabricación propia para medir a concentración de CO2 e avaliar o nivel de ventilación dun espazo concreto”. A finalidade é “axudar a determinar o risco de contaxio en caso de compartir o espazo con persoas infectadas, xa que unha ventilación suficiente reduce de forma dramática o risco (menos do 1%)”.

Na actividade formativa está previsto traballar diversos aspectos do deseño e creación deste tipo de trebellos, dende unha pequena parte teórica e técnica até o uso real dos propios sensores empregando Arduino/ESP-8266. Na sesión abordarase tamén o valor da autofabricación fronte a produtos comerciais. O obxectivo do obradoiro é permitir que as persoas participantes “adquiran coñecementos e bagaxe suficientes para poder abordar despois a creación de cadanseus aparellos e saber como empregalos”. O traballo farase por grupos, xa que de entrada cóntase con poucos sensores, e os prototipos resultantes quedarán na propia asociación para “o seu emprego e maior seguridade”.

02/02/202212:26
Presentación de ComTecArt.
Pontevedra

A Xunta e a Universidade de Vigo promoven no Gaiás a creación de videoxogos a partir de obras literarias

  • A Residencia COMTECART seleccionará 17 estudantes e titulados recentes para desenvolver os seus proxectos na Cidade da Cultura entre marzo e abril
  • Formaranse equipos con diferentes perfís e competencias artísticas, de deseño, narrativas e tecnolóxicas, imitando a maneira de traballar nunha produtora real

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, amplía o programa de Residencias Artísticas no Gaiás á creación dixital e aos videoxogos con COMTECART, promovida en conxunto coa Universidade de Vigo. A iniciativa permitirá a 17 estudantes e egresados recentes da universidade aproveitar os espazos e recursos da Cidade da Cultura para desenvolver proxectos de videoxogos baseados en obras literarias galegas.

A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentou hoxe a convocatoria acompañada do vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e da profesora da Universidade de Vigo Beatriz Legerén, membro do grupo de innovación educativa COMTECART do que toma o seu nome esta residencia creativa.

Comunicación, tecnoloxía e arte son os tres piares sobre os que asenta esta nova residencia. Tres eidos que forman tamén a base dunha industria cultural, a dos videoxogos, que demanda o traballo en equipo de perfís moi diversos, desde aqueles ligados á enxeñaría de software e á programación ata profesionais da música, a arte, a literatura ou o deseño. Con este premisa, a representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou que a residencia COMTECART convoca o talento do alumnado universitario na Cidade da Cultura para que se coñeza e recoñeza entre si, favorecendo sinerxías que poderán ser o primeiro gromo de novas produtoras de videoxogo galegas.

Neste sentido, a Residencia COMTECART entronca coa aposta pola innovación e a creación dixital recollida no II Plan Estratéxico Cidade da Cultura (2021-2027), que aspira a converter o Gaiás nunha factoría de contidos culturais no que teñen cabida todas as manifestacións da arte e da cultura contemporáneas, entre elas tamén os videoxogos. O futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia ou programa de accións do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que contempla, entre outras, a posta en marcha dunha aceleradora empresarial específica, son tamén mostra do apoio do goberno galego ao sector.

Unha experiencia pioneira en Galicia

As persoas seleccionadas na Residencia COMTECART formarán equipos multidisciplinarios que traballarán de maneira intensiva no Gaiás entre os meses de marzo e abril, baixo a orientación dun equipo de docentes da Universidade de Vigo. Nese tempo terán que completar todas as fases que implica a creación dun videoxogo, desde o concepto inicial ata o deseño de personaxes, narrativas, mecánicas de xogo e programación.

Trátase, segundo explicou a directora xerente da Cidade da Cultura, dunha experiencia pioneira en Galicia que busca achegar os estudantes aos procesos e ritmos de creación cos que se traballa na industria.

Os videoxogos que nacerán desta estadía terán ademais o valor engadido de tomar como base unha obra literaria, establecendo un proveitoso diálogo entre manifestacións diversas da arte e da cultura galegas.

O grupo de innovación educativa COMTECART que pon nome a esta nova residencia artística no Gaiás vén desenvolvendo con éxito experiencias similares dentro da Universidade de Vigo. A colaboración coa Cidade da Cultura supón un salto cualitativo fóra das aulas para o proxecto que lle permitirá aproveitar non só os espazos do complexo do Gaiás, senón a rede de recursos institucionais e relacionais que este pon á súa disposición.

A convocatoria para participar nesta iniciativa está aberta ata o 11 de febreiro. Poderán concorrer á mesma os alumnos matriculados no presente curso en calquera das titulacións de grao e mestrado que oferta a universidade, así como aquelas persoas que obtivesen o seu título no curso 2020-2021.

01/02/202210:06
Cartel da iniciativa.
Ribeira

A aula CeMIT de Ribeira leva ás parroquias os cursos TIC suspendidos pola COVID

Ribeira informou de novas actividades de capacitación tecnolóxica para a cidadanía. Novamente materializaranse a través da aula CeMIT local, que levará ás parroquias de Olveira e de Oleiros os cursos de informática que foran suspendidos por mor da irrupción da pandemia. Serán de balde e desenvolveranse en febreiro e marzo nos centros sociais dos ditos núcleos de poboación. A maiores, celebraranse tres accións formativas na sede central da aula no barrio de Cubeliños.

