main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

07/03/202219:05
Momento do acto de conmemoración.
Santiago de Compostela

A Xunta seguirá a coordinar coas universidades accións para acabar coas desigualdades de xénero vencelladas cos estudos técnicos e coas vocacións

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto convocado pola Universidade de Santiago polo Día internacional da muller
  • Amosou o compromiso da Xunta para seguir a incentivar que a elección de estudos e a vocación profesional das mulleres estea afastada de prexuízos sexistas
  • López Abella lembrou que aínda que en Galicia hai máis universitarias que universitarios, persisten fendas de xénero nas enxeñerías e na arquitectura
  • O VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes porá o foco na esfera educativa

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto conmemorativo do Día internacional da Muller organizado pola Universidade de Santiago, onde reivindicou a necesidade de seguir a traballar para erradicar os estereotipos de xénero asociados ás vocacións profesionais de carácter técnico e á elección dos estudos universitarios, unha tarefa para a que prometeu seguir coordinando actuacións cos entes académicos.

“No ensino universitario a presenza de mulleres é maioritaria”, incidiu a secretaria xeral, quen lembrou que, así as cousas, a excepción atópase nas enxeñerías e a arquitectura onde, lonxe de incrementarse a matriculación de mulleres, a porcentaxe vai diminuíndo de forma leve ao longo dos anos. Dixo que isto pon de manifesto a importancia de “seguir desenvolvendo accións para o fomento da igualdade e a erradicación dos estereotipos de xénero asociados ás vocacións profesionais e á elección dos estudos”.

Tal e como recalcou a secretaria xeral da Igualdade, a Xunta está comprometida na eliminación das brechas de xénero persistentes nos distintos ámbitos como “no acceso ao emprego, na promoción profesional e no fomento da presenza das mulleres nas esferas de decisión e influencia das estruturas sociais, económicas e profesionais”.

“As mulleres sumamos talento, como se ve hoxe aquí, as mulleres abrimos camiños, polo que é necesario que continuemos traballando no fomento da creación de postos de traballo para a poboación feminina e favorecendo o emprendemento desde a innovación, como motor de cambio e progreso do conxunto da nosa comunidade, con especial atención ao medio rural e á necesaria dinamización demográfica dos seus municipios”, fixo fincapé López Abella.

A igualdade forma parte das estratexias do Goberno galego. De aí que a Xunta siga a traballar tamén para derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres en ámbitos como o da ciencia, a cultura ou o mundo do deporte.

VIII Plan estratéxico

“Ademais da aplicación de políticas específicas, resulta imprescindible seguir traballando para eliminar os roles que sustentan as desigualdades de xénero”, insistiu a secretaria xeral, quen adiantou que a Xunta está a traballar no VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para o próximo quinquenio, que incrementará os esforzos na esfera educativa e na prevención da violencia de xénero desde idades temperás, “onde a universidade ten un papel importante”, matizou.

A Xunta é consciente de que a plena igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar, “por iso apostamos por un modelo de sociedade corresponsable no que homes e mulleres compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares, no marco do necesario cambio cultural en torno os usos do tempo”, insistiu a secretaria xeral.

05/03/202218:08
Peregrinos nun treito do Camiño de Santiago.
Santiago de Compostela

A Xunta abre unha consulta preliminar ao mercado para incorporar solucións innovadoras á transformación dixital do patrimonio do Camiño

  • É unha das medidas do Proxecto Stellae 5.0, impulsado pola Xunta e a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo para a dixitalización do legado cultural e patrimonial da Ruta Xacobea
  • A consulta está orientada á dixitalización de activos, á creación de contidos culturais e educativos, á formación de capital humano e ao emprendemento en torno ao patrimonio cultural de Galicia e da Eurorrexión
  • Está dirixida, fundamentalmente, a empresas do sector cultural, tecnolóxico, audiovisual e de contidos e a grupos de investigación en tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades que poderán presentar as súas propostas ata o mes de maio
  • O Proxecto Stellae 5.0 forma parte do proceso de construción das Memoria Dixital de Galicia, que se alberga no Gaiás
  • A estratexia Galicia Dixital 2030, no seu eixo “Cultura e turismo intelixente”, aposta por impulsar o uso das tecnoloxías dixitais para a dinamización do patrimonio e a produción cultural

A Xunta acaba de abrir una consulta preliminar ao mercado para incorporar solucións innovadoras á transformación do patrimonio do Camiño de Santiago. É unha das medidas contempladas no Proxecto Stellae 5.0 Patrimonio dixital vinculado ao Camiño de Santiago, impulsado pola Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización para a dixitalización do legado cultural e patrimonial da Ruta Xacobea.

Con esta consulta búscase a implicación do tecido empresarial galego na iniciativa, que poderá achegar as súas propostas en torno a cinco ámbitos: a dixitalización de activos, creación de contidos culturais e educativos, formación de capital humano e ao emprendemento en torno ao patrimonio cultural de Galicia e da Eurorrexión.

Desde onte e ata o mes de maio as empresas do sector cultural, tecnolóxico, audiovisual e de contidos e grupos de investigación en tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades poderán presentar as súas iniciativas, sen menoscabo de que outros axentes con experiencia nos ámbitos sinalados poidan concorrer á consulta. As entidades interesadas poden participar na consulta preliminar a través da web da Axencia e da Plataforma de Contratación da Xunta
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=803972&lang=gl

O proxecto Stellae 5.0, que aspira a captar fondos europeos, aborda dun modo integral a preservación, difusión, valorización cultural e patrimonial, así como o impulso da transformación dixital da nova economía.

Unha das principais características é que integrará á cidadanía e ás universidades na cadea de valor do patrimonio cultural como actores imprescindibles. Entre as accións previstas pola Rede CRUSOE inclúese o lanzamento do primeiro Máster Interuniversitario e internacional en Patrimonio Cultural Dixital, en colaboración cos sectores industriais e pymes autonómicas. Tamén se impulsará a creación dunha incubadora e aceleradora empresarial centrada no Patrimonio Cultural Dixital, entre outras accións.

Ademais, involucrarase aos principais actores, universidades, institucións públicas, empresa privada, cidadanía e terceiro sector e convocarase ao tecido empresarial galego, educativo e asociativo a participar no proxecto.

Aliñado coas Axendas Dixitais europea e galega

O proxecto Stellae 5.0 alíñase coas políticas europeas nacionais e autonómicas recollidas tanto na Axenda Dixital Europea como na Estratexia Dixital Galicia 2030. Esta última ten entre os seus obxectivos potenciar unha Galicia máis aberta, accesible e interactiva a través do uso das tecnoloxías dixitais para o fomento do turismo e a dinamización do patrimonio e as produción cultural da Estratexia Galicia Dixital 2030, como se recolle o seu eixo “Cultura e turismo intelixentes”.

A Xunta desenvolve o proxecto Memoria Dixital de Galicia, que se alberga nas instalacións da Cidade da Culturas, co obxectivo de dixitalizar documentos e recursos e impulsar o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural, así como potenciar o patrimonio para actividades de investigación .O proxecto Stellae 5.0 forma parte deste proceso de concentración da memoria cultural e transición dixital dos recursos do patrimonio cultural vinculados ao Camiño de Santiago.

04/03/202212:44
CPU co texto CeMIT Boiro.
Boiro

A aula CeMIT do Concello de Boiro amplía a oferta formativa de cursos presencias nos meses de marzo e abril

A aula CeMIT do Concello de Boiro ampliou a oferta de cursos de formación en novas tecnoloxías dixitais para os meses de marzo e abril con xornadas presenciais. Toda a información sobre os cursos e a inscrición nos mesmos pode consultarse directamente no centro de capacitación TIC boirense, emprazado no Centro Social de Boiro, ou ben a través do seu espazo web.

No mes de marzo vaise impartir un curso presencial de manexo básico do teléfono móbil, que será do 21 ao 24 de marzo de 10.00 a 12.30 horas. Este curso complementa á formación en modalidade online que se está a levar a cabo durante este mes na aula CeMIT. No mes de abril vaise impartir a formación Inicio á informática e Internet, que terá lugar entre o 25 e o 29 de abril en horario de 10.00 a 12.30 horas.

Toda a información sobre os cursos de formación na Aula CeMIT do Concello de Boiro situada no Cento Social de Boiro, ou a través do enderezo electrónico axentetic@boiro.org, o teléfono 981 84 26 35, ou o móbil 629 769 139.

