main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

28/04/202213:35
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Xunta celebra o Día das rapazas nas TIC co obxectivo de impulsar as vocacións femininas no sector

  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Patricia Argerey, inauguraron un coloquio no que participaron máis de 1.200 escolares
  • O Día das rapazas nas TIC enmárcase nas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade e a infancia da Administración autonómica
  • A Xunta presentará proximamente o 3º Programa Muller e Ciencia; o 2º propiciou en cinco anos a incorporación de máis de 500 mulleres á investigacións

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, inauguraron hoxe a xornada organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) para conmemorar o 10º Día internacional das rapazas nas TIC. Máis de 1.200 estudantes de 27 centros de ensino de toda Galicia, participaron de xeito presencial e telemático no acto, no que ambas as dúas referendaron o compromiso transversal da Xunta de promover as carreiras tecnolóxicas nas mulleres.

Lorenzana avogou nun vídeo por aproveitar as “facilidades” que as novas xeracións teñen coas tecnoloxías para reverter os datos que evidencian que “tanto no eido formativo como no mercado laboral, persiste a desigualdade entre mulleres e homes no ámbito científico e tecnolóxico”. “Temos que traballar xuntas para abrir as portas ao mundo tecnolóxico en igualdade de oportunidades á nosa mocidade nun sector estratéxico para o futuro, que ofrece grandes posibilidades de emprego”, remarcou.

A directora de Gain, pola súa banda, animou ás nenas e mozas a aparcar os prexuízos, estudar aquilo que desexen e non poñerse límites, porque están igual de capacitadas que os seus colegas. Ademais, apuntou que se precisan moitos profesionais da ciencia e da tecnoloxía.

Na actualidade (datos da Comisión Europea), menos do 30% do sector TIC, sobre todo nos niveis de decisión, está formado por mulleres; en Europa, só o 19% das persoas emprendedoras son mulleres, que adoitan cobrar un 20% menos ca os homes.

As matrículas en informática nas universidades españolas están en descenso desde hai 30 anos, e soamente unha de cada tres persoas graduadas en ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) son mulleres. No caso galego, o alumnado feminino destas titulacións sitúase no 35%.

A estes datos hai que sumar que a fenda de xénero no emprego en Galicia no sector das TIC alcanza case o 35%; e só o 32,6% do emprego no sector é feminino.

Día das rapazas nas TIC

Esta celebración, que chega á súa décima edición en Galicia, está promovida pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) das Nacións Unidas co obxectivo de promover oportunidades profesionais para as nenas e mulleres no sector das TIC. Desde o 2011, máis de 377.000 rapazas e mulleres novas de 171 países participaron nesta conmemoración. Pola súa banda, o Cesga leva participando desde 2013 co obxectivo de motivar o interese das nenas polas TIC, especialmente en idades temperás.

Lorenzana adiantou que co mesmo espírito que impulsa a conmemoración do Día internacional das rapazas nas TIC, a Xunta está a rematar o III Programa Galego de Muller e Ciencia. Na súa segunda edición, esta iniciativa propiciou a incorporación de 524 mulleres á investigación e o ascenso doutras 20 a postos directivos entre 2016 e 2020

A Axencia Galega conta tamén cun programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a infancia e a mocidade, a través do que se promoven actividades como Voando alto, sumando vocacións; ou o Programa D'tec, no eido do deseño e das tecnoloxías dixitais. Ademais, colabora en actividades de divulgación científica con entidades como o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) ou a Fundación Eduardo Pondal.

27/04/202216:53
Reunión Amtega e Universidades galegas.
Santiago de Compostela

O traballo conxunto da Xunta e as universidades sitúa a Galicia á vangarda europea na análise sobre o marco ético e normativo para a intelixencia artificial

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia reuniuse hoxe cos sete grupos de investigación das universidades galegas para avanzar no estudo sobre o potencial impacto da adopción da Intelixencia Artificial
  • A directora da Axencia, Mar Pereira, destacou que este estudo ten que ser a guía para o deseño das actuacións da Xunta para garantir a adopción dunha IA ética e fiable

O traballo conxunto da Xunta e das tres universidades galegas para analizar o impacto das tecnoloxías intelixentes na cidadanía e no tecido empresarial, así como para identificar os marcos éticos e normativos axeitados para garantir os dereitos das persoas, consolidan a Galicia nunha posición de vangarda na aplicación da intelixencia artificial.

Representantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia reuníronse hoxe en Santiago cos responsables de sete grupos de investigación das universidades galegas para avanzar na elaboración do “Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes”. Este traballo é o resultado do convenio de colaboración asinado o pasado mes de febreiro pola Xunta e os reitores das tres universidades galegas.

Ao inicio da sesión, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou que “o obxectivo deste estudio é o de ser a guía para o deseño das actuacións que a Xunta de Galicia debe poñer en marcha para garantir a adopción dunha IA ética e fiable”.

Este convenio forma parte do desenvolvemento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), aprobada en xuño de 2021, que promove o despregamento en Galicia dunha IA de vangarda, ética e segura, que contribúa á soberanía dixital de Europa. Nesta liña, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea acadaron a pasada semana consenso sobre a Lei de Servizos Dixitais para garantir os dereitos da cidadanía no entorno das tecnoloxías da información e a comunicación.

Así mesmo, Galicia, a Comunidade Valenciana e Cataluña son as tres únicas comunidades do Estado que dispoñen dunha estratexia propia para a aplicación da Intelixencia Artificial.

Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial

O desenvolvemento deste convenio, único entre as Comunidades Autónomas españolas, está aliñado co ofrecemento de Galicia para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. Trátase dun organismo de nova creación anunciado polo Estado para este ano no contexto de descentralización de novos entes públicos.

A Axencia estará adscrita á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, dentro do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Encargarase de crear medidas para protexer á cidadanía dos posibles riscos que se deriven desta tecnoloxía, tanto no que se refire á súa seguridade física como a dos dereitos fundamentais. Para elo, este órgano terá capacidade para levar a cabo actuacións propias en coordinación con outras autoridades competentes ou con apoio de entidades privadas.

Nodo galicIA

Ademais do desenvolvemento do marco ético e normativo, entre os obxectivos principais da EGIA está tamén a creación do nodo galicIA, como estrutura de colaboración público-privada promovida pola Xunta e conformada por todos os axentes con vontade de situar a esta Comunidade á vangarda das tecnoloxías intelixentes.

Na reunión de hoxe participou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, xunto aos coordinadores dos grupos de investigación das universidades.

A aportación da Universidade de Santiago de Compostela está centrada no ámbito do estudio do marco ético e normativo. Na sesión de traballo de hoxe participaron Luis Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo, en representación do grupo de Empresa e Administración; Alberto Xose Bugarín, catedrático en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial , en representación do grupo de Sistemas Intelixentes, e Luis Otero González, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, en representación do grupo de Valoración Financeira Aplicada.

A Universidade da Coruña centra a súa aportación no ámbito do estudo relativo á análise de estratexias e construción de indicadores. Na sesión de hoxe participaron María Isabel Novo Corti, catedrática de Análise Económica , en representación do grupo de Desenvolvemento Económico e Sustentabilidade Social (EDaSS); Xosé Andrés Faíña Medín, catedrático Emérito de Economía, en representación do grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento, e María Amparo Alonso Betanzos, catedrática en Ciencias da Computación , en representación do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA).

A Universidade de Vigo encárgase do ámbito de estudo relativo á aplicación de tecnoloxías intelixentes. Na reunión de traballo de hoxe participaron Santiago Lago Peñas, catedrático en Economía Aplicada e Alberto Vaquero, profesor titular de Economía Aplicada, en representación da Rede de Investigación de Gobernanza e Economía.

26/04/202212:34
Xornada de exhibición dos Polos creativos.
Santiago de Compostela

A Xunta investirá 8 M€ para a creación de 220 Polos creativos en centros educativos galegos e impulsar as competencias dixitais como a robótica ou a intelixencia artificial

  • Feijóo precisa que estes espazos estarán situados nos propios colexios e institutos, co fin de que, a través de diferentes proxectos, os nenos accedan desde idades temperás a aspectos que forman parte da nosa realidade e que son imprescindibles para calquera profesión do futuro
  • Afirma que estes novos polos se enmarcan noutras iniciativas en marcha como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e a Estratexia de Educación Dixital 2030
  • Felicita á comunidade educativa galega polos fitos acadados, como reducir o abandono escolar na última década -pasando do 25,8% no 2009 ao 8,1% en 2021-; “e, segundo o informe PISA, somos líderes en aspectos como matemáticas, ciencias ou lectura”, di

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe un investimento de 8 millóns de euros para a creación de 220 Polos creativos en centros educativos galegos e impulsar as competencias dixitais como a robótica, a intelixencia artificial, a realidade virtual ou a impresión 3D.

Durante a Xornada de exhibición dos Polos creativos, Feijóo precisou que estes espazos estarán situados nos propios colexios e institutos, que exercerán como epicentros da innovación educativa co fin de que, a través de diferentes proxectos, os nenos accedan desde idades temperás a aspectos que forman parte da nosa realidade e que son imprescindibles para calquera profesión do futuro.

“Estamos a falar de espazos abertos ás comunidades locais, no que haberá actividades que impliquen ao alumnado, profesorado, familias e ao conxunto da cidadanía da contorna”, abundou, avanzando que mañá mesmo sairá publicada a orde para que os centros poidan solicitar o seu propio polo.

Nesta liña, resaltou que á hora de seleccionar os centros, a Administración autonómica terá en conta a innovación didáctica e a calidade e viabilidade do proxecto, é dicir, que inclúa a presenza de profesorado de diferentes disciplinas e que fomente a participación da comunidade educativa, con actividades abertas á cidadanía. “E unha vez seleccionados, dotaráselles do mobiliario e do material preciso, tanto audiovisual como de electrónica e robótica, tecnolóxico ou de informática”, explicou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou que os proxectos presentados nesta xornada son a proba do traballo realizado polos centros educativos nos últimos anos; así como do enorme talento, creatividade e capacidade de innovación do alumnado e do profesorado.

Non en van, estes novos polos enmárcanse noutras iniciativas en marcha como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que, cun investimento de máis de 190 millóns de euros, ten como obxectivo adaptar os centros escolares ás novas realidades educativas e tecnolóxicas. E a Estratexia de Educación Dixital 2030 que, cun orzamento de 120 millóns de euros para os tres primeiros anos, conta con accións para desenvolver un ecosistema educativo dixital de alto rendemento e perfeccionamento das competencias.

Logo de lembrar tamén que, na actualidade, un total de 55.000 alumnos de 547 centros educativos galegos xa usan na clase o libro dixital, grazas ao programa E-Dixgal, o presidente da Xunta concluíu felicitando á comunidade educativa galega polos fitos acadados nos últimos anos. Así subliñou que Galicia logrou reducir o abandono escolar na última década ata acadar un mínimo histórico -pasando do 25,8% no 2009 ao 8,1% en 2021-. Ademais, é a comunidade máis inclusiva do Estado, con máis dun 93% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios; “e, segundo o informe PISA, somos líderes en aspectos como matemáticas, ciencias ou lectura”, concluíu.

25/04/202214:25
Presentación da segunda edición do Curso Superior de Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A Xunta e o Centro Cripotolóxico Nacional inician a segunda edición do Curso Superior de Ciberseguridade para empregados públicos das diferentes administracións

  • Desde hoxe e ata o 23 de xuño impartiranse máis de 100 horas lectivas para profesionais do ámbito tecnolóxico da administración autonómica, concellos e universidades
  • É unha das actividades promovidas polo Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns, empresas e administracións públicas en materia de ciberseguridade

Medio cento de empregados públicos da Administración autonómica, concellos e universidades participan desde hoxe e ata o vindeiro 23 de xuño na segunda edición do Curso Superior de Ciberseguridade, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro Criptolóxico Nacional.

O curso, que ofrece máis de 100 horas lectivas en formato semipresencial, busca proporcionar aos empregados das diferentes administracións públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso e ofrecer unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.

A xornada de inauguración celebrada esta mañá, contou coa intervención do xefe da subárea da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva; o xefe da Área Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional, Pablo López e a clase maxistral do experto en ciberseguridade, Antonio Fernandes.

Gustavo Herva destacou a alta demanda deste curso con máis de 300 solicitudes nesta segunda edición e subliñou a pertinencia da súa convocatoria  nestes momentos nos que a tendencia crecente das ameazas dos últimos anos viuse incrementada por unha conxuntura internacional de enorme complexidade en canto aos riscos na seguridade da información.

Neste sentido o xefe da subárea da Axencia autonómica lembrou que o fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade galego é unha prioridade para a Administración autonómica. De aí que que Galicia fose a primeira comunidade en poñer en marcha unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade, o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal.