Nos casos de Olveira e Oleiros, os cursos celebraranse entre o 14 de febreiro e o 30 de marzo, os luns e o venres (de 11.30 a 13.30 no caso da Casa de Cultura de Olveira e de 16.30 a 18 horas no do Centro Social de Oleiros). A intención é continuar con cursos sobre novas tecnoloxías nas diferentes parroquias do municipio.

En Cubeliños

Ademais, na aula de Cubeliños terán lugar outras tres accións formativas dedicadas a Ofimática con Libreoffice (do 7 de febreiro ao 30 de marzo, os luns e mércores de 9.30 a 11 horas), Uso Básico Móbil Android (do 7 de febreiro ao 10 de febreiro, de 11.30 a 13 horas) e Informática Básica (do 8 de febreiro ao 31 de marzo, os martes e xoves, con dúas quendas de 9.30 a 11 e horas e de 11.30 a 13 horas).

En todos os cursos as inscricións pódense formalizar ben na aula CeMIT ou ben vía web na páxina deste espazo local de alfabetización tecnolóxica.

31/01/202215:51
Cartel da iniciativa.
Vigo

Obradoiros prácticos e charlas divulgativas para conmemorar o Día da muller e da nena na ciencia

  • O edificio Redeiras acollerá, o día 9, un debate interxeneracional entre investigadoras da UVigo

Aínda que o Día da muller e da nena na ciencia se celebra o día 11 de febreiro en todo o mundo, o mes que arranca mañá martes estará, en boa medida, dedicado na Universidade de Vigo a dar visibilidade ao traballo das investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as nenas e rapazas. Para conmemorar esta data, a institución programa, en colaboración coa FECYT, unha serie de actividades, tanto nos campus como en institutos, pensadas principalmente para as alumnas de secundaria. Trátase de que, por unha banda, coñezan a ciencia e a innovación que se desenvolve nos laboratorios da Universidade da man das mulleres que forman parte dos grupos de investigación e, por outra, de achegarlles referentes femininos no campo da I+D.

A actividade central no campus de Vigo será o programa de obradoiros Elas fan Cientec, que terá lugar o 11 de febreiro, recuperando a celebración presencial desta actividade, tras a edición de 2021 desenvolvida en liña. A organización corresponde a docentes e investigadoras da Universidade, co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade. Consiste nun programa de 16 talleres prácticos que se van desenvolver no Cinbio e en tres escolas de enxeñaría do campus e nos que participarán catro institutos da provincia de Pontevedra. Así, o Centro de Investigacións Biomédicas acollerá a estudantes do IES Illa de Tambo que poderán realizar obradoiros sobre moléculas, síntese de nanopartículas en disolución, as propiedades dos materiais na escala dos nanómetros, a resposta inmunitaria ou os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación tamén se uniu a esta celebración e programou, para as alumnas do IES Antón Alonso Ríos, un obradoiro de Lego Robotics, un taller de programación con Scratch ou introducións á programación web e ao seu funcionamento. Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía recibirá ás rapazas do IES do Castro. Nos seus laboratorios poderán participar na xincana Science Games: Catching Fire, no concurso grupal The Wall ou en talleres de física e astrofísica, de materiais ou de minerais. Finalmente, Elas fan Cientec complétase coas propostas da Escola de Enxeñaría Industrial para o IES Valadares, con obradoiros de termografía infravermella, deseño e prototipado e espazo de exposición Open Lab.

Charlas nos colexios e institutos e un debate interxeneracional

A estas actividades prácticas de Elas Fan Cientec súmanse tamén unha serie de conferencias e relatorios que, ao longo do mes de febreiro, impartirán científicas e enxeñeiras da Universidade de Vigo en colexios e institutos de toda Galicia. En total, participarán nesta iniciativa 37 investigadoras e dous investigadores e 35 centros educativos, conformando un programa de 65 charlas presenciais e virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. 

A programación do 11F en Vigo complétase cun proposta innovadora que ten como finalidade poñer en contacto investigadoras de diferentes xeracións para compartir as súas experiencias como mulleres na ciencia. O debate terá lugar o mércores 9 de febreiro ás 19.00 horas no segundo andar do edificio Redeiras, e será de acceso libre ata completar a capacidade da sala. Nesta charla participarán Talía Rodríguez, do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Cristina Delgado, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; Susana Reboreda, da Área de Historia Antiga e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic. Moderará o debate Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais. 

No campus de Ourense, a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino

O campus de Ourense tamén se une á celebración do 11F, e faino retomando a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. V Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Escola Universitaria de Enfermaría, a cita, aberta á asistencia libre de centros educativos e familias da provincia, celebrarase o propio día na céntrica rúa do Paseo. O obxectivo é proporcionar ao alumnado a posibilidade de participar na realización de experimentos científicos e tecnolóxicos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS