main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

09/02/202207:56
Momento da presentación do informe de Unicef.
Santiago de Compostela

Política Social asiste á presentación do informe de Unicef sobre o impacto das novas tecnoloxías na adolescencia en Galicia

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu esta tarde á presentación do informe Impacto das tecnoloxías na adolescencia en Galicia. Relacións, riscos e oportunidades, elaborado por Unicef. Durante o acto, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a entidade expuxo as principais conclusións do estudo de ámbito autonómico, que a Consellería de Política Social trasladará aos departamentos da Xunta de Galicia con competencias neste eido.

Entre outros datos, o estudo revela que un de cada catro adolescentes da Comunidade fai un uso problemático da Internet e as redes, así que como catro de cada cinco “podería ter un certo enganche aos videoxogos”. O documento ofrece recomendacións tanto ás familias como ás Administracións públicas, á industria e ás institucións para promover a protección dos dereitos da infancia e a adolescencia na contorna dixital. O informe, que recolle as opinións de máis de 3.000 adolescentes de 19 centros da ESO en Galicia, foi elaborado por Unicef en colaboración coa USC e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería en Informática.

09/02/202207:50
Mans tecleando.
Redondela

Redondela pon a disposición da cidadanía media ducia de obradoiros TIC

Concello de Redondela, a través da área municipal de Novas Tecnoloxías, achega neste primeiro semestre de 2022 media ducia de cursos de informática dirixidos a seguir avanzando na alfabetización dixital da cidadanía. Desenvolverase nas aulas CeMIT de Redondela e Chapela. Porase o foco no nivel básico de formación (haberá obradoiros para introducir á veciñanza no uso dos sistemas operativos de Internet, e tamén no emprego inicial de ferramentas de ofimática) e tamén nun ámbito de actividade máis avanzado (por exemplo o obradoiro sobre ofimática na nube).

Cursos da aula CeMIT de Redondela

  • Alfabetización dixital Windows 10 e Internet (24 horas) Luns e mércores de 9.30 h a 11.00 h. 
  • Mecanografía co computador (16 horas) Luns e mércores de 11 h a 12 h.
  • Tarefas de oficina con Writer e Calc (24 horas) Luns e mércores de 12 h a 13 h.

Cursos en Aula CeMIT Chapela

  • Aplicacións Google (24 h) Martes e xoves de 9.45 h a 11.15 h.
  • Internet e correo electrónico (16 h) Martes e xoves de 11.15 h a 12.15 h.
  • Drive ofimática na nube (24 h) 12.15 h a 13.45 h 

Ademais os venres celebrarase a Aula Aberta, con seminarios de subvencións co Concello e un obradoiro de informática para adultos (dúbidas, consultas de cidadáns e asociacións), un venres en Redondela e o outro en Chapela. As matrículas deste primeiro módulo de obradoiros están pendentes de data, segundo comunicou o Concello, que indica que as instancias para participar nos cursos poderanse recoller na páxina web de Redondela, no Centro de Formación A Marisma (ao carón da piscina municipal) e no edificio Multiusos da Xunqueira en Redondela. En Chapela poderanse solicitar nas Dependencias dos Servizos Sociais.

08/02/202214:20
Mozos e mozas participantes nun evento da Tecnópole.
San Cibrao das Viñas (Ourense)

A Tecnópole celebra o 11-F potenciando os estudos científicos entre as rapazas

Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) participa no proxecto Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), na que está integrado o complexo industrial e innovador de San Cibrao das Viñas (Ourense). O obxectivo desta iniciativa é “lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas), debido á súa baixa participación nestas materias”.

Esta semana Tecnópole celebra tres xornadas no marco deste proxecto, que cumpre a súa cuarta edición. Concretamente os días 9, 10 e 11, coincidindo coa celebración, o 11-F, do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Segundo informa a Tecnópole, as xornadas están enfocadas a estudantes de 1º a 4º da ESO e aos últimos cursos de Primaria. O alumnado participará en obradoiros que lles achegarán a ciencia e a tecnoloxía “de xeito práctico e divertido”, contribuíndo a “derrubar falsos estereotipos sobre actividades que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino”.  Na xornada do día 11, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convidarase a mulleres que traballan nos eidos da ciencia e a tecnoloxía para que relaten e debullen a súa experiencia persoal, explicando os porqués de ter elixido unha carreira STEM e cal foi a súa aplicación no mercado laboral. A finalidade é que o alumnado teña a oportunidade de descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas.

