
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Universidade de Santiago vai desenvolver en marzo (días 4 e 5) a primeira edición do Hackathon Social. Farao baixo un epígrafe que fala ás claras dos obxectivos do evento, que pasan por atopar respostas nas novas ferramentas aos principais retos da actualidade: A chave para a innovación social.
Coordinado polo Laboratorio de Innovación e Economía Social de Galicia (LIES_GA), a súa finalidade concreta será “achegar solucións a retos diferentes relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nun período de tempo limitado, traballando en equipos multidisciplinares e cunha metodoloxía intensiva e presencial”. Trátase dunha iniciativa dirixida a calquera estudante da USC, sen que sexa preciso ter coñecemento específicos nin formar parte dun grupo previamente. Os equipos conformaranse o primeiro día do encontro, establecéndose un premio para os dous mellores proxectos. Os retos serán seleccionados polo alumnado nas sesións de presentación que se realizarán en diferentes centros. As solucións estarán encadradas no ámbito do emprendemento social, a sustentabilidade na Universidade e o potencial da tecnoloxía para resolver retos sociais. De entre todas as solucións presentadas, escollerase unha gañadora para cada un dos dous retos finais. Para asistir é preciso cubrir a inscrición antes das 23.59 horas do 25 de febreiro. O evento celebrarase o día 4 de marzo de 16.00 a 21.00 horas e o 5 de 9.00 a 13.00 horas no Edificio Emprendia en Campus Vida. A actividade está limitada a un máximo de 24 prazas. Co gallo de ilustrar o formato do evento, a USC lembra que o termo “hackathon” resulta da unión dos conceptos “maratón” e “hacker” e refírese a unha experiencia de innovación aberta que busca alcanzar unha meta común de forma colaborativa nun período breve de tempo.
Coincidindo coa celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, o Campus de Vigo acollerá dúas mesas redondas centradas en mostrar e reivindicar o papel da muller en dous eidos concretos da enxeñaría: a automatización e a robótica, por unha banda, e a ciberseguridade por outra. O profesor José Ignacio Armesto, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, é o encargado de coordinar ambas actividades, que se desenvolverán a primeira delas en formato virtual o día 7 e en modalidade semipresencial e a segunda, o día 9 de marzo.
As convidadas falarán, entre outras cuestións, sobre as súas motivacións e experiencias ao longo do seu percorrido profesional. O día 7 terá lugar a terceira edición das Xornadas técnicas AER-UVigo, que tras centrarse na Industria 4.0 en 2020 e na robótica industrial en 2021, desta volta analizarán o papel das mulleres no sector da automatización e da robótica. Esta iniciativa, organizada pola Asociación Española de Robótica e Automatización e a Universidade de Vigo, será “100% dixital”, explica Armesto, e contará coa participación de “mulleres directivas de empresas asociadas a AER Automation”, como Mar Masulli, de Bitmetrics; Pepa Sedó, de Eurecat; Carolina López, de Infaimon; María Benítez, de Robotnik; e Rocío Lara, de Ro-Botica. Xunto con elas, participarán na mesa unha alumna da Universidade de Vigo, Ainoa Castro, do Grao en Electrónica Industrial e Automática, e outra de Formación Profesional, Noemí Rabasco, que cursa o Grao superior en Automatización e Robótica Industrial. A mesa redonda estará moderada por outra muller, directiva neste caso do centro tecnolóxico Gradiant, Antía Fernández, co-responsable da área de Sistemas Intelixentes. As xornada poderán seguirse a través da canle 2 de UVigoTV a partir das 11.30 h.
A muller no ámbito da ciberseguridade
Nesa mesma semana, pero xa o día 9, o Campus de Vigo acollerá a Xornada Mulleres e Ciberseguridade, organizada por Ana Fernández Vilas, directora do Mestrado Interuniversitario en Ciberseguridade e polo profesor José Ignacio Armesto. Participarán en modalidade virtual Esther Mateo, directora xeral de seguridade en ADIF e Rosa Díaz, directora xeral de INCIBE. Acompañaranas dende a sala I do Edificio Miralles as relatoras Ana Fernández Vilas, coordinadora do Mestrado en Ciberseguridade; Belén Pérez, CISO do Grupo Nueva Pescanova e Susana Rey, da Oficina en R e tamén egresada da Universidade de Vigo.
Este evento nace da man do Máster MUNICS, o título de especialista ECSI e a cátedra R. A mesa redonda comezará, en formato híbrido, ás 11.00 horas na sala I do Edificio Miralles e emitirase pola canle 1 de UVigoTV.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, súmase ao acordo subscrito polas Comunidades de Castilla y León, Andalucía e Valencia para desenvolver contidos e compartir recursos orientados á capacitación dixital da sociedade. A adhesión formalizouse esta semana nunha comisión de seguimento, na que participou a directora da Axencia, Mar Pereira; e na que tamén se adheriron ao acordo as comunidades de Navarra e Extremadura.
Os seis gobernos autonómicos comprométense a coordinarse para fomentar a adquisición de competencias dixitais na sociedade, compartindo recursos formativos e tecnolóxicos e coñecementos de xeito que se poidan implementar nos seus territorios.
O acordo establece catro espazos de compartición entre as comunidades adheridas. Por unha banda, a compartición da plataforma de autodiagnóstico de competencias dixitais desenvolvida pola Junta de Andalucía así como os futuros desenvolvementos e contidos da mesma para evitar duplicidades. Por outra, a compartición de contidos de formación presencial e online para ampliar a oferta formativa na capacitación dixital. Ademais, o acordo tamén establece que se compartan os recursos relativos á certificación das competencias dixitais, cuxo contido será cedido pola plataforma de certificación de competencias dixitais de la Junta de Castilla y León.
As comunidades adheridas comprométense tamén a colaborar activamente na promoción e difusión das competencias dixitais, ben a través o intercambio de boas prácticas, eventos ou actividades divulgativas e de difusión.
Este acordo súmase ás liñas de actuación que está a desenvolver a Xunta de Galicia en materia de capacitación dixital. A Administración autonómica investirá 27,1 millóns de euros ata 2025 para impulsar a capacitación dixital dos galegos a través de dúas iniciativas, o Plan de Ampliación e Reforma da Rede de Aulas CeMIT e a o Marco Galego de Competencias Dixitais. Ambas son medidas esenciais para cumprir os obxectivos marcados na Estratexia Galicia Dixital 2030 de que en 2025 que o 70% dos galegos e galegas teña competencias dixitais básicas, fronte ao 52,1% actual; e o establecido polo Plan de Recuperación e Resiliencia de formar en competencias dixitais a 45.790 persoas nos vindeiros tres anos.
Reforma e ampliación da Rede CeMIT
A Xunta vén de poñer en marcha o Plan de Ampliación e Reforma da Rede CeMIT para abordar de xeito progresivo ata 2025 a transformación física e arquitectónica dos centros; a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro; a ampliación de ata 30 novas aulas; a posta en marcha un novo servizo de aula móbil, o reforzo dos servizos dixitais e adaptar a estratexia formativa ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais.
Para abordar este proceso asinarase un novo convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) no primeiro semestre do ano e se establecerá un mecanismo de adhesión para ata unha trintena de concellos que estean interesados en incorporarse á Rede.
Portal Marco Galego de Competencias Dixitais
A Xunta está a traballar no desenvolvemento dos plans de capacitación e acreditación e a as probas de avaliación e autoavaliación que permitirán o acceso á acreditación das competencias dixitais segundo recolle o Marco Galego de Competencias Dixitais, cuxo decreto foi publicado o pasado mes de setembro.
Este Decreto establece a creación dun comité especializado integrado por representantes dos departamentos autonómicos de educación, emprego e función pública para propoñer os criterios de homologación e recoñecementos de competencias Dixitais doutras administracións.
Nas vindeiras semanas está previsto que se publique o portal que recollerá a información relativa ao Marco Galego de Competencias Dixitais, https://competenciasdixitais.xunta.gal/.
O certificado galego en competencias dixitais validará 21 competencias englobadas en 5 áreas de dominio: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Solución dos problemas.
O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia destinará máis de 27 M€ ata 2025 para impulsar a capacitación dos galegos e galegas, facendo especial fincapé nos maiores.
Durante a rolda prensa, Rueda precisou que o obxectivo é que o 70% dos galegos teñan competencias dixitais básicas en 2025, “queremos formar en competencias dixitais a máis de 45.700 persoas nos vindeiros tres anos”, engadiu.
Para acadar estes obxectivos, explicou, impulsaranse dúas medidas: o Plan de ampliación e Reforma da Rede de Aulas CeMIT e o Marco Galego de Competencias dixitais.
No tocante ás aulas CeMIT, que son claves para a mellora das competencias dixitais daqueles galegos que teñen máis dificultades para acceder a estas tecnoloxías, Rueda sinalou que este ano contarán con 1.300 prazas e impartirán 35.000 horas de formación. Ademais, destacou que os maiores seguirán tendo protagonismo, xa que, entre outras cousas, a Federación Galega de Asociacións Universitarias Senior, aliada desta rede de aulas, ten previstos 60 cursos destinados ás persoas maiores. Tamén avanzou que coa pretensión de que a Rede siga medrando se abrirán 30 novas aulas ata 2025.
En relación ao Marco Galego de Competencias Dixitais, o vicepresidente primeiro subliñou que a Xunta está a traballar no desenvolvemento dos plans de capacitación e acreditación e de avaliación e autoavaliación, que permitirán o acceso á acreditación das competencias dixitais. A este respecto, salientou que o certificado galego en competencias dixitais validará 21 competencias de 5 áreas.
O Padroado do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) celebrado hoxe aprobou o nomeamento como novo director xerente desta entidade a Lois Orosa Nogueira, que substitúe no cargo a Mauro Fernández Dabouza.
Nacido en Santiago de Compostela en 1982, Lois Orosa é enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Doutor en Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores, conta cunha ampla experiencia investigadora internacional de primeiro nivel, tanto no ámbito da industria como no académico. Así ten realizado proxectos en empresas como IBM R&D (Israel), Xilinx (Irlanda) e Recore Systems (Países Baixos), así como na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign (Estados Unidos), a Universidade Nova de Lisboa (Portugal), a Universidade de Campinas (Brasil) e a ETH Zurich (Suíza). Nesta última exercía ata a data como investigador sénior, realizando tanto proxectos de investigación na área de arquitectura de computadores como tarefas docentes.
O Centro de Supercomputación de Galicia xogará un papel clave no desenvolvemento do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que busca consolidar Galicia como referente para o desenvolvemento e validación deste tipo de tecnoloxías con vocación de ofrecer un impacto positivo en diferentes sectores produtivos.
Neste ámbito, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e o Cesga asinaron un convenio dotado con 11,6 millóns de euros para despregar unha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas. Este investimento súmase aos 7 millóns de euros achegados polo Goberno galego, coa colaboración do CSIC, para implantar o novo supercomputador Finisterrae III. Estas iniciativas están financiadas con fondos europeos.