main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/02/202211:26
Camións.
Vigo

Orange, Ericsson, Grupo Pereira e Gradiant presentan un novo e exitoso caso de uso da 5G na loxística

As empresas Orange, Ericsson e Grupo Pereira presentaron na sede desta empresa viguesa unha nova aplicación da tecnoloxía 5G que se centra nas súas vantaxes para a xestión de frotas de transporte: vantaxes que se traducen nunha meirande rapidez na actividade despregada, nun claro aforro de recursos e nun meirande número de dispositivos conectados. Segundo engadiron, a aplicación da 5G na loxística e na xestión de vehículos permite incrementar a eficiencia e optimizar a distribución de produtos perecedoiros. As empresas contaron co apoio do Centro Tecnolóxico Gradiant, tamén con sede en Vigo. Grazas á súa colaboración, desenvolveuse un prototipo para a xestión loxística que consta dun dispositivo de monitoraxe situado nos vehículos loxísticos de transporte alimentario e que ten capacidade para rexistrar a posición destes. Engadiuse un sistema de software que recolle e secuencia a información do vehículos.

“Grazas ás prestacións da nova tecnoloxía móbil 5G”, sinalaron as ditas empresas, “conséguense unhas precisas marxes de tempo, tanto nas recollidas como nas entregas de mercadorías, o que, unido ao control estrito das condicións ambientais durante o traxecto, asegura o total mantemento da calidade dos produtos até o seu lugar destino”. No acto de presentación deste caso de uso estiveron presentes: Miguel Rodríguez Quelle, director da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Óscar Aragón e Jesús Costoya, director territorial de Relacións Institucionais e responsable de Grandes Contas de Orange en Zona Norte, respectivamente; Ruy Andrade e Pablo Mouriño, directores de Relacións Institucionais e de Loxística de Grupo Pereira, respectivamente; e os investigadores de Gradiant Carlos Couso e David Fondo.

Todos eles salientaron as vantaxes que ofrece a tecnoloxía 5G, que “permite dar soporte, de forma moi eficiente, a este tipo de comunicacións no sector loxístico, reducindo os recursos de rede asociados á conexión dunha gran cantidade de dispositivos de monitoraxe e facendo posible, ademais, que os dispositivos teñan un consumo enerxético menor, reducindo o custo de instalación e mantemento”. Pola súa banda, dende o Grupo Pereira, empresa integrada verticalmente do mar á mesa, con frota de distribución de hostalaría propia, destacaron a importancia de coñecer en tempo real as condicións da cadea de frío dos seus camións, así como o tempo de reparto por cliente, para evitar atrasos nas entregas e acadar unha maior eficiencia enerxética. Finalmente, Óscar Aragón Fernández puxo en valor “os beneficios que achegan estes casos de uso para detectar máis e mellores aplicacións da tecnoloxía 5G. Grazas ás diferentes experiencias que estamos a levar a cabo no marco do Plan Nacional 5G, estamos a descubrir como pode axudar esta nova rede móbil a mellorar a eficiencia dos máis diversos sectores industriais, tamén o transporte, abrindo así novas posibilidades para o desenvolvemento e progreso do tecido produtivo en todas as rexións. Aínda hai moito por descubrir e estamos orgullosos de poder participar niso, ao mesmo tempo que avanzamos nos despregamentos das redes 5G que necesita o país para seguir medrando en competitividade”. Este proxecto enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e co-financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e para a execución do mesmo en Galicia formouse unha UTE composta por Orange e as galegas Cinfo, Gammera Nest e Optare Solutions, entre outras entidades colaboradoras.

17/02/202207:58
Presentación das xornadas.
Boiro

Boiro acollerá un ciclo de charlas sobre TIC impulsado polo Concello e o Espazo Familias

O Concello de Boiro, ao abeiro da súa colaboración cos centros educativos do municipio, impulsou unhas xornadas formativas para as familias e persoas interesadas na poboación infantil e xuvenil e que levan por título Cando as pantallas educan. A concelleira de Educación, María Outeiral, e o concelleiro de Servizos Sociais, Raúl Treus, estiveron na presentación da actividade xunto co persoal directivo do CEIP e o IES do municipio.

A iniciativa xorde do proxecto Espazo Familias, a través da súa Escola de Nais e Pais (ENAPA). No marco dela, desenvolveranse unhas xornadas divididas en cinco sesións entre os meses de febreiro e maio, vertebradas en torno ao impacto das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) entre os menores de idade. O obxectivo destas xornadas é ofrecer “un espazo de formación, reflexión e participación para as familias de Boiro que sobrepase os muros de cada un dos centros”.

As conferencias están centradas en distintas temáticas como a importancia das redes sociais; o uso problemático e as adiccións; a contorna dixital como espazo de interacción social, emocional e sexual, etc. A finalidade “é levar a cabo unha reflexión e poñer sobre a mesa posíbeis solucións”. Todas as charlas serán impartidas por profesional de diversos ámbitos e por axentes locais vinculados. “Dende o Concello queremos facer fincapé na necesidade desta iniciativa e destas charlas que abordan un tema que está no día a día das familias” recoñeceu a concelleira María Outeiral. As xornadas desenvolveranse en horario de tarde na Casa da Cultura de Boiro e posteriormente poderán visualizarse tamén na Rede. Para participar é preciso inscribirse na páxina web espazofamilias.org.

16/02/202208:06
Tablet e muíño feito con Lego.
Santiago de Compostela

O CPEIG organiza un taller de robótica para nenas e nenos ingresados no CHUS

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou este martes 15 de febreiro un obradoiro de robótica para os nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) con cancro ou outras enfermidades, con motivo do Día Internacional do Cancro Infantil e en colaboración coa Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG).

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu á inauguración do obradoiro na Aula Hospitalaria do CHUS, acompañado pola técnico de ASANOG, Merce Fernández Baleato. “A tecnoloxía supón para estes pequenos unha válvula de escape”, indicou.

O taller, dirixido a nenas e nenos de 6 a 14 anos, foi impartido por Pablo Novoa e Carlos Santodomingo da empresa Captioma Galicia. Ten unha orientación pedagóxica e un formato lúdico co obxecto de que os máis pequenos entren en contacto coa tecnoloxía. Empregáronse robots orientados a aprender a programar desde un punto de vista educativo, como os sistemas de aprendizaxe de Lego Education, mBot ou as placas electrónicas como Arduino.

16/02/202208:01
Mans de persoa maior sobre un teclado e un rato.
Boiro

Boiro acolle un obradoiro da Cruz Vermella para achegar as TIC ás persoas maiores

Boiro acolle esta semana unha actividade encadrada dentro do proxecto Enredando que leva a cabo a Asemblea Local da Cruz Vermella Española e co que se busca reducir a fenda dixital (agravada pola pandemia) e achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores. A actividade será este xoves 17 de febreiro en horario de 11.00 a 13.00 horas na praza de Galicia.

Con esta iniciativa Cruz Vermella de Boiro busca, mediante a capacitación dixital, evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade ou nivel educativo. Con ela as persoas maiores poderán coñecer máis sobre Internet, que é, as súas vantaxes e usos, como funciona o buscador ou como se desenvolve a comunicación mediante correo electrónico. O obradoiro conta tamén cun apartado sobre a instalación e emprego de Whatsapp e páxinas web de interese como pode ser a do SERGAS ou a banca electrónica. O Concello de Boiro e Cruz Vermella colaboran para levar a cabo actividades encamiñadas á integración social de persoas e colectivos vulnerables ou en risco de exclusión. Entre os programas que se levan a cabo durante todo o ano está a atención de necesidades básicas, apoio escolar e educativo, intervención familiar con nenez en risco ou prevención de condutas violentas na adolescencia.

15/02/202214:25
Momento da presentación do Kit Dixital.
Santiago de Compostela

A Xunta difunde en Galicia o programa Kit-Dixital de Red.es, que se suma ás accións autonómicas, que destinaron en 2021 máis de 23 millóns de euros a apoiar á dixitalización das pemes

  • A Xunta colabora con Red.es na divulgación do programa para que empresas do sector tecnolóxico galego se sumen como dixitalizadores e as pemes galegas poidan beneficiarse da iniciativa
  • Máis de 70.000 pemes de Galicia poderán optar a estas axudas e as máis de 3.000 empresas do sector TIC da nosa Comunidade poden actuar como axentes dixitalizadores

A Xunta difundirá en Galicia o programa de axudas Kit Dixital impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e enmarcado no plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A primeira das actividades de difusión na nosa comunidade autónoma desenvolveuse hoxe na Cidade da Cultura coa participación de 133 persoas de xeito presencial e tivo máis de 1.000 inscricións para seguila en liña. Esta primeira presentación foi precedida dun acto no que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o director xeral de Red.es, Alberto Martínez.

Mar Pereira salientou na súa intervención a importancia de sumar esforzos entre as administracións para gañar en efectividade nos programas de dixitalización que se levan a cabo no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O programa Kit Dixital presentado hoxe complementará as accións que leva a cabo a Xunta para a dixitalización das pemes e será desenvolvido con fondos Next Generartion por Red.es. O programa conta cunha dotación de 3.000 millóns de euros para axudas a pemes.

A Xunta difundirá o programa Kit Dixital tanto en accións dirixidas a axentes dixitalizadores como ás propias pemes dos diferentes sectores de actividade. Farao a través de eventos específicos no GaiásTech, así como a través de enlaces á plataforma Acelera Pymes. Tamén puxo a disposición deste programa as oficinas locais de Acelera Pemes. Así mesmo, prestará soporte para a solicitude de axudas a través da rede de aulas CeMIT.

Máis de 70.000 pequenas e medianas empresas de Galicia poderán optar a recibir estas axudas. Ademais, as máis de 3.000 empresas do sector TIC galegas poderán optar a participar no Kit Dixital como axentes dixitalizadores. Neste sentido, hai xa 250 empresas tecnolóxicas galegas interesadas en participar.

Na presentación de hoxe, o director de Economía Dixital de Red.es, Luis Prieto, explicou o programa aos asistentes, que puideron coñecer de primeira man experiencias de éxito en sectores como a panadería, a medicina ou a viticultura.

Apoio ás pemes no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030

Este programa complementa as accións desenvolvidas pola Xunta de Galicia para apoiar a dixitalización das pemes, que permitiron que no ano 2021 se destinaran máis de 23 millóns de euros a axudas. Ademais das achegas por importe de 7,4 millóns de euros para a dixitalización e a realización de obradoiros, a Xunta puxo en marcha liñas específicas, como o programa Galicia Exporta Dixital, con 6 millóns de euros; o Cheque Dixital, con 4 millóns de euros, ou as axudas para a promoción dixital para a hostalería, con 6 millóns de euros.

A Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha o programa ReAcciona, con convocatorias abertas ata o mes de abril de 2022. Esta acción ten como obxectivo capacitar ás pemes ante os novos retos e acelerar os procesos de mellora e incorporación de coñecemento ás súas estruturas. Dispón dun total de 15 servizos ao redor de catro eixos de competitividade: a estratexia, a profesionalización, a dixitalización e a innovación.

Estas actuacións enmárcanse na estratexia Galicia Dixital 2030, que no seu eixo sétimo “Economía Dixital e Sostible”, que promove o impulso e dixitalización empresarial para a competitividade.

Centro GaiásTech

A Xunta puxo en marcha en 2021 o Centro GaiásTech na Cidade da Cultura de Galicia como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas ao servizo do ecosistema dixital galego. O centro conta cun catálogo de servizos á disposición das empresas de Galicia. Ademais da axenda tecnolóxica con máis de 100 eventos anuais, o GaiásTech Cloud, pon á disposición das empresas aplicacións informáticas na nube para facilitar a súa proba e aprendizaxe, o que axuda á toma de decisións sobre a incorporación das aplicacións na empresa.

O GaiásTech puxo en marcha recentemente o xemelgo virtual, que permite coñecer as súas instalacións e coñecer o equipamento dispoñible, visualizar as últimas actividades realizadas ou reservar espazos. Tamén traballa no desenvolvemento dun Mapa de Capacidades, un directorio de entidades con competencias tecnolóxicas, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.

Dixitalización das empresas de Galicia

A práctica totalidade das empresas con 10 ou máis persoas empregadas en Galicia teñen contratados servizos de internet. Entre as micro-empresas (menos de 10 empregados) son un 81 por cento as que dispoñen destes servizos. En 2021, un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas contaba con perfís tecnolóxicos no cadro de persoal. Nese ano, o 45,3% das empresas de Galicia de 10 ou máis persoas empregadas contaba con persoal que teletraballaba.

En canto ao uso de tecnoloxías disruptivas, o 23,6% das empresas con 10 ou máis persoas empregadas utilizaban en 2021 dispositivos interconectados a través de internet, o que representou un incremento dun 41,7% con respecto ao ano anterior. Tamén subiu o uso do Big Data por parte das empresas galegas, así como o uso da intelixencia artificial.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS