
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten aberto até o 22 de maio o prazo de presentación de propostas para a XII edición do concurso de relatos Inspiraciencia, iniciativa que xunta ciencia e literatura. Os escritos poderán presentarse en castelán, catalán, galego ou éuscaro e poden estar encadrados nunha temática científica xeral ou na da Intelixencia Artificial.
O CSIC explicou que poden presentarse, a través da web do concurso, relatos curtos dun máximo de 800 palabras en dúas categorías: Joven (de 12 a 17 anos) e Adultos (a partir dos 18 anos).
O certame, promovido desde a Delegación do CSIC en Cataluña, ten a colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación e o apoio continuado dunha manchea de entidades culturais e científicas, entre as que cabe citar Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC; delegacións e institutos do CSIC en Andalucía, Aragón, Baleares, Canarias, Estremadura, Galicia, Euskadi e as comunidades de Madrid e Valencia, así como entidades culturais e científicas (Escola d'Escriptura de l'Ateneu Barcelonès; Escola de Escritores; Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Editorial Galaxia; Euskal Etxea - Centre Cultural Barcelona; Elhuyar Fundazioa; Mètode - Revista de Difusió da Investigació da Universitat de València; Associació d'Escriptors en Llengua Catalá; Investigación e Ciencia; Biblioteques de Barcelona; Efervesciencia - Radio Galega e Conexión AIHUB.CSIC).
Esta edición contará coa participación especial tanto da Delegación do CSIC na Comunitat Valenciana para a organización do acto de entrega de premios, previsto para setembro, como de Conexión AIHUB.CSIC, unha rede que aglutina ao persoal investigador desta institución dedicado á IA e que achegará financiamento e premios na temática de IA do concurso. Concederanse dous premios, un institucional, para cada categoría e idioma, e outro do público. Ademais, entregaranse dous premios especiais: o de Intelixencia Artificial, novidade deste ano, e o premio De ciencias e de letras, dirixido ao profesorado.
O xurado estará composto por persoas ligadas ao ámbito científico e literario como o galego Manuel Vicente, do programa Efervesciencia de Radio Galega; Conxi Ayala, investigadora no Instituto de Geociencias de Barcelona (CSIC); e Pura Salceda, representante da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, entre outros.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) iniciará en abril o novo programa de webinars TransformaTech Sessions dirixido a profesionais, nos que se exploran diversas temáticas vinculadas ás novas tendencias dixitais, ás tecnoloxías disruptivas e ao seu impacto na sociedade, como o Big Data, a intelixencia Artificial, a realidade virtual ou a ciberseguridade,
Estruturado en dúas categorías, Talento Xove e Profesional, o ciclo de webinars agrupa unha trintena de sesións virtuais. Esta iniciativa é unha das novidades do catálogo de actuacións do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022, co que a Axencia segue a poñer o foco no impulso do talento dixital da comunidade ao longo do ciclo vital da cidadanía.
Categoría Profesional, webinars orientados aos novos perfís dixitais
Baixo a categoría Profesional, a partir do mes de abril desenvolveranse sesións virtuais do TransformaTech Sessions dirixidas a estudantes, titulados e profesionais STEAM, e a grupos mixtos de perfís científico-tecnolóxicos e non tecnolóxicos con interese en ampliar os seus coñecementos en materias relacionadas coas tecnoloxías disruptivas.
O obxectivo é favorecer a adaptación dos galegos e das galegas ás novas profesións vinculadas ás tendencias tecnolóxicas que requiren de talento especializado, ao tempo que se xeran espazos que fomentan a hibridación dos profesionais afíns a ramas de coñecemento tradicionais e dos vinculados ao ámbito dixital.
Talento xove, webinars dirixidos á infancia e a adolescencia
A principios de marzo xa se celebraron os primeiros webinars da categoría Talento Xove, enfocados en estimular as vocacións nas profesións STEAM entre os máis novos e novas e espertar o seu interese nos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.
A través de sesións virtuais con contidos adaptados a este grupo de idade, o programa achega tendencias tecnolóxicas de vangarda ás aulas dos centros educativos de Bacharelato e Formación Profesional e a rapaces e rapaces de ata 16 anos, ofrecéndolles unha oportunidade de entrar en contacto coas novas tecnoloxías da man de profesionais expertos
O talento dixital, compromiso compartido
O Plan DigiTalent busca reducir a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital coa implicación dos axentes do tecido produtivo galego.
Neste senso, TransformaTech Sessions conta actualmente coa participación de empresas como Altia, Dinahosting, DXC Technology, Inetum, Forensic&Security, Minsait, NTT Data, R e Telefónica. A posta en marcha desta actuación conta ademais coa colaboración do GaiásTech como coordinador do ecosistema dixital galego.
Toda a información sobre esta e outras iniciativas recollidas no catálogo DigiTalent pode consultarse no espazo web Digitalent e do GaiásTech, que ofrecen as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participou hoxe no I Encontro Ágora, organizado pola Cátedra Telefónica-Universidade de Vigo, para abordar os retos da innovación tecnolóxica e a súa importancia na competitividade na industria no actual contexto de transformación dixital e o pulo que supoñen os fondos Next Generation.
Na súa intervención a directora da Axencia destacou dous ámbitos esenciais para o desenvolvemento dixital da economía e que requiren un papel activos os gobernos: garantir unha contorna dixital segura e captación e retención de talento dixital.
Respecto do primeiro punto, Mar Pereira afirmou que é primordial reforzar unha fronte común público-privado contra as ciberameazas. Neste sentido, lembrou que Galicia reforzará o Nodo de colaboración ciber.gal coa construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia que incrementará as capacidades no noso territorio e como centro de excelencia será tamén un elemento relevante para a atracción e retención de talento.
Por outra banda, a directora da Axencia apuntou que atraer e reter talento dixital será clave para o desenvolvemento económico dos territorios e un dos aspectos que marque o nivel de competitividade a nivel rexional en Europa. Neste sentido, sinalou que é primordial construír un proxecto dunha Galicia atractiva dixitalmente para atraer investimentos e xerar emprego cualificado.
A responsable autonómica fixo tamén fincapé na importancia de que as administracións publicas sumen esforzos e complementen iniciativas para acadar a máxima efectividade na execución dos fondos europeos, que fan un foco na transición dixital e verde.
Respecto ás tecnoloxías emerxentes e o seu impacto no ámbito económico, a directora da Axencia sinalou que os novos modelos de adopción da tecnoloxía, a través de plataformas e sistemas en nube, a xestión de dato e a automatización dos procesos axilizarán a transformación dixital dos negocios, un proceso que deixa de ser unha opción para ser unha imperiosa necesidade.
Mar Pereira lembrou que Galicia ten unha folla de ruta para esta década, aliñada co compás dixital para a Estratexia Galicia Dixital 2030 que establece 4 eixos de acción: reforzar as infraestruturas dixitais, a dixitalización dos servizos públicos, a transformación tecnolóxica dos sectores produtivos e a mellora na capacitación dixital da sociedade.
Finalmente, a directora da Axencia afirmou que Europa quere desenvolver a súa soberanía dixital reforzar as súas capacidades tecnolóxicas, o que representa unha oportunidade para a Industria e para o desenvolvemento do sector tecnolóxico europeo e que Galicia tamén quere aproveitalo.
Dende mañá, 24 de marzo e ata o 9 de maio empresas e autónomos das zonas illadas do rural poderán solicitar axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida. Esta nova convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, da continuidade á actuación posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia xa no ano 2017 no marco do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.
Nesta terceira convocatoria, na que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica destina outros case 880.000 euros, as axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
As convocatorias de 2017 e 2019 sumaron 1.100.000 de euros que permitiron que máis de 80 empresas, con case 1.300 traballadores en total, dispoñan actualmente dun servizo de banda larga con velocidades de acceso que van dende os 30 Mbps ata os 600 Mbps.
Prazos e características da convocatoria
Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 9 de maio dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.
Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado, de 100 Mbps ou máis, durante cando menos 1 ano.
Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.
Outras actuacións para a extensión de redes ultrarrápidas en áreas empresariais
No marco do Plan de Banda Larga 2020 púxose en marcha, en xullo de 2016, unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contaban con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.
Deste xeito, actualmente hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Medida complementaria ás estatais
A presente convocatoria destinada a dotar dun servizo de banda larga ultrarrápida a empresas illadas do rural complementa outras actuacións que o Goberno do Estado ten marcha a través do Programa ÚNICO con máis de 4.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRPT), dos que o Ministerio xestionará o 91% e Galicia recibirá o 0,4% para desenvolver un conxunto de actuacións predefinidas polo Goberno do Estado. Entre estas medidas está a mellora da conexión e o reforzo da mesma en polígonos industriais, centros loxísticos e outras áreas con concentración de empresas,
O compromiso do Estado, que desde 2015 xestiona directamente os Fondos Feder para a extensión da Banda Larga, é lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100 Mbps.
A rede CeMIT de Galicia, promovida pola Xunta en colaboración cos concellos da Comunidade, coordinará este ano a programación coa que a asociación “Somos digital” conmemora o Día de Internet en España que se celebra o 17 de maio. Este ano, a celebración centrarase na inclusión e capacitación das persoas maiores no uso das tecnoloxías.
No marco das actividades previas á celebración do Día de Internet, o Ateneo de Madrid acolleu hoxe a lectura do Manifiesto para facilitar o acceso e o uso das tecnoloxías dixitais ás persoas maiores. Trátase dun decálogo que demanda a articulación de medidas para garantir a plena inclusión das persoas maiores na sociedade dixital. Á súa presentación pública, que tivo lugar durante a celebración do XVI Congreso de Editores Clabe, asistiu, en representación da Asociación Somos dixital, Miguel Rodríguez Quelle, director da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Rodríguez Quelle leu a medida 4 do decálogo consensuado entre todos os membros do Comité de Impulso do #diadeinternet, entre os que figura a Asociación. En concreto, o punto lido pide un esforzo ao ámbito público neste sentido e menciona o labor que desenvolven os Centros de Competencias Dixitais para capacitar dixitalmente ás persoas de idade:
“4) Desenvolver iniciativas e plans de axudas públicos para dotar ás persoas maiores dos coñecementos e habilidades necesarios para que poidan utilizar de maneira independente as ferramentas dixitais: dispositivos, aplicacións e servizos e poder garantir así unha experiencia de uso igualitaria. Apoiar e impulsar as actividades nos centros de Competencias Dixitais para que os maiores adquiran autonomía en todas as facetas da realidade dixital.”
A intervención na lectura deste manifesto é un dos puntos de arranque da ampla programación coa que a Asociación Somos dixital conmemorará o Día da internet, que este ano focaliza o seu obxectivo nas tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable.
O próximo 7 de abril comezarán, da man da Rede de aulas CeMIT, apoiada polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, as iniciativas organizadas ao redor desta efeméride, que se estenderán ao longo de abril e maio, incluíndo un reto colaborativo virtual —que ten como obxectivo chegar virtualmente até Santiago—, no que poderán participar as persoas usuarias dos Centros de Competencias Dixitais de toda España. Desenvolveranse tamén un Escape Room e unha serie de webinars sobre servizos dixitais para a mellora da calidade de vida das persoas, organizados desde as Redes de Centros de Competencias Dixitais de toda España e coordinados pola Rede CeMIT.
O #Día da internet celébrase desde 2006
O #diadeinternet é un proxecto de dinamización social que se constrúe ao redor das novas tecnoloxías e á data do 17 de maio, designada pola ONU para a súa conmemoración a nivel mundial. Desde 2006, celébrase anualmente para dar a coñecer a importancia da rede e as posibilidades que poden ofrecer as TIC ás persoas e ás sociedades no seu conxunto.
O Comité de Impulso que promove o manifesto está composto por máis de 50 organizacións de recoñecido prestixio, especialmente interesadas e involucradas en promover o desenvolvemento e o bo uso da internet e das Novas Tecnoloxías, entre elas a Asociación Somos Dixital e a Amtega.
Os Centros de Competencias Dixitais e Somos dixital, a tecnoloxía ao alcance de todas as persoas
Somos dixital é unha asociación composta por organizacións públicas e privadas que orienta a súa actividade á capacitación e inclusión dixital de todas as persoas, especialmente daquelas que están risco de exclusión dixital. Reducir barreiras, xerar valor local a través das tecnoloxías e, en definitiva, mellorar a calidade de vida son os obxectivos fundamentais da actividade que despregan máis de 2.000 Centros de Competencias Dixitais distribuídos por toda España, entre eles as 91 aulas CeMIT de Galicia, e que comparten a súa experiencia e impulsan as súas sinerxías a través da asociación.