As profesionais que intervirán son Esther Merlo, enxeñeira de Montes, con dúas décadas de experiencia laboral no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, fundadora e tamén directora e responsable do Departamento de Innovación Tecnolóxica da empresa Madera Plus Calidad Forestal; Lucía Novelle, enxeñeira superior de Minas, socia da firma Ingeo (enxeñaría dedicada principalmente ao desenvolvemento e supervisión de proxectos de enerxía xeotérmica), secretaria da Asociación Clúster da Xeotermia Galega e membro do grupo de traballo de AENOR para a elaboración da normativa no campo da enerxía xeotérmica; e Patricia Alonso, bióloga experta en sistemas de calidade, medio ambiente e alimentación, que na actualidade ocupa o posto de directora do laboratorio de Akunatura. A mesa redonda estará moderada pola directora da Domus - Museos Científicos Coruñeses, Patricia Barciela, que colabora ademais nestas xornadas impartindo os talleres científicos. Retransmitirase en directo a través da canle de Youtube do Parque Tecnolóxico de Galicia, entre as 10:15 e as 11:00 horas. O alumnado poderá participar no concurso nacional Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sustentable.

Por outro lado, realizarase un obradoiro para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas existentes na Tecnópole relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico, a acción polo clima… Os participantes nesta edición de Ciencia e Tecnoloxía en Feminino recibirán dúas guías. Por unha banda a guía Que quero ser de maior?, na que se recollen as saídas profesionais dun total de 36 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Pola súa parte, a guía Que son as tecnoloxías disruptivas? busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo, as que se coñecen como disruptivas: cadea de bloques (blockchain), análise de información a gran escala (Big Data), Intelixencia Artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica. Porase o foco no amplo abano de saídas profesionais que poñen en xogo.

Ademais, o alumnado poderá visitar a exposición Mulleres que cambiaron o mundo, protagonizada por mulleres relevantes nos eidos da ciencia e a tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia. Tamén poderán facer un percorrido pola exposición As mulleres que nos levaron á Lúa, na que se pon de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron clave para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á Lúa.

07/02/202209:21
Webinars TransformaTech Sessions.
Santiago de Compostela

A Amtega lanza un programa no marco do Plan DigiTalent para fomentar vocacións e adaptar a estudantes, titulados e profesionais aos novos perfís dixitais

  • O ciclo de webinars “TransformaTech Sessións” realizarase entre o primeiro trimestre e o mes de outubro de 2022
  • No mes de marzo darán comezo os primeiros relatorios sobre tecnoloxías disruptivas
  • Con esta iniciativa, son máis de quince as actividades previstas no catálogo do Plan DigiTalent para o primeiro trimestre do ano

O catálogo de actividades do Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, segue a crecer coa posta en marcha do Programa de Webinars TransformaTech Sessions, unha iniciativa liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O ciclo de webinars arrinca neste primeiro trimestre do 2022 e estenderase ata o mes de outubro de 2022 cun amplo programa de relatorios en continua actualización, contando coa participación dos profesionais expertos das principais empresas tecnolóxicas galegas e dos colexios profesionais do ámbito dixital.

Ao longo das sesións abordaranse temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas que teñen gran impacto na sociedade dixital. O Big Data, a ciberseguridade, a intelixencia artificial, o internet das cousas, a robótica ou as tecnoloxías relacionadas coa xestión medioambiental serán algúns dos temas a tratar, con contidos adaptados aos diferentes públicos: rapaces e rapazas ata 16 anos, centros educativos e profesionais, estudantes e titulados tanto afíns a perfís tecnolóxicos como a non tecnolóxicos.

O ciclo de webinars abre xa a súa inscrición aos primeiros relatorios para os máis novos/as. As xornadas están deseñadas nun formato breve e participativo. Con isto, a Amtega busca achegar as novas tendencias tecnolóxicas aos asistentes dun xeito dinámico, xerando espazos nos que os participantes poden interactuar cos relatores para resolver as súas dúbidas e inquedanzas.

Esta iniciativa súmase ás máis de quince actuacións previstas para o primeiro trimestre do 2022, coas que se segue a poñer o foco na promoción do talento dixital entre a cidadanía ao longo de todas as etapas da súa vida.

Iniciativas dirixidas á infancia e a adolescencia

A Amtega segue a poñer o foco no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas dende idades temperás, onde destacan as actuación dirixidas a centros educativos. Neste eido, DXC Technology impulsa unha nova edición de DXC Iberia Codes, na que os participantes competirán por parellas empregando a tecnoloxía Scratch para programar un videoxogo de aventuras, este ano baixo a temática da loita contra o cambio climático e a protección da biodiversidade.

Pola súa banda, Altia Consultores ven de abrir no mes de xaneiro GenTech, un programa de sesións dixitais que buscan inspirar ao alumnado de 12 a 18 anos sobre as profesións tecnolóxicas da man de expertos da compañía. Ademais, a empresa ofrece este curso a posibilidade de que os centros educativos desfruten ata o mes de xuño dunha visita guiada polas instalacións do Data Center de Altia situado en Vigo.

Este trimestre ven marcado tamén polo lanzamento de talleres de introdución á tecnoloxía LED, ao deseño e impresión 3D e á robótica colaborativa impartidos polos expertos e expertas de Televés e pola apertura de Mentoring Day, co que se busca achegar ao alumnado da ESO e Bacharelato á realidade do mundo laboral acompañados polos profesionais da empresa.

Estas actividades compleméntanse coa próxima edición do programa Tecnólog@ por un día, na que o estudantado galego volverá a ter a oportunidade de vivir de primeira man unha xornada de traballo no sector TIC de Galicia.

Fomento dos novos perfís dixitais

Outro dos bloques prioritarios de actuación do Plan é a adaptación dos estudantes e profesionais ás demandas do mercado laboral, co obxectivo de maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional dos galegos e galegas no eido das novas tecnoloxías.

En liña con este eixe estratéxico, Altia, DXC Technology e NTT DATA suman esforzos coa Amtega para  impulsar a formación especializada e achegar a realidade do mundo da empresa á comunidade universitaria e á Formación Profesional nos próximos meses, con iniciativas como Altia FP Dual, AltiaStaging, Altia TechDay, Altia Premia, o Programa UNIQA, o Observatorio DXC ou a celebración de actividades no marco do Foro Tecnolóxico da Universidade de Vigo.

Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.

07/02/202208:58
Dixitalización.
Santiago de Compostela

Galicia mobiliza 13,6 M€ para impulsar a transformación dixital de máis de 200 pemes galegas

  • A Xunta achega preto de 7M€ en axudas para facilitar a modernización e a mellora da súa competitividade, promovendo investimentos en equipos e software
  • Entre as iniciativas apoiadas nesta convocatoria destacan a posta en marcha de sofisticados procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e de intelixencia de negocio

A Xunta de Galicia vén de conceder apoios por preto de 7 millóns de euros para que 219 pemes realicen proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que suporán unha mobilización total de investimentos de 13,6 millóns de euros a través das axudas á dixitalización cuxa resolución se publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia.

Cofinanciada por fondos Feder, esta edición da convocatoria incorporou un incremento dos apoios ás pemes de calquera sector do 50% dos investimentos e do 70% no caso das pequenas e medianas empresas dos sectores téxtil e moda, a automoción e a industria auxiliar do naval.

Entre as iniciativas impulsadas nesta edición destacan a implementación de sofisticados procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e sistemas de intelixencia de negocio. Ademais de apoiar a adquisición de equipamentos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.

Difusión e talleres para a transformación dixital

Ademais da concesión destas axudas, vén de resolverse tamén a liña dos talleres de dixitalización, que achegan case 400.000 euros para promover 20 plans de difusión neste eido nos que se prevé que participen arredor de 350 pemes.

Organizados por clústeres e colectivos empresariais dos diferentes sectores produtivos, os talleres apoiados están financiados ao 100% e incentivan a creación de espazos de colaboración entre compañías para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos.

Cunha axuda máxima por proxecto de 25.000 euros, o obxectivo desta liña é colaborar na posta en marcha de sistemas informáticos nos catro ámbitos que teñen máis potencial para achegar valor ás empresas: os proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, os proxectos individuais de conectividade interempresarial, de conectividade intraempresarial e de intelixencia artificial.

Os talleres abranguen distintos ámbitos produtivos e abordarán aspectos como a transformación dixital e a aplicación das tecnoloxías 4.0 nos sectores loxístico, téxtil, a saúde, o turismo, a hostalería, o naval, a pedra natural e a educación, entre outros. Ademais, destacan nesta convocatoria os dirixidos a avanzar na transformación tecnolóxica de empresas de economía social e as situadas en zonas con máis dificultades para o desenvolvemento dixital.

A través destas dúas das liñas de axudas impúlsase a transformación dixital do tecido produtivo galego, co obxectivo de que as pemes, os establecementos comerciais e as agrupacións empresariais poñan en marcha proxectos individuais e colectivos que melloren a súa competitividade facilitando así facer fronte ao actual contexto económico provocado pola covid-19.

Estes programas forman parte do Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio, posto en marcha polo Goberno galego para facilitar a reactivación do tecido produtivo no contexto económico derivado da covid-19. Este paquete de medidas incluíu tamén os cheques de dixitalización, liña que ata o de agora ten permitido que preto de 3500 pemes de todos os sectores impulsen procesos de dixitalización que lles faciliten reforzar a súa actividade, destinándose a estes proxectos case 6 millóns de euros ata o de agora.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS