
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Catálogo do Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, inicia o segundo trimestre do ano con máis de 20 actuacións programadas, nas que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia suma esforzos coas empresas colaboradoras do Pacto Dixital para o fomento do talento dixital na infancia e a adolescencia e na xuventude, dúas das súas liñas de actuación principais.
O liderado da Axencia no fomento e retención de talento
Neste segundo trimestre do ano, a Axencia continúa o seu labor como instrumento estratéxico no desenvolvemento económico e social de Galicia en torno ás novas tecnoloxías. Neste caso, fomentando o talento dixital entre os mozos e mozas e preparándoos para as novas demandas dixitais.
En abril darán comezo os primeiros relatorios da categoría Profesional dos webinars ‘TransformaTech Sessions’ un ciclo de encontros virtuais sobre tecnoloxías disruptivas liderados pola Axencia e dirixidos a profesionais, estudantes e titulados STEAM e outros perfís non tecnolóxicos interesados na materia. Así mesmo, terán lugar os da categoría Talento Xove co fin de implicar á mocidade coas novas tecnoloxías disruptivas e súa aplicación na rápida evolución dunha sociedade cada vez máis dixital.
Nesta liña, enfocado no ámbito do emprego, destaca tamén a continuidade do Portal Retorna Dixital, dirixido a recoller ofertas de emprego do sector TIC, ofrecendo oportunidades aos galegos e galegas retornados e aos que aínda seguen fóra de comezar unha nova carreira profesional neste sector en Galicia.
De cara aos máis pequenos e pequenas, levarase a cabo unha nova edición do programa Tecnólog@ por un día, que lles brindará a oportunidade de vivir unha xornada de traballo de primeira man no sector TIC galego. Tamén terá continuidade a iniciativa DigiCraft no teu cole, achegando as novas tecnoloxías ás novas xeracións.
Ademais, entre as novidades deste trimestre, a Asociación de Usuarios de Internet vén de poñer en marcha diferentes retos e concursos destinados tanto ao alumnado e profesorado de educación infantil, primaria e secundaria no marco do Día de Internet 2022, que este ano se celebra baixo a temática Internet para as persoas maiores e o envellecemento saudable.
Con iso, a Axencia segue a poñer o foco na adaptación de estudantes e profesionais á demanda dos novos perfís dixitais ao tempo que continúa traballando na atracción e retención do talento dixital galego.
Iniciativas dirixidas á infancia e a adolescencia
Pola súa banda, Telefónica abre as inscricións para desfrutar das visitas ao Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña. Orientadas a centros educativos, universidades e outros colectivos interesados, o obxectivo destas visitas dinámicas será facer un percorrido pola historia da telefonía e as comunicacións, explorando os equipos e dispositivos que foron dando servizo a través do tempo ata a actualidade.
Inetum activa os cursos de robótica, unha serie de obradoiros lúdico-formativos de programación de robots enfocados aos máis pequenos. A través do coñecido xoguete de pezas Lego, ensinarase aos participantes a "programar" certas accións co fin de fomentar a creatividade e as competencias e habilidades dixitais entre os mais novos e novas.
Ademais, de abril a xuño, continúan a desenvolverse as iniciativas para centros educativos lideradas por Altia, como GenTech, o programa de sesións dixitais sobre profesións tecnolóxicas, e as visitas guiadas polas instalacións do seu Data Center en Vigo. Nesta mesma liña, continúa aberta a nova edición do concurso DXC Iberia Codes de DXC Technology, na que a través da tecnoloxía Scratch, nenos e nenas de 5º de primaria ata 4º de secundaria compiten programando un videoxogo de aventuras centrado no desafío da loita contra o cambio climático.
Enfocado ao alumnado da ESO e Bacharelato, Televés está a celebrar talleres sobre tecnoloxía LED, deseño e impresión 3D ou robótica colaborativa, e a súa vez continúa co Mentoring Day, tratando de achegar aos rapaces e rapazas á realidade do mundo laboral da man dos seus profesionais.
Fomento dos novos perfís dixitais
Co fin de dotar á xuventude galega de maiores oportunidades de desenvolvemento profesional, durante os próximos meses continuará a posta en marcha de actuacións para a formación e a divulgación en torno ás novas tecnoloxías e aos avances disruptivos, de gran impacto no ecosistema dixital.
Neste senso, en liña con este eixe estratéxico, os próximos 22 e 23 de abril celebrarase no GaiásTech o VI Hackathon CEIN Big Data e Analytics, impulsado por DXC, no que universitarios, analistas ou emprendedores competirán para dar resposta a un desafío tecnolóxico no eido do Big Data e Analytics.
No ámbito universitario, R continúa a impulsar a Cátedra interuniversitaria galega en ciberseguridade, que ten como obxectivo formar a estudantes universitarios e profesionais e divulgar coñecemento sobre a mellora das competencias neste campo. Pola súa banda, NTT DATA recompensa o esforzo e o talento dos estudantes da Facultade de informática de A Coruña coa entrega do Premio ao mellor TFG aplicado, ao tempo que fomenta o contacto e o intercambio de coñecementos na comunidade universitaria de informática coa súa participación na edición XXVIII das Xornadas sobre a Ensinanza Universitaria da Informática do Congreso JENUI 2022.
Ademais, dende o primeiro trimestre, Altia, DXC Technology e NTT DATA xunto coa Axencia seguen a achegar ao estudantado universitario e de Formación Profesional ao mundo da empresa, impulsando a formación especializada a través de iniciativas como Altia FP Dual, AltiaStaging, Altia TechDay, o Observatorio DXC ou as actividades no marco dos Foros de Emprego Universitarios.
Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.
Este ano 2022 será definitivamente o ano do regreso dos grandes eventos nos formatos tradicionais, en moitos casos, iso si, combinados aínda cos experimentados a fondo durante a pandemia. Entre os grandes acontecementos que recuperarán todo o seu esplendor figura o evento argalleiro máis relevante de cantos se celebran en España: a Maker Faire Galicia. “Este ano 2022 volvemos ao mundo físico cunha edición híbrida que promete ser espectacular”, sinalan dende a organización da feira (Vermis), que vén de pechar a fase de convocatoria de proxectos (call for makers) coa selección de 60 contribucións procedentes dos ámbitos autonómico, estatal e internacional. O evento virá este ano con cinco xornadas, a desenvolver entre o 1 e o 5 de xuño no Museo Gaiás.
Entre os primeiros relatores destacados desta edición atopamos referentes de todo o mundo nos ámbitos das startups, a educación STEAM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática), a saúde mental, a inclusión ou a innovación social.
Pepe Martín, director executivo (CEO) de Minimalism, nova firma innovadora referente en emprendemento consciente, transparencia e sustentabilidade, participará nas xornadas da industria o 2 de xuño. Segundo informa a organización da feira, “esta marca de roupa e complementos converteuse en referencia no ámbito do emprendemento tanto pola súa honestidade brutal como por cambiar a forma de facer as cousas nun sector tan complexo coma o téxtil”.
Na tarde do día 2, o protagonismo recaerá na industria dos videoxogos, onde destaca a participación dos galegos Rubén López, enxeñeiro de Google e Youtube durante os últimos 10 anos e Silvia Izquierdo, produtora audiovisual, que recentemente fundaron Aruma Studios. A xornada educativa, programada para o día 3 de xuño, contará entre outros coa presenza de Gitanjali Rao, destacada figura do mundo Maker e defensora a ultranza da educación STEM, que con tan só 11 anos gañou o Discovery Education 3 M Young Scientist Challenge. Esta moza estadounidense foi recoñecida pola revista Forbes na súa lista 30 Under 30. Ten ademais tres charlas TED ás súas costas e foi a primeira nena do ano nomeada pola revista Time no ano 2020.
Os días 4 e 5 de xuño celebraranse as xornadas para todos os públicos, onde ademais dunha manchea de obradoiros e proxectos no Museo Gaiás, contarán con máis relatorios de relevancia, como o de Paco Ayala, mexicano fundador do proxecto Horto Roma Verde, un proxecto de innovación social referente a nivel mundial. Entre a oferta de talleres desta edición a organización da Maker Faire Galicia tamén destaca unha nova edición da Game Maker Jam, os talleres STEAM a cargo de VermisLAB e o proxecto Code Week, así como algunha que outra sorpresa que desvelarán nas próximas semanas desde a organización. A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Españonda para a Ciencia e a Tecnología ( FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación.
Para máis información sobre o evento así como participar cómpre visitar a plataforma en liña da Maker Faire Galicia. O rexistro de asistentes para acceder aos contidos en liña xa está aberto e é totalmente gratuíto.
O día 28 de abril de 2022 celebrarase o Día Internacional das rapazas nas TIC, e, unha vez máis, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) será o epicentro das celebracións galegas. O centro compostelán organizará e acollerá un coloquio mediante multiconferencia web na que participarán 4 profesionais galegas que debullarán as súas traxectorias e a natureza das súas actividades profesionais tecnolóxicas. Farano ademais “dun xeito ameno e polo miúdo”, co obxectivo dobre de tender pontes directas coa mocidade que asista por multiconferencia á sesión e de fomentar vocacións (principalmente alí onde máis precisan: entre as mozas).
Desde os centros educativos de toda a nosa xeografía (conectados ao CESGA por multiconferencia), as rapazas e rapaces de primaria e secundaria poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo coas relatoras. O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das novas ferramentas informáticas para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
Participantes no coloquio
Este ano contarase coas seguintes representantes do panorama tecnolóxico-dixital galego:
Un dos gañadores da Olimpíada Informática Galega 2022, Óscar Carballo Puebla, natural de Castro de Rei (Lugo) e estudante de formación profesional do CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña, conseguiu a medalla de bronce na Olimpiada Informática Española (OIE) que se celebrou esta fin de semana en Madrid, situándose no posto número 9 con 489,5 puntos (outorgáronse 4 medallas de ouro, outras catro de prata e outras tantas de bronce). Recibiu de premio 500 euros.
A segunda participante galega na fase nacional, Paula Taibo Suárez, estudante de 2º de Bacharelato do IES Rego de Trabe de Culleredo, recibiu un diploma de mención como finalista do certame.
A Olimpíada Informática Galega 2020 celebrouse o pasado 11 de marzo nas tres facultades de Informática de Galicia en Santiago, A Coruña e Ourense, evento organizado polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), as tres universidades públicas galegas e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), coa colaboración de diversas entidades e empresas do sector TIC: Abanca, Apser, Atos, AWS, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Extreme Networks, Google Cloud, Grupo Tesalia–Emetel, Minsait (Indra), NetApp, Plexus e Sixtema.
A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña entregou hoxe o VII Premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao Aplicado do Grao en Enxeñaría Informática, que recaeu no proxecto Técnicas de Intelixencia Artificial Aplicadas á detección de ciberacoso en redes sociais, realizado polo estudante Paulo Seoane Davila e dirixido por Fidel Cacheda, profesor da Facultade e investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. O CITIC colaborou nos premios, xunto coa Fundación Universidade da Coruña e co patrocinio das cátedras institucionais Aldaba, Corunet e NTTdata. O acto estivo conducido pola investigadora do CITIC e vicedecana de Relacións Institucionais da FIC, Adriana Dapena.
Este galardón pretende recoñecer os mellores traballos de fin de grao presentados no curso 2020/2021, que obtiveron unha cualificación de matrícula de honra. Así, presentáronse vinte propostas, das cales foron seleccionadas tres, que pasaron á final. Ademais do primeiro premio, gratificado con 1.500 euros, concedéronse dous accésit de 500 euros cada un; foron para Manuel Couto Carril co seu TFG Monitorización e control de explotación de gandería extensiva, e para Juan González Iglesias, que presentou Aplicación móbil e monitorización dun dummy para a formación en emerxencias sanitarias. Ambos traballos estiveron dirixidos polos investigadores do CITIC e docentes da FIC Carlos J. Escudero Cascón e Óscar Fresnedo Arias, respectivamente.
O TFG premiado tivo como obxectivo desenvolver un modelo de Intelixencia Artificial capaz de detectar ciberacoso en comentarios en redes sociais, unha tarefa que resulta altamente complexa debido a que os ditos comentarios están escritos en linguaxe natural. A entrega do Premio ao Mellor TFG Aplicado enmarcouse na Feira de Emprego e Prácticas da Facultade, que congregou este martes a 26 empresas do sector TIC, que impartiron charlas e obradoiros destinados á orientación laboral do estudantado.