
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Xunta e a Fegamp abordaron hoxe os pasos para avanzar nas medidas paliativas impulsadas pola Administración autonómica para mellorar a cobertura de telefonía móbil en Galicia, das que se beneficiarán 290 núcleos de 65 concellos. Na xuntanza, na que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, concretouse o Plan de Actuación que deberán seguir os municipios nos que se realizarán as actuacións.
Este Plan contempla a presentación dun proxecto por parte dos concellos, que inclúe a posta á disposición da Xunta das parcelas nas que o operador público Retegal construirá as torres de telecomunicación, os permisos correspondentes e a execución das acometidas eléctricas. A Administración autonómica, a través de Retegal, xa iniciou en colaboración cos concellos os traballos de campo para identificar os terreos dos futuros emprazamentos.
De feito, a día de hoxe máis do 97% dos concellos enviaron datos de contacto a Retegal para iniciar o proceso de validación do proceso e desde Retegal se lles trasladaron as áreas de busca máis apropiadas para as parcelas. Máis do 30% dos concellos enviaron xa unha proposta de terreos para situar as torres de telecomunicación e o 85% destas propostas xa recibiron unha validación previa.
Esta actuación comezaba en 2019 coa sinatura dun convenio entre a Axencia e a Fegamp que permitiu identificar as carencias de cobertura móbil en todos os concellos que se adheriron ao programa. Tras solicitar á Comisión Europea autorización para realizar esta actuación a Xunta adxudicaba o pasado mes de decembro a primeira liña de axudas para extensión de telefonía móbil aprobada por Europa a Vodafone. O operador ofertou a mellora da cobertura na totalidade dos concellos adheridos ao programa que cumpriron cos requisitos establecidos. En total, 290 núcleos de 65 municipios das catro provincias galegas.
Dispersión poboacional, cobertura e descentralización de fondos
A Xunta e a Fegamp tamén abordaron na xuntanza a situación da cobertura móbil en Galicia e comparten a diagnose en relación ao impacto que teñen a dispersión no despregamento das redes de telecomunicacións. Neste sentido, ambas entidades coinciden na necesidade de que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación dixital teña en conta este criterio no desenvolvemento do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO).
A Xunta ten trasladado ao Goberno do Estado esta necesidade en diferentes ocasións así como a modificación do actual Servizo Universal de Banda Ancha co obxecto de incluír, non só un incremento da velocidade do acceso fixo a internet nos fogares que é de tan só 1 Mega, senón tamén a cobertura móbil de internet e voz.
O último dato dispoñible, de mediados de 2020, sinala que o 72,2% dos galegos, dispoñen de cobertura de redes de máis de 100Mbps, fronte ao 54,8% do ano 2014. A cobertura incrementouse en case un 32% dende 2014, grazas aos despregamentos derivados do Plan de Banda Larga 2014 con 81 millóns de euros de Fondos Feder, xestionados pola Administración autonómica e do Plan de Banda Larga da Xunta 2020, con 18,6 millóns de euros de Fondos Feader, como actuación complementaria ao Programa Estatal de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración. Desde 2015 o Estado xestiona directamente os Fondos Feder para a extensión da Banda Larga.
Agora o Estado ten en marcha o Programa ÚNICO con máis de 4.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTP), do que o Ministerio xestionará o 91% e Galicia recibirá o 0,4% para desenvolver un conxunto de actuacións predefinidas polo Goberno do Estado.
É preciso continuar a mellorar a cobertura e tecnoloxía das redes móbiles para que o 5G estea dispoñible para todo o territorio de Galicia. Por iso a Xunta tamén solicita ao Goberno de España que os proxectos de despregamentos de 5G ao amparo dos dos Fondos PRTP se descentralicen nas comunidades autónomas para gañar axilidade e acadar unha mellora adaptación das actuacións ás necesidades de cada territorio.
O sector tecnolóxico galego creou 1.397 postos de traballo en 2021, un 7,2% máis que o ano anterior, o que supón o incremento máis elevado dos últimos cinco anos cun total de 20.740 empregados. Galicia, con 2.961 empresas TIC, un 2,2% máis que no 2020, é a quinta Comunidade Autónoma por número de empresas tecnolóxicas galegas que xa achegan máis de 1.700 millóns de Valor Engadido Bruto á economía galega, o 2,69% do PIB galego, segundo o último dato dispoñible de 2019,
Son parte das cifras que analiza o estudo “Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2021”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito a Amtega, en base aos últimos datos rexistrados do sector e a unha enquisa específica, onde se recollen os indicadores asociados a este Sector.
Tecnoloxías Dirsruptivas
A tecnoloxía disruptiva con máis presenza nas empresas TIC galegas é a Internet das Cousas (34,2%). Os sensores, etiquetas RFID ou IP, cámaras para a mellora do servizo e os medidores, lámpadas, e termóstatos intelixentes son os sistemas ou dispositivos que máis se utilizan no sector TIC galego.
O 28,7% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Bussiness Inteligence e o 24,2% emprega Chatbots. Cabe salientar que os Chatbots tiveron un crecemento relativo do 44,9% pasando do 16,7% que acadou no 2020 ao 24,2% no 2021.
O 22,5% das empresas TIC galegas analizan Big Data e xa superan o 50% cando se trata de empresas de 10 ou máis empregados. Entre as empresas que utilizaron Big Data, o 34,4% utilizou ou método de aprendizaxe automática ou machine learning. Así mesmo, máis do 21% das empresas TIC galegas utilizan ou incorporan aos seus produtos ou servizos Intelixencia artificial. O 16,6% das empresas TIC emprega a realidade virtual e o 13,8% a Impresión 3D.
A utilización de Robótica nas empresas TIC galegas aínda é incipiente. O 8,8% das mesmas utiliza robots, das cales o 62,9% utiliza robots industriais.
Conectividade, Xestión Empresarial e Presenza en Internet
A porcentaxe de empresas TIC que conta con conexións a internet de máis de 100 Mbps acada o 81,6%, case un 7% máis que o ano anterior. A tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada é a fibra óptica (72,3%), crece en máis dun 32% no último ano.
O 82,1% das empresas TIC galegas interactuaron coas Administracións Públicas a través de Internet e o uso da sinatura dixital xa está presente no 70,9% das empresas TIC galegas.
No último ano, a dispoñibilidade de páxina web entre as empresas TIC galegas incrementouse nun 9,5%, situándose no 86,5%, mentres que a súa presenza nas redes sociais incrementouse un 17,6% superando o 50%.
Os servizos de Cloud Computing afiánzanse no Sector TIC galego e son empregados polo o 58,7% de empresas TIC, un 6,9% máis ca o ano anterior.
Con respecto ao comercio electrónico, o 84,9% das empresas TIC en Galicia fixo compras de bens ou servizos a través de Internet, o que supón un incremento do 13,2% respecto ao ano anterior. O 31% das empresas TIC galegas venderon os seus produtos ou servizos a través da Rede e o peso das súas vendas respecto do seu volume de negocio foi do 56%.
Actividades de I+D+i e Formación en TIC
Case un terzo das empresas TIC galegas (30,2%) levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos. Un 70% destas empresas obtivo resultados comercializables.
O 34,3% do sector desenvolveu accións formativas tecnolóxicas para o seu persoal. Unha de cada catro empresas TIC galegas ten interese en formar en tecnoloxías disruptivas como Intelixencia Artifical ou Big Data.
Ciberseguridade
O 22,6% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade no último ano. Os intentos de estafa aumentan o peso no último ano ata o 59,3%, superando aos virus informáticos cun 30,5% de empresas afectadas.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.
A XIV Asemblea da Asociación Somos Digital, celebrada esta semana en Madrid, renovou a súa Xunta Directiva, asumindo a Rede CeMIT da Amtega a Secretaría da organización. Deste xeito, a Rede CeMIT reforza a súa presenza nesta entidade que agrupa a 15 entidades de toda España que traballan co obxecto de acelerar e dar soporte á formación e certificación en competencias dixitais da cidadanía a través de Centros de Competencias Dixitais —en Galicia, a través das 91 aulas da Rede—, con especial atención ás zonas rurais e aos colectivos e persoas con maior risco de exclusión.
Con ocasión da asemblea, a Amtega presentou a extensa programación de actividades do #Día de Internet, que este ano coordina Galicia a través da Rede CeMIT, e que, ao longo dos vindeiros meses de abril e maio, encherá o calendario de eventos e seminarios online baixo a temática “Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”.
No encontro de Madrid aprobouse o novo Plan Estratéxico 2022-2025 da asociación, en cuxa redacción participou a Rede CeMIT e no que a entidade aborda cinco liñas estratéxicas que apostan por impulsar e ser un referente no desenvolvemento das competencias dixitais segundo o marco Europeo DigComp —en sintonía coas liñas de traballo que desenvolven a Amtega e a Rede CeMIT—, por incrementar a súa incidencia institucional e política, por aumentar a xestión profesionalizada da entidade e o intercambio de coñecemento e experiencias en rede, así como por fortalecer a comunicación tanto interna como externa e facer un especial esforzo no acompañamento e reforzamento da figura dos dinamizadores dixitais, esenciais na actividade de Somos dixital e, dentro dela, da Rede CeMIT de Galicia.
Os Centros de Competencias Dixitais, espazos para o desenvolvemento da Sociedade dixital
Somos digital considera que son varias as circunstancias que convidan a ser ambiciosos neste novo período: a madurez das diferentes redes de centros de competencias dixitais en canto á súa xestión, as actividades que realizan no territorio enmarcadas nun período de transformación dixital, o intercambio de experiencias, a identificación de boas prácticas, a vixilancia respecto a modificacións do modelo de competencias e os seus posibles sistemas de homologación.
O papel dos Centros de Competencias Dixitais reforzouse na nova economía dixital, tanto no medio rural como no urbano, e sobre todo con aquelas persoas que necesitan un apoio para a aprendizaxe e a motivación. A relación e a xeración de sinerxias e intercambios entre os socios, fundamentadas no impulso do traballo colaborativo, fortaleceu as relacións de confianza entre as entidades e permitiu a adhesión de novos socios. De feito, acaba de incorporarse á entidade a Red Conecta “Ciudadanía Comprometida” ao tempo que novas redes —é o caso de Cruz Roja e a Red Vuela Guadalinfo de Andalucía— se incorporaron ás vogalías da Xunta Directiva.
Renovou a presidencia a Red de Espacios CyL Digital de Castilla y León, e figuran, na Vicepresidencia, a Fundación Esplai (de ámbito nacional); a Fundación Dédalo (Navarra), na Tesourería e a Rede CeMIT de Amtega na Secretaría.
A Asociación Somos Digital está conformada por máis de 1.500 Centros de competencias Dixitais, espazos públicos de acceso libre que poñen en marcha proxectos e iniciativas que conectan e capacitan ás persoas a través das TIC. Galicia, a través da Rede CeMIT, forma parte deste colectivo dende 2009.
A Xunta de Galicia manterá as actuacións que se puxeron en marcha con motivo da pandemia no protocolo “Fenda Dixital” para garantir que todo o alumnado en risco de exclusión poida dispoñer dun ordenador e unha conexión a internet.
A Xunta atendeu as necesidades urxentes dende os momentos iniciais da pandemia con 3.500 portátiles e kits de conexión que se repartiron xa en 2020. Posteriormente, o Goberno de Galicia puxo a disposición dos centros outros 14.500 ordenadores cun kit de conexión de seis meses correspondentes ao programa “Educa en Dixital”, proporcionados por Red.es nunha actuación co-financiada polo Goberno e as Administracións autonómicas.
Galicia foi das primeiras Comunidades en asinar o convenio con Red.es, e polo tanto, de adherirse á iniciativa estatal para dar resposta as necesidades das familias mais vulnerable. A Xunta entregou os equipos aos centros a medida que os foi recibindo por parte de Red.es, entidade autónoma adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que foi a encargada de compralos e distribuílos en todo o Estado.
Unha vez que as conexións proporcionadas por Red.es caducaran recentemente, ao ter pasado os seis meses dende a súa activación, a Xunta garante aos centros que poderán seguir proporcionado a todo o alumnado que o precise os equipos necesarios.
O Goberno galego dispón dos ordenadores e kits de conexión necesarios para atender todas as demandas dos centros educativos para o alumnado en risco de exclusión así como para os nenos e nenas que se encontran en situación de acollida en Galicia pola guerra de Ucrania.
A Xunta de Galicia abre desde hoxe e ata o vindeiro 12 de abril o prazo de solicitude para a selección da entidade colaboradora que se encargará da xestión e organización do novo polo de aceleración do sector dos videoxogos, que bota a andar cunha dotación de 360.000 euros. A publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia supón, ademais, a posta en marcha da primeira das medidas que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina especificamente á industria galega dos videoxogos dentro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural e para as que se reserva preto dun millón de euros.
A entidade seleccionada asinará un convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais para actuar como aceleradora dun grupo de entre 10 e 20 empresas e profesionais emprendedores, que será seleccionado a través dunha convocatoria pública da Xunta. A súa participación neste programa estará encamiñada a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos, así como á súa consolidación.
Para conseguilo, o polo desenvolverá unha etapa de aceleración intensiva con consultarías individuais, grupais e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Tamén está prevista a organización de diferentes xornadas de innovación, dun evento final de presentación de proxectos e dun programa para a xestión da mobilidade internacional, así como unha consultaría de seguimento.
Poderán optar a ser entidades colaboradoras entidades asociativas con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro, que conten con experiencia no ámbito dos videoxogos e, en concreto, na organización de actividades de difusión deste sector en Galicia.
Fondo de axudas ao desenvolvemento
A industria galega dos videoxogos é por vez primeira obxecto dun paquete integral de medidas para favorecer a súa vertebración e desenvolvemento grazas á posta en marcha do Hub Audiovisual da Industria Cultural. Xunto co devandito polo de aceleración, neste primeiro semestre do ano convocarase un fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotado con 500.000€. Poderán optar a el tanto propostas de certa envergadura como outras de carácter menos comercial e, para a súa concesión, valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.
Como medida complementaria para favorecer unha maior estruturación do sector, levarase a cabo un “mapeo” do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Este será, ao tempo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.
Estas tres liñas de traballo conforman o núcleo do apoio a este sector no marco Hub Audiovisual da Xunta, un programa extraordinario a través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.