
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de licitar un acordo marco cun orzamento estimado de 4,5 millóns de euros para renovar parte do equipamento tecnolóxico da Rede CeMIT, concretamente ordenadores all-in-one, pantallas interactivas, sistemas de videoconferencia, tablets, libros electrónicos, complementos audiovisuais e complementos inclusivos para persoas con discapacidade. Esta medida enmárcase no Plan de Ampliación e Reforma da Rede CeMIT que contempla varias liñas de actuación para dotar de tecnoloxía punteira ás aulas da Rede.
Este novo material engádese a outros complementos tecnolóxicos innovadores xa adquiridos pola Axencia por un importe de 756.110,85 euros como impresoras 3D, kits de robótica, drons, gafas de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación.
Plan de Reforma e Ampliación
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxo en marcha a finais de 2021 o Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT para impulsar a capacitación dixital dos galegos. Cun investimento de 22,7 millóns de euros ata 2013 o Plan aborda a transformación física e arquitectónica dos centros; a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro; a posta en marcha un novo servizo de aula móbil, o reforzo dos servizos dixitais e adaptación da estratexia formativa ao novo marco galego de competencias dixitais, que entrou en vigor en xaneiro de 2022.
A reformulación de servizos e espazos converterá a Rede nun instrumento clave para que Galicia logre o obxectivo marcado polo Compoñente 19.l1 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de formar en competencias dixitais a 45.790 persoas ata 2025. Tamén será fundamental o papel dos centros para acadar que o 70% dos galegos e galegas teña competencias dixitais básicas, o 50% deles mulleres, segundo establece a Estratexia Galicia Dixital 2030.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Agencia que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: https://cemit.xunta.gal/gl/centros.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora xunto á Secretaria Xeral de Igualdade e ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), dependente da Axencia Galega da Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, na décima edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (International Girls in ICT Day). Celebrarase o vindeiro xoves, 28 de abril, por multiconferencia e será retransmitido en directo a través de Internet de 11:00 a 13:30 horas para máis de 1.100 estudantes de 23 centros escolares de toda Galicia. O acto será inaugurado pola directora de Gain e presidenta do Cesga, Patricia Argerey; e contará coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
A actividade consistirá nunha multiconferencia web na que participarán catro profesionais galegas que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. Desde os centros, as rapazas e rapaces de primaria e secundaria poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo con elas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes de primaria do Colexio Pío XII de Santiago realizará unha visita guiada polo Cesga e ao novo superordenador Finis Terrae III e participarán nalgunha actividade complementaria.
Participarán nunha mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do Cesga, María José Rodríguez Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Laura Martínez, Edita de Lorenzo e Lucía Ardao, que estarán de forma presencial, e Dhaunae de Vir, que se conectará desde Bruxelas:
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as TIC para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da USC, Facultade de Informática da UDC, Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!
Desde 2012, o Cesga coordina o Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT” (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega “Rapazas Emprendedoras Nas TIC” na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.
As competencias dixitais da cidadanía galega seguen a mellorar segundo os datos que ven de publicar o Instituto Nacional de Estatística. En 2021 aumentou nun 18,2% a poboación Galega que dispón de como mínimo habilidades dixitais básicas, que chegou ao 61,6%. Entre os internautas, Galicia ocupa o sexto lugar nas Comunidades Autónomas con máis proporción do poboación con habilidades básicas ou avanzadas. Unicamente o 1,4% da poboación Galega non tiña habilidades dixitais en 2021, un punto menos que a media, e ocupando o segundo lugar no Estado.
O INE ven de publicar as estatísticas de habilidades dixitais a partir da enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías de información e comunicación nos fogares da edición 2021. As habilidades dixitais calcúlanse en base a unha metodoloxía de Eurostat, harmonizada a nivel europeo, que establece cinco tipos de habilidades: sen habilidades, limitadas, reducidas, básica e avanzadas, construídas a partires do grao de habilidade nos campos da información e alfabetización de datos, comunicación e colaboración, creación de contidos dixitais, seguridade e resolución de problemas.
Habilidades dixitais xerais
En 2021 aumentou nun 18,2% a poboación Galega que dispón de como mínimo habilidades dixitais básicas, ata acadar o 61,6%. O 35,1% da poboación galega de 16 a 74 anos tiña competencias dixitais avanzadas no 2021.
Con respecto á poboación internauta, Galicia ocupa o sexto lugar nas Comunidades Autónomas con máis proporción do poboación con habilidades básicas ou avanzadas. O 38,9% dos internautas teñen habilidades dixitais avanzadas, polo que Galicia se sitúa no 8º posto a nivel estatal.
Unicamente o 1,4% da poboación Galega carecía de habilidades dixitais en 2021, un punto menos que a media, o que sitúa a Galicia como segunda Comunidade Autónoma do Estado con menor proporción de cidadáns sen habilidades dixitais..
Habilidades de información e comunicación
O 84,7% da poboación galega presenta habilidades avanzadas no apartado de “Información e alfabetización de datos”, e se sitúa a menos de 3 puntos da media estatal, o mesmo que nas habilidades dixitais de “Comunicación e colaboración”, que xa acadan o 88,6% de poboación con habilidades básicas ou avanzadas.
Habilidades de contidos, seguridade e resolución de problemas
O 69,7% da poboación galega xa dispón de habilidades básicas ou superiores na “creación de contidos dixitais” e o 76,2% en “seguridade dixital”, a menos dun punto da media estatal. Cando se trata de habilidades dixitais en seguridade dos internautas, Galicia supera a media estatal en máis de 2 puntos xa que o 84,6% dos galegos que navegan por internet teñen habilidades básicas ou avanzadas en seguridade dixital.
O 81,7% dos galegos teñen habilidades básicas ou superiores en “Resolución de problemas”, chegando ao 90,7% se nos centramos só en usuarios de internet, que supera a media estatal.
O Nodo Galego de Ciberseguridade pon en marcha o ciclo de actividades de formación, concienciación e orientación para o tecido empresarial galego. En total, están previstas unha vintena de actividades que se desenvolverán ao longo deste primeiro semestre do ano, cunha periodicidade aproximada dunha á semana.
O ciclo comeza o vindeiro mércores 27 de abril cunha sesión formativa organizada grazas á participación de Altia e a colaboración da Fegamp. Esta actividade componse dunha sesión inicial cun enfoque informativo onde se exporá a actualidade respecto da normativa de protección de datos e terá continuidade nunha segunda sesión de carácter práctico e dinámico, programada para o 3 de maio. Estas xornadas son totalmente gratuítas para os asistentes e están dirixidas a responsables de tratamento de datos de pemes e micropemes e a profesionais interesados en coñecer as obrigas en torno á protección de datos.
Esta primeira actividade está enfocada a que os asistentes poidan coñecer e entender as principais obrigacións legais que impón a normativa de protección de datos e ofrecerlles pautas sinxelas que lles faciliten o cumprimento normativo. Ademais, terán a oportunidade de analizar casos reais, evitar condutas ilícitas e recibir consellos prácticos a aplicar no exercicio diario das súas funcións profesionais, que permitan manter a privacidade dos datos aos que se ten acceso.
A inscrición para este encontro é gratuíta e pode realizarse a través da web de CIBER.gal. Todo os datos da xornada están dispoñibles en https://gaiastech.xunta.gal/es/actividades/proteccion-de-datos-conceptos-basicos-y-aplicacion-practica
Todas as actividades celebradas neste grupo de traballo serán publicadas na web oficial do nodo CIBER.gal, onde os interesados poderán atopar os detalles e indicacións precisas para poder inscribirse.
Nodo Galego de Ciberseguridade
O Nodo, promovido pola Xunta, integra, ademais das empresas e profesionais, a todas as Administracións públicas e aos organismos de referencia en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), dependente do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), integrado no Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. CIBER.gal é a primeira estrutura autonómica de colaboración público-privada na materia en España.
Nos vindeiros días, está previsto que se integren no Nodo ata 8 novas empresas e profesionais. Deste xeito, serán xa máis de 30 os integrantes deste espazo de colaboración procedentes do sector privado.
As empresas e profesionais que forman parte de CIBER.gal son maioritariamente do sector tecnolóxico, así como doutros, como a investigación e o coñecemento, o sector normativo e de cumprimento, e de compañías con importantes estruturas de ciberseguridade de sectores como as finanzas ou a produción de madeiras.
Escenario de aumento da ciberdelienciencia e novas ameazas
Un informe elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destaca que a nosa Comunidade sufriu case 20.000 estafas a través de medios telemáticos en 2021. Un de cada catro delitos cometidos en 2021 foron estafas de tipo telemático. Nese ano producíronse de media 40.000 ciberataques ao día en España, o que representa un aumento do 125 % con respecto a 2020.
Segundo o informe, en liñas xerais, os ataques son máis profesionais e sofisticados, con novas formas de infracción, extorsión e pagamento. Neste sentido, en 2021 rexistrouse en todo o mundo un incremento do 29 % nos ciberataques contra o sector educativo con respecto ao ano anterior. En España, o crecemento foi do 11 % con respecto a 2020.
O texto sinala así mesmo, que no momento actual existe unha situación de ameaza aos servizos públicos, de abastecemento e de información. Ante esta situación, a Xunta participa desde o pasado 21 de febreiro na actuación coordinada polo CCN do Ministerio de Defensa e polo Ministerio de Interior. O informe destaca que a maior parte das medidas solicitadas xa estaban implantadas ou en proceso de implantación na Xunta de Galicia.
O programa Navega con Rumbo xa está en marcha. Celebraranse máis de 240 xornadas en 208 centros educativos galegos no marco desta iniciativa impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia para guiar á mocidade nunha navegación segura en internet de maneira útil e responsable, ao tempo que tamén se lle facilita ferramentas aos docentes para un uso didáctico na aula. A deste curso é a décima edición deste programa, que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.
Por provincias, participan 74 centros coruñeses, 32 lucenses, 15 da provincia de Ourense e 87 da de Pontevedra. Especialistas do CPEIG levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensinanza. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as conductas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais.
Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e familias na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara á mocidade.
Listaxe das xornadas xa celebradas e as pendentes para os meses de abril, maio e xuño.