04/03/202207:49
Momento da charla.
Mondoñedo

Thais Pousada mostra ao alumnado de Mondoñedo como facer e impulsar tecnoloxías solidarias

A investigadora do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) Thais Pousada impartiu o pasado xoves 24 de febreiro unha charla divulgativa sobre tecnoloxía de apoio dirixida a estudantes de 2º de ESO do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo. A actividade foi realizada coa contribución de Enxeñería sen Fronteiras, asociación coa que o CITIC mantén un convenio de colaboración.

Thais Pousada explicou ao alumnado as capacidades e necesidades que poden ter as persoas con diversidade funcional na súa vida diaria, e presentou diferentes resultados do deseño e creación de produtos de apoio a través dunha impresora 3D, poñendo o foco en metodoloxías concretas para pór en funcionamento unha impresora destas características. A investigadora animou ás rapazas e rapaces a colaborar, cos seus coñecementos e espírito innovador, co tecido asociativo.

03/03/202212:56
Mans tecleando.
A Coruña

A Xunta aposta por aproveitar os fondos Next Generation para seguir a impulsar a dixitalización das pemes galegas

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na Coruña nunha xornada organizada no club empresarial Nordés na que puxo en valor a importancia de aproveitar o novo escenario económico provocado pola pandemia para que estes fondos de recuperación faciliten a transformación económica e social
  • Lembra que o Goberno autonómico activou oficinas técnicas sectoriais con diferentes clústeres galegos na procura de traballar en posibles candidaturas aos Pertes

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na Coruña, no club empresarial Nordés, na xornada Fondos Europeos Next Generation: unha oportunidade para a dixitalización das pemes, na que puxo en valor a importancia de aproveitar estes fondos de recuperación para impulsar a transformación económica e social.

Neste sentido, Guldrís destacou que a Xunta leva tempo traballando en distintas propostas que considera que deben ser impulsadas mediante os Next Generation; fondos que, como lembrou, se canalizarán en gran parte a través dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Pertes), que contan cunha “visión integral da cadea de valor, un importante impacto transformador e unha gran capacidade de arrastre”.

Neste sentido, o director do Igape, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, defendeu que Galicia aspira a impulsar proxectos transformadores da industria que contribúan, tamén, ao impulso tecnolóxico das pemes galegas. É o caso dos Pertes vinculados ao vehículo eléctrico e conectado; a saúde de vangarda; as enerxías renovables, hidróxeno renovable e almacenamento; ou o da cadea agroalimentaria intelixente e sostible.

Para acadar este obxectivo, o Goberno galego, entre outras accións, activou distintas oficinas técnicas sectoriais con diferentes clústeres galegos na procura de traballar en posibles candidaturas. Na actualidade están constituídas tres destas oficinas: unha con Ceaga centrada no Perte da automoción; outra co Clúster Saúde de Galicia, pendente do Perte de saúde de vangarda; e a terceira con Clusaga, enmarcada no vencellado á industria agroalimentaria.

Así mesmo, o director do Igape explicou que a Xunta vén desenvolvendo distintas liñas de actuación encamiñadas a facilitar a dixitalización das pemes galegas. Entre os programas activados con esta finalidade destacou o Galicia Exporta Dixital, que ten aberta unha nova edición cun orzamento de 4,4 millóns de euros co obxectivo de apoiar a expansión internacional de empresas e autónomos; ou o Cheque Dixital, cuxa última edición sumou preto de 4 millóns facilitando proxectos que teñen como obxectivo a implementación de tecnoloxías dixitais.

Son iniciativas ás que, como sinalou, cabe engadir a posta en marcha dunha nova edición do programa ReAcciona, cun orzamento de 3,2 millóns de euros e con convocatorias abertas ata abril deste mesmo ano.

“O noso obxectivo é poñer a disposición das nosas empresas as ferramentas necesarias para dar resposta ás novas necesidades, pero tamén para aproveitar os novos retos e oportunidades. Estas deben vir da man dos fondos Next Generation para acometer proxectos transformadores no noso modelo produtivo, para o que debemos anticiparnos e estar preparados para aproveitalas ao máximo”, concluíu Guldrís.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS