
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Tifloinnova, a feira de tecnoloxía para persoas con discapacidade visual organizada polo Centro de Tiflotecnoloxía e Innovación (CTI) da ONCE volve tras o parón provocado pola pandemia para achegar a tecnoloxía que facilita e mellora a vida de miles de persoas.
Baixo o título "A cara amable da tecnoloxía", a feira celebrarase do 22 ao 24 abril en Madrid e nela participarán expositores de máis de 15 países que mostrarán os últimos avances en tiflotecnoloxía.
Tecnoloxía como lentes que len, robots que axudan ás persoas, as posibilidades da impresión 3D ou os asistentes por voz serán algúns dos protagonistas desta sexta edición da feira que se poderá seguir a través de Internet.
Todas estas novidades compleméntanse co "Espazo FUN", onde os asistentes poderán gozar dos videoxogos accesibles para persoas con discapacidade.
A tempada de primavera promete pasar á historia en materia de acontecementos tecnolóxicos: os que configuran, en Galicia, a agardada axenda postpandémica. Entre os eventos TIC máis destacados figura o Congreso esLibre, que celebrará a súa edición de 2022 na nosa terra os días 24 e 25 de xuño. Será na cidade de Vigo, concretamente no Museo Marco e no espazo de eventos Muta. Trátase dun dos eventos tecnololóxicos e sobre cultura libre de maior relevancia estatal e internacional.
As entidades anfitrionas e que colaboran na organización co equipo de coordinación a nivel estatal son o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL). O evento desenvolverase en formato presencial, pero tamén estará dispoñible en liña para as persoas que non poidan asistir a Vigo nesas datas.
Temáticas do congreso
Segundo informan GALpon e AGASOL, esLibre é “un encontro de persoas interesadas nas tecnoloxías libres e a cultura libre”, enfocado en compartir coñecemento e experiencias neste eido. A programación ceibe de licenzas privativas será a temática central do evento, a abordar tanto a través de actividades técnicas como doutras cun nivel máis divulgativo. O congreso abranguerá unha chea de temáticas: comentarios sobre licenzas de publicación, aplicacións e desenvolvemento de diversas tecnoloxías, a exploración e divulgación da arte libre ou aspetos relacionados directamente con obras (software, hardware, cultura, etc.) que se distribúan con licenzas libres.
Propostas coas que participar
A organización fai saber que haberá varios tipos de actividades que se poden propoñer para participar no congreso. Unha delas son os relatorios, que poderán durar entre 10 e 30 minutos. Amais, poderanse realizar obradoiros a xeito de exposicións prácticas ou demostracións guiadas ou, tamén, con formato de sesións de iniciación a unha tecnoloxía en concreto coa que será posible experimentar a fondo.
Ademais, as persoas interesadas teñen a posibilidade de propoñer o programa das salas (devroom), organizadas por unha comunidade específica e centradas nun tema concreto (software libre na universidade, divulgación da cultura libre, privacidade e dereitos dixitais, etc.). Outras opcións coas que é posible participar son os artigos, pósters, taboleiro de proxectos ou formatos alternativos achegados polas persoas que queiran participar. O envío de propostas está aberto a todo o mundo, que quedarán rexistradas no repositorio de propostas. Calquera dúbida ou contribución pode facerse a través do correo propuestas@eslib.re.
Datas relevantes
Data límite para o envío de propostas: 17 de abril.
Publicación do programa coas propostas aceptadas: 24 de abril. Data límite para o envío do programa das salas aceptadas: 22 de maio. A hora límite de todas as datas son ás 23:59 h en Madrid (CET).
Axudas económicas para determinados colectivos
Entre as novidades desta edición, esLibre axuda no financiamento dos gastos de viaxe dalgúns colectivos de persoas que queiran participar. Entre os potencialmente beneficiarios están os colectivos de xénero (mulleres, persoas trans e minorías de xénero infrarrepresentadas en esLibre); as persoas con discapacidade, persoas neurodiverxentes e/ou neurodiversas e persoas con enfermidades. O obxectivo fundamental desta estratexia é “crear un espazo seguro no que debater sobre o software libre, destacando realidades diversas e a súa relación coa tecnoloxía”, segundo informan as entidades organizadoras, que engaden que haberá unha axuda xeral para persoas que, pola súa situación económica, teñan problemas para cubrir os gastos de desprazamento e aloxamento durante o evento (estudantes, persoas xubiladas, desempregadas ou con emprego precario). Sumado a isto, como parte de conseguir “unhas xornadas máis accesibles e inclusivas” e tirar abaixo todo tipo de barreiras de participación, facilitarase a presenza activa de persoas que teñan responsabilidades de coidados.
A aula CeMIT do Concello de Boiro ofrece esta tempada novos cursos de formación tecnolóxico-dixital tanto en modalidade presencial como online. Farao durante os meses de maio e xuño. As inscricións están xa abertas e poden facerse a través do enderezo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 e no móbil 629 769 139.
As xornadas online do mes de maio xirarán arredor do programa de facturación Facusol e vanse impartir entre o 2 e o 12 de maio de 10.00 a 12.30 horas. Durante o mes de maio celebraranse as actividades formativas en modalidade presencial de Inicio a Internet, do 2 ao 5 de maio; de Correo electrónico de Gmail, do 9 ao 12 de maio; e de Deseño 3D sketchup, 18 ao 26 de maio.
No mes de xuño vanse impartir xornadas de Community manager, do 30 de maio ao 9 de xuño; de Edición de vídeo en PC e móbil, do 13 ao 16 de xuño; de Tramitación electrónica, os días 21 e 22 de xuño; de Deseño gráfico Inkscape, do 27 ao 30 de xuño.
Máis información sobre os cursos e inscricións no enderezo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 e no móbil 629 769 139.
A aula CeMIT de Ribeira abre o prazo de inscrición de cinco cursos gratuítos para abril e maio, catro dos cales desenvolveranse no propio centro de dinamización e capacitación tecnolóxica do barrio de Cubeliños (debaixo da Escola Infantil Municipal) e outro en Castiñeiras.
As persoas interesadas poden anotarse na aula CeMIT de Ribeira (teléfono: 981 876 043 / correo electrónico: cemit.ribeira@xunta.gal) ou vía web na páxina da aula.
A Xunta de Galicia porá en marcha un Plan de formación de Xuventude e Voluntariado que chegará a máis de 2400 persoas de toda a comunidade. A iniciativa, que se celebrará durante este ano, incluirá un total de 37 cursos presenciais e 20 en liña orientados á formación básica e en ámbitos específicos da acción voluntaria, que permitirán complementar o currículo dos técnicos de xuventude e profesionais do tempo libre, así como ofrecer alternativas formativas á mocidade en xeral desde o eido da educación non formal.
No caso concreto da área de xuventude, a ampla oferta formativa ofrece contidos en temas de actualidade e de interese para a mocidade como as habilidades para a empregabilidade e o liderado, recursos para o emprendemento no rural, oratoria, deseño 3D, robótica, temas audiovisuais, condución segura, etc.
Para a especialización dos profesionais de tempo libre abordaranse temáticas como a educación emocional, a dixitalización, recursos para un ocio inclusivo e accesible, formación en actividades náuticas, eSports, violencia en contornos dixitais, etc.
No ámbito da acción voluntaria, ademais da formación básica e especializada, tamén se ofrece formación específica nas seguintes áreas: ambiental, interxeracional, educación, igualdade, acción social, linguaxe LSE, emerxencias e nocións sobre a correcta solicitude e presentación das subvencións de voluntariado.
Cursos para a xuventude
Ofértanse un total de 36 cursos formativos con preto de mil prazas destinados a técnicos, profesionais do eido do tempo libre e mozas e mozos en xeral. Destes, 27 son de carácter presencial e 9 en liña. Poderanse inscribir persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, técnicos e profesionais do eido do tempo libre.
Cursos de voluntariado
Así mesmo, para persoas voluntarias e entidades inscritas no Rexistro de Acción de Galicia ofértanse 21 cursos formativos con case 1500 prazas. A Xunta organiza 10 de xeito presencial e 11 en liña. Poderanse inscribir persoas maiores de 16 anos.
Prazo de inscrición
O prazo de inscrición para ambos apartados formativos ábrese o luns 11 de abril a partir das 10.00 horas e permanecerá aberto ata cubrir as prazas ofertadas en cada un dos cursos. As inscricións faranse a través da plataforma de teleformación de voluntariadogalego.org (https://formacion.voluntariadogalego.org/).
A selección das persoas participantes será por rigorosa orde de inscrición, sempre e cando se cumpran os requisitos. De igual xeito, unha mesma persoa pode apuntarse a máis dun curso se cumpre os requisitos.