
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou esta mañá na inauguración do espazo que a Xunta de Galicia cede a Makers Ferrolterra no CIS Tecnoloxía e Deseño o gran labor social desta asociación, formada por unha vintena de persoas procedentes de diferentes sectores. Así, lembrou que desde o inicio da pandemia Makers Ferrolterra ten colaborado desinteresadamente no deseño, fabricación e distribución de elementos de protección para os colectivos máis expostos.
Ademais, apuntou que a súa actividade -centrada na busca de solucións baseadas no código aberto, na fabricación tecnolóxica, a robótica, a impresión 3D e Internet- encaixa coa traxectoria do CIS Tecnoloxía e Deseño, así como na súa misión como centro de innovación de referencia para todo o tecido industrial da comarca e punto de encontro dos sectores produtivos, con presenza nel de entidades como Asime, Aclunaga, Cluergal, o Centro de Excelencia do Naval (Cesena) de Siemens e proximamente o Laboratorio de Combustibles da Universidade da Coruña. A súa experiencia, coñecementos e medios tecnolóxicos poden contribuír ao desenvolvemento conxunto de proxectos de I+D+i e ao fomento do uso de novos materiais e novas tecnoloxías.
A directora da Axencia tamén destacou as sinerxías desta asociación coa Materioteca de Galicia, instalada no centro, un espazo dedicado á exposición de materiais innovadores e cuxa principal misión é dinamizar o seu uso en proxectos de diferentes ámbitos. Neste sentido, este espazo facilitará o acceso a novos materiais e potenciará a colaboración no posible desenvolvemento de proxectos conxuntos.
Por último, Argerey inscribiu esta colaboración no labor de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do CIS a través de programas como D’tec ou Edutec Emprende -este último coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade-, ao que agardan que o coletivo Makers Ferrolterra se sume.
O local da asociación no CIS Tecnoloxía e Deseño da Cabana conta cunha superficie de 88m2 na primeira planta do edificio 3. Ademais, esta entidade tamén ten á súa disposición equipamentos como a fresadora Roland ou a impresora Witbox.
O centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de activar o seu xemelgo dixital, que permite visitar virtualmente as súas instalacións dun xeito moi realista e interactivo a través dunha contorna 3D.
Ademais, o xemelgo permite visualizar o equipamento dispoñible do centro, así como as últimas actividades realizadas, consultar as futuras ou reservar algún dos sete espazos de traballo que ofrece GaiásTech.
Pódese acceder ao xemelgo desde calquera dispositivo a través da web do GaiásTech e solicitar a través del, mediante un formulario, os servizos habituais dispoñibles no centro, como a organización de actividades públicas.
O xemelgo dixital súmase así aos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.
Tecnoloxía disruptiva
O xemelgo dixital é unha tecnoloxía disruptiva que representa unha contorna ou un obxecto físico, que ten numerosas aplicacións en diferentes ámbitos, coma visitas en realidade virtual ou seguimento dos procesos nunha planta industrial. Os xemelgos tamén poden ser entidades dinámicas, capaces de aprender, actualizarse e comunicarse cos seus homólogos físicos grazas ao intercambio de datos que se dá entre ambos os dous, todo apoiándose en tecnoloxías coma IA, aprendizaxe automática e IoT. Outra das utilidades dos xemelgos virtuais é poder facer fronte a diversos problemas antes de que estes se presenten, ademais de explorar novas oportunidades e planificar para o futuro.
GaiásTech
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para consolidar a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. En 2021, desde a súa inauguración no mes de xuño, desenvolveu máis de 60 actividades.
Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o cadro de persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
GaiásTech como espazo de demostración e experimentación tecnolóxica ofrece sete salas de traballo:
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, elaborará xunto coas tres universidades da nosa Comunidade un marco ético sobre o uso das tecnoloxías intelixentes que garanta os dereitos fundamentais da cidadanía galega. Trátase dunha das medidas recollidas na Estratexia Galicia Dixital 2030 e na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.
A implantación dunha intelixencia artificial ética e fiable é un dos obxectivos das estratexias aprobadas pola Xunta, que indican que o desenvolvemento destas tecnoloxías deben respectar os nosos valores e normas, reforzar a súa presenza nas cadeas de calor da industria e, ante todo, servir á cidadanía.
A Estratexia Galega de Intelixencia Artificial sinala, así mesmo, que unha aplicación fiable desta tecnoloxía debe basearse en tres compoñentes que deben satisfacerse ao longo de todo o ciclo de vida do sistema: debe ser lícita e cumprir con todas as leis e regulamentos aplicables; debe ser ética, de xeito que se garanta o respecto aos principios e valores; e debe ser robusta, tanto dende o punto de vista técnico como social, xa que a súa aplicación pode causar danos, mesmo accidentais.
Co fin de establecer as bases dunha intelixencia artificial fiable, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, asinou un convenio co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Este acordo permitirá a realización dun estudo sobre o marco ético-normativo e o potencial impacto da adopción da intelixencia artificial en Galicia.
O estudo implicará un investimento de 150.000 euros, dos que 120.000 serán aportados pola Xunta e o resto polas universidades.
Grupos de investigación das universidades
O traballo será coordinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que tamén se encargará de recompilar e aportar os datos da enquisa “sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas” do ano 2020 e primeiro trimestre de 2021, elaborada pola Instituto Nacional de Estatística.
Na investigación participaran os grupos de Empresa e Administracións, Sistemas Intelixentes e Valoración Financieira Aplicada, da Universidade de Santiago; os de Desenvolvemento Económico e Sustentabilidade Social (EDaSS), o Jean Monner de Competencia e Desenvolvemento, e o Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA), de Universidade da Coruña; e a Rede de Investigación de Gobernanza e Economía (GEN) da Universidade de Vigo.
A Universidade de Santiago de Compostela encargarase, entre outras tarefas, da análise de datos e elaboración do apartado “Estudo ético e normativo”. Consistira nunha análise da lexislación global e europea e a posibilidade de traslación no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, a USC analizará o marco de sustentabilidade da intelixencia artificial e as tecnoloxías dixitais para cumprir os obxectivos da dobre transformación dixital e o Pacto Verde europeo. Esta apartado estudará tamén os aspectos e implicacións éticas dos modelos de intelixencia artificial e a aplicación das tecnoloxías intelixentes.
Pola súa banda, a Universidade da Coruña encargarase, entre outros aspectos, da análise de documentación e elaboración do apartado “Estudo das estratexia e deseño dun modelo de indicadores”. Analizará, neste sentido, a evolución estratéxica da intelixencia artificial nos ámbitos europeos, nacionais e rexionais, así como os seus sistemas de indicadores. A partir destes datos, a UDC deseñará os indicadores para avaliar os procesos coa finalidade de xerar modelos para actualizar estratexias existentes, así como elaborar follas de ruta ou futuras estratexias.
A Universidade de Vigo elaborará o apartado “Estudo relativo á aplicación da intelixencia artificial”. Para facelo, consultará aos sectores empresariais para analizar o potencial da intelixencia artificial e recoller propostas de regulación. Realizará tamén unha análise do impacto económico da intelixencia artificial nos sectores estratéxicos da economía galega. A UVigo tamén se encargará do tratamento e análise da información da enquisa do INE aportada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O Convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2022 e os asinantes poderán acordar unanimemente a súa prórroga por un máximo dun ano máis.
Estratexia Galega de Intelixencia Artificial
A Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, aprobada polo Consello da Xunta en xuño de 2021, mobilizará ata 2030 máis de 330 millóns de euros e xerará un impacto na creación de riqueza duns 472 millóns de euros.
Entre os seus obxectivos, ademais da creación do marco regulamentario para o control e o avance ético, atópanse o de aumentar nun 25% as empresas que usan solucións dixitais avanzadas, aumentar nun 25% os servizos públicos nos que se aplica a intelixencia artificial crear unha oferta de 210 prazas en estudos de grao e mestrado no Sistema Universitario de Galicia.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os representantes de videoxogo.gal, a asociación galega de videoxogos e contidos interactivos, aos que lles adiantou un investimento de preto dun millón de euros por parte do Goberno galego para o impulso da industria dos videoxogos a través dun paquete específico de accións enfocadas á vertebración e a competitividade deste sector.
Segundo explicou o conselleiro, a primeira das medidas ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultura da Xunta é a convocatoria dun fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotada con 500.000€, que se materializará neste primeiro semestre do ano. A isto engádese tamén a posta en marcha, nas vindeiras semanas, dunha aceleradora empresarial, cunha dotación de 370.000€, así como outras medidas que se irán desenvolvemento proximamente.
Na reunión, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron a presidenta de videoxogo.gal e socia fundadora de Imaxin Software, Luz Castro, así como os representantes de Ilux Tecnologies, ePolygon, Aruma Estudios, O Cable Inglés, Iseltec e Félix Menéndez.
O conselleiro avanzoulles as principais características desta primeira convocatoria, que será publicada no primeiro semestre do ano, así como o resto de iniciativas −ben específicas, ben transversais ao conxunto das industrias culturais− a través das que o Hub Audiovisual contribuirá a impulsar a vertebración dunha industria galega dos videoxogos e, xa que logo, a súa competitividade a nivel nacional e internacional. Estase a contar para o seu deseño coas achegas recibidas desde a propia asociación videoxogo.gal como principal entidade representativa do sector en Galicia.
Resposta ao potencial creativo e tecnolóxico
Como sinalou Román Rodríguez, a primeira destas medidas responde ao enorme potencial creativo e tecnolóxico do sector cun fondo de medio millón de euros, que se materializará nunha convocatoria pública de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de videoxogos por parte de produtoras galegas.
As empresas poderán optar a dúas modalidades. A primeira delas dirixirase a proxectos de certa envergadura, cun orzamento superior aos 200.000 euros, nos que a intensidade da axuda poderá chegar ao 25% cun límite máximo de 100.000 euros. A segunda categoría está pensada para propostas cun orzamento máximo de 200.000 euros e un carácter menos comercial, que poderán subvencionarse nun 75% ata un máximo de 50.000 euros. En ambos casos, para a súa concesión valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.
Ao tempo, estase a deseñar un polo de aceleración como segunda das medidas específicas para o sector dentro do Hub Audiovisual da Xunta. Neste caso, os destinatarios serán emprendedores e empresas novas para contribuír a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos e a súa consolidación. Esta iniciativa desenvolverase a través dun convenio cunha entidade colaboradora, que actuará como aceleradora, ao abeiro do que se articularán accións e programas en dúas edicións, cunha duración global de 20 meses desde a súa posta en marcha e das que está previsto que se beneficien un mínimo de dez empresas.
Como medida complementaria para contribuír a lograr unha maior e mellor estruturación do sector, levarase a cabo un “mapeo” do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Este será, así mesmo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.
Lembrar que, tamén neste mesmo ámbito, a Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, ampliou o programa de Residencias Artísticas no Gaiás á creación dixital e aos videoxogos con COMTECART, promovida en conxunto coa Universidade de Vigo, co fin de desenvolver proxectos baseados en obras literarias galegas.
Programa extraordinario de apoio
Avánzase, desde xeito, na configuración das diferentes vías de apoio ás industrias culturais no marco Hub Audiovisual galego, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
As medidas comezaron a materializarse o pasado mes de setembro coa publicación dunha primeira convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, cun orzamento de 2 millóns de euros, que terá continuidade este ano coa mesma dotación. As primeiras beneficiarias foron catro series para a súa filmación en Galicia: Rapa e Argonautas, de Portocabo, Hasta el cielo, de Vaca, e 13 exorcismos, de 13 E Movie AIE.
Ademais, nestes momentos permanece aberto o prazo de solicitude para a segunda destas liñas de subvención, a través da que se destinan 1,2 millóns de euros para o desenvolvemento de paquetes de proxectos audiovisuais. O seu obxectivo é facilitarlles ás produtoras galegas de cine e televisión a preprodución simultánea de entre tres e cinco propostas, de xeito que se multipliquen as posibilidades de éxito cara á súa produción.
Ao tempo, continúase traballando co sector no deseño do resto das medidas que conforman o Hub, dentro do que tamén se porán en marcha a plataforma Galicia Film Office, un polo de talento e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, en rolda de prensa, que a Xunta ofrecerá un novo programa para mellorar as competencias dixitais e o emprendemento das galegas que viven no rural cun orzamento inicial de 5,2 M€, financiado con cargo a fondos Next Generation.
Segundo avanzou Feijóo, vai dirixido preferentemente a mulleres desempregadas e con residencia en municipios de menos de 30.000 habitantes, aínda que, se non se cubre a totalidade das prazas, “poderán optar mulleres ocupadas sempre que estean inscritas como demandantes de mellora de emprego”.
Logo de incidir en que a previsión é chegar a 10.000 mulleres, Feijóo salientou que os obxectivos desta iniciativa son: mellorar as competencias dixitais para que non exista fenda no seu desempeño profesional; ofrecer maiores oportunidades de inserción laboral ás galegas do rural, e favorecer a súa capacidade de emprendemento.