A prioridade desde a Administración autonómica é mellorar o nivel de concienciación de cidadanía e empresas en materia de ciberseguridade, para facer fronte á situación actual, na que, seguindo a tendencia do resto de España, unha quinta parte dos delitos cometidos en Galicia correspóndense xa con estafas realizadas a través de canles telemáticas.

Nestes momentos desde o Nodo estase a traballar para ampliar a carteira de servizos de ciberseguridade, tanto para o sector público autonómico como para a Administración local e outras administracións públicas galegas, a cidadanía e o tecido empresarial, en particular pemes e autónomos.

Decálogo de medidas fronte á ciberdelincuencia

Neste sentido, a Xunta activou recentemente un decálogo de medidas para facer fronte aos novos retos e á ciberdelincuencia na Comunidade, con importantes investimentos. No marco destas medidas, está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia que ofrecerá servizos especializados, fomentando a extensión dunha cultura de ciberseguridade en Galicia e dando apoio á industria da ciberseguridade e ao I+D+i nesta materia.

Está en marcha tamén desde o pasado mes de decembro un proxecto de mellora da ciberseguridade en administración local, cidadanía e empresas, en colaboración coas deputacións e a FEGAMP.

Para o ámbito de cidadanía e empresas levarán a cabo actividades de formación e concienciación, así como accións de divulgación de información sobre ciberseguridade, a través dun novo portal web.

CIBER.gal

O Nodo Ciber.gal constituíuse en xullo de 2020, impulsado pola Xunta e coa participación do Instituto Nacional de Ciberseguridade e o Centro Criptolóxico Nacional, as catro Deputacións galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Desde entón, ademais, sumáronse ao Nodo unhas 30 entidades privadas e as tres universidades galegas, estando previsto que nas próximas semanas se sumen aproximadamente outras 10 entidades adicionais.

25/04/202212:36
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Día da Internet 2022

  • Competencias dixitais e envellecemento saudable, na xornada de arranque das celebracións

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como membro da Asociación Somos Dixital e a través da rede de aulas CeMIT, é a encargada de coordinar as actividades conmemorativas do Día da internet a nivel estatal, no ámbito da Asociación. Para iso, o día 29 de abril, organiza unha xornada oficial de arranque destas actividades que engloba o primeiro webinar en castelán sobre as claves do novo Marco Europeo de Competencias Dixitais e as súas aplicacións prácticas, xunto co inicio do reto #CaminaenDigital e a programación do #díadeInternet, dedicado especialmente ás persoas maiores e o envellecemento saudable.

Primeiro webinar en castelán do novo Marco Europeo de Competencias Dixitais DigComp 2.2: novidades e aplicacións prácticas

Da man de Clara Centeno, investigadora sénior da Unidade de Capital Humano e Emprego do Centro Común de Investigación da Comisión Europea, abordaranse as principais novidades que introduce o Marco Europeo de Competencias Dixitais DigiComp 2.2 como instrumento para que moitas máis persoas poidan lograr as competencias requiridas polo novo contexto dixital no que vivimos.

Ademais, farase fincapé no papel que este horizonte europeo vai xogar no ámbito da empregabilidade.

Arranque do reto #CaminaenDigital e da programación do #díadeInternet

Orientado especialmente ás persoas maiores e o envellecemento saudable como obxectivo do #díadeinternet 2022, o Reto combina a experiencia de percorrer kms. nun Camiño de Santiago virtual coa aprendizaxe de ferramentas e apps dixitais.
No evento do día 29, e en estreita colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, CPEIG, presentarase a web do Reto #CaminaenDigital, un concurso colaborativo que tenta estimular o saudable hábito de camiñar combinando esta actividade co uso das ferramentas dixitais. Na web irán reflectíndose os kms percorridos polas persoas participantes, apoiadas na súa formación e seguimento polos distintos centros dixitais de España. Na sesión do venres 29 anunciaranse as modalidades que terán premio e repasaranse as principais indicacións para participar, cun breve resumo á formación nas ferramentas e apps necesarias para intervir.

En paralelo, e durante todo o mes de maio, poderase seguir tamén o ciclo de seminarios formativos en liña enfocados a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e clasificados nas seguintes temáticas: A túa vida máis cómoda, De forma segura, Con saúde, Tramita desde casa e Viaxar, coñecer e entreterse.

Para poder participar neste evento, é necesario inscribirse, podendo escoller se se desexa participar na xornada completa ou só nalgún dos dous bloques.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS