main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/03/202208:35
Cartel da iniciativa.
Porto do Son

A Cruz Vermella organiza no Son un obradoiro de capacitación dixital para persoas maiores

Este 22 de marzo a Casa da Cultura de Porto do Son vai acoller un obradoiro de alfabetización dixital para persoas maiores, ao abeiro do programa de actividades formativas Rompendo Barreiras da Cruz Vermella, dirixidas a combater a fenda dixital que separa cada vez máis (sobre todo por mor da exclusión propiciada polas entidades bancarias e a pandemia) á poboación sénior do ámbito tecnolóxico.

As inscricións poden facerse a través dos teléfonos 981 825 405 e 981 867 414 (Benestar Social de Porto do Son). En palabras da Cruz Vermella, estes obradoiros están concibidos para achegar o ámbito dixital ás persoas que “máis que nunca na pandemia” viron sumarse ás súas dificultades habituais as propias de non coñecer como acceder a moitos servizos que esixen coñecementos tecnolóxicos”.

15/03/202208:06
Francisco Conde, Luis Orosa e Patricia Argerey.
Santiago de Compostela

Conde avalía co novo director do Cesga os novos retos no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas

  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co responsable do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Lois Orosa, que vén de asumir o cargo
  • O Cesga será estratéxico para facilitar a transición dixital dos sectores produtivos e de coñecemento galegos
     

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co novo director do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Lois Orosa. Na xuntanza avaliaron os novos retos aos que se enfronta o centro, que será estratéxico dentro do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, co que se busca consolidar Galicia como referente neste eido.

Co obxectivo de ofrecer mediante este tipo de tecnoloxías un impacto positivo en diferentes sectores produtivos, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e o Cesga asinaron recentemente un convenio dotado con 11,6 millóns de euros procedentes de fondos europeos para poñer en marcha as primeiras fases do Polo de Tecnoloxías Cuánticas.

Este acordo de colaboración permitirá despregar as infraestruturas necesarias para a súa creación a través dun simulador e un computador cuántico, un sistema de computación de altas prestacións e de almacenamento exclusivo para computación cuántica; situar o tecido de investigación, tecnolóxico e produtivo na vangarda desta tecnoloxía innovadora e de futuro; facilitar unha mellor recuperación no marco do contexto económico actual e apoiar a transición dixital dos sectores produtivos e de coñecemento galegos.

Do mesmo xeito, tamén se puxo de manifesto o impulso que suporá para o Cesga o novo supercomputador Finisterrae III, que incorpora un simulador de computación cuántica que é o primeiro da súa clase en España e que permitirá resolver 4000 billóns de operacións matemáticas por segundo. Unha característica clave para acurtar de modo significativo os tempos na obtención de resultados. Esta infraestrutura conta cun investimento de 7 millóns de euros a través de fondos Feder, da Xunta e do CSIC.

14/03/202208:28
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Cidade da Cultura de Galicia acollerá os días 9 e 10 de novembro a II edición do Encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal

  • Organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade, volta o Encontro CIBER.gal, que na súa primeira edición acadou máis de 1.500 inscricións e a participación de preto de 40 entidades públicas e privadas.
  • O panorama actual da ciberdelincuencia propicia máis que nunca a celebración desta II Edición, que ten como obxectivo sensibilizar a toda a sociedade sobre os perigos e ameazas da contorna dixital e facer unha fronte común contra os mesmos

O II Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, xa ten data, celebrarase os días 9 e 10 de novembro na Cidade da Cultura. É unha das actividades promovidas polo Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como un espazo de cooperación público-privada. A Axencia, como entidade fundadora do Nodo, co-organizará esta nova edición do Encontro, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.

Tralo éxito acadado na súa primeira edición, na que participaron preto de 40 entidades públicas e privadas de diversos sectores e se recibiron máis de 1.500 inscricións, o Encontro celebrará a súa II edición, unha vez máis nas instalacións do Edificio Fontán, situado na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Para todas as persoas que desexen seguir este Encontro pero non lles resulte posible desprazarse ata a Cidade da Cultura, a organización anuncia que tamén será retransmitido en liña.

Proximamente, na páxina web oficial do Nodo CIBER.gal (https://ciber.gal) publicarase máis información respecto da II edición do Encontro Galego de Ciberseguridade.

Esta próxima edición acollerá de novo actividades que resulten de interese tanto para a cidadanía, como para o tecido empresarial e a Administración Pública, co fin de sensibilizar a todos os niveis da importancia de prestar atención á detección e prevención de posibles ameazas no mundo dixital.

A celebración desta iniciativa é especialmente importante este ano, pois o panorama actual da ciberdelincuencia a nivel global e tamén na comunidade galega mostra a consolidación dunha tendencia ascendente da delincuencia a través de medios telemáticos, nun progreso que se acrecentou tras a pandemia da COVID. As cifras revelan que no ano 2021, en Galicia coñecéronse case 20.000 estafas cometidas a través de medios telemáticos, e 1 de cada 4 delitos no pasado ano xa se corresponden con estafas informáticas. Este tipo de estafas subiron un 53,6% en Galicia o pasado ano.

Non só o estado da ciberdelincuencia propicia, máis que nunca, a celebración desta segunda edición do encontro. O escenario actual amosa unha das primeiras guerras híbridas da historia, onde os ataques informáticos cobran especial relevancia no conflito.

Investimentos de 18 millóns de euros fronte á ciberdelincuencia

Na súa aposta por garantir unha contorna dixital segura a toda a sociedade galega, a Xunta de Galicia ten en marcha investimentos de 18 millóns de euros para reforzar a ciberseguridade en Galicia. A Administración autonómica conta cun decálogo de medidas e iniciativas para facer fronte ás ciberameazas. Entre elas, ademais da creación do nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, destacan un Acordo Marco de servizos en ciberseguridade, a construción do novo Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), a definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027 e os acordos de colaboración con organismos nacionais referentes neste ámbito.

11/03/202209:29
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Ata 208 centros educativos galegos participarán neste curso no programa Navega con rumbo

Un total de 208 centros educativos galegos participarán ao longo deste curso no programa Navega con rumbo, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) coa finalidade de “guiar á mocidade nunha navegación segura en Internet de xeito útil e responsable, ao tempo que tamén se lle facilitan ferramentas aos docentes para uso didáctico na aula”.

Por provincias, participan 74 centros coruñeses, 32 lucenses, 15 da provincia de Ourense e 87 da de Pontevedra. A relación de centros participantes pode consultarse no Portal Educativo. A deste curso é a décima edición deste programa, que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030. Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensino. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais. Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e familias na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara á rapazada.

11/03/202209:24
Mans tecleando.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro celebra con máis cursos os seus dez anos de formación tecnolóxica

aula CeMIT de Boiro, situada no Centro Social de Boiro, celebra este mes de marzo dez anos de andaina oficial ofertando formación no eido tecnolóxico para persoas de todas as idades, motivo polo que o Concello fixo balance da importante actividade despregada por este centro local de capacitación tecnolóxica, integrado na Rede CeMIT impulsada por AMTEGA. No mes de abril continúa con formación tanto en liña como presencial.

Nestes 10 anos de traxectoria rexistráronse un total de 2.377 persoas e unhas 8.060 participaron en actividades relacionadas cos 805 cursos formativos propios que se levaron a cabo neste tempo. Na aula leváronse a cabo uns 135 exames certificados ademais de outras actividades externas para as que se empregaron as instalacións. A aula CeMIT de Boiro ten xa abertas as inscricións para participar nun ciclo de charlas informativas que se van levar a cabo durante o mes de abril. O día 1 de abril, de 10.30 a 11.30 horas será a charla Que é a Administración Electrónica?, o día 19 de 12.00 a 13.00 horas, Compras seguras por Internet; e o 26 de 12.00 a 13.00 horas, Nova tarifa de luz. Coñécea e aforra na túa factura!.

Inscricións e máis información en axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 ou no móbil 629 769 139.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS