
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
As instalacións da aula CeMIT do Centro Social de Boiro acollen estes días curso de Alfabetización Dixital impartido pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Esta formación iniciárona un total de 8 persoas, 6 homes e 2 mulleres, todas elas co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, e procedentes dos concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Lousame.
A actividade de capacitación tecnolóxica, financiada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a través de COCEMFE e dentro das Actuacións dirixidas á atención de adultos con NEE 2021-22, contará cun total de 85 horas lectivas que serán impartidas de luns a venres en horario de 9:30 a 14.00 horas, e nos que abordarán os módulos de internet, procesador de textos e folla de cálculo. Estes cursos que desenvolve COGAMI teñen como obxectivo impulsar a inserción sociolaboral, co fin de que o alumnado acade os coñecementos e habilidades para poder inserirse canto antes no mercado laboral. Arestora, bolsa de emprego de COGAMI ten inscritas un total de 419 persoas inscritas da comarca da Barbanza, das que 274 son homes e 145 mulleres.
O Concello de Ponteareas achegou o programa de actividades de divulgación e formación tecnolóxica deste mes de marzo a nivel municipal. Serán cinco obradoiros gratuítos a desenvolver a través da aula CeMIT de Ponteareas, cinco cursos pensados para “promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías e achegar á veciñanza ferramentas que poden facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades e acabar coa fenda tecnolóxica”, como salienta o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.
Unha das propostas para este mes de febreiro será un curso de mecanografía no ordenador, que terá lugar martes e xoves de 18.30 a 21.00 horas. Os e as ponteareáns tamén poderán asistir aos cursos de manexo básico de teléfonos móbiles os luns de 11.30 a 14.00 h e de informática básica, que será martes, mércores e venres de 16.00 a 18.30 horas. A programación do mes de marzo contará ademais cun curso de procura de emprego en liña (mércores 2 e 9 de marzo, de 18.30 a 21.00 h) e con outro para achegar aos usuarios e usuarias aos trámites administrativos en liña (mércores 16, 23 e 30 de febreiro, de 18.30 a 21.00 h). As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os luns de 09.00 a 11.30 h e os venres de 18.30 a 21.00 h.
Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha un plan para facilitar a extensión do 5G. O recordaba esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, durante a súa visita aos stands dos operadores Vodafone e Orange na Mobile World Congress Barcelona 2022. Ambos operadores destacan estes días na MWC as posibilidades do 5G en ámbitos como o turismo ou a xestión do tráfico, un aspecto clave das smart cities.
Consciente da importancia desta tecnoloxía de redes sen fíos de quinta xeración, Galicia quixo converterse desde o primeiro momento nun territorio facilitador da súa extensión e implantación.
A posta en marcha do Plan Galicia 5G permitiu á comunidade contar cun posicionamento e contribuíu a que o Ministerio de Economía e Transformación Dixital concedese dúas subvencións ás propostas presentadas por Telefónica e Orange para realizar pilotos 5G en Galicia. Estas iniciativas, sumadas ás impulsadas polo Nodo do Plan Galicia 5G, desde a Xunta, no que participan estes operadores xunto con Vodafone, suman 30 casos de uso 5G por un importe de 22 millóns de euros.
A día de hoxe o 70% destes casos de uso están completados e o resto na recta final. Son usos innovadores desta tecnoloxía aplicados a ámbitos como a atención sanitaria, a educación, na xestión de incendios, a industria, na automoción no audiovisual ou o turismo, entre outros.
O seguinte paso será a avaliación destes 30 casos de uso para ver as posibilidades de incorporalos á dinámica dos servizos públicos e dos diferentes sectores produtivos.
Galicia, territorio 5G
En Galicia conformouse un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G e que permitiu, por exemplo, que foramos o territorio escollido para a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial ou que Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades de España en contar con redes 5G.
A Administración autonómica fixo unha forte aposta para que Galicia aproveite as posibilidades do 5G porque esta é a tecnoloxía sen fíos do futuro, que permitirá as mesmas prestacións que a fibra e polo tanto é unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio como o noso caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica. Neste sentido, cómpre lembrar o compromiso do Estado, de acordo coas liñas establecidas pola UE, de lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps.
A aula CeMIT do Concello de Ames celebra esta tempada os seus cinco primeiros cursos presenciais de 2022. A formación na aula comezará en Entroido e continuará ata finais de abril, con catro propostas para menores de idade e outra máis para adultos. Ademais, continúan os cursos en liña, cun ciclo de ofimática na suite LibreOffice, e o acceso á aula aberta, de luns a venres de 9:30 a 13:00, e os martes e xoves, tamén das 16:30 ás 19:00 horas.
Para anotarse nos cursos, limitados a 9 prazas, cómpre reservar praza chamando ao 682 373 753, ou ben enviar un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.
Interrupción en xaneiro
Volven os cursos presenciais á aula CeMIT de Ames neste 2022, despois dunha interrupción en xaneiro no que se aproveitou para realizar reformas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Dende aquela xa retomou a súa actividade habitual, con accesos á aula aberta de luns a venres de 9:30 a 13:00, e tamén pola tarde os martes e xoves, das 16:30 ás 19:00 horas. Tanto os cursos como o uso da aula aberta van acompañados dunha serie de requisitos: hixiene de mans á entrada, máscara obrigatoria, spray hixienizante e distancia de seguridade, cos aforamentos limitados a 9 persoas, tanto nos cursos como neste acceso libre. O primeiro dos catro cursos ofertados para menores será Scratch en Entroido, que será o luns 28 de febreiro e o martes e mércores 1 e 2 de marzo, de 10:30 a 12:00 horas. Dirixido a maiores de 8 anos, os nenos e nenas aprenderán as bases desta ferramenta de programación.
Por outra banda, os martes dende o 8 de marzo ata o 26 de abril haberá un curso de iniciación á informática para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que terá lugar polas tardes, de 17:15 a 18:45. Ademais, todos os xoves dende o 10 de marzo ata o 28 de abril celebraranse dous cursos de mecanografía: un para menores de 10 anos, de 17:00 a 18:00, e outro para maiores de 10 anos, de 18:00 a 19:00 horas.
Por último, a proposta para o alumnado adulto consistirá en sacarlle o máximo partido aos nosos teléfonos móbiles, centrándose especialmente no sistema operativo Android. O curso celebrarase os martes e os xoves, de 10:30 a 12:00 horas, e dende o 15 de marzo ata o 28 de abril.
A ofimática, protagonista da formación telemática
Dende o 7 de marzo ata o 6 de maio, todos os luns, mércores e venres, de 17:00 a 19:00 horas, a aula CeMIT desenvolverá cinco cursos a distancia relacionadas co uso da suite ofimática LibreOffice, co fin de que o alumnado poida usar con facilidade procesadores de texto, follas de cálculo ou creadores de presentacións. Comezarase coa alternativa ao Word, o LibreOffice Writer, do que haberá un curso introdutorio do 7 a o 18 de marzo, e outra proposta de nivel medio, do 21 de marzo ao 1 de abril. A formación continuará co Calc, a versión libre do Excel, cunha introdución do 4 ao 13 de abril e unha segunda parte máis avanzada do 20 ao 29 de abril. Por último, do 2 ao 6 de maio avanzarase co programa Impress, o equivalente a PowerPoint da suite LibreOffice, no que se ensinará a parte técnica para crear diapositivas e presentacións atractivas.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas (UDC, USC e UVigo) organiza a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022) o vindeiro 11 de marzo. O evento celebrarase de xeito presencial e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Ourense e Santiago (Facultade de Informática da UDC, Escola Superior de Enxeñaría en Informática da UVigo e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC).
A proba será en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas, aínda que os participantes deberán estar na sede escollida ás 16:00 horas. Poderán participar estudantes de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional de grao medio de calquera centro de Galicia, sempre que non se teñan superado os 20 anos de idade o 1 de xullo de 2022. A inscrición final dos participantes xa está aberta na web da olimpíada.
O CPEIG informa de que durante os meses previos, estivo aberta unha preinscrición que daba acceso a formación e adestramento en programación, en colaboración coa academia Leagues of Code.
O colexio engade que o certame galego consta de seis problemas que se deberán realizar nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Permítese o uso de C++, Python ou Java. Todos os retos describirán un escenario no que se pretende que un programa informático axude dalgunha maneira. Os desafíos da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. Os dous primeiros postos na clasificación da OIG 2022 accederán de xeito directo á fase final da Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará na primeira fin de semana de abril. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia. A OIG 2022 está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Abanca, Atos, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Extreme Networks, Google Cloud, Grupo Tesalia- Emetel, Minsait (Indra), NetApp e Sixtema. Para resolver dúbidas cómpre enviar un correo a informacion@cpeig.gal