
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de lanzar unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que ofrece ao alumnado de 12 a 17 anos a oportunidade de compartir unha xornada de traballo nunha empresa tecnolóxica. O obxectivo da esta actividade é continuar mellorando a visión que os máis novos e novas teñen das profesións científico-tecnolóxicas.
Dende hoxe e ata o próximo 1 de abril, o persoal docente pode inscribir ao alumnado interesado en participar na actividade, optando a unha das máis de 50 prazas dispoñibles para visitar durante unha xornada as instalacións das empresas TIC colaboradoras ou a sede da Amtega no GaiásTech.
A implicación dos docentes, chave no marco do programa
Os docentes poden cumprimentar as solicitudes de inscrición a través do formulario dispoñible no espazo web DigiTalent. Ademais, a mesma web ten dispoñible toda a documentación de referencia e consulta para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras aclaren calquera dúbida que poidan ter sobre a actuación, así como a listaxe de prazas ofertadas para cada grupo de idade por cada entidade participante no programa e a súa localización.
Sexta edición
Con esta nova quenda, Tecnólog@ por un día acada xa seis edicións e consolídase ano tras a ano como unha das actividades de referencia do catálogo de actuacións do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent.
Con esta iniciativa a Axencia segue a ofrecer ao alumnado de secundaria e bacharelato unha oportunidade única de mergullarse no sector tecnolóxico galego. Os participantes poderán visitar as empresas que colaboran coa iniciativa e experimentar en primeira persoa como se desenvolve unha xornada de traballo real no sector TIC de Galicia.
A través destas sesións inmersivas, o alumnado explorará os proxectos que se están a desenvolver e as ferramentas e os coñecementos que o persoal experto emprega no seu día a día. Deste modo, os participantes coñecerán dun xeito práctico as capacidades e habilidades necesarias para incorporarse ao sector, contribuíndo a resolver as súas inquedanzas vocacionais.
Xornada nos centros de traballo
Tras a finalización do período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo en función das preferencias do alumnado indicadas no formulario de inscrición. A partir deste momento, as prazas asignadas e as prazas de reserva comunicaranse aos docentes responsables así como ás empresas colaboradoras. Serán estas últimas as que se poñan en contacto co alumnado para concretar a data e o horario da celebración das xornadas e comunicar calquera outra información que poida resultar de utilidade aos participantes.
Así, durante abril e maio, Aldaba, Altia, Bahía Software, Dos Espacios, NTT Data, Quobis, R, Stratesys Technology e a propia Amtega acollerán ao alumnado nos seus centros de traballo. Os rapaces e rapazas visitarán as súas instalacións e participarán nas diferentes actividades que os profesionais teñen programadas para a xornada, como reunións de equipo, visitas aos clientes ou comidas de traballo.
Webinars TransformaTech Sessions
Por outra banda e no marco do Plan DigiTalent continúa aberto o período de inscricións dos Webinars TranformaTech Sessions, un programa de encontros virtuais no que se exploran temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas como a Intelixencia Artificial, o Big Data, os servizos cloud ou a ciberseguridade da man de expertos e expertas na materia.
Toda a información de detalle sobre esta e outras iniciativas do Plan DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent e na web do Gaiástech.
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, inicia un novo programa formativo que ofrecerá máis de 50 charlas orientadas a fomentar o uso da tecnoloxía e a banca online. Os seminarios están especialmente orientados ás persoas maiores, aínda que a inscrición está aberta para todas as persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos nestes ámbitos.
A Rede CeMIT colaborará a través de emisións online e presenciais que poderán seguirse desde as súas aulas. Neste momento son 14 as localidades que se suman a esta iniciativa: Abegondo, Arzúa, Beariz, Boiro, Carballedo, Castrelo de Miño, Celanova, Cuntis, Fisterra, Ribadeo, Ortigueira, Ponteareas, Santa Comba e Valga.
As persoas interesadas en participar contarán co asesoramento dos dinamizadores/as dos centros durante o proceso de alta e conexión ás charlas, no caso de que desexen seguir estas sesións desde os seus fogares de xeito online.
Para a formalización das inscricións para participar de xeito presencial é recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada seminario ou na web https://cemit.xunta.gal. O único requisito esixible é ser ou darse de alta como usuario/a da Rede ou, no caso de seguir os cursos desde a casa, inscribirse desde a web de Fegaus en Canal Sénior, https://fegaus.canalsenior.es/agenda.
Os contidos formativos preséntanse de xeito ameno e sinxelo e están orientados a que os asistentes poidan sacar o máximo partido a través de sesións gratuítas de 60 minutos de duración, en horario de mañá e tarde, de 10.30 a 11:30 horas, e de 17.00 a 18:00 horas, e versarán sobre temáticas moi diversas como:
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS)
FEGAUS é un dos máis de 950 aliados dixitais que está a contribuír activamente no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de coñecemento. Así mesmo, FEGAUS agrupa a 7 asociacións de alumnos e ex-alumnos dos Programas de Maiores dos 7 campus universitarios pertencentes ás tres universidades de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo, contando con arredor de 2.000 alumnos sénior.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente dixital, ofrecendo recursos de capacitación adaptados ao nivel de coñecemento das persoas usuarias.
SEMINARIOS POR CICLOS FORMATIVOS
Ciclo Soidade
Programación
Seminarios
Aulas participantes na modalidade online
10 de marzo
17:00 a 18:00 horas
Coa mente na saúde. Descubre que son os pensamentos intrusivos e como bloquealos
Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
17 de marzo
17:00 a 18:00 horas
Coa mente na saúde. Consellos útiles para xestionar os medos
Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
24 de marzo
17:00 a 18:00 horas
Coa mente na saúde. Vivir o duelo como un proceso natural
Castrelo de Miño, Ponteareas
29 de setembro
10:30 a 11:30 horas
De Londres a Ámsterdam sen saír da casa: visita gratis o Museo Británico e o Rijks Museum
Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Santa Comba, Castrelo de Miño
6 de outubro
10:30 a 11: 30 horas
Atopa grupos sobre os teus temas favoritos en rrss
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Santa Comba, Castrelo de Miño
13 de outubro
10:30 a 11:30 horas
Apps interesantes para sendeiristas: camiña seguro e en compañía
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Valga, Santa Comba, Castrelo de Miño
Ciclo Dinamízate
Programación
Seminarios
Aulas participantes na modalidade online
18 de marzo
10:30 a 11:30 horas
Atrévete con Facebook (I): Primeiros pasos
Ribadeo, Beariz, Abegondo, Ortigueira, Santa Comba, Castrelo de Miño, Celanova, Fisterra
24 de marzo
10:30 a 11:30 horas
Atrévete con Facebook (II): Personaliza a túa conta (privacidade, conexións…)
Ribadeo, Boiro, Beariz, Abegondo, Ortigueira, Santa Comba, Castrelo de Miño, Celanova
31 de marzo
10:30 a 11:30 horas
Dietas a medida: como coidarme se teño diabetes
Beariz, Abegondo, Santa Comba, Castrelo de Miño, Celanova
7 de abril
10:30 a 11:30 horas
Dietas a medida: coidando o meu colesterol
Beariz, Cuntis, Santa Comba, Castrelo de Miño
19 de maio
10:30 a 11:30 horas
Si o sabes! Descubre os xogos de preguntas máis interesantes para o teu móbil
Beariz, Abegondo, Carballedo, Cuntis, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova
26 de maio
10:30 a 11:30 horas
Atopa a tu app de relaxación ideal e practica cada día
Beariz, Cuntis, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño
2 de xuño
17:00 a 18:00 horas
Arte prehistórico: así comezou todo
Beariz, Cuntis, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño
9 de xuño
17:00 a 18:00 horas
A Arte das primeiras civilizacións
Beariz, Cuntis, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño
Ciclo Rural TIC
Programación
Seminarios
Aulas participantes na modalidade online
Aulas participantes na modalidade presencial
1 de abril
10:30 a 11:30 horas
Que é a Administración Electrónica
Ribadeo, Boiro, Beariz, Abegondo, Carballedo, Ortigueira, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Ponteareas, Fisterra
21 de abril
10:30 a 11:30 horas
Que son os datos abertos da Administración?
Beariz, Carballedo, Valga, Celanova, Santa Comba, Castrelo de Miño
Ponteareas
19 de setembro
10:30 a 11:30 horas
Nocións básicas da ciberseguridade (I)
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Abegondo, Cuntis, Castrelo de Miño
Celanova
26 de setembro
10:30 a 11:30 horas
Nocións básicas da ciberseguridade (II)
Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Abegondo, Castrelo de Miño
Cuntis
3 de outubro
10:30 a 11:30 horas
Identificación na Rede: certificadodixital
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Celanova, Cuntis, Castrelo de Miño
Ponteareas
10 de outubro
10:30 a 11:30 horas
Identificación na Rede: sistema cl@ve
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Celanova, Cuntis, Castrelo de Miño
Abegondo
17 de outubro
10:30 a 11:30 horas
Novidades do DNI electrónico (4.0)
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Celanova, Cuntis, Castrelo de Miño
Ribadeo
24 de outubro
10:30 a 11:30 horas
Trámites online sen certificado electrónico
Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Celanova, Cuntis, Castrelo de Miño
Ribadeo
Ciclo Consumo Sénior
Programación
Seminarios
Aulas participantes na modalidade online
19 de abril
12:00 a 13:00 horas
Compras seguras en internet
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Ponteareas
26 de abril
12:00 a 13:00 horas
Nova tarifa de luz: coñécea e aforra na túa factura!
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
3 de maio
12:00 a 13:00 horas
Novos métodos de pago: bizum, pago por móbil, tarxeta revolving, criptomoeda
Beariz, Arzúa, Cuntis, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Ponteareas
10 de maio
12:00 a 13:00 horas
Dereitos como consumidor nos produtos e servizos dixitais
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
18 de maio
12:00 a 13:00 horas
Publicidade ao límite: límites legais das ofertas
Beariz, Arzúa, Cuntis, Valga, Castrelo de Miño, Ponteareas
24 de maio
12:00 a 13:00 horas
Super online: dereitos do consumidor ante compras de alimentación online
Boiro, Beariz, Arzúa, Cuntis, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
31 de maio
12:00 a 13:00 horas
Cales son os dereitos do consumidor cos novos períodos de garantía vixente?
Beariz, Arzúa, Cuntis, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
7 de xuño
12:00 a 13:00 horas
Reclamacións e conflitos? Pásate á arbitraxe de consumo
Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
14 de xuño
12:00 a 13:00 horas
Como evitar o spam telefónico: a listaxe Robinson
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
21 de xuño
12:00 a 13:00 horas
A Axenda 2030 dos consumidores
Beariz, Arzúa, Cuntis, Ortigueira, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
Ciclo Relaciona TIC
Programación
Seminarios
Aulas participantes na modalidade online
Aulas participantes na modalidade presencial
16 de xuño
10:30 a 11:30 horas
Outras formas de ler: apps de relatos en chat e audiolibros
Beariz, Arzúa, Cuntis, Ortigueira, Valga, Celanova, Ponteareas, Santa Comba, Castrelo de Miño
Ribadeo
23 de xuño
10:30 a 11:30 horas
Apps para vender facilmente o que xa non usas
Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Ortigueira, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas, Fisterra
Abegondo
30 de xuño
10:30 a 11:30 horas
Atopa, compra, vende, subasta: coñece as mellores apps para coleccionistas
Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Ortigueira, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
Santa Comba
3 de novembro
10:30 a 11:30 horas
Comezando con Tik Tok: crea a túa conta e divírtete
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Ortigueira, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas
Abegondo
10 de novembro
10:30 a 11:30 horas
Apps para manternos en forma: fai do teu móbil o teu entrenador
Beariz, Abegondo, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Santa Comba, Valga, Celanova, Ponteareas
Castrelo de Miño
17 de novembro
10:30 a 11:30 horas
Limpa e mellora a vida útil do teu móbil con estas apps
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Valga, Castrelo de Miño, Celanova, Ponteareas, Fisterra
Santa Comba
Ciclo Banca Dixital Séniors TIC
Programación
Seminarios
Aulas participantes na modalidade online
Aulas participantes na modalidade presencial
18 de maio
17:00 a 18:00 horas
Dez regras esenciais para o uso seguro da banca dixital
Boiro, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Ponteareas, Fisterra
Cuntis
25 de maio
10:30 a 11:30 horas
Aprende a usar un caixeiro automático (I)
Boiro, Beariz, Arzúa, Santa Comba, Castrelo de Miño, Ponteareas, Fisterra
Celanova
1 de xuño
10:30 a 11:30 horas
Aprende a usar un caixeiro automático (II)
Beariz, Arzúa, Santa Comba, Castrelo de Miño, Ponteareas, Fisterra
Abegondo
8 de xuño
10:30 a 11:30 horas
Como acceder á túa conta bancaria por internet
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Cuntis, Santa Comba, Valga, Ponteareas, Fisterra
Castrelo de Miño
15 de xuño
10:30 a 11:30 horas
Pagos seguros por internet
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Ponteareas, Fisterra, Cuntis
Ribadeo
22 de xuño
10:30 a 11:30 horas
Coñece as apps dos bancos máis populares
Boiro, Beariz, Arzúa, Valga, Castrelo de Miño, Ponteareas, Fisterra, Cuntis
Santa Comba
29 de xuño
10:30 a 11:30 horas
Olvida a carteira: pásate ao moedeiro seguro no teu móbil
Boiro, Beariz, Arzúa, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Ponteareas, Fisterra, Cuntis
Ortigueira
6 de xullo
10:30 a 11:30 horas
Tarxetas prepago: recarga cando queiras e paga con tranquilidade
Boiro, Beariz, Arzúa, Carballedo, Santa Comba, Valga, Castrelo de Miño, Ponteareas, Fisterra
Cuntis
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou hoxe o escenario de oportunidades laborais no ámbito da ciberseguridade para os vindeiros anos e destacou os esforzos que realiza a Xunta de Galicia para fomentar o talento feminino e reducir a fenda de xénero.
Mar Pereira participou esta mañá na inauguración da xornada da Universidade de Vigo sobre “Mulleres e ciberseguridade”, xunto co reitor, Manuel Reigosa. Os debates contaron coa participación de Susana Rey , delegada de Protección de Datos de R; Belén Pérez, directora de seguridade da información de Nueva Pescanova, e Esther Mateo, directora xeral de Seguridade, Procesos e Sistemas Coporativos de ADIF. A mesa foi moderada pola coordinadora do Máster Inter-universitario de Ciberseguridade das universidades de Vigo e A Coruña, Ana Fernández Vilas.
A directora da Amtega lembrou que en Galicia, soamente o 5,05% das empresas que dispoñen de perfís tecnolóxicos contan con persoas empregadas especializadas en ciberseguridade. Trátase dunha porcentaxe moi simular á do resto das Comunidades Autónomas españolas. Engadiu que, cara a 2024, a demanda de talento en España neste campo dobrará á oferta, ata superar a cifra de 83.000 profesionais. Destacou tamén que na actualidade, un de cada tres empregos en ciberseguridade é ocupado por mulleres, cando hai cinco anos era un de cada dez.
Subliñou que a Xunta traballa para avanzar na equidade de xénero neste proceso. A creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que comezará a construírse este ano cun investimento de 3,5 millóns de euros, representa unha oportunidade para o fomento e atracción de talento feminino neste ámbito.
Nese contexto de crecemento da ciberseguridade e resposta ante as novas ameazas, a Xunta de Galicia ten en marcha iniciativas ás que se destinan máis de 18 millóns de euros. Ademais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia traballa na definición da nova Estratexia galega de Ciberseguridade 2022-2027.
Xornadas para o fomento do talento feminino
Mar Pereira anunciou que a Axencia ten convocado para os días 21 e 22 de abril un evento sobre o “Fomento do talento feminino en ciberseguridade”. Estas xornadas estarán dirixidas a persoas no último ano da ESO, en estudios preuniversitarios ou na Universidade. O segundo día estará dedicado a titoría e, entre as nove da mañá e as seis da tarde, estudantes e profesionais poderán asistir, con cita previa, a sesións individuais de 30 minutos para resolver dúbidas e inquedanzas concretas no ámbito da proxección educativa e profesional en ciberseguridade.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha outras iniciativas para fomentar as vocacións femininas, como GirlSteam, que consiste nun programa de obradoiros de experimentación tecnolóxica orientados a facer visible o papel das mulleres nos sectores tecnolóxicos.
Sobre ciberseguridade, a Axencia ten en marcha o programa “Ciberseguranza Kids”, con xornadas lúdico formativas en formato de contacontos para a divulgación de conceptos sobre o uso seguro das tecnoloxías en centros educativos. Na súa primeira edición acompañouse da publicación do conto dixital “Ciberseguridade con Sofía”, que relata a histora dunha nena que vai resolvendo as súas inquedanzas sobre a ciberseguridade e o uso seguro de internet coa axuda da súa nai.
Ademais da posta en marcha dunha campaña de concienciación cidadá, a Xunta desenvolve outras accións específicas, como os encontros con persoas expertas en ciberseguridade enmarcados nos Webinars Transforma Tech; as xornadas IuristicGal sobre informática xudicial e delitos informáticos; o curso de Análise Forense; o curso de introdución aos fundamentos do Blockchain ou as accións formativas na rede de aulas CeMIT.
A Concellería de Promoción Económica e Emprego de Vilagarcía puxo en marcha este luns 7 de marzo unha nova edición do Programa de Inclusión e Capacitación Dixital a desenvolver entre marzo e decembro na aula CeMIT do Centro de Formación de Matosinhos. A carta de cursos entre os que elixir amplíase este ano ata as 17 accións formativas, cuxa realización será de carácter gratuíto para os participantes.
Segundo informa o Concello, os cursos divídense en cinco bloques temáticos tendentes a “garantir aos usuarios o coñecemento e manexo das novas tecnoloxías con carácter xeral, o uso do DNI e identificacións electrónicas, o acceso á Administración Electrónica e mesmo a procura de emprego”. Os interesados xa poden inscribirse a partir do luns, 7 de marzo, no Centro de Matosinhos ou chamando ao teléfono 986 511620. A proposta formativa deseñada polo departamento que dirixe Alba Briones diríxese a persoas maiores de 18 anos e está orientada a mellorar a capacitación dixital dos vilagarciáns mediante a “realización de diversos cursos que lles permitan acadar os coñecementos necesarios para facilitar a súa inclusión dixital e reducir a fenda dixital”. Os cursos están adaptados aos diversos niveis de coñecemento dixital dos usuarios. O primeiro dos cinco bloques nos que se divide o programa é precisamente o de Inclusión Dixital, orientado a usuarios que descoñecen a materia e desexen adquirir coñecementos básicos. Nel ofértanse os cursos de Iniciación á informática e Internet, Correo electrónico: Webmail, Seguridade na Rede e Inclusión dixital en dispositivos móbiles.
O segundo bloque é o de Ofimática en Software Libre que se impartirá en nivel de iniciación e avanzado en función das necesidades e coñecementos previos dos usuarios. Os cursos que se ofertan neste apartado son os de Procesador de textos, Folla de cálculo, Elaboración de presentacións e Bases de datos.
O terceiro bloque, xa para usuarios con máis coñecementos, é o de Capacitación Avanzada en Ferramentas TIC. As temáticas dos cursos son as de Deseño de páxinas web con Wordpress, Deseño de contidos interactivos. Canva e Genially, Sincronización de dispositivos e control parental; Cloud Computing e de Retoque Fotográfico.
O cuarto bloque temático do programa céntrase na Orientación ao Emprego e nel impartiranse os cursos de Redes Sociais e procura de emprego e Deseño dun perfil profesional.
Por último, inclúese o bloque de Administración Electrónica e E-Administración, que é segundo o Concello “un dos máis demandados en vista de que cada vez é máis necesario ter uns coñecementos previos para poder relacionarse coas administracións públicas e realizar calquera tipo de trámite”. Neste apartado impartirase un curso sobre O uso do DNI-E. Chave, PIN e Certificado dixital e outro sobre Trámites electrónicos e administración electrónica. A Sede Electrónica do Concello de Vilagarcía.
As accións formativas realizaranse baixo demanda, polo que se permitirá escoller tanto o contido dos cursos como a súa orde de impartición. Do mesmo modo, permitirase repetir os cursos que se considere preciso. A duración de cada acción formativa oscila entre as 4 e as 30 horas, dependendo do tema a tratar e da súa complexidade ou dimensión do temario. Todos os cursos impartiranse de forma presencial na aula CeMIT do Centro de Matosinhos en grupos reducidos de entre 10 e 19 alumnos.
O 43,06% das empresas que empregan especialistas en tecnoloxía en Galicia contratan mulleres con esta especialidade, unha porcentaxe que soamente superan Madrid, cun 44,26% e Estremadura cun 43,94%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.
O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) destaca, así mesmo que, de acordo co estudio realizado sobre a inserción laboral do Sistema Universitario de Galicia, a porcentaxe de mulleres que se manteñen empregadas en especialidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) nos dous primeiros anos tras obter o título é dun 83,9 por cento, lixeiramente superior á de homes, que é dun 83,3.
A pesares das excelentes perspectivas de inserción laboral nos sectores tecnolóxicos, cun crecemento do emprego dun 23% entre 2015 e 2020, soamente o 20% dos 3.660 empregos creados nese quinquenio foron mulleres.
A fenda de xénero reflíctese tamén no feito de que nas empresas de tecnoloxía soamente o 1% das mulleres ocupa postos directivos fronte ao 5,8% de homes. Atendendo ás funcións que desenvolven nas empresas, só o 14,7% están dedicadas a funcións tecnolóxicas fronte ao 49,3% de homes. No caso de funcións non especificamente tecnolóxicas (administrativas,...) a tendencia invértese e a presenza de mulleres (16,2%) supera aos homes (13%).
Segundo datos do OSIMGA, no 2020 foron 5.885 as traballadoras nos sectores tecnolóxico afiliadas á Seguridade Social, valor que se mantivo así estable respecto a 2019. A pesar disto, continua o crecemento da fenda de xénero nestes sectores, debido a que a o incremento do número de homes continuou no último ano.
Mulleres con formación superior STEM en Galicia
En Galicia, a porcentaxe de tituladas nas carreiras denominadas STEM é moi inferior ao de titulados nas especialidades máis tecnolóxicas (16,8% de mulleres) e nas enxeñarías (38,5%). Sen embargo en Matemáticas a proporción de tituladas é moi próxima a dos titulados e nas ciencias naturais, as mulleres son maioría (66,1%).
A inserción laboral de ambos xéneros é moi semellante, de máis do 83% en ámbolos dous casos.
Os salarios das mulleres mesmo superan aos dos homes cando son tituladas nas carreiras en que son minoría (Tecnoloxías e Enxeñarías), mentres quedan por detrás en Ciencias e Matemáticas.
Hai maior porcentaxe de mulleres tituladas STEM traballando nos sectores de Hostalaría, Outros servizos, Administración e Primario. Mentres tanto, máis porcentaxe de homes atopan acomodo laboral nas Industrias xerais, no Sector TIC e nas Actividades de servizos profesionais.
A formación superior STEM comprende as especialidades de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías e Matemáticas. Son as máis relacionadas coa capacitación persoal cualificado para os sectores máis tecnolóxicos.
Actuacións para o fomento das vocacións STEM entre as nenas
A Axencia para a Modernización Tecbolóxica de Galicia traballa en tres liñas chave para captar e reter talento: aumentar o recoñecemento social das profesións tecnolóxicas; promover o papel de dirección e liderado destas profesionais e deseñar proxectos atractivos profesionalmente cun elevado compoñente de impacto económico e social
Entre as actuación en marcha destaca o Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), e a actuacións como o programa Girl STEAM ou a elaboración do documental “Mulleres na Informática: Marxe de Erro”.